Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2017 Páx. 18410

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2017 pola que se modifica a do 10 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento administrativo PR604A).

Con data do 20 de marzo de 2017, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 10 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento administrativo PR604A).

No artigo 2 da convocatoria disponse que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo vence o 20 de abril de 2017.

As bases reguladoras establecen a obriga de que os solicitantes presenten coa súa solicitude as ofertas para a provisión de acceso á banda larga ultrarrápida, para as cales solicitan a subvención.

A obtención das ditas ofertas implica a necesidade de que os solicitantes contacten con provedores de servizos, que deberán analizar a solución técnica e económica coa cal poderían prestar o servizo solicitado na localización indicada polo solicitante e remitan a dita documentación ao solicitante.

Esta necesidade dos solicitantes de acadar documentación de terceiros, así como a acumulación das festividades de Semana Santa dentro do prazo de solicitude e o feito de que se trate da primeira ocasión en que se realiza esta convocatoria, fan preciso ampliar o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 2 da convocatoria.

Por outra banda, tendo en conta que a execución dos proxectos que sexan obxecto de subvención comporta a realización de tarefas que se poden prolongar no tempo, o aumento do prazo de solicitudes motiva que se amplíen tamén os prazos de realización do proxecto, pagamento dos gastos subvencionables e xustificación recollidos nos artigos 5 e 8 da convocatoria.

De acordo co anterior, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 10 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento administrativo PR604A)

A Resolución do 10 de marzo de 2017 queda modificada como segue:

Un. O artigo 2.1 da convocatoria queda redactado como segue:

«1. O prazo para a presentación das solicitudes rematará o día 11 de maio de 2017.».

Dous. O artigo 5 da convocatoria queda redactado como segue:

«Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación, que é o 15 de novembro de 2017.».

Tres. O artigo 8, puntos 1 e 2, da convocatoria queda redactado como segue:

«1. A execución dos investimentos subvencionables levarase a cabo entre o día seguinte á data de presentación da solicitude e o 15 de novembro de 2017.

2. A documentación xustificativa do cumprimento da finalidade da subvención deberá presentarse ata o 15 de novembro de 2017.».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2017

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia