Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2017 Páx. 14779

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 17 de marzo de 2017 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 334414.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 2 da orde:

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención destas axudas estar inscrito no Rexistro Oficial Apícola da Comunidade Autónoma de Galicia, polo menos con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2016. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).

Os apicultores que estean incluídos na solicitude de axuda presentada por unha cooperativa ou asociación ou agrupación de produtores, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda a título individual.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao seu titular ao cobramento de axudas.

2. Para poder acollerse ás ditas medidas da axuda, os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñeren dun seguro de responsabilidade civil.

b) Seren titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.

c) Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida en 31 de decembro de 2016.

d) Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento MR506A, MR506B).

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 17 de marzo de 2017 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2017, de cincocentos dezanove mil trescentos vinte euros (519.320 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídas no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2017

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias