Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2017 Páx. 19842

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2017, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de abril de 2017, polo que se regula o exercicio e materialización do control financeiro de ciclo continuo no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 27 de abril de 2017, adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda e a iniciativa da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, un acordo polo que se regula o exercicio e materialización do control financeiro de ciclo continuo no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

En cumprimento do disposto no inciso final do citado acordo, ordénase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2017

Almudena Chacón Pichel
Interventora xeral da Comunidade Autónoma

ANEXO
Acordo polo que se regula o exercicio e materialización do control financeiro
de ciclo continuo no ámbito do Servizo Galego de Saúde

Primeiro. Obxecto e contido

1. O presente acordo ten por obxecto regular o réxime xurídico para o exercicio do control da actividade económico-financeira do Servizo Galego de Saúde, na modalidade de control financeiro permanente, de forma continuada e próxima no tempo, para comprobar que se adecua aos principios de legalidade, economía, eficacia e eficiencia.

2. O sistema de control financeiro de ciclo continuo rexerase polo disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, neste acordo e nas súas normas de desenvolvemento, especialmente nas normas de auditoría do sector público e as circulares e instrucións que dite a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Segundo. Ámbito de aplicación

1. O presente acordo será de aplicación sobre a actividade económico-financeira do Servizo Galego de Saúde.

2. As actuacións de control financeiro levaranse a cabo co fin de verificar mensualmente a execución orzamentaria e o funcionamento dos servizos segundo os principios de legalidade, economía, eficiencia e eficacia, así como o seguimento das medidas preventivas e correctoras que procedan, para os centros en que se determine e coa desagregación que se estableza pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, mediante as técnicas de auditoría e control financeiro permanente que se recollen no presente acordo.

Terceiro. Órganos competentes para o exercicio do control

1. O control financeiro permanente no ámbito do Servizo Galego de Saúde correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, de conformidade co disposto no artigo 94.3 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no artigo 106 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde pública.

2. O exercicio e a materialización do control financeiro permanente serán levados a cabo pola Subdirección Xeral de Auditoría e de Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario, que dependerá orgánica e funcionalmente da Consellería de Facenda, integrándose na estrutura orgánica da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, baixo a dirección da persoa titular desta.

3. As diferentes actuacións serán levadas a cabo por servizos de auditoría en cada unha das estruturas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

4. Cando os medios de que dispón a Intervención Xeral non sexan suficientes para a adecuada realización das actuacións que se desenvolverán poderase acudir á contratación de auditores externos para a realización de determinados servizos de apoio de acordo co disposto na normativa vixente en materia de contratación do sector público.

Cuarto. Formas de exercicio. Execución das actuacións

1. O control financeiro permanente exercerase de xeito continuo durante o exercicio económico, mediante a realización de revisións sistemáticas da actividade económico-financeira empregando técnicas de auditoría, mediante a realización das auditorías reguladas no artigo 104 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia ou mediante a realización doutros tipo de control establecidos no presente acordo.

2. As actuacións previstas no presente acordo exerceranse con plena autonomía respecto dos órganos responsables da xestión controlada.

3. As actuacións de control que se desenvolveran permitirán obter unha evidencia suficiente, pertinente e válida.

4. As actuacións e o detalle dos aspectos susceptibles de ser incluídos no alcance das auditorías, cos criterios de agregación e desagregación que se consideren máis axeitados, son:

a) Análise sistemática da execución orzamentaria para cada centro de gasto. Terá carácter mensual con agregación trimestral e anual.

b) Seguimento da facturación dos centros e control do período medio de pagamento con carácter mensual con agregación trimestral e anual.

c) Seguimento da execución dos contratos, concertos e convenios subscritos polas diferentes unidades do Servizo Galego de Saúde.

d) Control da contratación para a adquisición de bens e subministracións, así como de servizos necesarios para o desenvolvemento da actividade dos centros.

e) Análise e seguimento de obxectivos por centros e por áreas funcionais.

f) Calquera outro que se poida determinar atendendo ás características de cada centro que aconsellen a análise dunha área non prevista nos puntos anteriores.

