Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2017 Páx. 23807

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria do Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas.

Un dos fins da EGAP, establecido no artigo 3 da Lei 14/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, é a difusión e normalización da lingua galega. Para conseguir este fin, cómpre concienciar as nenas e os nenos galegos da necesidade de fomentar a dinamización da nosa lingua e de coñecer e divulgar a cultura que ao seu través nos transmitiron os nosos devanceiros e devanceiras.

Por esta razón, como un máis dos actos que a EGAP organizará para honrar as letras galegas, e especialmente este ano a Carlos Casares,

RESOLVO:

Anunciar a convocatoria dun premio de literatura infantil no cal poderán participar as nenas e os nenos galegos, que ten como obxectivo incentivar a creatividade literaria a través do uso da lingua galega, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria, baixo o réxime de concorrencia competitiva, do Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas orientado ás nenas e nenos galegos, con idades comprendidas, entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos.

As nenas e os nenos interesados en participar no concurso deberán redactar un conto en lingua galega de temática libre, de acordo co establecido na base terceira.

A concesión dos premios (código de procedemento PR775A) rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

Existirán en cada categoría tres premios en metálico, cada un deles coa seguinte dotación económica:

Categorías

De 9 a 11 anos

De 12 a 14 anos

1º premio

250 euros

250 euros

2º premio

200 euros

200 euros

3º premio

150 euros

150 euros

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2017 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 05.80.122B.4800 e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Terceira. Participantes e contido

Poderán optar aos premios as nenas e nenos galegos con idades comprendidas entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

Os contos deberán redactarse en lingua galega e a súa temática será libre, á elección das persoas participantes. Os textos deberán ser presentados en folios A4, mecanografados por unha soa cara, a un espazo e medio, con formato de fonte Times New Roman, tamaño 12 e cunha extensión mínima dun folio e máxima de cinco.

Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxas persoas representantes legais estean afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os fillos e fillas dos membros do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Cuarta. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

A solicitude, que deberá formalizarse segundo o modelo do anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, irá acompañada dun sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición «Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas», no cal constarán o pseudónimo e o título do conto. Este sobre incluirá:

1. O texto do conto en folio formato A4. Na cabeceira indicaranse exclusivamente o título do conto presentado e o pseudónimo. Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante e romper o anonimato.

2. Un sobre pequeno pechado no cal constará o pseudónimo e o título do conto. Este sobre conterá os seguintes documentos:

– Boletín de inscrición (anexo II), que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

– Fotocopia do libro de familia onde consten os datos de nome, apelidos e idade do/da menor que se presenta ao concurso.

Quinta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas representantes legais do/da menor incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias que constan en poder da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificación do cumprimento das obrigas tributarias que constan en poder da Administración autonómica.

– Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social que constan en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas representantes legais do/da menor se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo e presentar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexta. Prazo e lugar de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, xunto co sobre pechado, deberán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Así mesmo, tamén poderá presentarse no Rexistro Xeral da EGAP.

Sétima. Instrución e tramitación das solicitudes

A Dirección da EGAP, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizará de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar o ditame de concesión dos premios. En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de recepción dos orixinais presentados, a instrución e o requirimento ás persoas solicitantes da emenda, se for necesario.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites posteriores ás solicitudes deberán realizarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Xurado

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas do ámbito literario e docente. As funcións da secretaría, con voz e sen voto, realizaraas unha persoa integrante do cadro de persoal da EGAP proposta pola súa dirección. As designacións efectuaranse procurando acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres na composición total do xurado.

A persoa que exerza a presidencia dirimirá co seu voto de calidade os empates en caso de producirse. A composición do xurado farase pública na páxina web da EGAP.

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos das persoas que o integran. As súas deliberacións serán secretas e da decisión redactarase a acta correspondente, que será asinada pola persoa que exerza a presidencia e a que exerza a secretaría.

Os premios poderán ser declarados desertos, se así o considera o xurado.

Co fin de garantir o anonimato, a Dirección da EGAP facilitará ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o sobre relativo ás obras presentadas, e manterá custodiado o sobre relativo á súa identificación ata que se resolva o procedemento.

Décima. Criterios de valoración, exame e proposta de resolución: ditame do xurado

O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente.

O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Calidade literaria: 15 puntos.

b) Orixinalidade: 15 puntos.

c) Valores relacionados coa nosa cultura e país: 10 puntos.

d) Coidado da lingua: 10 puntos.

Décimo primeira. Resolución, comunicación e aceptación

A Dirección da EGAP, con base na proposta do xurado, resolverá o procedemento de concesión dos premios no prazo de cinco días desde a data de elevación da proposta de resolución.

Para tal efecto, unha vez que o xurado eleve a proposta, a Dirección da EGAP abrirá o sobre pequeno, relativo á identidade das persoas participantes.

A relación das persoas que gañen o concurso publicarase na páxina web da EGAP. Cada unha delas debe aceptar o premio no prazo de cinco días; e comunicarase a continuación o día en que se fará entrega dos premios.

Décimo segunda. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a EGAP publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe dos premios concedidos. Incluirá, igualmente, os referidos premios e as sancións que, como consecuencia deles, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo terceira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado: solicitantes de subvencións, cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Escola Galega de Administración Pública.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: EGAP, rúa Madrid 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.egap@xunta.gal

Décimo cuarta. Pagamento dos premios

Os premios outorgados serán aboados dentro do exercicio económico 2017. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Décimo quinta. Retirada de orixinais non premiados

Os textos non premiados poderán ser retirados das oficinas da EGAP, logo de presentar a solicitude de retirada asinada pola persoa que exerza a representación legal do/da menor e unha identificación no momento da súa recollida, nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.

Décimo sexta. Información e control

As persoas que representan legalmente as persoas beneficiarias dos premios quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á EGAP toda a información e documentación complementarias que considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe dos premios.

Décimo sétima. Aceptación e desenvolvemento das bases

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file