Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 23 de maio de 2017 Páx. 24912

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2017 pola que se actualizan os prezos das escolas infantís dependentes desta axencia.

O Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, establece no seu artigo primeiro que os prezos públicos se actualizarán cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo (IPC) para a Comunidade Autónoma de Galicia no mes de xaneiro anterior ao do curso escolar en que se pretenda que produza efectos, mediante resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, do órgano de dirección competente en materia de familia e infancia.

O Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos, establece na súa disposición adicional primeira que esta asumirá desde a súa posta en funcionamento as competencias atribuídas en materia de xestión de escolas infantís á Dirección Xeral de Familia e Inclusión. A nova entidade subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das súas competencias.

Na súa disposición transitoria primeira, o dito decreto establece, non obstante, que a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión desenvolverá, transitoriamente e pola súa propia condición, as funcións que corresponden ao/á director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais ata o nomeamento deste/a a través do procedemento recollido nestes estatutos.

Por último, o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúe á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolemento das familias.

Conforme os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia no período transcorrido entre o mes de xaneiro de 2016 e o mes de xaneiro de 2017 é do 3,2 %.

En consecuencia, de conformidade co Decreto 40/2014, do 20 de marzo

RESOLVO:

Artigo único. Actualización dos prezos

Actualizar os prezos públicos mensuais dos servizos prestados polas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, segundo os tramos de renda per cápita de unidade familiar, con base no IPC acumulado durante o período transcorrido entre o mes de xaneiro de 2016 e o mes de xaneiro de 2017, de acordo coas tarifas que figuran no anexo da presente resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, os prezos establecidos nela serán de aplicación a partir do día 1 de setembro de 2017.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2017

O/a director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais
P.S. (Disposición transitoria 1ª Decreto 40/2014, do 20 de marzo)
Mª Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

ANEXO

1. Prezo da atención educativa.

O prezo pola atención educativa en xornada completa fíxase en 169,26 €.

Segundo o nivel de renda da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no número 3 deste anexo.

2. Prezo por servizos complementarios.

a) Servizo de comedor.

O prezo por este servizo fíxase en 74,05 €.

Segundo o nivel de renda da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no número 3 deste anexo.

No caso de nenos e nenas que non utilicen o servizo de comedor de maneira habitual e que excepcionalmente e por motivos xustificados desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 4,23 € por día.

b) Horario ampliado.

O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario de atención educativa adxudicado ao usuario ou usuaria será de 21,16 €.

3. Aplicación dos prezos públicos mensuais segundo os tramos de renda da unidade familiar:

a) Rendas inferiores ao trinta por cento do indicador público de renda de efectos múltiples, en adiante IPREM.

Prezo da praza con servizo de comedor 0 €, sen servizo de comedor 0 €.

b) Rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 17,45 €; sen servizo de comedor 0 €.

c) Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 52,36 €; sen servizo de comedor 34,91 €.

d) Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 96,26 €; sen servizo de comedor 69,81 €.

e) Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125 por por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 149,15 €; sen servizo de comedor 112,13 €.

f) Rendas comprendidas entre o 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 186,18 €; sen servizo de comedor 133,29 €.

g) Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 210,52 €; sen servizo de comedor 147,05 €.

h) Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 243,31 €; sen servizo de comedor 169,26 €.