5. Poderán utilizarse, entre outras, como técnicas de control:

a) O exame de rexistros contables, contas ou estados financeiros elaborados polo órgano xestor.

b) O exame de operacións individualizadas e concretas.

c) A verificación de aspectos parciais e concretos dunha serie de actos.

d) A comprobación material de investimentos e outros activos.

e) A análise dos sistemas e procedementos de xestión.

f) A análise e revisión dos sistemas informáticos de xestión económico-financeira.

g) Aqueloutras comprobacións que determine a IXCA en atención ás características especiais das actividades realizadas polo Servizo Galego de Saúde.

6. A elección da técnica de control utilizada realizarase en función dos obxectivos e alcance que en cada caso se aproben no plan anual de actuacións.

7. Actuacións adicionais.

En materia de contratación, a aprobación polo órgano xestor dos pregos de cláusulas administrativas particulares estará supeditada á emisión dun informe previo polo órgano de control interno que determine a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. Para estes efectos, o órgano xestor remitirá o expediente completo. Este informe non terá carácter de fiscalización previa.

Os órganos de control interno que determine a Intervención Xeral emitirán os informes que, á marxe da función interventora, estean previstos en disposición das normas vixentes.

Quinto. Obtención de información, documentación e asesoramento técnico nas actuacións de control

1. No exercicio das funcións de control financeiro os equipos de auditoría examinarán cantos antecedentes, documentación e información sexa preciso segundo os seus plans de traballo no marco do Plan anual de actuacións a que fai referencia o presente acordo.

2. Para os efectos do anterior, os órganos xestores deberán prestar a debida colaboración e apoio ao persoal da Intervención Xeral actuante, en virtude do disposto no artigo 105.2.d) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, facilitando a documentación necesaria, así como o acceso aos seus sistemas de información económico-financeira. Os/as responsables do control poderán solicitar a mencionada información de forma singular ou establecendo a periodicidade e o procedemento para a súa remisión.

3. Así mesmo, os/as actuarios/as encargados/as das tarefas de control poderán solicitar dos órganos competentes tanto o asesoramento xurídico ou técnico que precisen en función da natureza dos controis que se van levar a cabo, como os informes necesarios para o exercicio das súas funcións de control, segundo o disposto no artigo 95.2.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

4. O persoal que exerza o control financeiro permanente deberá gardar o debido segredo profesional sobre os asuntos que coñeza no desenvolvemento das súas funcións.

5. Os datos, informes ou antecedentes obtidos no exercicio do control só poderán ser utilizados para os fins de control, sen prexuízo do disposto nas leis en relación coa exixencia das responsabilidades de calquera tipo que, se é o caso, poidan ser exixidas como consecuencia dos feitos detectados.

Sexto. Plan anual de actuacións

1. O/a titular da Subdirección Xeral de Auditoría e do Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario elaborará anualmente un plan de actuacións de acordo coas propostas remitidas polos servizos de auditoría que teñan encomendado o exercicio das tarefas de auditoría e control financeiro continuo.

2. O plan de actuación anual determinará as áreas que deban ser obxecto de control, así como o alcance específico fixado para estas e as actuacións concretas que se levarán a cabo.

3. O plan será aprobado pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma por proposta do/da titular da Subdirección Xeral de Auditoría e do Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario.

4. Unha vez aprobado o plan, a Intervención Xeral poderá acordar de xeito motivado a súa modificación mediante a inclusión de novos controis, a modificación dos controis previstos ou a non realización dalgún control específico, co obxecto de procurar a mellor realización dos obxectivos fixados no plan de actuacións.

5. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, o/a interventor/a xeral da Comunidade Autónoma poderá acordar a realización de auditorías ou controis específicos de carácter ordinario nos termos previstos no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Sétimo. Informes, destinatarios e tramitación

1. As actuacións dos/as auditores/as da Intervención Xeral que exerzan as funcións de control concretaranse en informes, que recollerán de forma clara e obxectiva os feitos comprobados, as conclusións que derivan deles, así como as recomendacións propostas, se é o caso. Estes informes serán asinados polo xefe/a de servizo de auditoría responsable dos traballos.

2. Este primeiro informe terá carácter provisional e deberá ser remitido ao/á titular da xestión para que no prazo de quince días hábiles formule as alegacións que considere oportunas. No caso de existir deficiencias admitidas polo órgano xestor, este indicará as medidas necesarias e o calendario previsto para emendalas.

