Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2017 Páx. 13913

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, pola que se aproban as bases da convocatoria do concurso de fotografía Entendendo as nubes.

O 23 de marzo de 2017 celébrase o Día Meteorolóxico Mundial e o tema elixido para a súa conmemoración é Entendendo as nubes. Este tema ten como fin resaltar a enorme importancia que revisten as nubes para o tempo, o clima e a auga. As nubes son fundamentais para as observacións e predicións do tempo. Son unha das principais incógnitas do estudo do cambio climático e teñen un papel decisivo no ciclo da auga e na estrutura da distribución global dos recursos hídricos.

Noutro contexto, máis distendido o Día Meteorolóxico Mundial de 2017 brindará a oportunidade de celebrar a beleza inherente e o atractivo estético das nubes, que son inspiración de artistas, poetas, músicos, fotógrafos e infinidade doutros entusiastas ao longo da historia.

O Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, modificado polo Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, confire a esta competencias en materia de xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e a súa difusión, así como a coordinación e seguimento da estratexia galega fronte ao cambio climático.

Un elemento de suma importancia para o adecuado exercicio das devanditas funcións e competencias é a concienciación e sensibilización da sociedade civil, especialmente dos máis novos, polo que este concurso ten como finalidade participar na celebración desta efeméride e poñer de manifesto a importancia das nubes e de como o noso clima está cambiando a medida que acumulan na atmosfera máis gases de efecto invernadoiro.

De acordo co anteriormente exposto e de conformidade co establecido no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

RESOLVE:

1. Obxecto.

A presente resolución ten por obxecto convocar e regular as bases do concurso de fotografía Entendendo as nubes, promovido para conmemorar o 23 de marzo de 2017, Día Meteorolóxico Mundial.

2. Procedemento.

O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria pública e rexirase polo establecido nas bases da convocatoria e polo disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Participantes e categorías.

3.1. Poderán participar nesta convocatoria todos os centros de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.2. Os centros poderán participar nas seguintes categorías:

– Primeira categoría, para as etapas de educación infantil e primaria.

– Segunda categoría, para as etapas de educación secundaria, bacharelato e formación profesional.

4. Forma e prazo de presentación.

4.1. Para participar nesta convocatoria cada centro educativo poderá enviar ata un máximo de tres fotografías á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do enderezo electrónico administracion.meteogalicia@xunta.gal. A consellería confirmará a recepción da solicitude ao mesmo enderezo electrónico.

4.2. Xunto coas fotografías deberán achegarse os seguintes datos de carácter persoal ao anterior enderezo electrónico:

– Título da fotografía.

– Nome do centro educativo.

– Nome do autor da fotografía.

– No caso de que o autor sexa menor de idade, será necesario presentar a autorización do pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

– Enderezo electrónico de contacto do centro educativo.

– Teléfono de contacto do centro educativo.

4.3. O prazo para a remisión de fotografías será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Instrución do procedemento.

5.1. A instrución e tramitación do procedemento corresponde á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta resolución.

5.2. As sucesivas notificacións deste procedemento realizaranse mediante publicación no taboleiro de anuncios da páxina web institucional da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio http://cmaot.xunta.gal/.

5.3. No suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación presentada, requirirase aos interesados para a súa subsanación no prazo máximo de dez (10) días. No caso de non ser subsanada, terase por desistido da súa solicitude ao centro correspondente, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

6. Xurado.

6.1. As fotografías que se presenten a esta convocatoria serán avaliadas por un xurado, que estará composto polas seguintes persoas:

a) A presidencia correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ou órgano que a substitúa.

b) Vogalías, corresponden ás persoas titulares dos órganos e unidades que a continuación se indican:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Metereoloxía e Cambio Climático.

– Unha persoa representante da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

– Unha persoa representante de MeteoGalicia.

6.2. A secretaría será asumida, con voz e sen voto, por unha persoa funcionaria da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

6.3. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta resolución e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

6.4. Os acordos do xurado adoptaranse por maioría simple. O voto da persoa titular da presidencia será dirimente no caso de empate. As deliberacións do xurado son confidenciais.

6.5. O xurado está facultado para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como todas as cuestións que poidan suscitarse con motivo dos premios.

7. Valoración dos traballos.

O xurado seleccionará as tres mellores fotografías en cada categoría, para o que valorará a orixinalidade, excepcionalidade e valor artístico destas, que serán obras orixinais e inéditas e non estarán retocadas por ningún programa informático.

8. Resolución e recursos.

8.1. Unha vez valoradas as solicitudes, o xurado elevará a proposta de concesión dos premios á persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, quen resolverá o que proceda.

8.2. O prazo máximo para ditar e publicar a resolución de concesión será 20 días naturais desde a data de remate do prazo de presentación de candidaturas.

8.3. A resolución de concesión farase pública a través da páxina web institucional da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio http://cmaot.xunta.gal/.

8.4. Contra a resolución da dirección xeral, que non esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán intepoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación do acordo, segundo o disposto no artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Premios.

9.1. Cada unha das tres fotografías seleccionada en cada categoría será recoñecida cun diploma acreditativo do resultado do concurso.

9.2. Os/as autores/as da primeira fotografía seleccionada en cada categoría recibirán como premio unha cámara de fotos.

9.2. Os/as autores/as das fotografías seleccionadas en segundo e terceiro lugar, en cada categoría, recibirán como premio uns prismáticos.

10. Condicións xerais de participación.

10.1. O outorgamento dos premios establecidos neste concurso implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos autores, o recoñecemento do dereito a favor da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios e a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos.

10.2. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resérvase para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes das persoas e centros gañadores, polos medios e formas de comunicación que crea convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que os centros participantes no concurso prestaron o seu consentimento ao presentaren os traballos.

10.3. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente en que, en materia de propiedade intelectual, puidesen incorrer os participantes.

11. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2017

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático