Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2017 Páx. 14507

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN conxunta do 21 de febreiro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2016/17, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2017/18.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, prevé no artigo 36 bis a realización de avaliacións individualizadas ao finalizar a etapa de bacharelato.

Mediante Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora educativa, adóptanse medidas que afectan a configuración da avaliación final de bacharelato que se realizará no momento da conclusión do presente curso 2016/17.

En concreto, no seu artigo primeiro modifica a disposición derradeira quinta da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, de xeito que a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade regulada no artigo 36 bis da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, non será necesaria para obter o título de bacharelato e realizarase exclusivamente para o alumnado que queira acceder a estudos universitarios.

Así mesmo regula, entre outros aspectos, o réxime xurídico da proba e sinala, no artigo 2.4.c) do citado real decreto lei, que as administracións educativas organizarán a realización material da avaliación final de bacharelato para o acceso á universidade en colaboración coas universidades, que asumirán as mesmas funcións e responsabilidades que tiñan en relación coas probas de acceso á universidade. En Galicia as ditas probas estarán reguladas, de forma supletoria, e no que resulte compatible co novo marco normativo, pola Orde de 24 de marzo de 2011 pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia.

Mediante Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro, ditada en desenvolvemento do Real decreto 310/2016, do 29 de xullo, que regula as avaliacións finais de secundaria, determínanse as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas, para o curso 2016/17.

Tendo en conta este marco normativo, é preciso dar as instrucións oportunas que permitan concretar para o ámbito de Galicia a realización material, dentro do curso académico 2016/17, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) no curso 2017/18.

De conformidade co exposto, o secretario xeral de Universidades e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

RESOLVEMOS:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Estas instrucións teñen por obxecto determinar para o curso 2016/17 aqueles aspectos organizativos necesarios para a realización material adecuada das probas da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos termos regulados no Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora educativa.

2. Esta avaliación realizarase exclusivamente para o alumnado que queira acceder a estudos universitarios.

Segunda. Materias obxecto de avaliación

1. As probas versarán sobre as materias xerais do bloque das materias troncais da modalidade elixida e sobre a materia de Lingua Galega e Literatura, todas elas correspondentes ao segundo curso de bacharelato:

Modalidade de humanidades e ciencias sociais

Modalidade de ciencias

Modalidade de artes

Itinerario de humanidades

Itinerario de ciencias sociais

Lingua Galega e Literatura II

Lingua Galega e Literatura II

Lingua Galega e Literatura II

Lingua Galega e Literatura II

Lingua Española e Literatura II

Lingua Española e Literatura II

Lingua Española e Literatura II

Lingua Española e Literatura II

Primeira Lingua Estranxeira II

Primeira Lingua Estranxeira II

Primeira Lingua Estranxeira II

Primeira Lingua Estranxeira II

Historia de España

Historia de España

Historia de España

Historia de España

Latín II

Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II

Matemáticas II

Fundamentos da Arte II

Cada un dos exercicios das materias xerais do bloque das materias troncais da modalidade elixida e da materia de Lingua Galega e Literatura II cualificarase de 0 a 10 con dúas cifras decimais.

2. O alumnado que queira mellorar a súa cualificación de admisión poderá examinarse dun máximo de catro materias, a elixir entre as materias de opción do bloque de troncais de segundo curso de calquera modalidade e as materias xerais troncais específicas de modalidade distintas daquela da que se examinen na parte obrigatoria da proba:

Modalidade de humanidades e ciencias sociais

Modalidade de ciencias

Modalidade de artes

Itinerario de humanidades

Itinerario de ciencias sociais

Economía da Empresa

Economía da Empresa

Bioloxía

Cultura Audiovisual II

Grego II

Grego II

Debuxo Técnico II

Artes Escénicas

Historia da Arte

Historia da Arte

Física

Deseño

Historia da Filosofía

Historia da Filosofía

Xeoloxía

Xeografía

Xeografía

Química

Matemáticas II

Matemáticas II

Latín II

Matemáticas II

Matemáticas Apl. ás CC.SS. II

Latín II

Matemáticas Apl. ás CC.SS. II

Matemáticas Apl. ás CC.SS. II

Fundamentos da Arte II

Fundamentos da Arte II

Fundamentos da Arte II

Latín II

a) As probas correspondentes a estas materias teñen carácter voluntario e teñen por obxecto, segundo os termos do artigo 10.2 da Orde do 24 de marzo de 2011, a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretenden cursar e permiten mellorar a nota de admisión.

b) Cada unha das materias das cales se examine o alumnado con carácter voluntario para os efectos de mellorar a súa nota de admisión cualificarase de 0 a 10 puntos, con dúas cifras decimais. Considerarase superada a materia cando se obteña unha cualificación igual ou superior a 5 puntos, de acordo co establecido no artigo 11.1 da Orde do 24 de marzo de 2011.

c) Para a mellora da nota de admisión terase tamén en consideración a cualificación obtida na fase obrigatoria na materia xeral específica de cada modalidade do bloque das materias troncais (Matemáticas II, Latín II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Fundamentos da Arte II), sempre e cando a cualificación acadada na materia correspondente sexa igual ou superior a 5 puntos.

Terceira. Características e deseño das probas

1. As características e o deseño das probas corresponderanse co establecido na Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro, pola que se determinan as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas, para o curso 2016/17.

2. As matrices de especificacións establecidas para cada unha das probas das materias xerais do bloque das materias troncais incluídas na avaliación son as recollidas no anexo I da Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro.

3. Na materia de Lingua Galega e Literatura a elaboración da proba realizarase segundo a matriz de especificacións establecida no anexo I destas instrucións.

Estará exento da realización desta proba o alumnado con exención da materia de Lingua Galega e Literatura II.

4. No referente á lonxitude das probas, ás probas e tipoloxía de preguntas e ao seu contido, observarase o disposto nos artigos 6, 7 e 8, respectivamente, da Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro, así como o establecido no artigo 12 da Orde do 24 de marzo de 2011:

a) O alumnado realizará os exercicios da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade nos lugares que determine a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG).

b) Realizarase unha proba por cada unha das materias obxecto de avaliación. Cada proba constará dun mínimo de 2 e un máximo de 15 preguntas.

c) O exercicio de cada materia será único e determinado por sorteo público pola CiUG a partir de, cando menos, seis propostas presentadas por cada director ou directora do grupo de traballo da materia correspondente. Non haberá anulación da proba como primeira resolución, senón suspensión e/ou aprazamento dun determinado exercicio, sempre que se dese o caso.

d) Os exercicios adecuaranse ao currículo do bacharelato establecido polo Decreto 86/2015, do 25 de xuño, e versarán sobre as materias do segundo curso a que se fai referencia no artigo 3 da Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro.

e) Os exercicios presentarán dúas opcións diferentes, entre as cales os e as estudantes deberán elixir unha.

f) Para a realización dos exercicios, o alumnado poderá empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os exercicios correspondentes á Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura e Lingua Estranxeira deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.

g) Cada unha das probas da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá unha duración de 90 minutos. Establecerase un descanso entre probas consecutivas de, como mínimo, 30 minutos. Non se computará como período de descanso o utilizado para ampliar o tempo de realización das probas dos alumnos con necesidades específicas de apoio educativo aos cales se lles prescribise a dita medida.

h) A avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá unha duración de tres días.

i) Preferentemente, as probas contextualizaranse en contornos próximos á vida do alumnado: situacións persoais, familiares, escolares e sociais, ademais de contornos científicos e humanísticos.

l) Cada unha das probas conterá preguntas abertas e semiabertas que requirirán do alumnado capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez. Ademais destes tipos de preguntas, poderanse utilizar tamén preguntas de opción múltiple, sempre que en cada unha das probas a puntuación asignada ao total de preguntas abertas e semiabertas alcance como mínimo o 50 %.

Para estes efectos, as categorías de preguntas defínense da seguinte maneira:

– De opción múltiple: preguntas cunha soa resposta correcta inequívoca e que non exixen construción por parte do alumno ou da alumna, xa que este/a se limitará a elixir unha de entre as opcións propostas.

– Semiabertas: preguntas con resposta correcta inequívoca e que exixen construción por parte do alumno ou da alumna. Esta construción será breve, por exemplo un número que dá resposta a un problema matemático ou unha palabra que complete unha frase ou dea resposta a unha cuestión sempre que non se facilite unha lista de posibles respostas.

– Abertas: preguntas que exixen construción por parte do alumno ou da alumna e que non teñen unha soa resposta correcta inequívoca. Englóbanse neste tipo as producións escritas e as composicións plásticas.

m) Polo menos o 70 % da cualificación de cada proba deberá obterse avaliando estándares de aprendizaxe seleccionados entre os definidos na matriz de especificacións da materia correspondente que figura no anexo I da Orden ministerial ECD/1941/2016, do 22 de decembro. Na materia de Lingua Galega e Literatura, o 70 % da cualificación da proba deberá obterse avaliando estándares de aprendizaxe seleccionados entre os definidos na matriz de especificacións que figura no anexo I desta resolución.

n) As porcentaxes de ponderación asignadas a cada bloque de contido en cada materia farán referencia á puntuación relativa que se asignará ás preguntas asociadas aos estándares de aprendizaxe avaliados dos incluídos no dito bloque. Estas ponderacións son orientativas.

ñ) Na elaboración de cada unha das probas da avaliación procurarase utilizar polo menos un estándar de aprendizaxe por cada un dos bloques de contido, ou agrupacións deles, que figuran na matriz de especificacións da materia correspondente.

o) Os protocolos dos exercicios deberán incluír necesariamente:

– Os criterios xerais de corrección, especificando tanto o valor asignado a cada unha das partes do currículo como aqueloutras consideracións que poidan ser necesarias para realizar unha valoración obxectiva.

– Os criterios específicos de corrección que servirán de base para a avaliación dos exercicios e para a resolución das reclamacións das probas que soliciten os e as estudantes.

p) Os criterios xerais de avaliación deberán ser coñecidos polas persoas integrantes das comisións delegadas e polo alumnado no momento da realización das probas. Os criterios específicos de corrección faranse públicos, unha vez realizadas estas, nos centros onde os e as estudantes finalizasen os seus estudos de bacharelato.

Cuarta. Organización das probas

1. De acordo co establecido no artigo 12 da Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro, as universidades asumen as mesmas funcións e responsabilidades que viñan realizando ata o curso 2016/17.

2. Segundo o establecido no artigo 4.1 da Orde do 24 de marzo de 2011, a CiUG é un órgano interuniversitario, sen personalidade xurídica, formado pola delegación de competencias propias das universidades do Sistema universitario de Galicia en materia de acceso.

3. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nomeará, segundo o artigo 4.2 da Orde do 24 de marzo de 2011, os membros da CiUG, de acordo co establecido no convenio asinado polos reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria o 12 de marzo de 2001. No caso de que algúns dos membros designados non poidan desempeñar a súa función, a Consellería designará a persoa ou persoas que os substitúan no seu labor dentro da CiUG.

4. Para a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade regulada na Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro, a CiUG estará composta polos delegados dos reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia e por tres profesores ou profesoras de educación secundaria nomeados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Para o resto dos procedementos, estará composta polos delegados dos reitores.

5. Os membros da CiUG, para desenvolver as atribucións a que fai referencia o artigo 19 da Orde do 24 de marzo de 2011, terán, para efectos académicos e administrativos, a consideración e as atribucións que lles permitan o cumprimento das obrigas correspondentes á citada función.

6. Da matrícula.

a) Os e as estudantes formalizarán a súa solicitude de matrícula para a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade nas datas que determine a CiUG.

b) O alumnado entregará a solicitude na secretaría do centro en que superasen o segundo curso do bacharelato. Os que obtivesen o título de bacharel ou equivalentes en convocatorias anteriores presentarán a súa solicitude no lugar de entrega e recollida de documentación (LERD) que lle corresponda ao seu centro ou no que lle corresponda ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia, ou mediante o procedemento telemático establecido pola CiUG.

c) Os e as estudantes indicarán na súa solicitude os seus datos persoais e as materias elixidas para a realización da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade. Así mesmo, poderán solicitar a exención do exercicio de Lingua Galega e Literatura prevista no artigo 3.3 do Real decreto 310/2016, do 29 de xullo.

d) Os centros de educación secundaria informatizarán os datos persoais, académicos e de matrícula para a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade do seu alumnado; tamén facilitarán, se procede, as actas e as certificacións das cualificacións de bacharelato, nos prazos e segundo o procedemento que estableza a CiUG.

e) Os e as estudantes que desexen concorrer á proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade deberán aboar as taxas correspondentes, de acordo co disposto no decreto en que se fixen os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario. A CiUG facilitará aos centros de educación secundaria e aos LERD os impresos para o aboamento das taxas e a relación de entidades bancarias en que os e as estudantes poderán realizar o ingreso.

7. Organización e documentación.

a) O calendario da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade será fixado coordinadamente pola CiUG, as universidades do Sistema universitario de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o establecido no artigo 9 da Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro.

b) Para os efectos administrativos, e tendo en conta a localización dos centros de educación secundaria, establécense lugares de entrega e recollida de documentación (LERD) territorializados, onde se instrúan os expedientes e se executen os procedementos administrativos e informáticos a nivel de usuario (solicitante-centro de educación secundaria) que van asociados á xestión do alumnado no acceso (captura de datos, matrícula, solicitudes etc.).

c) A captura de datos, tanto académicos como persoais, será responsabilidade da CiUG a través das tres universidades, nos formatos para a xestión informática previamente acordados co servizo de apoio ao Sistema universitario de Galicia.

d) O deseño dos documentos correspondentes á solicitude de matrícula para a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade é competencia da CiUG, tendo en conta as posibilidades informáticas do sistema.

e) A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria porá á disposición das universidades unha aplicación informática para realizar a xestión da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade.

f) A custodia dos expedientes e das actas de cualificación dos estudantes que participen na proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade correspóndelle á universidade respectiva, segundo o LERD asignado a cada estudante. Nas actas de cualificación deberán figurar os datos necesarios para a certificación e o traslado. Cada estudante que desexe iniciar estudos noutro distrito presentará, para os efectos de traslado, a solicitude na universidade respectiva. Esta universidade será a encargada de tramitar o traslado, arquivar os datos correspondentes e comunicarllo á CiUG.

8. Da comisión organizadora:

a) As funcións de organización a que se fai referencia no artigo 12 da Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro, serán desempeñadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) e coincidirán a presidencia da comisión organizadora e os seus membros coa presidencia e membros da CiUG.

b) A CiUG terá atribuídas, entre outras, as seguintes competencias:

1) Coordinación entre as universidades e os centros en que se imparta bacharelato, para os únicos efectos de organización e realización da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade.

2) Adopción das medidas necesarias para garantir o segredo do procedemento de elaboración e selección dos exercicios, así como o anonimato dos e das estudantes e dos centros durante o proceso de corrección dos exercicios.

3) Adopción das medidas necesarias para garantir que o alumnado poida empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

4) Definición dos criterios para a elaboración das propostas dos exercicios, garantindo a adecuación destes ao currículo do bacharelato.

5) Designación e constitución dos tribunais.

6) Convocatoria da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade.

7) Establecemento dos criterios xerais de avaliación dos exercicios.

8) Resolución das reclamacións.

9) Establecer os mecanismos de información adecuados.

c) Para adoptar os acordos dos puntos 8.b.4) e 8.b.7), a CiUG contará co asesoramento do correspondente grupo de traballo de cada materia.

d) A CiUG ten competencias para resolver os asuntos comúns de organización, deseño, coordinación, elaboración e execución de directrices e procedementos xerais para o cumprimento do principio de distrito único, no ámbito das competencias que lle foron delegadas.

e) A CiUG fará públicos os criterios de organización, a estrutura básica dos exercicios, os criterios xerais de cualificación e os parámetros de ponderación das materias.

f) A CiUG elaborará un informe da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade e elaborará as recomendacións para a súa mellora. Este informe seralle remitido á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

9. Do tribunal cualificador:

a) O tribunal único da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade será nomeado pola CiUG para avaliar os coñecementos do alumnado e estará constituído por:

1) Unha ou un presidente, un secretario ou secretaria e, se é o caso, unha ou un vicepresidente.

2) Comisións delegadas para actuaren en cada un dos centros en que se realice a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade e que estarán territorializadas segundo o criterio de proximidade do alumnado. A CiUG establecerá o número destas comisións, determinará a súa composición e funcións, así como a localización destas, tendo en conta a prioridade de utilización de centros universitarios.

3) Comisións de avaliación de cada materia obxecto de exame na proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, presididas polos directores ou directoras dos grupos de traballo e constituídas, así mesmo, por vogais especialistas da materia en número suficiente para o seu correcto funcionamento.

b) Para a constitución do tribunal único consideraranse os seguintes criterios:

1) A presidencia e a secretaría do tribunal único e os presidentes ou presidentas e secretarios e secretarias das comisións delegadas serán nomeados pola CiUG entre o persoal docente das universidades.

2) Os e as vogais das comisións delegadas serán nomeados pola CiUG, entre o persoal docente das universidades e o profesorado dos corpos de catedráticos e profesores de secundaria e dos corpos de catedráticos e profesores de artes plásticas e deseño que impartan docencia en bacharelato, nun grao superior de formación profesional, nun grao superior de artes plásticas e deseño ou nun grao superior de ensinanzas deportivas, establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

3) Os e as vogais das comisións de avaliación serán nomeados pola CiUG entre o persoal docente das universidades e o profesorado dos corpos docentes e das especialidades que, de acordo coa lexislación vixente, poida impartir docencia nas materias de bacharelato.

4) Na designación dos e das vogais das distintas comisións procurarase unha composición equilibrada entre mulleres e homes, agás que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. Así mesmo, deberase garantir para cada materia a participación de polo menos o 40 % de docentes de universidade e o 40 % de profesorado de educación secundaria que imparta bacharelato.

5) Os e as vogais integrantes das comisións delegadas e das comisións de avaliación serán designados entre o profesorado que o solicite á presidencia da CiUG, dentro do prazo que esta determine.

c) Co obxecto de garantir a imparcialidade do proceso e tendo en conta o disposto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o profesorado que forme parte das comisións delegadas e de avaliación non poderá examinar ou avaliar os estudantes do seu centro de procedencia. Un vogal proposto por cada centro e nomeado pola presidencia da CiUG incorporarase á comisión delegada correspondente como representante do centro.

10. Dos grupos de traballo:

a) De acordo co establecido no artigo 31 da Orde do 24 de marzo de 2011, constitúense grupos de traballo das diferentes materias obxecto de exame na proba, coa finalidade de asesorar a CiUG na definición dos criterios para a elaboración das propostas de exame e no establecemento dos criterios xerais de avaliación da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade.

b) A CiUG, xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establecerá o número de grupos de traballo e nomeará os seus compoñentes.

c) Cada grupo de traballo estará composto polos seguintes especialistas na materia ou materias correspondentes:

1) Un profesor ou profesora de universidade, que desempeñará a función de director ou directora do grupo, que poderá estar asistido por un subdirector ou subdirectora e serán nomeados ambos os dous pola CiUG.

2) Un membro da Inspección Educativa que será nomeado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3) Un representante da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

4) Un máximo de catro profesores ou profesoras de educación secundaria que estean impartindo a materia no segundo curso do bacharelato e que serán nomeados conxuntamente pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a CiUG.

d) Os directores e as directoras dos grupos de traballo elaborarán os exercicios da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade. Poderán contar coa colaboración de especialistas e seralles de aplicación o disposto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, referentes ao réxime de abstención e recusación.

e) O director ou a directora do grupo de traballo enviará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través da CiUG, unha memoria final das actividades desenvolvidas polo grupo de traballo, antes da data que sinale a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Quinta. Alumnado con necesidades educativas especiais

1. De acordo co establecido no artigo 4 da Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro, adoptaranse as medidas necesarias para asegurar a igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal do alumnado con necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade.

A este respecto, poderanse adoptar medidas como: adaptación de tempos, elaboración de modelos especiais de exame, posta á disposición do alumnado dos medios materiais e humanos, asistencias, apoios e axudas técnicas que precise para a realización da proba, así como a garantía de accesibilidade á información e comunicación dos procesos e do recinto ou espazo físico onde esta se desenvolva.

2. A avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade tomará como referencia as adaptacións curriculares realizadas para este ao longo da etapa. Particularmente, recolleranse medidas de flexibilización e metodolóxicas na avaliación de lingua estranxeira para o alumnado con discapacidade, en especial para os casos de alumnado con discapacidade auditiva, alumnado con dificultades na súa expresión oral e/ou trastornos da fala. Estas adaptacións en ningún caso se terán en conta para minorar as cualificacións obtidas.

Así mesmo, garantirase que as actuacións relativas ao proceso de revisión das probas reguladas no ordinal sétimo destas instrucións sexan accesibles para as persoas con discapacidade.

3. O tribunal cualificador das probas poderá requirir os informes e a colaboración precisa dos órganos técnicos competentes da Administración educativa, así como dos centros onde cursasen bacharelato as alumnas e os alumnos con discapacidade.

Sexta. Cualificación das probas

1. Segundo o establecido no artigo 10 da Orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1941/2016, do 22 de decembro, a cualificación da proba de avaliación do bacharelato para o acceso á universidade será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas en cada unha das probas realizadas das materias xerais do bloque de materias troncais e da materia de Lingua Galega e Literatura, expresada nunha escala de 0 a 10 con tres cifras decimais e redondeada á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. Esta cualificación deberá ser igual ou superior a 4 puntos.

2. A cualificación para o acceso á universidade calcularase ponderando un 40 % a cualificación sinalada no parágrafo anterior e un 60 % a cualificación final da etapa. Entenderase que se reúnen os requisitos de acceso cando o resultado desta ponderación sexa igual ou superior a cinco puntos.

Sétima. Procedemento de revisión das cualificacións obtidas

1. O alumnado e, se é o caso, os pais, as nais ou titores/as legais poderán solicitar ante a presidencia do tribunal cualificador a revisión da cualificación obtida nunha ou varias das probas que compoñen a avaliación. O prazo de presentación das solicitudes para a revisión da cualificación obtida nunha ou varias das probas que compoñen a avaliación será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións.

2. As probas sobre as cales se teña presentado solicitude de revisión serán corrixidas en segunda e, se é o caso, terceira corrección por docentes diferentes no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de revisión.

3. De acordo co disposto no artigo 15 da Orde do 24 de marzo de 2011, a solicitude de revisión da cualificación poderá facerse mediante dous procedementos:

a) Procedemento de reclamación. Neste caso quedará excluída a posibilidade de solicitar a segunda corrección. Os exercicios sobre os cales se presente a solicitude de reclamación serán revisados por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección, co obxecto de verificar que todas as cuestións foron avaliadas cunha correcta aplicación dos criterios xerais de avaliación e específicos de corrección, así como a comprobación de que non existan erros materiais no proceso de cálculo da cualificación final.

A cualificación definitiva da materia será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da primeira corrección, agás nos casos de erros de suma, en que a cualificación será a que resulte correcta.

b) Procedemento de segunda corrección dos exercicios en que se considere incorrecta a aplicación dos criterios xerais de avaliación e específicos de corrección e cualificación, aos cales se fai referencia na instrución terceira punto 3. Os exercicios sobre os cales se presente unha solicitude de segunda corrección serán corrixidos por un profesor ou unha profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

A cualificación será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que existise unha diferenza de dous ou máis puntos entre as dúas cualificacións, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións. Este procedemento deberá efectuarse no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo de tres días establecido no número 1 desta instrución.

Sobre a cualificación outorgada despois do proceso de segunda corrección establecido na alínea a) poderase presentar reclamación ante a CiUG, no prazo de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación da resolución da dobre corrección. A cualificación definitiva da materia será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da segunda corrección.

c) As solicitudes de reclamación e segunda corrección poderán presentarse no lugar de entrega e recollida de documentación (LERD) no cal se entregou a solicitude de matrícula para a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, empregando os impresos específicos contidos nos sobres de matrícula, ou mediante o procedemento telemático establecido pola CiUG.

4. O alumnado e, se é o caso, os pais, nais ou titores legais terán dereito a ver as probas revisadas unha vez finalizado na súa totalidade o proceso de revisión establecido neste artigo, no prazo de dez días desde a notificación da resolución de revisión e segundo os termos do artigo 15.5 da Orde do 24 de marzo de 2011.

5. Unha vez finalizado o procedemento de revisión, adoptarase a resolución que estableza as cualificacións definitivas e seralle notificada ás persoas reclamantes, segundo o disposto no artigo 15.6 da Orde do 24 de marzo de 2011; contra a resolución adoptada pola CiUG, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación ante a propia CiUG. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa do recurso potestativo de reposición ou se produza o acto presunto.

