Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2017 Páx. 27307

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2017 pola que se convocan as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como dos transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, aprobou a Orde do 20 de abril de 2016, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como dos transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Con estas axudas preténdese apoiar os esforzos que están a levar a cabo as comunidades de propietarios/as destas vivendas para acometer as obras necesarias para a adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade e habitabilidade destes edificios.

De acordo co anterior e en virtude da disposición derradeira da citada orde de bases reguladoras, a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo está habilitada para ditar as resolucións que sexan necesarias para o seu desenvolvemento, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda e, en consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución, correspondente ao procedemento VI420A, ten por obxecto convocar para o exercicio 2017 as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e os transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan máis de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados.

Segundo. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Orde do 20 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como dos transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 88, do 10 de maio).

Terceiro. Beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean recollidos no obxecto desta convocatoria, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que sexan seleccionadas conforme a prelación das puntuacións obtidas en aplicación do baremo previsto no artigo 19 da orde de bases destas axudas e en virtude da disposición orzamentaria existente.

c) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, á rehabilitación e/ou á adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta convocatoria que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, así como a mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais, como rede de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións que se executen deberán axustarse á normativa técnica de aplicación no momento da súa execución.

Quinto. Orzamento subvencionable

O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das obras, que estará integrado polo prezo de execución destas, os honorarios facultativos, así como os honorarios correspondentes á elaboración do informe de avaliación do edificio e o importe das licenzas e dos tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións.

En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da Base de datos da construción de Galicia vixente no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes e, para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos ou a aqueles que debidamente se xustifiquen e sexan conformados polos servizos técnicos do IGVS.

O acceso á devandita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través do seguinte enlace: http://igvs.xunta.es/web/paraquen/66.

Sexto. Contía das subvencións desta convocatoria

A contía nas subvencións será do 60 % do orzamento aprobado na resolución de concesión.

Sétimo. Aplicación orzamentaria

1. O importe máximo das subvencións instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación dos orzamentos do IGVS 2017 08 80 451A 781.0. A contía será de 1.000.000,00 euros, destinando para tal fin 116.695,81 euros con cargo ao ano 2017 e 883.304,19 euros con cargo ao 2018.

2. A persoa titular da dirección xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas se se producir algunha das causas establecidas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Oitavo. Forma e presentación da solicitude

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das comunidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Noveno. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación da solicitude de axuda será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo. Documentación complementaria necesaria para a tramitación deste procedemento

1. As comunidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación complementaria:

– Certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade en que conste a relación de propietarios/as e os acordos adoptados pola xunta de persoas propietarias de solicitar a axuda, de executar as actuacións solicitadas e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención.

– Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, desagregadas por tipo de actuacións, de acordo co punto cuarto. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar nesta memoria a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.

– Orzamento das obras, desagregado por cada actuación, así como dos demais gastos que se consideren necesarios para as actuacións e sexan subvencionables.

– Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

– Calquera outro documento que a comunidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As comunidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das comunidades interesadas presenta a documentación complementaria presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da comunidade de persoas propietarias.

– DNI da persoa representante.

– Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria.

– Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.

2. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás comunidades interesadas a presentación dos documentos oportunos.

3. No caso de que as comunidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os documentos oportunos.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as comunidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Órganos competentes

Os órganos competentes para a instrución e resolución da concesión son os definidos no artigo 16 da orde de bases destas axudas.

Décimo cuarto. Resolución de concesión

A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións. As resolucións de outorgamento da subvención comprenderán a relación das actuacións para as cales se lles concede a subvención, o orzamento aprobado, o prazo fixado para a execución das obras e a anualidade prevista para presentar a solicitude de pagamento da axuda.

Décimo quinto. Prazo da resolución da concesión

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberá entenderse desestimada.

Décimo sexto. Recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O citado recurso poderase interpoñer no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Décimo sétimo. Solicitude de pagamento da subvención

1. Unha vez finalizadas as obras e dentro da anualidade indicada na resolución de concesión, a comunidade de propietarios/as beneficiaria deberá solicitar o pagamento da subvención mediante a presentación do anexo II, que deberá dirixir á xefatura de área territorial correspondente. O citado anexo, debidamente cuberto e asinado, presentarase xunto coa seguinte documentación:

– Certificado final da dirección de obra, se procede.

– Certificado/s das instalacións, tramitados ante o organismo correspondente, cando proceda.

– Fotografías que mostren as obras executadas.

– Factura do/da contratista polo importe total das obras realizadas.

– Factura dos honorarios facultativos, se procede.

– Factura dos honorarios de elaboración do informe de avaliación do edificio.

– Licenza, taxas e tributos satisfeitos.

– Xustificantes de pagamento do importe total do orzamento subvencionable. Non obstante, no caso que a comunidade de propietarios/as cedese o dereito de cobramento da subvención ao/á contratista das obras obxecto desta axuda, exceptúase a presentación dos xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

2. Se a comunidade beneficiaria quixer ceder o dereito do cobramento da súa subvención ao/á contratista das obras obxecto desta axuda, deberá presentar, xunto á solicitude de pagamento e á documentación prevista no parágrafo anterior, os seguintes documentos:

– Certificado do/da secretario/a da comunidade en que se recolla o acordo de cesión do dereito de cobramento da subvención.

– Documento xustificativo da cesión do dereito de cobramento da subvención (anexo III).

3. A solicitude de pagamento, xunto coa documentación que a debe acompañar, deberán presentarse electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co punto décimo segundo desta resolución.

Décimo oitavo. Desistencia ou renuncia

As comunidades interesadas poderán desistir da súa solicitude ou renunciar aos seus dereitos por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo noveno. Medios de notificación ás comunidades interesadas

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás comunidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e considéranse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas comunidades solicitantes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as comunidades interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, Polígono das Fontiñas, 15707, Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: sx.igvs@xunta.gal

Vixésimo primeiro. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web a relación das comunidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, ademais, as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das comunidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Información aos interesados

1. En relación con este procedemento administrativo poderase obter documentación e información adicional a través de medios electrónicos, na páxina web da Xunta (https://sede.xunta.gal) ou na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/821).

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das comunidades interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites mais comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da LPACAP.

Disposición derradeira única. Eficacia

Esta convocatoria produce efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2017

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file