Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 2017 Páx. 23237

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de abril de 2017 polo que se aproban as instrucións para habilitar a consulta pública previa no proceso de elaboración de normativa a través do Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 27 de abril de 2017, adoptou o Acordo polo que se aproban as instrucións para habilitar a consulta pública previa no proceso de elaboración de normativa a través do Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.

Para o seu coñecemento xeral, a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa resolve dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2017

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa

ANEXO
Instrucións para habilitar a consulta pública previa no proceso de elaboración
de normativa a través do Portal de transparencia e Goberno aberto
da Xunta de Galicia

A Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, dispón, no seu artigo 19, que Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico fomentarán a participación da cidadanía e integrarán as súas necesidades e expectativas na planificación e programación das súas políticas públicas.

Por outra parte, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, estableceu, no seu artigo 2.c) como un dos seus principios reitores o de participación cidadá, polo que se considera como obxectivo final dos mecanismos descritos na dita lei a provisión á cidadanía da información necesaria para exercer o seu dereito fundamental á participación nos asuntos públicos.

A dita lei de transparencia dispón no seu artigo 9 a obriga de publicidade activa de determinada información respecto á normativa en tramitación. O establecemento da necesidade de centralizar a información nun único portal de transparencia permitiu que desde o 7 marzo de 2016, data de entrada en vigor da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a totalidade das disposicións xerais en tramitación estean á disposición da cidadanía nun único punto de acceso, co cal se acaba coa dispersión existente ata ese momento nos distintos portais web da Xunta de Galicia.

Nesta mesma liña, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, afonda no seu artigo 133 na participación dos cidadáns no procedemento de elaboración de normas con rango de lei e regulamentos.

En concreto, regula a consulta pública previa e dispón que, con carácter previo á elaboración do proxecto ou anteproxecto de lei ou de regulamento, se efectuará unha consulta pública, a través do portal web da Administración competente, na que se pedirá a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca:

a) Dos problemas que se pretenden solucionar coa norma.

b) Da necesidade e oportunidade da súa aprobación.

c) Dos obxectivos da norma.

d) Das posibles solucións alternativas reguladoras e non reguladoras.

A consulta deberase realizar de tal forma que os potenciais destinatarios da norma e os que realicen achegas sobre ela teñan a posibilidade de emitir a súa opinión, para o cal se deberán pór á súa disposición os documentos necesarios, que serán claros e concisos e reunirán toda a información precisa para que se poidan pronunciar sobre a materia.

Resulta conveniente harmonizar a forma de substanciar este tramite previo na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de forma que se lle facilite o seu acceso á cidadanía.

Así pois, a través do presente acordo, pretendese ditar, con base no artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, instrucións para dirixir nesta materia a actividade dos órganos administrativos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e así ofrecer uns criterios de actuación homoxéneos e coordinados no sector público autonómico. En especial, preténdese habilitar a consulta publica previa de xeito unificado e centralizado a través dun único punto de acceso dispoñible no Portal de transparencia e Goberno aberto mellorando, en consecuencia, a participación cidadá no procedemento de elaboración normativa ao implicar as seguintes vantaxes:

a) Facilidade no acceso: todas as consultas públicas previas estarán accesibles desde unha única páxina.

b) Facilidade na selección: as consultas públicas previas estarán dispoñibles segundo a fase de tramitación en que se encontren: «en prazo aberto» ou «pechadas» e a incorporación de filtros por temas: departamento, entidade, área temática e rango da norma.

c) Facilidade para a presentación de achegas: estará dispoñible un formulario web para a remisión destas, incluíndo a opción de incorporar documentación anexa.

d) Seguridade e confianza: neste novo espazo, e unha vez realizado o envío das achegas, estará dispoñible a opción para descargar un documento co contido da opinión e/ou achega presentada e, ademais, recibirá un correo electrónico do Sistema de avisos da Xunta de Galicia que o/a informará da correcta recepción do seu envío por parte do órgano que xestiona a consulta en cuestión.

e) Información contextual: engádese ao espazo web información contextual do marco normativo correspondente.

f) Transparencia: os cidadáns poden coñecer cantas achegas se levan presentado, ata o momento, para unha determinada proposta normativa.

En virtude do anterior,

ACORDO:

Primeiro. Obxecto

1. O presente acordo ten por obxecto aprobar, coa natureza expresada no artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as instrucións para habilitar a consulta pública previa a través do Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia (http://transparencia.xunta.gal/portada), no proceso de elaboración da normativa, de acordo co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Co obxectivo de mellorar a participación da cidadanía no procedemento de elaboración de normas, con carácter previo á elaboración dun anteproxecto de lei, dun proxecto de decreto lexislativo ou dun proxecto de regulamento, efectuarase unha consulta pública, a través do Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este trámite ten por obxecto recoller a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma e facilitar o proceso de participación pública.