Oitava. Convocatorias

1. No curso 2016/17 realizaranse dúas convocatorias: unha ordinaria e outra extraordinaria.

2. O alumnado que neste curso 2016/17 participou na convocatoria ordinaria poderá presentarse para a mellora das cualificacións na convocatoria extraordinaria. Terase en conta a cualificación obtida sempre que sexa superior á anterior.

Disposición adicional única. Adscrición para a participación na proba

1. O alumnado realizará a avaliación do bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao na universidade á cal estea adscrito, para os efectos indicados tomarase como referencia o centro de educación secundaria en que obtivese o título de bacharel ou equivalentes.

2. Os e as estudantes que obtivesen o título de bacharel ou equivalentes en convocatorias anteriores tamén poderán realizala na universidade á cal estea adscrito o centro de educación secundaria máis próximo ao seu lugar de residencia.

3. No suposto de realizar a avaliación do bacharelato para o acceso a universidade en máis dunha universidade na mesma convocatoria, quedarán anuladas todas elas.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2017

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO I
Lingua e Literatura Galega II. 2º bacharelato

Matriz de especificacións

Bloque de contido

Porcentaxe asignada ao bloque

Estándares de aprendizaxe avaliables

Bloque 2. Comunicación escrita. Ler e escribir.

40 %

LGB2.1.1. Sintetiza as ideas fundamentais do texto en resumos, esquemas e mapas conceptuais.

LGB2.1.2. Interpreta o sentido global e identifica a intención comunicativa do emisor en textos expositivos e argumentativos de distintos ámbitos.

LGB2.1.3. Diferencia as ideas principais e as secundarias e sintetiza o contido de textos expositivos e argumentativos de distintos ámbitos.

LGB2.2.2. Produce textos propios de distintos ámbitos usando o rexistro adecuado, organizando os enunciados en secuencias lineais e ben cohesionadas.

LGB2.3.1. Desenvolve un tema do currículo con rigor, claridade e corrección gramatical.

LGB2.3.2. Adecúa a súa expresión ás condicións da situación comunicativa (tema, destinatario, ámbito discursivo e xénero textual) e emprega os recursos expresivos propios do rexistro formal.

LGB2.3.3. Emprega léxico preciso e evita o uso de coloquialismos ou palabras comodín.

LGB2.6.1. Recoñece, describe e utiliza recursos de cohesión gramaticais e léxico-semánticos.

LGB2.6.2. Describe os tipos de rexistro e analiza as súas manifestacións lingüísticas.

Bloque 3. Funcionamento da lingua.

20 %

LGB3.1.1. Define e identifica os fonemas vocálicos e consonánticos da lingua galega.

LGB3.2.1. Explica as principais variedades dialectais e valora a diversidade lingüística como parte do noso patrimonio cultural.

LGB3.3.1. Explica os procedementos de formación das palabras.

LGB3.3.2. Recoñece e explica os tipos de morfemas así como a análise morfolóxica.

LGB3.3.3. Recoñece, analiza e explica a estrutura morfolóxica.

LGB3.4.1. Recoñece as diferentes estruturas sintácticas, explica as relacións que se establecen e emprega a terminoloxía adecuada.

LGB3.5.1. Identifica e explica as relacións e unidades semánticas.

Bloque 4. Lingua e sociedade.

20 %

LGB4.1.1. Recoñece os estereotipos e prexuízos lingüísticos e determina a súa repercusión nos usos.

LGB4.2.1. Describe e interpreta o proceso de construción da variante estándar da lingua galega.

LGB4.2.2. Recoñece as interferencias lingüísticas no galego, con especial atención aos castelanismos e desenvolve un discurso propio libre destes elementos.

LGB4.3.1. Distingue as características lingüísticas fundamentais do galego moderno (desde 1916 ata 1978).

LGB4.3.2. Describe o contexto histórico e cultural do galego moderno (desde 1916 ata 1978), así como a súa situación sociolingüística.

LGB4.3.3. Diferencia e describe as etapas que podemos establecer entre 1916 e 1978 desde o punto de vista sociolingüístico.

LGB4.3.4. Analiza a importancia da etapa 1916-1978 no desenvolvemento posterior da lingua.

LGB4.3.5. Identifica o galego moderno (desde 1916 ata 1978) en documentos non literarios e literarios.

LGB4.4.1. Distingue as características lingüísticas fundamentais do galego moderno (desde 1978 ata a actualidade).

LGB4.4.2. Describe o contexto histórico e cultural do galego moderno desde 1978 ata a actualidade, así como a súa situación sociolingüística.

LGB4.4.3. Analiza a importancia da etapa desde 1978 ata a actualidade no desenvolvemento do galego.

LGB4.4.4. Recoñece o galego como unha lingua en vías de normalización e sinala as súas fortalezas e debilidades.

LGB4.5.1. Elabora unha descrición esquemática na que se detallen as diferentes etapas da historia da lingua galega e as súas principais características.

LGB4.6.1. Analiza e interpreta a evolución da conciencia lingüística na historia da lingua galega.

Bloque 5. Educación literaria.

20 %

LGB5.1.1. Identifica, analiza e describe a poesía galega de 1916 a 1936: autores/as da Vangarda e outros/as autores/as.

LGB5.1.2. Identifica, analiza e describe a prosa galega de 1916 a 1936: autores/as das Irmandades, o Grupo Nós (narrativa e ensaio) e outros/as autores/as.

LGB5.1.3. Identifica, analiza e describe o teatro galego de 1916 a 1936: autores/as das Irmandades, Vangardas e Grupo Nós.

LGB5.3.1. Identifica, analiza e describe a poesía galega entre 1936 e 1975: produción bélica e autores/as do exilio, a Xeración de 1936, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais.

LGB5.3.2. Identifica, analiza e describe a prosa galega entre 1936 e 1975: produción bélica e os autores do exilio, os renovadores da prosa (Ánxel Fole, Eduardo Blanco-Amor, Álvaro Cunqueiro e Xosé Neira Vilas), así como A Nova Narrativa Galega e autores/as dos primeiros 70.

LGB5.3.3. Identifica, analiza e describe o teatro galego entre 1936 e 1975: teatro do exilio, a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.

LGB5.5.1. Identifica, analiza e describe a poesía galega de 1975 ata a actualidade: temas, xéneros e subxéneros, e estéticas dos/das principais autores/as dos 80, os 90 e o novo século.

LGB5.5.2. Identifica, analiza e describe a prosa galega de 1975 ata a actualidade: temas, xéneros e subxéneros, e estéticas dos/das principais autores/as dos 80, os 90 e o novo século.

LGB5.5.3. Identifica, analiza e describe o teatro galego de 1975 ata a actualidade: temas, xéneros e subxéneros, e estéticas dos/das principais autores/as dos 80, os 90 e o novo século.

ANEXO II

Adscrición das materias de opción do bloque de materias troncais de segundo curso de bacharelato da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, ás ramas de coñecemento establecidas no Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais de grao.

Materia

Ramas de coñecemento

Artes Escénicas

Artes e humanidades

Ciencias sociais e xurídicas

Bioloxía

Ciencias

Ciencias da saúde

Ciencias sociais e xurídicas

Enxeñaría e arquitectura

Cultura Audiovisual II

Artes e humanidades

Ciencias sociais e xurídicas

Debuxo Técnico II

Artes e humanidades

Ciencias sociais e xurídicas

Enxeñaría e arquitectura

Deseño

Artes e humanidades

Ciencias sociais e xurídicas

Enxeñaría e arquitectura

Economía da Empresa

Artes e humanidades

Ciencias sociais e xurídicas

Enxeñaría e arquitectura

Física

Ciencias

Ciencias da saúde

Ciencias sociais e xurídicas

Enxeñaría e arquitectura

Grego II

Artes e humanidades

Ciencias sociais e xurídicas

Historia da Arte

Artes e humanidades

Ciencias sociais e xurídicas

Historia da Filosofía

Artes e humanidades

Ciencias sociais e xurídicas

Química

Ciencias

Ciencias da saúde

Ciencias sociais e xurídicas

Enxeñaría e arquitectura

Xeografía

Artes e humanidades

Ciencias sociais e xurídicas

Xeoloxía

Ciencias

Ciencias da saúde

Ciencias sociais e xurídicas

Enxeñaría e arquitectura