3. Transcorrido o prazo sinalado sen a presentación de alegacións, o informe provisional elevarase a definitivo.

4. Os informes definitivos recolleran as alegacións efectuadas polo órgano xestor e a súa valoración polo/a xefe/a de servizo de auditoría da Intervención Xeral.

5. Os/as xefes/as de servizo de auditoría remitirán copia dos informes definitivos a Intervención Xeral, así como ao/á titular da xestión.

Oitavo. Informes globais e de actuación

1. Informes globais. No primeiro trimestre do ano inmediatamente posterior a que se refira o plan de actuacións, o/a titular da Subdirección Xeral de Auditoría e do Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario deberá elaborar un informe comprensivo dos resultados máis relevantes das actuacións de control financeiro realizadas en execución do correspondente plan anual, das medidas correctoras propostas e o seu seguimento, que debe estar baseado nos informes que ao longo do exercicio fosen remitidos aos xestores directos da actividade controlada.

2. Informes de actuación. O/a titular da Subdirección Xeral de Auditoría e do Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario elaborará informes de actuación nos casos que se recollan no presente acordo, e neles propoñeranse as medidas concretas de actuación encamiñadas á rectificación de situacións anómalas detectadas nos controis realizados.

3. Os informes de actuación realizaranse nos seguintes casos:

a) Cando se aprecien deficiencias e os titulares da xestión controlada non realicen alegacións ou, presentadas estas, non indiquen as medidas necesarias e o calendario previsto para a súa solución.

b) Cando manifesten discrepancias coas conclusións e recomendacións e non sexan aceptadas polo órgano de control.

c) Cando, tendo manifestado a súa conformidade, non adopten as medidas para solucionar as deficiencias postas de manifesto.

4. O informe de actuación será elevado mediante proposta á Intervención Xeral para a súa aprobación e posterior remisión ao/á titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde e ao/á titular da consellería competente en materia de sanidade. A Intervención Xeral elevará unha copia de informe ao/á conselleiro/a de Facenda.

Noveno. Comisión Central de Avaliación e Seguimento

1. Constitúese a Comisión Central de Avaliación e Seguimento, que estará integrada, en representación da Consellería de Facenda, pola persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a persoa titular da Subdirección Xeral de Auditoría e de Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario e a persoa titular da Subdirección Xeral de Estudos e Políticas de Gasto Sanitario; en representación do Sergas, pola persoa titular da Xerencia do Sergas e as persoas titulares das direccións de Recursos Económicos e Recursos Humanos.

No caso de considerarse necesario pola natureza dos asuntos que se traten, a Intervención Xeral poderá requirir a asistencia dos/das xefes/as de servizo de auditoría, que realizasen actuacións concretas de control, o Sergas poderá requirir a asistencia dos técnicos ou responsables da xestión dos diferentes centros sanitarios.

Así mesmo, asistirá ás reunións da Comisión a persoa titular da Xefatura de Servizo de Coordinación en materia orzamentaria da Consellería de Facenda.

2. A Intervención Xeral remitirá aos membros da Comisión, con carácter previo ás reunións, a información resumo da execución orzamentaria, dos niveis de cumprimento dos distintos centros respecto aos obxectivos marcados e do período medio de pagamento. Así mesmo, remitiranse os informes de actuación que se aproben, así como o informe global a que se refire este acordo.

3. A Comisión Central de Avaliación e Seguimento deberá reunirse con periodicidade mensual para levar a cabo a avaliación e seguimento da execución orzamentaria, do nivel de cumprimento dos distintos centros respecto aos obxectivos marcados, do período medio de pagamento, das deficiencias postas de manifesto nos informes de auditoría definitivos e da implantación e execución das medidas propostas polos órganos xestores.

Décimo. Circulares e Instrucións

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ditará as circulares ou instrucións necesarias para o correcto funcionamento do control financeiro permanente, de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e neste acordo.

Décimo primeiro. Normas que derroga

Queda expresamente derrogado o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de decembro de 2007 polo que se substitúe a función interventora por un sistema de control financeiro permanente no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

Décimo segundo. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o 2 de maio de 2017.