Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2017 Páx. 12215

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 21 de febreiro de 2017 pola que se concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.

Mediante a Orde do 16 de setembro de 2016 a Consellería do Medio Rural adoptou unha resolución favorable en relación á solicitude de recoñecemento da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo. Esta orde foi publicada no Diario Oficial de Galicia do día 23 de setembro de 2016.

A dita resolución, xunto co resto do expediente, foi remitida ao entón Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para os efectos da transmisión da solicitude de inscrición á Comisión Europea, de acordo co establecido no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas.

A solicitude de inscrición foi transmitida polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente á Comisión Europea, que o recibiu o día 24.11.2016.

A normativa reguladora desta materia permite que os Estados membros outorguen unha protección transitoria a escala nacional, unha vez recibido o expediente pola Comisión e en tanto non adopte esta unha decisión definitiva.

Para os efectos de tramitar a devandita protección nacional transitoria, o número 3 do artigo 17 do citado Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, na redacción dada polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo, establece que, para denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas cuxo ámbito territorial non exceda unha comunidade autónoma; a dita concesión corresponde ao órgano competente da comunidade autónoma mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado do acto administrativo polo que se toma a decisión. A publicación debe incluír o enderezo da páxina web onde se atopa o prego de condicións.

De acordo co anterior, tras a proposta da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e coas competencias atribuídas a esta consellería mediante o Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo, que só poderá ser empregada na comercialización dos viños que cumpran as especificacións do prego de condicións transmitido á Comisión Europea, que pode ser consultado na seguinte URL:

http://mediorural.xunta.gal/uploads/media/Prego_Condicions_Ribeiras_do_Morrazo_abril_2016_G.pdf

A dita protección transitoria cesará a partir da data en que a Comisión Europea adopte unha decisión sobre a súa inscrición.

Segundo. Publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado esta resolución.

Terceiro. Informar o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente desta concesión de protección nacional transitoria.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela os interesados poden interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 2 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses. Ambos os prazos se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural