Para a mellora da calidade na formación para o emprego, o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, que regula os certificados de profesionalidade, establece criterios de acceso do alumnado para garantir que se posúen as competencias clave para cursar con aproveitamento os certificados de profesionalidade que lles facilitarán a súa inserción laboral. Este real decreto modificouse mediante os reais decretos 1675/2010, do 10 de decembro e 189/2013, do 15 de marzo e posteriormente desenvolveuse na Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.
Para adecuar a normativa autonómica á lexislación estatal publícase a Orde da Consellería de Traballo e Benestar, do 7 de xaneiro de 2014, pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta orde é un instrumento fundamental das políticas activas de emprego que favorece a calidade e a integración da formación profesional para o emprego facendo posible que as persoas que carecen das titulacións académicas requiridas poidan acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, que lles permitirá progresarán no mercado laboral.
A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, por proposta do Instituto Galego das Cualificacións, convocará probas de avaliación polo menos unha vez ao ano, mediante a publicación dunha resolución onde se concretarán todos os aspectos do procedemento. O Instituto Galego das Cualificacións terá as funcións de coordinación, xestión e desenvolvemento das probas na nosa comunidade autónoma.
De conformidade co establecido na Lei 16/2010, do 7 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e concreta no artigo 5 os órganos superiores e de dirección da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dispón no seu artigo 48 que será a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a que terá as funcións en materia de expedición de certificados de profesionalidade. De acordo co establecido na disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, estas funcións seguen a ser exercidas pola mesa da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.
De conformidade co exposto, procede agora convocar un novo proceso de probas de avaliación para o ano 2017.
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave, así como consideracións sobre a expedición de certificados de profesionalidade.
Artigo 2. Competencias clave que se convocan
1. Convócanse probas nos dous niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave:
• Comunicación en lingua galega.
• Comunicación en lingua castelá.
• Comunicación en lingua estranxeira (inglés).
• Competencia matemática.
2. As competencias clave requiridas para todos os certificados de profesionalidade das 26 familias profesionais do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade para os niveis de cualificación 2 e 3 son competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.
A competencia de comunicación en lingua estranxeira soamente se require nos certificados de profesionalidade que teñen un módulo formativo de lingua estranxeira e que se especifican no anexo VI desta resolución.
Artigo 3. Requisitos de acceso á formación de certificados de profesionalidade
O artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 establece os requisitos para acceder á formación dos certificados de profesionalidade.
No anexo III desta resolución infórmase das titulacións, certificacións ou acreditacións oficiais que reúnen os requisitos formativos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.
Artigo 4. Exencións e validacións das probas de avaliación
No caso da competencia de comunicación en lingua galega, estarán exentos de presentarse a esta proba as persoas que cumpran algún dos requisitos establecidos no anexo IV.
No anexo V desta resolución establécense as validacións por ter superados estudos regrados e probas do sistema educativo para as competencias clave que se convocan.
Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo
1. A participación nestas probas deberá formalizarse presentando unha solicitude segundo o modelo do anexo I desta resolución, dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións.
2. O prazo para presentala é a partir do día seguinte á publicación desta resolución no DOG ata o 24 de marzo de 2017.
3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https.//sede.xunta.gal./chave365).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
A solicitude tamén estará dispoñible no portal web da Consellería de Economía, Emprego e Industria (http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-competencias-clave).
4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. As persoas interesadas con discapacidade recoñecida cun grao igual ou superior ao 33 %, no caso de solicitar adaptacións, teñen que indicalo na solicitude de inscrición no recadros do bloque de persoas con algunha discapacidade.
Artigo 6. Autorizacións
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.
Artigo 7. Documentación
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de identificación co pasaporte en vigor hai que achegar a súa fotocopia.
b) No caso de ter recoñecida a discapacidade por outra comunidade autónoma cun grao igual ou superior ao 33 % e que solicite algún tipo de adaptación das especificadas na solicitude, deberá achegar o certificado de grao de discapacidade e o informe da procedencia das adaptacións solicitadas pola dita comunidade, agás que solicitase o traslado do seu expediente a esta comunidade autónoma.
1. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
3. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
5. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións e presentar documentos ou outros elementos de xuízo.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI o NIE da persoa solicitante.
b) Certificado de grao de discapacidade da persoa solicitante cando fose recoñecido pola Xunta de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Relación provisional e definitiva de persoas inscritas admitidas e excluídas
1. A relación provisional das persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, será publicada polo Instituto Galego das Cualificacións na páxina web (http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-competencias-clave) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.
