Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 6 de abril de 2017 Páx. 16357

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 21 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española; no Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de crecemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O colectivo das persoas desempregadas paradas de longa duración é o colectivo que está a sufrir, en maior medida, o incremento das dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo. Así, resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que contribúan a reducir o tempo que as persoas traballadoras pasan en situación de desemprego e faciliten o seu retorno ao mundo laboral.

A incidencia do desemprego de longa duración supón un reto que debe abordarse tendo en conta todas aquelas persoas que buscan activamente unha oportunidade no mercado de traballo, o desafío é agora a reincorporación dun elevado número de persoas desempregadas ao mercado de traballo para que participen da reactivación económica.

En atención a este obxectivo, unha das iniciativas con carácter prioritario é o deseño dun programa de incentivos á contratación por conta allea destinado a dotar de novas oportunidades o citado colectivo de persoas traballadoras desempregadas paradas de longa duración, dadas as súas maiores dificultades de colocación.

Xunto con estas medidas, e dada a necesaria complementariedade entre as actuacións da Administración autonómica e as de ámbito estatal de cara ao logro da inserción dos colectivos desfavorecidos no mundo laboral, as axudas para o fomento do emprego dos parados de longa duración establecidos pola Xunta de Galicia son compatibles cos programas estatais de fomento do emprego aplicables a todo o Estado.

De acordo co disposto no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Esta axuda queda sometida ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

As bases que rexen este programa establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos parados e paradas de longa duración que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2017 dos incentivos á súa contratación por conta allea (procedemento TR349R).

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase, de acordo co establecido no artigo 12.1 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas en rexistros diferentes, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

2. No exercicio económico 2017, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.4, código de proxecto 2016 00316, cun crédito de 1.800.000 euros, e 09.40.322C.480.4, código de proxecto 2016 00316, cun crédito de 200.000 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes de outras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 5. Definicións

1. Persoa desempregada parada de longa duración: para os efectos desta orde entenderase por persoa desempregada de longa duración aquela de 45 ou máis anos de idade, que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, polo menos, doce meses durante os dezaoito meses anteriores á súa contratación.

2. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos consideraranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

3. Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

De acordo co disposto no artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, considerarase que presentan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos, a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE nº 300, do 16 de decembro).

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou que a discapacidade fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade.

4. Persoas en situación ou risco de exclusión social: terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

5. Unidade familiar: o conxunto de persoas que, convivindo no mesmo domicilio, está formado por:

– Aquela persoa pola que se solicite a subvención.

– O seu ou a súa cónxuxe ou parella inscrita no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

– Os seus fillos e fillas menores de 26 anos, ou maiores con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %.

– As persoas menores de idade que teña acollidas.

– Para a aplicación da condición «pertencer a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados» requirirase que todos os membros da unidade familiar maiores de 16 anos estean desempregados, e non sexan perceptores de pensión pública por xubilación ou incapacidade.

– Para o concepto de desempregado dentro da unidade familiar entenderase como persoa que careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Estes datos comprobaranse na data da contratación da persoa traballadora.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten por conta allea persoas traballadoras desempregadas de longa duración, para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas e non incorran nas circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non acharse ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atopárense indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 2 e 3 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 7. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais realizadas con persoas desempregadas paradas de longa duración que se formalicen desde o día 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017, ambas inclusive.

A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo.

Artigo 8. Requisitos

1. A persoa traballadora pola que se solicita a subvención debe ser persoa desempregada parada de longa duración, segundo o establecido no artigo 5 desta orde.

2. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

3. Como consecuencia da contratación indefinida que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

4. Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán ás persoas traballadoras fixas cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.

No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixasdescontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

5. A xornada da contratación indefinida inicial a tempo parcial deberá ser igual ou superior ao 50 % da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal.

6. As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 9. Contía dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 10.000 euros.

Esta contía incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

c) Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

d) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

2. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

3. No caso de que a empresa conte no seu cadro de persoal no mes da contratación pola que se solicita subvención cun mínimo do 75 % de persoal indefinido, as contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 12.500 euros.

Esta contía incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

c) Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.

d) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

4. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

Artigo 10. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

CAPÍTULO II
Competencia e procedemento

Artigo 11. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da persoa titular da consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 12. Solicitudes e prazos

1. En relación coa presentación de solicitudes, as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens. Todas elas, incluídos os autónomos, exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, en calquera actividade comercial que realicen, polo que consideramos que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

3. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

5. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2017, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

6. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, http://industria.xunta.gal, e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

7. Para garantir que os cidadáns que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. A comprobación do cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras polas que se solicita subvención, previstos no artigo 5 desta orde, realizarase mediante a cesión de datos realizada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 6.2.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 10.4.c) do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e nos artigos 14.1.b) e 20.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 17. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Débese achegar declaración ante un notario ou secretario municipal, adquirindo esta a categoría de documento público, e pode ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.

b) Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos tres meses anteriores á data de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada (anexo II). Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 8.4.

c) Informe de vida laboral correspondente aos tres meses anteriores ao mes en que se realiza a contratación indefinida inicial, máis o do correspondente ao do mes en que se realiza a dita contratación.

d) Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo III) e a nómina do mes de contratación.

e) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia).

f) No caso de incorporación dunha persoa pertencente a unha familia en que todos os seus membros están desempregados:

1º. Declaración responsable da persoa traballadora contratada sobre a composición da súa unidade familiar, de acordo co modelo do anexo IV.

2º. Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.

3º. Copia do libro de familia.

4º. Comprobación de datos das persoas membros da unidade familiar distintos do solicitante para a comprobación dos seus datos (anexo V).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.

c) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa traballadora contratada faga constar no anexo IV que pertence a unha familia en que todos os seus membros están desempregados:

a) Copia do documento nacional de identidade das persoas membros da unidade familiar maiores de 16 anos.

b) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativo ás persoas membros da unidade familiar maiores de 16 anos.

c) Certificado das prestacións e importes que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas que integran a unidade familiar maiores de 16 anos.

d) Se é o caso, certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro sinalado no anexo V e achegar os documentos correspondentes.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 19. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego por Conta Allea da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notific@, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola intervención da proposta emitida polo servizo instrutor, a resolución ditaraa o órgano competente por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria e seralle notificada á persoa interesada. As resolucións de concesión ou denegación serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da documentación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

A documentación que hai que presentar é a seguinte:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementarias da presentada coa solicitude (anexo VI).

b) Nóminas aboadas desde a contratación ata a presentación desta documentación.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

CAPÍTULO III
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 22. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das axudas:

1. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación o control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

4. Dispoñer, se é o caso, daqueles libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados que exixa a lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. A entidade beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de dous anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa traballadora desempregada de longa duración pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa e, polo menos, cunha xornada de traballo igual ou superior á da persoa substituída. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

9. Manter en cómputo anual o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, durante un período mínimo de dous anos, que se contarán desde a data de realización da contratación.

10. Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento destas obrigas, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia do período de 12 meses contados desde o mes seguinte ao da realización das contratacións subvencionadas. Esta declaración deberá presentarse de cada un dos dous anos seguintes ao mes en que se realizou a contratación subvencionada. A estas declaracións xuntarase un informe de vida laboral da entidade correspondente ás 24 mensualidades desde que se realizou a contratación subvencionada.

Artigo 24. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 25. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos programas desta orde.

2. As obrigas de reintegro establecidas nesta orde, entenderanse sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no artigo 23.8 desta orde, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

4. Cando a substitución se realice transcorrido o prazo establecido no artigo 23.8 entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso a contía que haberá que reintegrar calcularase do seguinte xeito:

i) Divídese entre vinte e catro (24) meses o importe concedido pola persoa traballadora substituída.

ii) Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que concede a orde para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día de dito mes en que aquela se realice.

iii) Multiplícase o importe obtido na operación primeira (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.

5. Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita polo menos cunha xornada de traballo igual ao da persoa que causou baixa, ou no suposto dunha modificación da xornada de traballo da persoa contratada e subvencionada:

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior e o cálculo da contía que haberá que reintegrar farase do seguinte xeito:

i) Divídese entre vinte e catro (24) meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii) Calcúlase a subvención que lle correspondería en función da nova xornada de traballo e divídese tamén entre vinte e catro (24) meses.

iii) Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii) O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro (24) tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses con xornada inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

6. Se se efectuou a substitución, pero esta foi feita cunha nova persoa traballadora desempregada de longa duración pola que se poida conceder unha subvención por importe inferior ao da persoa que causou baixa.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación e o cálculo da contía que haberá que reintegrar farase do seguinte xeito:

i) Divídese entre vinte e catro (24) meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii) Calcúlase a subvención que correspondería en función do colectivo da persoa traballadora substituta, e divídese tamén entre vinte e catro (24) meses.

iii) Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii) O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro (24), tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses en que a subvención sería inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

7. Cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 23.9 desta orde procederá o reintegro da axuda. Para o cálculo da contía que haberá que reintegrar terase en conta a contía mínima de subvención concedida á empresa por cada persoa traballadora subvencionada, sendo esta a contía que se aplicará por cada un dos empregos diminuídos, ata o tope da contía concedida.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta
ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 27. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 28. Réxime de axudas

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 1379/2013 do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das cales derivan, ditadas por delegación do conselleiro.

Disposición adicional segunda. Información sobre a xestión de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file