Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2017 Páx. 25763

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de maio de 2017 polo que se autoriza a integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a implantación da primeira fase da planificación do transporte público de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 24 de maio de 2017, adoptou o Acordo polo que se autoriza a integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a implantación da primeira fase da planificación do transporte público de Galicia.

Para o seu coñecemento xeral, a Dirección Xeral de Mobilidade resolve dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2017

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

ANEXO
Acordo polo que se autoriza a integración das distintas modalidades de
transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a
optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a
implantación da primeira fase da planificación do transporte público de Galicia

1. A Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, marcou as actuacións que deberán seguir os poderes públicos para lograr a súa adaptación á evolución das necesidades da sociedade en materia de mobilidade.

Neste sentido, a referida lei configura o Plan de transporte público de Galicia como o instrumento mediante o cal se establece a ordenación dos servizos de transporte público regular de competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma, así como a coordinación do conxunto de servizos de transporte público que se desenvolvan na nosa comunidade.

Ademais, a dita lei establece as normas transitorias de garantía da prestación de servizos no período transitorio, é dicir, o que transcorrerá ata a aprobación do plan e a posterior licitación dos servizos de transporte que o dito plan estableza. Consonte con estes mecanismos, e ante a situación de esgotamento da vixencia dos contratos de xestión de servizos de transporte público regular de uso xeral, logo de que por resolución xudicial (Sentenza do Tribunal Supremo do 14 de marzo de 2016) viñese imposta a súa resolución previa, a propia lei facilitou a continuidade dos servizos de transporte público nas condicións que os viñan prestando ata ese momento, agás renuncia expresa da empresa contratista á dita continuidade.

A concentración territorial dos servizos públicos cuxas empresas contratistas renunciaron á continuidade na explotación facilitou a áxil elaboración dunha planificación para a elaboración do Plan de transporte público de Galicia, respondendo a unha primeira fase na cal, ao tempo que se garante a continuidade do servizo público de transporte nos termos da normativa comunitaria e da citada Lei 10/2016, do 19 de xullo, poderanse anticipar solucións de revisión da estrutura dos servizos de transporte e de integración, racionalización e coordinación de servizos.

2. A esta racionalización e integración de servizos de transporte público dedica a Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, o capítulo III (Integración e coordinación de servizos nunha rede de transporte integrada) do seu título III (Ordenación do sistema de transporte público regular de viaxeiros), ordenando a promoción da integración de servizos dirixidos á atención de diferentes colectivos de persoas usuarias, preferentemente contratados por unha mesma Administración.

De xeito singular, o artigo 79 da mencionada Lei establece que o Consello da Xunta de Galicia, mediante os acordos de integración dos servizos e da súa programación, promoverá unha utilización racional da oferta de servizos de transporte público que contrata a Xunta de Galicia, promovendo a utilización da rede de transporte público regular de uso xeral por parte dos colectivos de persoas usuarias aos cales a Xunta de Galicia ofreza a prestación do servizo de transporte público, e menciona expresamente o de estudantes.

Paralelamente, esta mesma lei atribúelle á consellería con competencia en materia de transporte público as funcións de órgano de contratación do conxunto de servizos de transporte público regular contratados pola Xunta de Galicia, consonte coa programación e as excepcións que, se é o caso, acorde o Consello da Xunta de Galicia ou estableza o Plan de transporte público de Galicia, cuxa aprobación corresponde tamén ao Consello da Xunta de Galicia; e establécese tamén que os diferentes departamentos manterán as súas funcións de órganos de contratación dos servizos que se refiran aos seus ámbitos de actuación, co conxunto de facultades propias destes, na medida en que non se produza a asunción plena desta función consonte cos anteriores acordos do Consello da Xunta de Galicia, ou nos supostos que o propio Consello acorde exceptuar.

Consonte co anterior, corresponde á consellería con competencia en materia de transporte público velar polo correcto funcionamento do transporte a que se refire a citada Lei 2/2017, do 8 de febreiro, e exercer as funcións de planificación, ordenación, coordinación, control, inspección e sanción, se é o caso, dos servizos públicos de persoas dos cales é titular, calquera que sexa o modo en que se xestionen.

3. Coa finalidade de avanzar no proceso de planificación e elaboración do Plan de transporte público de Galicia e, ao tempo, anticipar as solucións de mobilidade que este deberá introducir, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda iniciou unha primeira fase da planificación do sistema de transporte público de Galicia integrado coa prestación de transporte baixo demanda, estruturando os ditos traballos en seis amplos ámbitos territoriais en que se aglutinou o conxunto de contratos vencidos respecto dos que os contratistas prestatarios renunciaran a continuar na explotación.

