Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2017 Páx. 26020

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 11 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se convocan para o ano 2017.

A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, no seu artigo 91 establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. O artigo 94 da citada lei establece que as actuacións de rehabilitación de carácter illado teñen por obxecto a conservación e rehabilitación dos edificios e das vivendas construídos para mellorar as condicións de vida das persoas que os ocupan.

O artigo 4 da Lei 3/1988, do 27 de abril, pola que se crea o Instituto Galego da Vivenda e Solo, atribúelle a este organismo as funcións de planificación e elaboración de disposicións en materia de vivenda.

O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta aprobou o Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, dedica o seu eixe 3 á prevención da exclusión residencial e, concretamente, o programa 3, de apoio a situacións de emerxencia residencial, prevé dúas novas accións directamente relacionadas cos concellos: o bono alugueiro e a reparación de infravivendas.

A acción de reparación de infravivendas ten como obxectivo outorgar axudas para acometer actuacións urxentes e imprescindibles, para os efectos de mellorar o estado das vivendas ocupadas por persoas en risco de exclusión residencial.

Por outra banda, o artigo 193 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, prevé a cooperación e colaboración entre Administración local e a Administración das comunidades autónomas, tanto en servizos locais como en asuntos de interese común.

No ano 2016 publicáronse dúas convocatorias do Programa de infravivenda; unha mediante a Orde do 4 de maio de 2016, no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, e outra mediante a Orde do 25 de maio de 2016, do Plan rehaVIta. Coa entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e por razóns de economía procesual, considérase necesario reunificar e actualizar as bases reguladoras das citadas convocatorias nunha única norma.

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

De conformidade coas atribucións conferidas no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á conselleira de Infraestruturas e Vivenda e, en consecuencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa de infravivenda correspondente ao Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, código de procedemento VI406A.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas subvencións para a anualidade 2017.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das axudas

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que habiten, en condicións de propietarias, nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalos a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Artigo 3. Concepto de infravivenda

Para os efectos desta orde, enténdese por infravivenda aquela edificación ou vivenda que non reúna as mínimas condicións de habitabilidade.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables as execucións de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade. Estas actuacións poden afectar os elementos exteriores, as condicións estruturais e de seguranza, a habitabilidade e/ou a accesibilidade da edificación ou vivenda.

Artigo 5. Requisitos das actuacións

1. Todas as actuacións que se realizarán deberanse axustar á normativa técnica e urbanística en vigor e deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

2. As actuacións subvencionables non poden estar iniciadas no momento da presentación da solicitude.

3. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder os seis meses.

4. O custo total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Artigo 6. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes.

2. Para poder ser beneficiarios destas subvencións os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no cal o seu prazo de presentación estivese vencido.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se encontren nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 7. Concepto e requisitos das unidades de convivencia

1. Para estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habita e goza dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

2. As unidades de convivencia deberán acreditar uns ingresos ponderados inferiores ao indicador público de efectos múltiples (en diante, IPREM). Este límite de ingresos poderá ser modificado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a cal será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3. Será requisito necesario para a concesión da axuda que algún membro da unidade de convivencia sexa propietario da vivenda obxecto da actuación e, así mesmo, que ningún membro da unidade de convivencia sexa propietario doutra vivenda en todo o territorio nacional. Este requisito non será de aplicación no suposto de actuacións en edificacións ou vivendas do patrimonio municipal.

Artigo 8. Cómputo de ingresos

1. Os ingresos dos membros da unidade de convivencia determinaranse de conformidade coa normativa reguladora do IRPF. Para estes efectos, procederase do seguinte xeito:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada persoa da unidade de convivencia relativas ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da solicitude. De non dispor da correspondente declaración por non estar obrigado/a a tributar por este concepto, deberanse acreditar os ingresos mediante certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, nóminas e seguros sociais. Nestes casos, deberá achegar, ademais, unha declaración responsable dos seus ingresos.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor no período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

Unidade familiar dun membro: 1,00.

Unidade familiar de dous membros: 0,90.

Unidade familiar de tres membros: 0,80.

Unidade familiar de catro membros: 0,75.

Unidade familiar de cinco ou máis membros: 0,70.

2. No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do IRPF, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto neste artigo, sumaranse. O resultado deberá ser inferior ao límite máximo previsto nestas bases reguladoras.

3. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nos termos establecidos na normativa do IRPF, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese, conforme o previsto nos puntos anteriores.

4. Para o caso de que na unidade familiar houbese mulleres xestantes no momento da convocatoria, os concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no punto 1.c) deste artigo, sempre que coa aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

Artigo 9. Contía da axuda

As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por vivenda rehabilitada.

Artigo 10. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o modelo que se incorpora como anexo I a esta orde. Deberase dirixir á área provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou vivenda.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, o/a alcalde/sa ou a persoa en que este/a delegue.

4. As solicitudes deberanse presentar por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

5. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade pública ou privada ou, de ser o caso, declaración de que non se solicitaron ou obtiveron outras axudas para a mesma finalidade. No caso de que se solicitasen ou obtivesen outras axudas para a mesma finalidade, deberase indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.

c) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Que se compromete, no caso de edificacións do patrimonio municipal, a destinar a edificación rehabilitada, durante un prazo non inferior a 5 anos, contado desde a finalización destas obras, a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos nesta orde.

f) Declaración de que todos os datos consignados na solicitude, así como os documentos que se achegan, son certos.