2. As persoas inscritas poderán formular contra esta relación provisional de admitidos/as e excluídos/as as oportunas reclamacións, que se dirixirán ao Instituto Galego das Cualificacións no prazo de 4 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista provisional de admitidos.
3. A relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas será publicada na páxina web (http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-competencias-clave) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.
4. A publicación tanto das listas provisionais como das definitivas de admitidos/as e excluídos/as ao proceso terán os efectos de comunicación ás persoas solicitantes e reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.
5. Contra a relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas poderase interpor recurso de alzada, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.
Artigo 10. Realización das probas de avaliación en competencias clave
1. O lugar de realización das probas de avaliación en competencias clave será exposto na páxina web (http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-competencias-clave) da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O calendario da convocatoria inclúese no anexo II desta resolución.
2. O/a candidato/a realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas en que se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora.
3. Todas as persoas candidatas deberán presentarse no horario que figura no anexo II para seren chamadas por orde alfabética en chamamento único. Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias claves poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas admitidas nelas; as ditas instrucións serán publicadas na páxina web (http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-competencias-clave) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como mínimo, 3 días antes da data de realización das probas.
4. Para a realización das probas as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negra.
Nas probas de competencia matemática poderase acudir con calculadora.
5. O exame das competencias clave en matemáticas estará redactado en galego e castelán; os exames de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá e de comunicación en lingua inglesa estarán redactados na lingua obxecto da proba.
6. Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen as probas con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.
7. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.
Artigo 11. Comisións de avaliación
1. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, por proposta da directora do Instituto Galego das Cualificacións, nomeará unha comisión de avaliación para as probas de competencias clave de nivel 2 e unha comisión de avaliación para as probas de competencias clave de nivel 3, que terán como sede o Instituto Galego das Cualificacións (Edificio Administrativo San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela).
2. Á vista do número de persoas inscritas nas probas, poderase ampliar o número de comisións de avaliación. Así mesmo, poderase incorporar ás comisións de avaliación o número de vixilantes e correctores/as que se considere necesario.
3. No caso de nomear avaliadores/as auxiliares, estes formarán parte das comisións de avaliación para a realización das probas.
Artigo 12. Resultados da avaliación das probas
1. Os resultados da avaliación das probas estarán accesibles para as persoas que as realizaron nas listaxes provisionais que se poderán consultar na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria segundo o calendario previsto que figura no anexo II desta resolución. Estes resultados provisionais terán efectos de comunicación para todas as persoas participantes.
2. O resultado de apto suporá a superación da proba na correspondente competencia clave e o dereito do interesado ou da interesada a que se lle expida un documento acreditativo que certificará o resultado obtido segundo establece o artigo 9 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.
Artigo 13. Reclamación contra as cualificacións
1. Contra a cualificación obtida poderá presentarse reclamación por escrito dirixida ao presidente ou presidenta da Comisión, no prazo de 4 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións, no Rexistro da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en San Caetano (ambos os dous en Santiago de Compostela), así como por calquera das formas establecidas na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. A publicación das listas definitivas de cualificacións terá efectos de comunicación ás persoas reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.
3. Contra a cualificación definitiva poderase interpor recurso de alzada, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.
2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Consideracións sobre a expedición de certificados de profesionalidade
1. O Instituto Galego das Cualificacións adscrito á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral segundo o artigo 57 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, será a unidade encargada da expedición e rexistro dos certificados de profesionalidade.
2. Para estes efectos, para aqueles casos en que se superaron todos os módulos correspondentes a un certificado de profesionalidade, publicado a partir do 19 de xaneiro de 2008, e non puideron obter o diploma oficial do certificado de profesionalidade por non posuíren a competencia en comunicación en lingua galega, poderán solicitar a acreditación oficial do correspondente certificado de profesionalidade, sempre que cumprisen no seu momento con algún dos requisitos formativos de acceso referidos no anexo III desta resolución.
Artigo 16. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Rexistros» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a: lopd.industria@xunta.gal.
Disposición derradeira primeira
Autorízase a directora do Instituto Galego das Cualificacións para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta resolución.
Disposición derradeira segunda
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2017
José Alfonso Marnotes González
Director xeral de Orientación e Promoción Laboral