Dentro destes traballos deseñouse unha nova rede de transporte público coa máxima cobertura territorial e na que se garante a atención prioritaria dos colectivos de escolares, mantendo e, incluso, mellorando os niveis de calidade e prestación de servizo preexistentes, dando así cumprimento aos mandatos do artigo 79.2 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, e facilitando que a rede de transporte público regular de uso xeral presente unha oferta real alternativa ás distintas redes dedicadas a colectivos singulares, como o escolar, que actualmente mantén a Xunta de Galicia.

Esta mellora na cobertura territorial dos servizos debe ser atemperada coa finalidade de acadar proxectos de explotación racionais, e unha transición progresiva cara un novo modelo de transporte público. Ademais, considérase preciso facer un deseño de servizos de transporte que facilite e, incluso, promova a concorrencia pública para a súa prestación, contribuíndo a dinamizar a participación no conxunto do sector económico, o que contribúe a fixar marxes de dimensionamento racional dos ditos contratos, polo que no deseño destes novos servizos se integrarán aqueles tráficos que proporcionen unhas mellores condicións de dimensionamento dos contratos, fomento da mobilidade, racionalización do sistema de transporte e calidade para as persoas usuarias, sempre garantindo a viabilidade en termos sociais e económicos dos novos proxectos de explotación.

4. Esta primeira fase da planificación supón unha oportunidade para avanzar significativamente no proceso de planificación do sistema de transporte público e da súa actualización ás necesidades que a sociedade actual demanda atender. Mais, non cabe esquecer que se enmarca no proceso de garantía da continuidade do servizo de transporte público que regulou o artigo 3 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, e que prevé a adxudicación directa dos correspondentes contratos, en correspondencia co que establece o artigo 5.5 do Regulamento (CE) nº 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 1191/69 e (CEE) nº 1107/70 do Consello. Polo tanto, os novos contratos someteranse ao procedemento de adxudicación directa, mais coas regras de publicidade que para este fixa a Lei 2/2017, do 8 de febreiro.

Así pois, a través do presente acordo autorízase a implementación da primeira fase da planificación do transporte público, de acordo co previsto na Lei 10/2016, do 19 de xullo, e, ao mesmo tempo, autorízase para estes efectos e coa finalidade de acadar unha prestación racional e eficiente dos servizos de transporte, a integración de servizos de transporte público nunha primeira fase do proceso de elaboración do Plan de transporte público de Galicia, prevendo fundamentalmente a integración de servizos de transporte público regular de uso xeral e de transporte de escolares, fíxanse criterios e procedementos e establécense mecanismos para a coordinación administrativa deste proceso.

En virtude do anterior,

ACORDO:

Primeiro. Obxecto

O presente acordo ten por obxecto dispor o inicio do procedemento para a implantación da primeira fase da planificación do transporte público de Galicia, autorizando a integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público.

Segundo. Ámbito e alcance

1. Os servizos de transporte público que van ser obxecto de integración e implantación nesta primeira fase serán os que se definan nos proxectos de explotación que aprobará a dirección xeral competente en materia de transporte, no ámbito da reordenación dos servizos abandonados ou en risco de abandono, consonte co que establecen os artigos 73.2 e 77.4 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, no proceso de garantía da continuidade do servizo de transporte.

2. Estes proxectos de explotación de servizos de transporte público regular de uso xeral suporán, consonte co artigo 73.2 da citada Lei 2/2017, do 8 de febreiro, unha reordenación en profundidade dos servizos abandonados ou en risco de abandono e deberán acadar, como obxectivos fundamentais, a ampliación da cobertura territorial, o equilibrio económico-financeiro dos contratos e a mellora da mobilidade da poboación afectada.

3. Para o cumprimento destes obxectivos nesta primeira fase procederase a unha integración parcial de servizos naquelas zonas do territorio que aglutinan o conxunto de contratos vencidos respecto dos que os contratistas prestatarios renunciaran a continuar na explotación. Para estes efectos, os proxectos de explotación, de acordo co indicado no punto anterior, terán en conta non soamente o obxectivo de mellora na cobertura territorial dos servizos senón tamén a necesidade de acadar proxectos de explotación racionais e que faciliten unha transición progresiva cara ao novo modelo de transporte público.

Nesta primeira fase da planificación garantirase a atención prioritaria dos colectivos de escolares, de xeito que a oferta alternativa proposta manteña, cando menos, os mesmos niveis de calidade e prestación de servizo dos que dispoñían actualmente. Así mesmo, terase en conta na determinación dos concretos servizos que deban integrarse a promoción da concorrencia pública para a súa prestación coa finalidade de dinamizar a participación no conxunto do sector económico e o dimensionamento racional dos ditos contratos.

Xa que logo, no deseño destes novos servizos integraranse aqueles tráficos que proporcionen unhas mellores condicións de dimensionamento dos contratos, fomento da mobilidade, racionalización do sistema de transporte e calidade para as persoas usuarias, e sempre garantindo a viabilidade en termos sociais e económicos dos novos proxectos de explotación.

4. Unha vez ultimada a implantación dos indicados servizos e ata a aprobación do Plan de transporte público de Galicia e a implantación dos servizos que este establecerá, a dirección xeral competente en materia de transporte poderá promover a integración de novos servizos de transporte, tanto de transporte de escolares como doutros colectivos.

Terceiro. Asunción e conservación de competencias

1. A aprobación dos proxectos de explotación dun servizo de transporte público regular de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia que acorde a consellería competente en materia de transporte público ou a dirección xeral competente en materia de transporte público nos supostos que prevé o artigo 77.4 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, suporá a asunción por parte da dita consellería da competencia plena como órgano de contratación sobre o conxunto de servizos previos obxecto de integración.

En calquera caso, a consellería competente en materia de educación conservará as súas competencias respecto da declaración do dereito ao transporte por parte dos escolares, así como a organización das áreas educativas, os seus horarios e xornadas.

2. Coa asunción pola Dirección Xeral de Mobilidade da competencia como órgano de contratación do conxunto destes servizos, estará facultada para adoptar os acordos necesarios para levar a cabo a integración, nos termos establecidos no artigo 88 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e no artigo 79.2 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, que inclúe a suspensión e/ou a resolución dos contratos afectados pola integración.

3. Non obstante, a consellería competente sectorialmente conservará a competencia sobre os servizos de transporte público regular que non sexan obxecto de integración.

Cuarto. Coordinación

1. Créase a Comisión interdepartamental de coordinación do proceso de implantación do sistema de transporte público integrado de Galicia (a Comisión de coordinación, en diante), consonte co establecido na disposición adicional primeira da Lei 2/2017, do 8 de febreiro.

2. A Comisión de coordinación estará integrada por:

a) Dous representantes da consellería competente en materia de transportes.

b) Dous representantes da consellería competente en materia de educación.

c) Un representante por cada un dos restantes departamentos competentes sectorialmente sobre servizos cuxa prestación de transporte sexa obxecto de integración.

A comisión será presidida por un dos representantes da consellería competente en materia de transportes.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un funcionario da dirección xeral competente en materia de transporte público.

As persoas que teñan a titularidade das representacións na Comisión de coordinación poderán designar unha persoa suplente entre o persoal dos seus respectivos centros directivos.

3. Corresponde á Comisión a supervisión do proceso de integración de servizos, a emisión de propostas de mellora, a validación de propostas de integración de novos servizos e a adopción de protocolos provisionais de coordinación entre departamentos mentres non se acaden os acordos definitivos entre os departamentos competentes sectorialmente e o competente sobre os servizos de transporte.

A Comisión de coordinación elevará unha memoria ao Consello da Xunta en relación co proceso de integración, cando menos con periodicidade anual.

Ademais, de xeito singular, a Comisión analizará os criterios que se aplicarán, e adoptará as oportunas instrucións vinculantes, nas actuacións de calquera departamento que poidan afectar a viabilidade dos servizos de transporte público integrados.

4. A Comisión de coordinación actuará de conformidade co réxime que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común para os órganos colexiados.

A convocatoria das sesións e a remisión de documentación aos seus integrantes realizarase mediante medios electrónicos, incluído o correo electrónico.

Para a súa válida constitución, en primeira convocatoria deberán asistir, ademais da presidencia e da secretaría, a metade do resto dos seus integrantes. En segunda convocatoria, que se deberá convocar con, cando menos, media hora de separación respecto da primeira, bastará con que asista a persoa titular da presidencia e mais a persoa titular da secretaría da Comisión xunto con dúas do resto de persoas que a compoñan.

5. A Comisión de coordinación poderá acordar a creación de grupos de traballo formados por persoal administrativo dos diferentes centros directivos. O acordo de creación destes grupos establecerá as condicións para o seu funcionamento e as funcións que lles sexan atribuídas.

Quinto. Publicidade

Dado o contido do presente acordo, e coa finalidade de garantir a máxima difusión, información e publicidade aos cidadáns, publicarase no Diario Oficial de Galicia.