Segundo. Ámbito de aplicación

1. As presentes instrucións serán de aplicación aos anteproxectos de lei, proxectos de decreto lexislativo e proxectos de normas regulamentarias que se impulsen pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e que deban someterse a consulta, de acordo co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. De acordo co establecido na lei indicada, poderá prescindirse do trámite de consulta pública previa no caso de normas orzamentarias ou organizativas ou cando concorran razóns graves de interese público que o xustifiquen.

3. Así mesmo, de acordo co disposto na dita lei, poderase omitir a consulta pública cando a proposta normativa non teña un impacto significativo na actividade económica, non impoña obrigas relevantes aos destinatarios ou regule aspectos parciais dunha materia, de conformidade coa lexislación anterior.

Terceiro. Punto de acceso electrónico á consulta pública previa no Portal de transparencia e Goberno aberto

1. O Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia
(http://transparencia.xunta.gal) incorporará unha sección que centralice, nun espazo único, a publicación das consultas públicas previas, dentro da epígrafe «Temas-Participación e relacións coa cidadanía-Consultas públicas previas».

O dito espazo canalizará para cada proposta normativa, as achegas e/ou opinións recibidas.

2. Así mesmo, nos respectivos portais webs da Presidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, incluirase, na epígrafe «Participación e relacións coa cidadanía», un punto de acceso electrónico para facilitar a participación no procedemento de consulta pública previa. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en coordinación coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) facilitará a imaxe identificativa deste acceso, que incluirá a expresión «Consulta pública previa».

Cuarto. Contido

En relación con cada proposta normativa, o órgano que propón a iniciativa normativa pedirá información sobre os seguintes aspectos:

a) Problemas que se pretenden solucionar coa norma.

b) Necesidade e oportunidade da súa aprobación.

c) Obxectivos da norma.

d) Posibles solucións alternativas, reguladoras e non reguladoras.

Quinto. Estrutura do punto de acceso á consulta pública previa

1. O punto de acceso á sección «Consulta pública previa» do Portal de transparencia e Goberno aberto contará con dúas partes, segundo o estado de trámite desta:

a) «Consultas abertas»: con prazo aberto de envío de opinións e/ou achegas.

b) «Consultas pechadas»: con prazo pechado de envío de opinións e/ou achegas.

2. A epígrafe «Consultas abertas» recollerá unha listaxe das propostas normativas para as cales estea aberto este trámite, co título, o departamento impulsor da iniciativa e as datas do prazo de inicio e peche da consulta.

As propostas normativas ordenaranse por data de entrada no sistema, de máis recente a máis antiga.

3. Durante o período en que a proposta normativa estea en situación de «en prazo aberto de envío de opinións e/ou achegas» ofreceráselles á cidadanía e ás organizacións e asociacións máis representativas, potencialmente afectadas pola futura norma, a posibilidade de realizar achegas cubrindo o formulario web dispoñible, que conterá un cadro de texto libre, coa opción de xuntar documentos. Enviaráselles a estas un aviso da recepción das súas opinións e/ou achegas.

Rematado o período anterior e na data sinalada como de peche do prazo de presentación das achegas, deixarase de mostrar o formulario que permite envialas e a proposta normativa pasará automaticamente á epígrafe «Consultas pechadas».

4. O punto de acceso á consulta pública previa contará cun buscador das propostas normativas sometidas a consulta, tanto daquelas que teñan aberto o prazo («Consultas abertas») como daquelas para as cales o trámite de consulta finalizase («Consultas pechadas»).

O buscador contará, como mínimo, cos seguintes filtros:

a) Departamento.

b) Entidade.

c) Área temática.

d) Rango da norma.

Sexto. Prazo

Os órganos impulsores das propostas normativas concederán un prazo de consulta pública previa de cada iniciativa normativa, como mínimo, de quince (15) días naturais. Por razóns de urxencia debidamente xustificadas poderá acordarse un prazo inferior.

Sétimo. Impacto orzamentario

A habilitación da consulta pública previa no proceso de elaboración normativa a través do Portal de transparencia e Goberno aberto non comporta ningún custo económico adicional para os orzamentos da Comunidade Autónoma galega.

Oitavo. Publicidade

Dado o contido do presente acordo, e coa finalidade de garantir a máxima difusión, información e publicidade aos cidadáns, publicarase no Diario Oficial de Galicia.