Artigo 11. Documentación complementaria

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención ao IGVS, aceptando os termos da convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se xunta coa solicitude.

b) Para o suposto de que a vivenda sexa de titularidade privada, o anexo II, de autorización das persoas propietarias do inmoble, membros da unidade de convivencia, para que o concello execute as obras de rehabilitación, así como compromiso de dedicar a vivenda a domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia durante un prazo non inferior a tres anos, contado desde a finalización das obras.

c) Certificado da Secretaría municipal en que se acredite que se cumpriu a obriga recollida no artigo 6.2 desta orde.

d) Memoria relativa á infravivenda obxecto das actuacións. Esta memoria deberá conter a seguinte documentación:

1. Informe social sobre as circunstancias persoais, así como das económico-sociais de cada un dos membros da unidade de convivencia. No caso de tratarse dunha infravivenda de titularidade municipal que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este informe.

2. Informe asinado polo/a correspondente técnico/a municipal relativo á localización da infravivenda, das súas características e do seu estado de deterioración. Con este informe deberase xuntar unha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou vivenda e unha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

3. Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución.

4. Informe do/a técnico/a municipal de que as actuacións propostas cumpren coa lexislación vixente.

5. Informe municipal sobre o financiamento da actuación que xustifique a súa viabilidade.

6. Certificado do correspondente órgano do concello de que o nivel de renda da unidade de convivencia das persoas beneficiarias entra dentro dos criterios establecidos nesta orde. No caso de tratarse dunha infravivenda de titularidade municipal que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este informe.

7. No caso de tratarse dunha vivenda de titularidade municipal, certificado da Secretaría municipal en que se acredite que a edificación ou vivenda obxecto de rehabilitación é de titularidade municipal.

8. No caso de que a edificación ou vivenda pertenza a algún dos membros da unidade de convivencia, deberase achegar documentación fidedigna que así o acredite.

Artigo 12. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para o caso de que algún dos concellos presente a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que o faga electronicamente. Nestes casos, considerarase como data de presentación da documentación complementaria aquela en que sexa presentada por vía electrónica.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderalles requirir a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.

4. No caso de que os documentos que se vaian presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido por esta, deberán seguirse, para os efectos da súa presentación, as instrucións que figuran no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa que exerza a titularidade da alcaldía, ou persoa en quen delegue.

b) Validación do NIF da entidade solicitante

c) Certificacións da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de que o concello non ten pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Cando os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar no correspondente cadro habilitado para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS en que estea situado o concello solicitante.

2. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 16. Procedemento de concesión

1. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O procedemento iníciase de oficio, mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de convocatoria.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

4. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos no artigo 10 ou non se xunta a documentación exixida nos artigos 11 e 13, requirirase o concello solicitante para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Unha vez completado o expediente, a persoa titular da xefatura da área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá, tendo en conta os recursos económicos dispoñibles.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. As resolucións ditaranse por rigorosa orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que conste como validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde e na correspondente convocatoria.

2. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución ou desde que se desestimase presuntamente a solicitude.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Así mesmo, a resolución de concesión poderá ser modificada nos termos sinalados no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 19. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución, así como aqueloutras relativas a actuacións que polas súas características non poidan ser executadas no prazo máximo fixado nesta orde para a súa xustificación.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. O concello beneficiario deberá comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras nun prazo máximo de 15 días. Este prazo comezará a contar desde a súa finalización ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación das obras. A comunicación deberase facer por vía electrónica, conforme o anexo III desta orde, e deberase xuntar a seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace do/a alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na cal se faga constar de forma detallada o cumprimento da finalidade da subvención, así como os conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados polo concello e imputables a esta actuación, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e recoñecemento da obriga por parte do órgano competente.

b) Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios e recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra anterior.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

d) Copia de tres orzamentos, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 30.000 €. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía. Deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o concello beneficiario presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de 10 días.

3. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 30 de novembro do ano da convocatoria, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos 10 días anteriores a esa data.

Artigo 21. Pagamento das subvencións

1. O gasto subvencionable determinarase, logo da comprobación da execución de todas as obras e a emisión do informe favorable dos servizos técnicos das áreas provinciais do IGVS, en atención á certificación municipal sinalada na letra a) do número 1 do artigo anterior e ao artigo 58 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

2. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta de titularidade municipal sinalada para o efecto no anexo I polo concello beneficiario.

3. Poderanse realizar pagamentos anticipados ata un importe do 50% da subvención concedida e sen que supere o importe da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 63 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Obrigas dos concellos

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas dos concellos beneficiarios as seguintes:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Someterse ás comprobacións e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución das actuacións.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

4. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Destinar a vivenda rehabilitada a solucionar os problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a cinco anos, contados desde a finalización das obras, para o caso de que a edificación ou vivenda fose de propiedade municipal.

7. Dar a adecuada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do IGVS.

8. Proporcionarlle ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Perda e reintegro da subvención

1. Ademais das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, determinará a perda da subvención a non execución das obras dentro do prazo establecido na resolución de concesión, así como a falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido no artigo 20.

2. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

Artigo 24. Compatibilidade

As subvencións previstas nesta orde son compatibles coas axudas que se puidesen recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles aos concellos interesados avisos da posta á disposición das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos concellos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido das convocatorias que se realicen ao abeiro desta orde serán publicados na Base de datos nacional de subvencións e os seus extractos no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO III

Convocatoria con financiamento no ano 2017

Artigo 27. Obxecto

1. A convocatoria das subvencións do programa de infravivenda para o exercicio 2017 rexerase polo establecido nesta orde.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 28. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.0, por importe de 500.000 euros, e con cargo á anualidade 2017 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da Dirección Xeral do IGVS, e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento e de informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu regulamento, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file