Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2017 Páx. 13432

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 10 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento administrativo PR604A).

BDNS (Identif.): 335101.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

As empresas privadas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, legalmente constituídas e con domicilio fiscal ou ao menos un centro de traballo en Galicia.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

Segundo. Finalidade

Concesión de subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida en zonas que non conten con acceso a este tipo de redes nin que existan plans de despregamento en curso para estas redes, e, por tanto, a empresa está illada destas redes.

As subvencións reguladas nestas bases ampáranse no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, o cal prevé actuacións encamiñadas á concesión de axudas directas á provisión de acceso á banda larga ultrarrápida na submedida 7.3 de apoio ás infraestruturas de banda larga.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 10 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento administrativo PR604A).

Cuarto. Importe

Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 500.000 euros que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.A1.571A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. Este orzamento execútase dentro do código de proxecto 2016 00001 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 7,5 % polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e nun 17,50 % pola Xunta de Galicia no marco da submedida 7.3 de «apoio ás infraestruturas de banda larga, en particular a súa creación, mellora e ampliación, ás infraestruturas de banda larga pasivas e á oferta de acceso á banda larga e a solucións de administración electrónica» do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

A intensidade da subvención que se poida conceder a cada beneficiario coincidirá coa indicada na súa solicitude cun máximo de 20.000 euros de subvención por proxecto subvencionado, sen menoscabo das limitacións adicionais que estableza o marco normativo de aplicación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un (1) mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2017

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia