Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 9 de marzo de 2017 Páx. 12032

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2017 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 22 de decembro de 2016, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2017, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), e convocar para o exercicio 2017 as ditas axudas, en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes.

Campo de intervención: 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes.

Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

Segundo

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2017. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Orzamento 2017

Orzamento 2018

Total

09.A1.741A.7708

1.000.000 €

5.000.000 €

6.000.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do plan de internacionalización e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o 21 de xullo de 2017.

O prazo de execución dos plans de internacionalización iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de xuño de 2018.

Para aqueles plans de internacionalización cuxo prazo máximo de execución sexa o 31 de agosto de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 8 de setembro de 2017. Para aqueles plans de internacionalización cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2018, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 20 de xullo de 2018.

Sexto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sétimo

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións
de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco
do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A internacionalización, como resultado exitoso do impulso colectivo das empresas da nosa rexión, e, especialmente para as pemes, supón a confirmación do valor engadido do seu modelo de negocio e, polo tanto, é una fonte de mellora continua da competitividade. Por outro lado, a internacionalización é expoñente e dinamizador dos atributos ligados á marca Galicia Calidade.

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva en liña coa estratexia galega de especialización intelixente (RIS3).

A internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixes prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.

Unha aposta que se plasma na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega en 2020: aumento no número de empresas da base exportadora, a profundización na diversificación de destinos, consolidación de cota nos mercados maduros, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presenza e maior potencial de crecemento futuro, busca e apertura de novos mercados. En definitiva, esta estratexia persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto, estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020:

a) Eixe 2. Maior presenza en mercados. Obxectivo: diversificación de mercados, pero, sobre todo, zonas xeográficas.

b) Eixe 4. Galicia unha forma de facer. Obxectivos: mellorar o coñecemento e posicionamento de Galicia nos mercados internacionais e consolidar a percepción dos produtos e servizos galegos: calidade, prestixio, etc.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O Igape é xestor de fondos Feder do marco regulamentario 1420 no seguinte encaixe: obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes. Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados internacionais. Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes. Campo de intervención: 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes. Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

O indicador de produtividade correspondente é o número de empresas que reciben subvencións, e o indicador de resultado é o número de pemes exportadoras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países e a diversificación dos sectores internacionalizados. Así mesmo, considérase adecuado o apoio ás pemes galegas que, operando en Galicia, pretendan a captación de clientes estranxeiros, incluíndo, polo tanto, as empresas inmersas en procesos de internacionalización inversa como posibles beneficiarios.

Esta liña de axuda compleméntase coa liña de axuda Galicia Exporta Organismos Intermedios financiada con Feder, coa liña de axudas para a contratación de xestores de internacionalización financiada con Fondo Social Europeo, e cos servizos do Igape á internacionalización.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Actuacións obxecto de apoio e exclusións

1. Co obxectivo de incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de actuacións:

a) Actuacións de difusión:

1º. Campañas de publicidade en prensa, revistas, televisión ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro.

2º. Plataforma de promoción online para mercados estranxeiros.

3º. Plan de márketing internacional dixital: implementación de e-commerce para mercados internacionais, campañas de promoción en liña, accións de publicidade dixital, posicionamento internacional en redes sociais, accións para o posicionamento en buscadores.

b) Actuacións de promoción:

1º. Participación en feiras, desfiles, certames e outros eventos expositivos ou promocionais organizados por terceiros fóra de España. E participación en feiras, desfiles, certames e outros eventos expositivos organizados por terceiros fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que estean incluídos no calendario de feiras comerciais internacionais publicado pola Secretaría de Estado de Comercio de España para o ano 2016 ou 2017 no Boletín Oficial del Estado (independentemente da data de celebración do evento para o cal se solicita a axuda). Non son subvencionables as visitas a este tipo de eventos. Para ser unha actuación subvencionable tense que acreditar a participación do beneficiario como expositor nestes eventos.

2º. Elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro da empresa ou os seus produtos e servizos (só se concederá axuda para este tipo de actuación no caso de que se conceda axuda para unha actuación de promoción do tipo das citadas na epígrafe anterior).

c) Prospección en mercados internacionais: axendas de reunións que se executen dentro do prazo de execución, desenvolvemento de clientes no estranxeiro e/ou seguimento de contactos iniciais ou clientes anteriores no estranxeiro para consolidación do negocio.

2. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario, na cal se poderán incluír varias actuacións das mencionadas nas letras a) á c) deste artigo. No caso de presentar máis dunha solicitude, atenderase á primeira presentada –no caso de non mediar desistencia ou renuncia da anterior.

3. Non se concederá axuda a aquelas solicitudes que, unha vez avaliadas, presenten un gasto subvencionable total inferior a 4.000 €.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro); para as empresas do sector pesqueiro, no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e para as empresas do sector agrícola, no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).

4. A subvención aos plans de internacionalización estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, nun 80 %, obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.03, campo de intervención 066 e liña de actuación 15 e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular as establecidas no anexo XII, punto 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro (DOUE L 347, do 20 de decembro).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención pública para o mesmo plan de internacionalización, sempre que se subvencionen conceptos de gasto diferentes, ata o 100 % do gasto subvencionable.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das actuacións realizadas. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que teñan na data de solicitude e ata a data de xustificación da axuda destas bases algún empregado por conta allea en Galicia, que se deberá acreditar na xustificación.

e) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes, que cumprirán coa normativa estatal de subvencionabilidade de gastos para o período 2014-2020:

a) Gastos subvencionables para actuacións citadas na letra a) do artigo 1.1. O límite máximo de gasto subvencionable por todos estes conceptos subvencionables é de 10.000 € por solicitude de axuda.

1º. Gastos de inserción nos medios de comunicación.

2º. Gastos de cotas de participación en plataformas de promoción en liña.

3º. Gastos de servizos para plan de márketing dixital. Non será subvencionable o mero deseño do plan se non se executa polo menos parte del dentro do prazo final de execución da axuda.

4º. Gastos de deseño, creación e/ou aloxamento de aplicación soporte de comercio electrónico. Non serán subvencionables os gastos de mantemento. Non será subvencionable este concepto de gasto para empresas que xa obtivesen axuda (axuda concedida sen mediar renuncia) para este concepto de gasto en convocatorias anteriores destas bases. Non serán subvencionables estes gastos no caso de que xa se dispuxese dunha aplicación deste tipo antes da solicitude de axuda ou, se non se xustifica a implementación do diseño, creación ou aloxamento dentro do prazo final de execución da axuda.

b) Gastos subvencionables para actuacións citadas na letra b) do artigo 1.1. O límite máximo de gasto subvencionable por todos estes conceptos subvencionables é de 24.000 € por cada evento no que se participe como expositor para o que se conceda axuda ou se liquide axuda.

1º. Gastos de viaxe dunha persoa por empresa solicitante á cidade de celebración do evento desde algunha cidade de España. Por motivos empresariais admitirase que se emprenda a viaxe ou se retorne de/a outro país distinto de España, nese caso só se subvencionará o hotel do país en que se celebra a acción.

Só son subvencionables os gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, taxas e seguros de viaxe.

Límites destes gastos: os indicados no anexo IV. No caso de que unha mesma viaxe comprenda varias actuacións en distintos países terase en conta a distancia ao primeiro destino, e sumarase a distancia desde este ás cidades destino dos outros países (1 cidade por país).

2º. Aloxamento dunha persoa por empresa (en réxime de aloxamento e almorzo). Só se subvencionarán pernoitas comprendidas entre as datas das accións cun máximo de 5 pernoitas, cos límites indicados no anexo IV.

No caso de accións en máis dun país, engadiranse un máximo de 2 pernoitas máis subvencionadas por país cun máximo total de 10 pernoitas.

3º. Gastos de alugamento de espazos e servizos relacionados co dito alugamento; alugamento ou construción do posto; alugamento de mobiliario ou outra decoración e servizos inherentes á participación no evento como expositor facturados polo organizador.

4º. Gastos de servizos de intérpretes, modelos, azafatas ou outro persoal de apoio; envío de material promocional e mostras (unicamente envío de mostras sen valor comercial) e deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional.

c) Gastos subvencionables para actuacións citadas na letra c) do artigo 1.1. O límite máximo de gasto subvencionable por todos estes conceptos subvencionables é de 5.000 €.

Gastos de servizos para a realización de axendas, desenvolvemento de clientes no estranxeiro e/ou seguimento de contactos iniciais. Excepto para servizos ofertados pola rede Pexga. Non será subvencionable a mera realización da axenda se non se executa coas reunións correspondentes dentro do prazo final de execución da axuda.

En relación cos gastos de servizos en destino para a realización de axendas, desenvolvemento de clientes no estranxeiro e/ou seguimento de contactos iniciais, as empresas que presten este tipo de servizos descritos nesta epígrafe deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape. Esta é unha base de expertos en comercio exterior con experiencia contrastada en servizos de apoio á internacionalización e con amplos coñecementos do mercado do país de situación. Os requisitos para darse da alta nesta base están publicados na Resolución de 2 de novembro de 2004 (DOG núm. 223, do 16 de novembro) pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, que aproba as bases reguladoras para a cualificación de axentes comerciais mediadores no exterior para o apoio á internacionalización da empresa galega.

Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por oficinas comerciais ou cámaras de España no estranxeiro ou oficinas comercias ou organismos públicos españois ou estranxeiros que presten este tipo de servizos. En definitiva, unicamente se requirirá no caso de que este servizo sexa prestado por empresas privadas para os efectos de avaliar a súa capacidade e para enriquecer a base de datos de axentes comerciais mediadores de utilidade para todas as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización.

2. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:

a) Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.

b) Imposto sobre o valor engadido (IVE) a non ser que se acredite que non é recuperable.

c) Aqueles gastos que resulten de carácter xeralista ou non estean expresamente referidos á actuación concreta que se propón para a subvención.

d) Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.

e) Produtos de merchandising e outros regalos promocionais.

f) Aqueles outros que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.

3. Os gastos e investimentos subvencionables deberán estar realizados dentro do prazo de execución e facturados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude de axuda e o derradeiro día do prazo de execución de cada anualidade establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase na data establecida na resolución de convocatoria (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir desa data) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder o prazo máximo de execución indicado na resolución de convocatoria.

Tamén serán subvencionables os gastos efectuados e pagados desde o 1 de xullo de 2016 exixidos en concepto de reserva para accións realizadas no exercicio 2017.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Admítese a subcontratación das actuacións subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, e exíxese aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

6. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. Non se subvencionarán servizos que se contraten relacionados coa actividade empresarial do solicitante da axuda no mesmo país en que o solicitante exerce a dita actividade.

Artigo 6. Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de plans de internacionalización

1. Intensidade da axuda sobre os gastos subvencionables: 70 %.

2. Para as actuacións incluídas nesta convocatoria a subvención máxima será de 70.000 € por solicitude e beneficiario (gasto subvencionable máximo de 100.000 €).

3. Os plans de internacionalización que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral cunha base de puntuación de 100 puntos. Non se subvencionarán solicitudes que non acaden unha puntuación mínima no baremo de 30 puntos.

a) Dificultade para acometer o proceso de internacionalización en termos de tamaño da empresa e, polo tanto, maior necesidade do apoio segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado. Microempresa: 15 puntos; pequena empresa: 10 puntos; mediana empresa: 5 puntos. Esta condición acreditarase mediante declaración no formulario de solicitude.

b) Fase e experiencia previa da empresa en internacionalización determinando a maior necesidade de apoio: cifra de exportación ou facturación a clientes estranxeiros no exercicio 2016 igual ou menor de 20.000 €: 25 puntos. Maior de 20.000 € e igual ou menor de 50.000 €: 20 puntos. Maior de 50.000 € e igual ou menor de 100.000 €: 15 puntos. Maior de 100.000 € e igual ou menor de 200.000 €: 10 puntos. Maior de 200.000 €: 5 puntos. Esta condición acreditarase mediante declaración no formulario de solicitude.

c) Grao de análise previo para unha maior efectividade das actuacións. Máximo: 30 puntos. Avaliarase tendo en conta:

Análise previa referido a todos os mercados obxecto da solicitude de axuda: análise de mercado, análise da competencia, proxección de vendas. Concederanse 10 puntos por cada un das epígrafes anteriores sempre que se consideren suficientemente e con datos actualizados posteriores ao ano 2013. Máximo: 30 puntos.

d) Tipo de internacionalización da empresa:

Empresa exportadora de mercadorías fabricadas pola propia empresa solicitante da axuda: 20 puntos. Empresa exportadora de mercadorías non fabricadora (comercializadora): 15 puntos. Empresa que presta ou comercializa servizos no estranxeiro (os seus clientes reciben o servizo no estranxeiro): 15 puntos. Empresa internacionalización inversa (venda de produtos ou prestación de servizos en Galicia a clientes estranxeiros, os clientes acoden a Galicia): 5 puntos.

Esta condición acreditarase no formulario de solicitude.

e) Aproveitamento de axudas anteriores: informe de resultado de subvencións anteriores do Igape recibidas para o mesmo fin de internacionalización: 10 puntos no caso de cubrir este informe no formulario de solicitude e que se acadasen resultados positivos.

Este informe debe incluír, para cada subvención recibida pola empresa solicitante –con resolución de concesión a partir de 1 de xaneiro de 2012– un detalle de:

1º. Ano da resolución de concesión da axuda.

2º. Importe da axuda recibida (no caso de expedientes finalizados, o importe menor entre a axuda liquidada e a concedida).

3º. Organismo que concedeu a axuda.

4º. Finalidade da axuda.

5º. Resultados en termos de:

i) Número de contratos asinados.

ii) Importe do volume de negocios estimado xerado grazas ás actuacións subvencionadas.

iii) Países en que iniciou negocio a empresa solicitante.

iv) Países en que consolidou negocio a empresa solicitante.

Esta condición acreditarase no formulario de solicitude.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; deberá presentar, entón, a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro.

Artigo 8. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do plan de internacionalización para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que, por outros motivos, non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais para que lle presten asistencia e medios para cubrir o formulario electrónico, ou a través do número de teléfono 900 81 51 51. Deste xeito obterase o formulario de solicitude. Unha vez cuberto o formulario, obterase o formulario normalizado de solicitude que se xuntan como anexo I a estas bases a título informativo.

2. No formulario o solicitante debe cubrir unha memoria xustificativa individual de cada unha das actuacións para as cales se solicita subvención que incluirá: nome da actuación, descrición detallada do seu alcance e interese para a empresa, mercados e sectores aos cales se dirixe, obxectivos concretos e resultados esperados, data e lugar de realización/execución, orzamento e actuacións deste tipo realizadas con anterioridade indicando, se é o caso, o apoio público recibido e o seu resultado.

3. O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

a) Copia do DNI da persoa representante legal do solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

e) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras.

f) No caso de solicitude de axuda para: plan de márketing dixital ou aplicación de comercio electrónico previsto nos puntos 3º e 4º do artigo 5.1.a), ou para a realización de axendas, e/ou seguimento de contactos iniciais previsto no artigo 5.1.c), será necesario achegar informe da empresa ou empresas que se van contratar en que se indique como mínimo, situación actual do solicitante de axuda polo que se refire ao servizo que se vai contratar (márketing dixital, comercio electrónico ou posicionamento no mercado obxectivo), necesidades, tipos de servizos que se van prestar, o seu alcance, mercados aos cales se dirixe, cronograma e resultados esperados.

g) Para os efectos sinalados no artigo 6.3 destas bases, se é o caso: estudo estratéxico de internacionalización da empresa que inclúa, polo menos, a análise indicada no artigo 6.3.c), análise de mercado, análise da competencia e proxección de vendas.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

4. No caso de ser o solicitante unha persoa xurídica, deberá presentar a solicitude por vía electrónica, a través do formulario de solicitude normalizada (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, de conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.3. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal. Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude a da presentación da emenda.

5. Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén empregarán a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

g) Todos os trámites administrativos que as persoas xurídicas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

6. No caso de que o solicitante sexa unha persoa física, alternativamente, tamén a poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.3. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

No caso de que o solicitante, persoa física, opte pola vía electrónica para relacionarse co Igape na tramitación do seu expediente, seralle de aplicación o que corresponda dos números 4 e 5 deste artigo.

Poderán presentar presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, os modelos normalizados dos trámites máis comunmente empregados na tramitación administrativa, que a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas.

As notificacións practicaranse por medios electrónicos se teñen indicado no formulario de solicitude a súa preferencia polo emprego da notificación electrónica neste procedemento de axudas, ou presencialmente noutro caso. Poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Internacionalización Galicia@World será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da dirección xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos dos órganos instrutores, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada, elaborando unha lista coa relación dos solicitantes e a puntuación que lle corresponde a cada un, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 6 destas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos de emenda citados realizaranse preferentemente mediante a publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo.

3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios «a», «b», «c», «d» e «e» do artigo 6.3, por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se fará constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o plan de internacionalización e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape e as condicións da axuda (DECA). Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

6. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poderán descargar a súa resolución individual introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas).

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez recaída resolución de concesión non se admiten modificacións. O cambio de programación dun evento expositivo por outro no mesmo período orzamentario non se considera modificación.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar o plan de internacionalización que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización do plan de internacionalización e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

4. Durante o período citado no apartado anterior, as empresas estarán obrigadas a subministrar, a requirimento do Igape, os datos relativos á evolución da súa actividade exportadora (volume de facturación, servizos ou produtos exportados, países, etc.) e resultados concretos obtidos grazas ao plan de internacionalización financiado, para os efectos de realizar as avaliacións oportunas sobre o resultado das actuacións financiadas.

5. Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, cambio de provedores ou cambio de evento en que se participa, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

7. Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do plan de internacionalización polo Igape, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional segundo o establecido no anexo III a estas bases.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. No caso de non ser quen de realizar o plan de internacionalización para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

10. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. O prazo para solicitar o cobramento será o indicado na resolución de convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia ou medios para cubrir o formulario electrónico, ou a través do número de teléfono 900 81 51 51. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa. Unha vez cuberto o formulario, a solicitude de cobramento presentarase mediante o modelo normalizado que, a título informativo, figura como anexo II a estas bases.

3. Se o beneficiario é unha persoa xurídica, deberá presentar a solicitude por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado que, a título informativo, figura como anexo II a estas bases, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Exceptúase do anterior os documentos que, de conformidade co artigo 14.6, deban ser orixinais (orixinal en formato electrónico ou copia auténtica). No caso de que o documento orixinal estiver en formato papel, o beneficiario deberá obter unha copia auténtica, segundo os requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 39/2015, con carácter previo a súa presentación electrónica.

4. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa física, unha vez xerada a solicitude poderá elixir presentala electronicamente ou presencialmente, en soporte papel, no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo II), acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 14.6, agás as facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade, que se deberá presentar en orixinal ou copia cotexada. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Orixinal das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) Copia da documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución, así como o seu cargo na conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

2º. Certificación bancaria conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

3º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao plan de internacionalización subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas actuacións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao plan de internacionalización.

c) A copia –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecien os contidos das actuacións realizadas (evidencias de actuacións de difusión, exemplares do material promocional, fotografías de eventos, acreditación da aceptación ao evento, etc.) e o cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.7 destas bases (fotografías do cartel con plano xeral de situación e de detalle, enlace á web onde se informa sobre o plan de internacionalización e o financiamento Feder, etc.).

d) Memoria técnica que se deberá cubrir no formulario de liquidación, na cal se expoñan co suficiente grao de detalle as actuacións desenvolvidas e resultados ou obxectivos acadados e situación do solicitante de axuda polo que se refire ao/aos mercado/s obxectivo unha vez realizado o plan.

e) No caso de concesión de axuda para: plan de márketing dixital ou aplicación de comercio electrónico previsto nos puntos 3º e 4º do artigo 5.1.a), ou para a realización de axendas, desenvolvemento de clientes, e/ou seguimento de contactos iniciais previsto no artigo 5.1.c), será necesario achegar copia do informe de execución asinado polo provedor en que se indique, como mínimo, situación do solicitante de axuda –unha vez realizada a actuación– polo que se refire ao servizo contratado (márketing dixital, comercio electrónico ou posicionamento no mercado obxectivo), servizos prestados e resultados. E, de ser o caso, imaxes da aplicación de comercio electrónico mellorada con indicación das melloras realizadas, e, se é o caso, detalle das axendas elaboradas con identificación das contrapartes, lugar e datas das reunións.

f) No caso de gastos de viaxe e aloxamento a xustificación será feita tendo en conta os módulos máximos indicados no anexo IV destas bases.

g) Vida laboral da empresa.

h) De ser o caso, copia do xustificante de participación como expositor: fotos, catálogo de expositores.

i) Copia das tres ofertas que debe ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.6: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do plan de internacionalización e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do plan de internacionalización, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do plan de internacionalización, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

4. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non facilitar os datos requiridos sobre a actividade exportadora ou non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

d) Non darlle publicidade ao financiamento do plan de internacionalización, de acordo co establecido no artigo 13 destas bases.

e) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien o plan de internacionalización e que, de telas comunicado, superasen os límites de minimis.

h) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención.

i) Non acreditar que se atopa ao día das súas obrigas fiscais coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos plans de internacionalización aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

1. Previo ao seu aboamento, o órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Os beneficiarios das axudas conservarán á disposición da Administración concedente as facturas e xustificantes de gasto, durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. Esta data será comunicada ao beneficiario.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es, e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no punto 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros» cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto en:

a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

c) Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) No Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións.

e) No Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro); para as empresas do sector pesqueiro, no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño); e para as empresas do sector agrícola, no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).

f) No Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

g) No Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

h) Na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
anexosG.pdf
missing image file
anexosG.pdf