Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2017 Páx. 22747

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

INSTRUCIÓN interpretativa 1/2017, do 9 de maio, para a aplicación do Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia núm. 29, do 10 de febreiro de 2017, publicouse o Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia, que, segundo o previsto na súa disposición derradeira segunda, entra en vigor o día 10 de maio de 2017.

Conforme o previsto no artigo 1 do dito decreto, este ten por obxecto a ordenación dos apartamentos, das vivendas turísticas e das vivendas de uso turístico. Trátase, pois, de desenvolver as previsións que, respecto destas tres figuras concretas de aloxamento turístico, recolle a Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en exercicio da competencia autonómica en materia de ordenación xeral da actividade turística e na procura da prestación dun servizo de calidade ás persoas usuarias turísticas (dereito recoñecido a estas pola dita lei).

Á vista das dúbidas interpretativas xurdidas en relación con determinados preceptos do dito decreto, procede fixar unha serie de criterios de carácter obxectivo e xeral que deberán ser seguidos polo persoal empregado público encargado da súa aplicación, promovendo así a unidade de criterio e excluíndo calquera dúbida na dita aplicación, á vez que se fomenta a transparencia e a seguridade xurídica mediante a publicación de tales criterios no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da Axencia Turismo de Galicia e no Portal de transparencia e goberno aberto.

En atención ao exposto, ao abeiro do artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e do artigo 19.4.c) do estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, dítase a presente

Instrución interpretativa.

Primeiro. O artigo 5.1 do Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, regula o concepto de vivenda de uso turístico, establecendo que «a cesión deste tipo de vivendas será da totalidade da vivenda, sen que se permita a cesión por estancias, de conformidade co disposto no artigo 5.e) da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos».

Este inciso delimita o concepto de vivenda de uso turístico, excluíndo deste concepto o suposto de cesión da vivenda por estancias, de xeito que, no caso de cesión por estancias, non estaremos ante o concreto concepto de vivendas de uso turístico e, polo tanto, non será aplicable o Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, senón que a dita actividade quedará sometida a aqueloutra normativa que, en atención ás circunstancias, lle resulte aplicable.

Segundo. O inciso final do artigo 5.6 do decreto, cando sinala que «Os concellos poderán establecer limitacións no que respecta ao número máximo de vivendas de uso turístico por edificio ou por sector», non establece limitacións senón que o sentido do citado precepto é deixar a salvo as competencias que, se é o caso, desempeñen os concellos, que as exercerán consonte a súa propia normativa.

Terceiro. O artigo 9.1, segundo inciso, do decreto dispón, en relación cos apartamentos e coas vivendas turísticas, que «o período de aloxamento continuado non poderá exceder os tres meses, circunstancia que se reflectirá no documento de admisión».

O dito inciso establece o período de aloxamento máximo para estes establecementos turísticos e concreta regulamentariamente a propia definición legal de establecementos de aloxamento turístico como aqueles en que se proporciona aloxamento de forma temporal ás persoas (artigo 53 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia), de xeito que os supostos de aloxamento por períodos continuados superiores aos tres meses non entrarán dentro do concepto de vivendas turísticas ou apartamentos turísticos, polo que non lles será de aplicación o decreto, e quedarán sometidos á normativa de arrendamentos ou a aquel outra que lles resulte de aplicación.

Cuarto. O título habilitante para o inicio da actividade de aloxamento turístico nas modalidades reguladas no citado decreto é a declaración responsable, segundo os modelos que figuran como anexos daquel. En consecuencia, conforme prevé a Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, e os artigos 31 e 42 do decreto, a presentación da declaración responsable habilita, desde o día da súa presentación, para o desenvolvemento da actividade de que se trate.

A inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia ten por finalidade, tal e como prescribe o artigo 50.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que a Administración dispoña dun censo de empresas e actividades turísticas. Non opera, pois, a dita inscrición como título habilitante para o exercicio da actividade turística para a que se presentou a correspondente declaración senón que, como se indicou, a dita actividade pode exercerse desde o momento da presentación da declaración responsable, sen necesidade de esperar á inscrición no rexistro.

Quinto. Esta instrución comunicarase ao persoal empregado público encargado da aplicación, do control e da inspección do cumprimento da normativa turística e publicarase no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da Axencia Turismo de Galicia e no Portal de transparencia e goberno aberto, para os efectos do xeral coñecemento pola cidadanía dos criterios que se seguirán na aplicación do Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o previsto no artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nos artigos 5 e 7.a) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e nos artigos 6, 9 e 29 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2017

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia