Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2017 Páx. 23793

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2016/17.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece no seu artigo 21 que ao finalizar o sexto curso de educación primaria, se realizará unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas, na cal se comprobará o grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística, da competencia matemática e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, así como o logro dos obxectivos da etapa.

O Real decreto 1058/2015, do 20 de novembro, regula as características xerais das probas da avaliación final de educación primaria establecida na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e dispón que o deseño, aplicación e corrección das probas corresponde ás administracións educativas competentes, que deben garantir as condicións axeitadas de aplicación e cualificación.

O Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modifica a disposición derradeira quinta da citada lei e adecua o réxime xurídico da avaliación final da educación primaria ao novo calendario de implantación. Este real decreto establece que ata a entrada en vigor da normativa resultante do Pacto de Estado social e político pola educación, a avaliación de educación primaria recollida no artigo 21 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación será considerada mostral e terá finalidade diagnóstica.

Ademais, o citado real decreto establece que a selección de alumnos e centros docentes será suficiente para obter datos representativos e as administracións educativas poderán elevar o número de centros docentes participantes por riba das necesidades mostrais ou facela con carácter censual.

Posteriormente, a Orde ECD/393/2017, do 4 de maio, pola que se regulan as probas da avaliación final de educación secundaria obrigatoria, para o curso 2016/17, de conformidade co disposto no Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, na súa disposición adicional segunda establece os modelos de informe de resultados das probas de avaliación final educación primaria.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no artigo 22 atribúelle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, entre outras competencias e funcións, a organización de probas específicas que deriven da normativa xeral ou específica, nos niveis educativos non universitarios de Galicia.

En consecuencia, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto ditar as instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2016/17.

Esta avaliación terá carácter mostral e unha finalidade diagnóstica. Aplicarase ao alumnado matriculado en sexto curso de educación primaria nos centros docentes seleccionados para formar a mostra e tamén ao dos centros que o soliciten.

Segundo. Finalidade

A avaliación final de educación primaria terá como finalidade comprobar o grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística, da competencia matemática e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, con vistas á mellora da calidade e da equidade do sistema educativo.

Terceiro. Competencias obxecto de avaliación

1. Na avaliación final de educación primaria avaliaranse a competencia en comunicación lingüística, a competencia matemática e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

2. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables para sexto curso de educación primaria recollidos nos anexos I e III do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Características xerais das probas

1. A Administración educativa proporcionará aos centros docentes os materiais necesarios e o soporte informático para que poidan realizar a avaliación.

2. As probas estarán constituídas por cadernos de alumnado para cada unha das competencias obxecto de avaliación e cuestionarios de contexto dirixidos ás persoas titoras, á dirección do centro, ao alumnado e ás súas familias. Estes cuestionarios permitirán obter información sobre as condicións socioeconómicas e culturais dos centros para a contextualización dos resultados obtidos.

Os cuestionarios de contexto realizaranse preferentemente en formato dixital, sen prexuízo de que as familias o poidan realizar en formato papel.

3. O alumnado que teña concedida no presente curso escolar unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación na área de lingua galega e literatura estará exento nesta avaliación da realización da proba de competencia en comunicación lingüística en lingua galega e literatura.

Quinto. Aplicación e corrección das probas

1. As probas aplicaranse conforme as instrucións que dite a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. As probas, con carácter xeral, serán aplicadas e corrixidas por profesorado que non imparta docencia ao alumnado avaliado.

3. No proceso de corrección aplicaranse os criterios establecidos para cada competencia avaliada.

Sexto. Datas da avaliación

1. A aplicación das probas realizarase os días 23 e 24 de maio de 2017.

2. No caso de que algún centro docente non poida realizar algunha das probas nas datas establecidas no punto anterior, por coincidir cun día non lectivo no centro docente ou por circunstancias sobrevidas que imposibiliten a súa realización, a dirección do centro comunicarao á Inspección educativa e á comisión local establecida no punto noveno desta resolución, cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio da proba. A comisión, oída a inspección do centro, adoptará as medidas necesarias para que se realicen as probas nunha data inmediatamente posterior.

Sétimo. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

1. Estableceranse as medidas máis axeitadas para que as condicións de realización das probas se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

2. Con carácter xeral, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que requira unha atención educativa diferente á ordinaria por presentar necesidades educativas especiais, dificultades específicas de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), altas capacidades intelectuais, por se incorporar tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, realizará a mesma proba que o resto do alumnado, e estableceranse as medidas necesarias para que as condicións de realización da avaliación se adapten ás súas necesidades. As medidas poderán consistir na adaptación de tempos para a realización da proba, a presentación da proba en formatos adaptados e a posta á disposición do alumnado de medios materiais e axudas técnicas que precise.

O alumnado que leve escolarizado no sistema educativo galego menos dun curso escolar completo e cuxa competencia lingüística non sexa suficiente para a comprensión da proba contará co asesoramento lingüístico necesario do seu profesorado, e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.

3. O alumnado que teña autorizada unha adaptación curricular será avaliado de acordo con esa adaptación, polo que os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe que figuren na súa adaptación curricular serán os referentes para a dita avaliación e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.

4. A elaboración, aplicación e corrección das probas adaptadas a cada alumno ou alumna a que se refire o punto anterior será responsabilidade do titor ou titora, contando co asesoramento do resto do equipo docente, da persoa responsable da orientación educativa no centro docente e coa colaboración do profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe.

5. Para aquelas situacións extraordinarias en que se formule dúbida sobre a aplicación da proba de avaliación ao alumno ou á alumna, correspóndelle á comisión de coordinación da avaliación no centro establecida no punto décimo desta resolución, oído o titor ou titora do alumno ou da alumna, resolver se se debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada.

Oitavo. Comisións de coordinación da avaliación

Para o desenvolvemento da avaliación estableceranse dous niveis de coordinación vinculados ás actuacións que se deben desenvolver: unha comisión local de avaliación en cada unha das sedes territoriais de Inspección educativa e unha comisión de coordinación da avaliación no centro docente.

Noveno. Comisións locais de avaliación

1. Constituirase unha comisión local de avaliación final de educación primaria en cada unha das sedes territoriais de Inspección educativa formada por tres funcionarios ou funcionarias de carreira do corpo de inspectores de educación e, cando menos, dous directores ou directoras de centros docentes públicos ou, de ser o caso, dous mestres ou mestras funcionarios, todos eles designados pola persoa titular da xefatura territorial de educación correspondente.

2. Corresponde a cada comisión local de avaliación no seu ámbito territorial respectivo:

a) Facilitar toda a información necesaria aos centros docentes do seu ámbito para a realización da avaliación.

b) Coordinar a realización da avaliación nos centros docentes.

c) Coordinar os procesos de corrección, rexistro de resultados e cualificación das probas de avaliación.

3. As comisións locais de avaliación constituiranse coa entrada en vigor da presente resolución e comunicarase súa constitución á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

4. As comisións locais de avaliación estarán auxiliadas polos inspectores e inspectoras da sede territorial de inspección correspondente e polo persoal docente dos centros en que se realice esta avaliación.

5. Para os efectos de colaboración coas comisións locais, poderanse constituír subcomisións de avaliación integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de mestres, especialistas nas distintas areas que compoñen as probas.

A percepción de asistencias dos membros das comisións locais de avaliación e das subcomisións aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Décimo. Comisión de coordinación da avaliación nos centros docentes

1. Constituirase unha comisión de coordinación da avaliación final de educación primaria en cada centro docente que participe na avaliación formada polo director ou directora do centro, que a presidirá, o xefe ou a xefa de estudos, de ser o caso, o xefe ou a xefa do departamento de orientación, de ser o caso, e unha persoa titora de sexto curso de educación primaria, segundo corresponda, nomeados pola dirección do centro.

2. Esta comisión será a encargada no centro docente de:

a) Informar a comunidade educativa do centro docente sobre o sentido e a finalidade da avaliación final de educación primaria.

b) Planificar e facilitar as condicións e os medios materiais para a correcta realización da avaliación.

c) Planificar e coordinar todo o proceso da avaliación no centro docente e garantir que se realiza de modo adecuado.

d) Seleccionar o persoal docente responsable da aplicación das probas, de acordo co disposto no punto quinto desta resolución.

e) Comunicar á comisión local correspondente o persoal docente seleccionado que auxiliará a dita comisión.

f) Adoptar todas as medidas necesarias para a realización da avaliación ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e, para aquelas situacións extraordinarias para as cales se formule dúbida, resolver se ao alumno ou alumna se lle debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada.

g) Custodiar os materiais da avaliación e garantir a debida confidencialidade.

h) Garantir o rigor e a obxectividade no desenvolvemento de todo o proceso da avaliación.

i) Colaborar coa Administración educativa e coa comisión local correspondente naqueles aspectos do proceso para os cales sexa requirida.

3. A comisión de coordinación da avaliación no centro docente constituirase coa entrada en vigor da presente resolución e comunicarase á inspección educativa correspondente.

Décimo primeiro. Informes

1. Elaborarase un informe en que se reflectirán os resultados obtidos, expresándoos en seis niveis de desenvolvemento competencial, que se nomearán de nivel 1 ao 6. Os resultados poñeranse en coñecemento da comunidade educativa mediante un resumo dos indicadores recollidos no anexo I da Orde ECD/393/2017, do 4 de maio, considerando os factores socioeconómicos e socioculturais do contexto.

2. Os centros docentes obterán un informe de centro que incluirá indicadores de entre os recollidos no anexo II da Resolución de 30 de marzo de 2016, da Secretaría de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se definen os cuestionarios de contexto e os indicadores comúns de centro para a avaliación final de educación primaria.

Décimo segundo. Control do proceso

A Administración educativa, a través da Inspección educativa, requirirá dunha mostra significativa de centros docentes, os materiais das probas da avaliación, co fin de realizar unha segunda corrección que contribúa ao control da calidade do proceso.

Correspóndelle á Inspección educativa supervisar e velar polo correcto desenvolvemento da avaliación nos centros docentes do seu ámbito e participar na corrección de contraste.

Décimo terceiro. Participación do profesorado

De acordo co establecido no artigo 142 da Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación, os equipos directivos e o profesorado dos centros docentes participarán e colaborarán coas administracións educativas nas avaliacións que se realicen nos seus centros.

Décimo cuarto. Datos de carácter persoal

Para o tratamento dos datos de carácter persoal aplicarase o disposto na disposición adicional vixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os datos de carácter persoal serán incluídos nun ficheiro denominado avaliación do sistema educativo cuxa finalidade é xestionar os plans e probas que se realizan para contribuír a mellorar a calidade e equidade da educación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2017

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa