Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2017 Páx. 15110

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e convoca para o ano 2017 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa «Conecta con Galicia» para o ano 2017, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2017, procedemento PR930A.

Artigo 2. Modalidades, número de prazas convocadas e características

O programa «Conecta con Galicia» desenvolverase nas seguintes modalidades:

1. Actividades de aire libre: convócanse 174 prazas, para mozos e mozas residentes fóra de Galicia, con idades comprendidas entre os 14 e os 20 anos, en dúas quendas de 12 días de duración cada unha, durante o mes de xullo, en residencias e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia, para a realización das seguintes actividades:

a) «Cultura e camiño». As persoas participantes aloxaranse seis días, preferentemente, nas residencias xuvenís LUG II en Lugo e Florentino López Cuevillas en Ourense, participarán en actividades para coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas e percorrerán o Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Compostela.

b) «O mar de Galicia». Os seis días restantes aloxaranse en zona de costa, preferentemente, no albergue xuvenil Gandarío en Bergondo (A Coruña), onde realizarán actividades de náutica, de recreo e de coñecemento do medio mariño.

A distribución do número de prazas para cada país de orixe, idades e quendas detállase no anexo I.

2. Campos de traballo: convócanse 22 prazas para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos. As instalacións e datas concretas adaptaranse ao disposto na convocatoria do Programa de campos de traballo da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre.

A distribución do número de prazas para cada país de orixe, detállase no anexo II.

3. A Consellería de Política Social colaborará na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias do programa os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas, así como os medios de desprazamento das persoas beneficiarias das actividades de aire libre desde os aeroportos de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada.

4. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe e dos traslados aéreos das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta en avión, segundo os números de prazas que figuran nos anexos I e II, agás para as persoas participantes procedentes do resto de comunidades autónomas do Estado español. Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres en Galicia de todas as persoas participantes que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída e, no caso das persoas beneficiarias dos campos de traballo, dos traslados desde o aeroporto de chegada ata a residencia ou albergue xuvenil.

5. Os grupos procedentes de países con 12 ou máis participantes por quenda, poderán viaxar, coa conformidade dos pais ou titores dos menores, con acompañantes que serán propostos pola Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, no caso de Arxentina, pola Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, no caso de Uruguai, e polas respectivas entidades colaboradoras previstas no artigo 4.1, nos demais países.

6. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados/as asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades que se van desenvolver no programa en particular. Tamén serán informados/as das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán aloxados.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

c) Ter a nacionalidade española.

d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aquelas persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.

e) As persoas participantes en actividades de aire libre deberán ter, o 30 de xuño de 2017, unha idade comprendida entre os 14 e os 20 anos.

f) As persoas participantes na modalidade de campos de traballo deberán ter, o 30 de xuño de 2017, unha idade comprendida entre os 20 e os 30 anos.

g) Non ter participado na mesma modalidade en edicións anteriores deste programa.

h) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano desta convocatoria.

Para as prazas financiadas ao 50 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria.

Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.

Para o resto das prazas, non se establecerá límite de ingresos.

2. Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

3. A unidade económica familiar estará integrada pola persoa solicitante, os pais e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Na súa solicitude, as persoas interesadas optarán unicamente por unha das modalidades (actividades de aire libre ou campos de traballo), e farán constar a súa preferencia para o regreso en función da quincena en que vaian participar.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española. DNI só no caso de opoñerse expresamente á súa consulta no anexo III.

b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

c) Certificado de rexistro de matrícula consular no que conste a súa residencia fóra de Galicia, agás para os residentes no resto de España.

d) Unha fotografía recente tamaño carné.

e) Para as persoas participantes procedentes do resto de España, un certificado de residencia.

f) Un certificado médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo V, de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

g) Para as persoas participantes que opten por prazas financiadas ao 100 % ou ao 50 % pola Administración, unha certificación ou un xustificante acreditativo dos ingresos brutos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciban as persoas interesadas e os membros da súa unidade económica familiar. No caso de imposibilidade xustificada de presentar esta documentación, poderá constituír documentación suficiente unha declaración responsable. Aqueles membros que convivan coa persoa solicitante e non teñan ingresos económicos deberán xustificalo (certificación negativa do ANSES para os maiores de 18 anos que sexan residentes en Arxentina) ou, se non é posible, deberán entregar unha declaración responsable de que non perciben ingresos de ningún tipo.

h) As persoas solicitantes menores de idade deberán presentar unha autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxar sós e para a súa asistencia á actividade conforme o modelo que figura como anexo IV.

i) Unha autorización asinada polos pais ou titores legais para as persoas solicitantes menores de idade que desexen quedar coa súa familia en Galicia ao rematar a actividade, indicando os datos dos familiares responsables que se farán cargo deles, conforme o modelo que figura como anexo IV.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta (30) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante, que teña 18 anos ou máis e non resida en España, se atopa vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia fixera imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Tramitación, procedemento e réxime de concesión

1. A ordenación e instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 40 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (http://emigracion.xunta.gal) para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión consideraranse desistidas da súa petición, e procederase ao arquivamento do seu expediente nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Transcorrido este prazo elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

5. Nos seguintes días elaborarase unha relación de persoas admitidas descendentes ata o segundo grao de persoas emigrantes galegas, segundo a modalidade e o tipo de financiamento solicitado ata cubrir as prazas convocadas. De quedar prazas vacantes teranse en conta aquelas solicitudes presentadas por descendentes de persoas emigrantes galegas de terceiro grao e sucesivos. No caso de que o número de admitidas fose superior ao de prazas convocadas, a selección final de persoas beneficiarias realizarase por sorteo público.

Para o caso de que na modalidade de «Campos de traballo» houbese un número maior de solicitudes ao de prazas convocadas, terán preferencia aquelas persoas que non participasen na modalidade de «Aire libre» ou na de «Campamentos» en anos anteriores.

As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior, poderán ser distribuídas proporcionalmente, pola Secretaría Xeral da Emigración, entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación co tipo de prazas ofertadas, e no correspondente tramo de idade, ata un máximo dun 25 % do total das prazas.

Publicada a relación definitiva de persoas beneficiarias na páxina web (http://emigracion.xunta.gal), as persoas interesadas que queiran modificar as datas de retorno, disporán de tres días hábiles para modificalas. Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

6. As persoas solicitantes admitidas e que non sexan seleccionadas no sorteo, pasarán a unha lista de reservas na orde resultante do sorteo, e poderán substituír a aquelas seleccionadas que renuncien á praza, nas condicións que determine a Secretaría Xeral da Emigración, para non prexudicar o normal desenvolvemento do programa.

7. Aquelas persoas solicitantes que foron seleccionadas no ano anterior ao da presente convocatoria para as actividades de «Aire libre» ou «Campos de traballo» e que non chegaron a viaxar sen xustificar previamente a súa ausencia, considerarase como se participasen na última convocatoria.

8. Este programa de axudas queda condicionado á programación que para este tipo de actividades elabore a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

9. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

10. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Comisión avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai poderanse crear comisións de avaliación, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos/as das delegacións, no caso de Arxentina e Uruguai e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedoras da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

3. Os expedientes que non fosen examinados polas comisións mencionadas no punto 2, serano pola comisión de avaliación indicada no punto 1 e tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes socioambientais, que deberán realizar profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes. Os resultados obtidos, serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar á desestimación da solicitude.

5. Unha vez examinados os expedientes polas comisións previstas nos puntos anteriores, a comisión de avaliación citada no punto 1 elaborará unha proposta de concesión que será elevada polo órgano instrutor á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, para a súa resolución.

6. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e publicarase na páxina web (http://emigracion.xunta.gal) a relación de persoas beneficiarias, que tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

Artigo 10. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno das residencias e albergues, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

3. No caso de baixa ou renuncia ao programa, as persoas beneficiarias deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días antes da viaxe, a causa da renuncia. No caso de que non comuniquen a súa baixa ou renuncia con antelación á viaxe, poderán ser penalizados con non ser beneficiarias de edicións futuras do programa.

Artigo 12. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que lle poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 13. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion@xunta.gal

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

A asignación do número de prazas en actividades de aire libre queda fixada para o ano 2017 do seguinte xeito:

Prazas actividades ao aire libre 2017 (14-17 anos)

País

Quendas

Financiamento

1ª quenda

2ª quenda

Total

100 %

50 %

0 %

Total

Arxentina

16

17

33

17

12

4

33

Brasil

-

5

5

3

1

1

5

Cuba

-

-

0

-

-

-

0

Uruguai

20

2

22

13

6

3

22

Venezuela

-

12

12

12

-

-

12

Resto de América

3

3

6

3

2

1

6

Resto de España

2

2

4

-

-

4

4

Resto de Europa

1

1

2

-

1

1

2

Totais

42

42

84

48

22

14

84

Prazas actividades ao aire libre 2017 (18-20 anos)

País

Quendas

Financiamento

1ª quenda

2ª quenda

Total

100 %

50 %

0 %

Total

Arxentina

19

15

34

17

13

4

34

Brasil

3

4

7

4

2

1

7

Cuba

-

7

7

7

-

-

7

Uruguai

10

4

14

10

3

1

14

Venezuela

-

8

8

8

-

-

8

Resto de América

4

2

6

2

2

2

6

Resto de España

5

5

10

-

-

10

10

Resto de Europa

2

2

4

-

2

2

4

Totais

43

47

90

48

22

20

90

ANEXO II

A repartición de prazas de campos de traballo por países será a seguinte:

Prazas campos de traballo 2017

País

100 %

50 %

0 %

Total

Arxentina

2

2

1

5

Brasil

1

1

1

3

Cuba

2

-

-

2

Uruguai

1

2

1

4

Venezuela

2

-

-

2

Resto de América

1

1

-

2

Resto de España

-

-

2

2

Resto de Europa

-

1

1

2

Totais

9

7

6

22

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file