Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 3 de abril de 2017 Páx. 15817

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2017 pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e os servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia baseados nas unidades formativas da cualificación profesional de extinción de incendios e salvamento (SEA129_2) e o certificado de profesionalidade de nivel 2 de extinción de incendios e salvamento (SEAD0111), cofinanciados co Fondo Social Europeo (FSE), no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dos cursos de formación dirixidos ao persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia relacionados coas unidades formativas da cualificación profesional «Extinción de incendios e salvamento (SEA129_2)» e o certificado de profesionalidade de nivel 2 «Extinción de incendios e salvamento (SEAD0111)», conforme as seguintes bases:

Primeira. Actividades formativas

As actividades formativas serán as que se especifican no anexo desta resolución, no cal se indica o número de horas lectivas, o número de prazas e as datas de realización dos distintos cursos e, se é o caso, tamén o lugar de realización, as ditas actividades formativas terán preferentemente horario de mañá e de tarde.

Todos os cursos convocados constarán dunha edición.

Se é o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

A superación de cada curso supón a obtención do certificado de aproveitamento expedido pola Agasp do curso en concreto e dos determinados contidos específicos que se imparten de cada unidade formativa establecidos no anexo e non suporá a acreditación directa dos contidos nin da unidade formativa do correspondente certificado de profesionalidade, que deberán obterse, se é o caso, polas canles regulamentarias.

Segunda. Contido das actividades formativas

As actividades formativas convocadas pola presente resolución están baseadas nas unidades formativas asociadas ao certificado de profesionalidade de nivel 2 «Extinción de incendios e salvamento SEAD0111», creado polo Real decreto 624/2013, do 2 de agosto (BOE núm. 223, do 17 de setembro), e vinculadas á cualificación profesional «Extinción de incendios e salvamento SEA129_2», creada polo Real decreto 1087/2005, do 16 de setembro (BOE núm. 238, do 5 de outubro).

Na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http//agasp.xunta.es), na epígrafe «Formación» publicarase un resumo do contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).

Grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

Servizos municipais de protección civil e emerxencias.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais: os/as solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se cubrirá xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a pór en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es) e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) No caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan consignados correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios en unha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de 7 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Sétima. Criterios de selección

1. En cada edición das distintas actividades formativas convocadas por esta resolución, as prazas distribuiranse entre os colectivos destinatarios do curso de acordo co seguinte:

Colectivo

Porcentaxe

1º grupo: servizos de extinción de incendios e salvamento

45 %

2º grupo: grupos de emerxencia supramunicipais (GES)

30 %

3º grupo: servizos municipais de protección civil e emerxencias

25 %

No caso de que non haxa suficientes solicitantes dalgún dos colectivos mencionados que cumpran os requisitos para cubrir o número de prazas asignado, completarase a selección con solicitantes dos outros colectivos que son destinatarios do curso que cumpran os requisitos, repartindo por igual as prazas vacantes por grupos e cando non sexa posible pola orde de grupos, empezando a repartición polo grupo 1 e así sucesivamente.

2. Na selección dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

3. Dentro dos colectivos destinatarios do curso terán preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico, se as houbese.

4. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Os solicitantes que realizasen anteriormente o curso poderán ser seleccionados para realizalo no suposto de existiren vacantes. De non existiren vacantes, poderán figurar na lista de reserva despois dos solicitantes que non tivesen o curso.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal ou por fax ao número 886 20 61 23, e cunha antelación de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Novena. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décima. Aloxamento

A Agasp proporcionará sempre que sexa posible aloxamento de luns a venres na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

Todo isto condicionado á dispoñibilidade organizativa e orzamentaria da Agasp.

Décimo primeira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

O alumnado dos cursos deberá dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos ao alumnado refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa operación, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa operación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Décimo segunda. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir á/ao alumna/o poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/do alumna/o ao longo do curso».

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo cuarta. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2014-2020, no eixe 1B, obxectivo temático 08-Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de investimento 08.01-Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral. Obxectivo específico 08.01.02- Mellorar a empregabilidade especialmente das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, a través da adquisición e/ou actualización de competencias profesionais.

Décimo quinta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, ampliar novas edicións ou prazas ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 29 de marzo de 2017

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO

Cursos baseados nas unidades formativas asociados no certificado de profesionalidade de nivel 2 «Extinción de incendios e salvamento SEAD0111»; para o persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencia supramunicipais GES e servizos municipais de protección civil e emerxencias

Denominación do curso

Unidade formativa asociada

Horas lectivas

Prazas

Datas

Lugar

Soporte vital básico

0677: Soporte vital básico

60

24

18, 19, 20, 21, 24, 25, 26 de abril

Agasp (A Estrada)

Operacións de salvamento en altura e en espazos confinados

2344: Operacións de salvamento en altura e en espazos confinados

50

20

7, 8, 14, 15, 21, 22, 23 de xuño

Agasp (A Estrada)

Rescate en medios de transporte e en medios acuáticos

2345: Rescate en medios de transporte e en medios acuáticos

50

20

29, 30, 31 de maio e 7, 8, 9 de xuño

Agasp (A Estrada)

Extinción de incendios urbanos e industriais. Extinción de incendios en interiores.

2346: Extinción de incendios urbanos e industriais. Extinción de incendios interiores

90

20

19, 20, 21, 26, 27, 28 de xuño e 11, 12, 13, 25, 26, 27 de setembro

Agasp (A Estrada)

Intervención en emerxencias con substancias perigosas

2348: Intervención en emerxencias con substancias perigosas

80

20

18, 19, 24, 25, 26 de abril e 2, 3, 4, 8, 9 de maio

Agasp (A Estrada)

Actuación en sucesos por fenómenos naturais: vendavais, inundacións e riadas, afundimentos por efecto de terremoto ou corrementos de terreo e outros

2349: Actuación en sucesos por fenómenos naturais, vendavais, inundacións, riadas, afundimentos por efecto de terremoto ou corrementos de terreo e outros

50

20

14, 15, 16, 19, 20, 21, 22 de xuño

Agasp (A Estrada)

Apeos, apuntalamentos e saneamentos

2350: Apeos, apuntalamentos e saneamentos

80

20

3, 4, 5, 10, 11, 12, 15, 16, 18, 19 de maio

Agasp (A Estrada)

Achiques, rescate en ascensores e máquinas, accesos, persoas con enfermidade mental e suicidas, rescate de animais e corte de subministracións

2351: Achiques, rescate en ascensores e máquinas, accesos, persoas con enfermidade mental e suicidas, rescate de animais e corte de subministracións

60

20

18, 19, 25, 26, 29, 30 de maio e 5, 6 de xuño

Agasp (A Estrada)