Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2017 Páx. 15626

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2017 pola que se convoca o curso Novo marco normativo do urbanismo en Galicia: a Lei do solo de Galicia 2/2016 e o seu Regulamento; a Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia e o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ao amparo do convenio de colaboración subscrito entre ambos, o presente curso «Novo marco normativo do urbanismo en Galicia: a Lei do solo de Galicia 2/2016 e o seu Regulamento; a Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia e o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos», de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

O curso ten como obxectivo divulgar e formar os profesionais no novo marco normativo en materia de urbanismo e regulación de actividades definido na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da aprobación da Lei 2/2016, do solo de Galicia e o seu Regulamento e da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia e o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, que a desenvolve.

2. Contido.

O curso desenvólvese en 14 sesións de 4 horas lectivas cada unha.

Os contidos do curso serán os seguintes:

– Sesión 1. Inauguración. Apertura oficial do curso.

A Lei 2/2016, do solo de Galicia e o seu Regulamento. Introdución. Fundamentos xerais, obxectivos, principais novidades.

– Sesión 2: a Lei 2/2016, do solo de Galicia e o seu Regulamento. A súa integración no marco lexislativo estatal. O réxime transitorio.

– Sesión 3. Clases de solo [I]. Solo urbano. Solo urbanizable.

– Sesión 4. Clases de solo [II]. Solo de núcleo rural. Solo rústico.

– Sesión 5. Os plans xerais.

– Sesión 6. O plan de desenvolvemento na Lei 2/2016.

– Sesión 7. A xestión do planeamento. Regras xerais de equidistribución. Áreas de repartición. Aproveitamento tipo. Polígonos de execución.

– Sesión 8. Actuacións sistemáticas.

– Sesión 9. Actuacións asistemáticas. Estudos de detalle.

– Sesión 10. As licenzas urbanísticas e outras formas de intervención administrativa. Caducidade de licenzas. Revisión e nulidade de licenzas. Acción pública.

– Sesión 11. Comunicacións previas. Declaración de ineficacia da declaración previa.

– Sesión 12. Disciplina urbanística.

– Sesión 13. O deber de conservación e ruína. Ordes de execución. Fóra de ordenación.

– Sesión 14. Exame final. Mesa redonda.

3. Prazas: 50.

4. Destinatarios.

O curso está dirixido a aqueles profesionais de perfil xurídico ou técnico que se encadren nalgunha das situacións seguintes:

4.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 ou A2) do persoal funcionario.

4.2. Pertencer aos grupos I ou II do persoal laboral.

4.3. Ser arquitecto colexiado no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

4.4. Poderá acceder ás prazas restantes o persoal contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente, así como os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

O curso valorarase con 0,3 puntos a aqueles/as alumnos/as que fosen considerados aptos á finalización deste e por tanto, teñan dereito ao certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo).

5. Matrícula.

5.1. Importe:

5.1.1. O importe da matrícula é de catrocentos vinte euros (420 €), salvo o indicado na epígrafe seguinte:

5.1.2. Terán un réxime bonificado, correspondéndolles un importe de matrícula de trescentos euros (300 €), todos aqueles solicitantes que se atopen encadrados nas situacións descritas nos números 4.1 e 4.2, así como os que, estando encadrados no número 4.3, arquitectos colexiados no Colexio Oficial de Arquitectos, estean subscritos ao seu Servizo de Formación no momento da formalización da matrícula.

5.1.3. Terán un réxime bonificado, correspondéndolles un importe de matrícula de trescentos sesenta euros (360 €), os solicitantes que se atopen encadrados no número 4.3, arquitectos colexiados no Colexio Oficial de Arquitectos, que non estean subscritos ao seu Servizo de Formación no momento da formalización da matrícula.

5.2. Pagamento.

O pagamento da matrícula farase efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula.

5.3. Prazo de inscrición e documentación requirida.

O prazo para inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 18 de abril de 2017, ou ben ata que se cubran a totalidade das prazas dispoñibles. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario que para ese efecto figurará, na páxina web de COAG (http://www.coag.es), na sección do curso, acreditando o abono da matrícula correspondente e a documentación requirida en cada caso, e que se relaciona nas epígrafes seguintes:

5.3.1. Se os solicitantes se encadran na situación descrita nos números 4.1 e 4.2, deberán presentar certificación pública descritiva das funcións que desenvolve no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración na que presta os seus servizos.

5.3.2. Se os solicitantes se encadran na situación descrita no número 4.4, deberán presentar orixinal ou copia debidamente cotexada da titulación de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñería, arquitectura técnica ou enxeñería técnica.

6. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinado pola data e a hora de presentación das solicitudes.

7. Publicación da lista de admitidos e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase na páxina web do COAG (http://www.coag.es) e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. Desenvolvemento.

O curso terá unha duración de 56 horas lectivas.

Realizaranse 5 edicións: en Lugo, Pontevedra, A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela.

A) A 1ª sesión do curso, de inauguración e apertura oficial do curso, será conxunta e común para as 5 edicións.

Data: 24 de abril, de 4 horas de duración, das 16.00 ás 20.30 horas, incluíndo 30 minutos de descanso.

Introdución á LSG e o seus regulamentos; seguimento en modalidade webinar (alumnos matriculados nas edicións de Lugo, Pontevedra, A Coruña e Ourense) ou presencial (alumnos matriculados na edición de Santiago de Compostela).

Lugar: sala de formación da sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Praza da Quintana, nº 1.

B) O resto de sesións desenvolveranse en cada edición de acordo coa seguinte programación:

– Edición de Lugo:

13 sesións presenciais de 4 horas, en horario de tarde.

Datas: 25 e 26 de abril; 2, 3, 9, 10, 15, 16, 23, 24, 30 e 31 de maio e 6 de xuño.

Lugar: salón de actos do edificio da Deputación de Lugo. Rúa San Marcos, nº 8.

– Edición de Pontevedra:

13 sesións presenciais de 4 horas, en horario de tarde.

Datas: 2, 3, 4, 10, 15, 16, 23, 24, 30 e 31 de maio e 6, 7 e 13 de xuño.

Padroado de Turismo Rías Baixas, palacete das Mendoza. Praza de Santa María, s/n.

– Edición da Coruña:

13 sesións presenciais de 4 horas, en horario de tarde.

Datas: 9, 10, 15, 16, 23, 24, 30 e 31 de maio e 6, 7, 13, 14 e 20 de xuño.

Sala de arquitectura da Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Rúa Federico Tapia, nº 62.

– Edición de Ourense:

13 sesións presenciais de 4 horas, en horario de tarde.

Datas: 15, 16, 23, 24, 30 e 31 de maio e 6, 7, 13, 14, 19, 27 e 28 de xuño.

Centro cultural Marcos Valcárcel. Rúa Progreso, nº 30.

– Edición de Santiago de Compostela:

7 sesións presenciais de 4 horas en horario de mañá e 4 horas en horario de tarde, excepto o último día desta edición, 21 de xuño, que será só en horario de mañá (4 horas).

Datas: 4, 11 e 18 de maio; 1, 8, 15 e 21 de xuño.

Sala de formación da sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Praza da Quintana, nº 1.

Na última sesión de cada edición realizarase un exame final tipo test.

A programación detallada e o horario de cada unha das edicións pode consultarse en www.coag.es/formacion

9. Certificado de aproveitamento.

Ao final do curso expedirase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas, e que superasen o exame final tipo test.

10. A asistencia e a puntualidade.

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia: non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na liña c) perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

11. Modificacións e incidencias.

A EGAP e o COAG resérvanse a facultade de modificar o programa e de resolver as cuestións que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización. Queda condicionada, así mesmo, a realización do curso á formalización e ao pago das matrículas por un importe que o COAG considere suficiente para o financiamento do curso; no caso de que por este motivo non sexa posible a realización do curso, o COAG procederá á devolución das cantidades aboadas.

Correspóndelle á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública