Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 5 de abril de 2017 Páx. 16219

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2017 pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que realizaron en 2016 os contidos parciais (Resolución do 23 de setembro de 2016 e Diario Oficial de Galicia do 29 de setembro) baseados en determinadas unidades formativas da cualificación profesional de extinción de incendios e salvamento (SEA129_2) e o certificado de profesionalidade de nivel 2 de extinción de incendios e salvamento (SEAD0111), cofinanciados co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dos cursos de formación dirixidos ao persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia relacionados coas unidades formativas da cualificación profesional «Extinción de incendios e salvamento (SEA129_2)» e o certificado de profesionalidade de nivel 2 «Extinción de incendios e salvamento (SEAD0111)», conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivo e actividades formativas

O obxectivo desta convocatoria é completar a formación dos voluntarios que realizaron en 2016 as actividades convocadas por Resolución con data do 23 de setembro de 2016 e DOG do 29 de setembro, relativa aos cursos que constaban no seu anexo, para a formación continua para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia baseados en determinados contidos parciais das unidades formativas da cualificación profesional de extinción de incendios e salvamento (SEA129_2) e o certificado de profesionalidade de nivel 2 de extinción de incendios e salvamento (SEAD0111), cofinanciados co Fondo Social Europeo (FSE), no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

As actividades formativas que completan a formación referida serán as que se especifican no anexo desta resolución, no cal se indica tamén o número de horas lectivas, o número de prazas e as datas de realización dos distintos cursos.

Todos os cursos convocados constarán dunha edición, realizaranse na Academia Galega de Seguridade Pública (r/ Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra) e preferentemente terán horario de mañá e tarde.

De ser o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

A superación de cada curso supón a obtención do certificado de aproveitamento expedido pola Agasp do curso en concreto e dos determinados contidos específicos parciais que se imparten de cada unidade formativa establecidos no anexo e non suporá a acreditación directa dos contidos nin da unidade formativa do correspondente certificado de profesionalidade, que deberán obterse, de ser o caso, polas canles regulamentarias.

Segunda. Contido das actividades formativas

As actividades formativas convocadas pola presente resolución están baseadas en determinados contidos parciais que se especifican no anexo desta convocatoria das unidades formativas asociadas ao certificado de profesionalidade de nivel 2 «Extinción de incendios e salvamento SEAD0111», creado polo Real decreto 624/2013, do 2 de agosto (BOE núm. 223, do 17 de setembro), e vinculadas á cualificación profesional «Extinción de incendios e salvamento SEA129_2», creada polo Real decreto 1087/2005, do 16 de setembro (BOE núm. 238, do 5 outubro).

Na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http//agasp.xunta.es), na epígrafe «Formación» publicarase un resumo do contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia, que realizase en 2016 os contidos parciais convocados por Resolución do 23 de setembro de 2016 pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia baseados en determinados contidos parciais das unidades formativas da cualificación profesional de extinción de incendios e salvamento (SEA129_2) e o certificado de profesionalidade de nivel 2 de extinción de incendios e salvamento (SEAD0111), cofinanciados co Fondo Social Europeo (FSE), no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia (DOG do 29.9.2016).

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais: o establecido no anterior punto terceiro.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou o desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es) e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos nos de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan consignados correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de 7 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Sétima. Criterios de selección

Os criterios de selección son os indicados nos puntos terceiro e cuarto.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal ou por fax ao número 886 20 61 23, e cunha antelación de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo primeira. Aloxamento e manutención

A Agasp proporcionará sempre que sexa posible aloxamento de luns a venres na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal.

A Agasp tamén proporcionará sempre que sexa posible a manutención de luns a venres ás persoas desempregadas admitidas no curso que o soliciten, nos termos que esta estableza e sempre dentro do recinto da Agasp.

Todo isto condicionado á dispoñibilidade organizativa e orzamentaria da Agasp.

Décimo segunda. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

O alumnado dos cursos deberá dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos ao alumnado refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa operación, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa operación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Décimo terceira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo cuarta. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo quinta. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2014-2020, no eixe 1B, obxectivo temático 08-Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de investimento 08.01-Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral. Obxectivo específico 08.01.02-Mellorar a empregabilidade especialmente das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, a través da adquisición e/ou actualización de competencias profesionais.

Décimo sexta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, ampliar novas edicións ou prazas ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 29 de marzo de 2017

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO
Cursos baseados nas unidades formativas asociadas ao certificado de profesionalidade de nivel 2 Extinción de incendios e salvamento SEAD0111;
para o persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil

Denominación do curso

Contidos

(Segundo RD 624/2013, BOE do 17.9.2013)

Horas lectivas

Prazas

Datas

Soporte vital básico

2ª parte

3. Atención inicial ás urxencias e emerxencias cardiocirculatorias e respiratorias.

4. Atención inicial ante emerxencias neurolóxicas e psiquiátricas.

5. Atención inicial ante emerxencias xestacionais e coidados ao neonato.

6. Enchemento da folla de rexistro acorde ao proceso asistencial do paciente e transmisión ao centro coordinador.

(Baseado en parte da UF 0677: soporte vital básico)

32

24

2, 3, 4, 5 de maio

Operacións de salvamento en altura e en espazos confinados

2ª parte

2. Rescate en espazos confinados.

(Baseado en parte da UF 2344: operacións de salvamento en altura e en espazos confinados)

25

20

24, 25, 26 de abril

Rescate en medios de transporte e en medios acuáticos

2ª parte

2. Salvamento de persoas no medio acuático.

(Baseado en parte da UF 2345: rescate en medios de transporte e en medios acuáticos)

25

20

23, 24, 25 de maio

Operacións de extinción de incendios forestais

2ª parte

3. Técnicas de intervención en incendios forestais.

4. Operacións con medios aéreos en incendios forestais.

(Baseado en parte da UF 2347: operacións de extinción de incendios forestais)

45

15

19, 20, 21, 22, 23 de xuño

Intervención en emerxencias con substancias perigosas

2ª parte

3. Equipos, ferramentas e técnicas de intervención con substancias perigosas.

4. Os incendios de substancias perigosas.

(Baseado en parte da UF 2348: intervención en emerxencias con substancias perigosas)

48

20

12, 13, 14, 15, 16, 19 de xuño

Actuación en sucesos por fenómenos naturais, vendavais, inundacións, riadas, afundimentos por efecto de terremoto ou corrementos de terreo e outros

2ª parte

3. Intervención en estruturas colapsadas e afundimentos de terreo.

(Baseado en parte da UF 2349: actuación en sucesos por fenómenos naturais, vendavais, inundacións, riadas, afundimentos por efecto de terremoto ou corrementos de terreo e outros)

26

20

11, 12, 13 de setembro

Apeos, apuntalamentos e saneamentos

2ª parte

3. Operacións de emerxencia de saneado, limpeza, demolición, desescombro e entibación.

(Baseado en parte da UF 2350: apeos, apuntalamentos e saneamentos)

40

20

4, 5, 6, 7, 8 de setembro

Achiques, rescate en ascensores e máquinas, accesos, persoas con enfermidade mental e suicidas, rescate de animais e corte de subministracións

2ª parte

4. Actuación con persoas con enfermidade mental e suicidas.

5. Rescate de animais.

6. Corte de subministracións urbanas.

(Baseado en parte da UF 2351: achiques, rescate en ascensores e máquinas, accesos, persoas con enfermidade mental e suicidas, rescate de animais e corte de subministracións)

30

20

19, 20, 21, 22 de xuño