Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2017 Páx. 28116

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 31 de maio de 2017 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2017/18.

As residencias escolares prestan un servizo complementario que contribúe eficazmente ao desenvolvemento educativo, pois facilitan o acceso ao ensino postobrigatorio ao alumnado que debe escolarizarse en localidades distintas ás do seu domicilio habitual, así como a aquel que, por circunstancias excepcionais, deba utilizar o servizo de residencia como medida para asegurar unha adecuada resposta educativa que non pode recibir nun centro docente da súa residencia habitual.

A disposición derradeira primeira do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, que establece a transformación dos centros de ensinanzas integradas da Coruña, Ourense e Vigo en institutos de educación secundaria e profesional e centros residenciais docentes (Diario Oficial de Galicia núm. 62, do 31 de marzo de 1989), faculta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu desenvolvemento e execución.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Condicións xerais e requisitos

Sección 1ª. Condicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento (código ED306A) para adxudicar prazas de residencia existentes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, ao alumnado que no curso académico 2017/18 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.

2. No caso de centros docentes privados concertados, deberá tratarse de ensinanzas e niveis incluídos no ámbito do concerto educativo.

Artigo 2. Condición de solicitante

Para os efectos desta orde, terá a condición de solicitante a alumna ou o alumno. No caso de que sexan menores de idade, actuarán asistidos polos seus representantes legais.

Artigo 3. Residentes con reserva de praza

1. As persoas residentes terán reserva de praza ata que completen os cursos dun concreto nivel educativo ou ciclo formativo que dean lugar á obtención dun título académico, sempre que non repitan curso e non variasen as demais circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.

2. Se queda algunha praza sen ocupar, deberá acumularse ás vacantes ofertadas polo centro ou, de ser caso, ofertarse ao alumnado que figure na listaxe de suplentes, respectando a orde de prelación. Así mesmo, o centro residencial deberá comunicar esta circunstancia e o número de prazas afectadas á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 4. Residentes sen reserva de praza

Os/as residentes que rematen un concreto nivel educativo ou ciclo formativo e obteñan ou reúnan as condicións necesarias para obter o título académico correspondente non teñen reserva de praza; polo tanto, para continuar estudos deberán presentar unha nova solicitude.

Artigo 5. Prazas de residencia reservadas e prazas vacantes

Os centros residenciais docentes, no prazo de tres (3) días contados a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia:

1. Elaborarán e remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos unha estimación nominativa das persoas residentes que, á vista da información dispoñible nesa data, poidan ter reserva de praza para o curso 2017/18.

2. Publicarán o número de prazas vacantes ofertadas na súa páxina web e/ou no seu taboleiro de anuncios.

Artigo 6. Incompatibilidades

1. As persoas que estean en posesión ou reúnan os requisitos necesarios para obter o título académico correspondente a un determinado nivel e modalidade educativa ou a un determinado ciclo formativo non poderán obter praza de residencia para realizar estudos do mesmo nivel ou dun nivel equivalente. Non se aplicará esta causa de incompatibilidade cando, unha vez adxudicadas as prazas ás persoas admitidas, seguisen existindo prazas vacantes.

2. A condición de adxudicatario/a de praza de residencia gratuíta é compatible coas axudas da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

3. A obtención de praza de residencia non gratuíta é compatible coas indicadas axudas, sempre que o importe da axuda destinado a gastos de comedor e/ou residencia escolar non supere a cantidade que ten que aboar.

Sección 2ª. Requisitos académicos, persoais, de lugar de residencia e económicos

Artigo 7. Requisitos académicos e persoais

A persoa solicitante deberá reunir os seguintes requisitos:

1. Estar matriculada en estudos postobrigatorios non universitarios nalgún dos centros docentes indicados no artigo 1 desta orde no curso 2017/18.

2. Non repetir curso. Excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, a comisión de valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento deste requisito, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e do informe da Inspección educativa.

3. Non ter sido expulsada no curso anterior dun centro residencial nin estar sometida a un procedemento disciplinario en trámite, por algunha das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia descritas no artigo 15 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, e no capítulo II do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.

Artigo 8. Lugar de residencia da unidade familiar e accesibilidade aos estudos

1. A persoa solicitante deberá estar matriculada nunha concreta modalidade dun nivel educativo ou nunha familia profesional ou especialidade dun ciclo formativo, que:

a) Non se imparta en ningún centro sostido con fondos públicos da localidade de residencia habitual da unidade familiar á cal pertenza.

b) E tampouco se imparta nunha localidade que, pola súa proximidade á de residencia habitual ou polos medios de comunicación dispoñibles, permita o desprazamento diario con facilidade.

2. Excepcionalmente, por circunstancias persoais ou familiares moi graves debidamente xustificadas, a comisión de valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento deste requisito, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e dos informes que se consideren oportunos.

Artigo 9. Membros computables da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O alumnado solicitante.

b) As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas ou, de ser o caso, os representantes legais do menor.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa persoa proxenitora.

d) As irmás e irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan das persoas proxenitoras, sempre que convivan no domicilio familiar.

e) As irmás e irmáns maiores de 18 anos con discapacidade, sempre que convivan no domicilio familiar.

2. Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá achegar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se a residencia independente e os medios económicos propios non quedan convenientemente xustificados, a solicitude será denegada.

3. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O/a proxenitor/a que non conviva habitualmente coa persoa solicitante no caso de separación legal ou divorcio, agás que a persoa solicitante fose menor e os proxenitores tivesen a custodia compartida.

b) O agresor nos casos de violencia de xénero.

Artigo 10. Determinación da renda da unidade familiar

1. A renda da unidade familiar que se terá en conta é a do exercicio fiscal 2015 e obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os puntos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Cando o membro computable presente declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 380) e a base impoñible do aforro (recadro 395); cando non a presente, sumaranse todos os ingresos netos obtidos, agás as bolsas de estudo concedidas polas administracións públicas, que non computarán como ingreso.

3. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito da persoa proxenitora coa cal conviva habitualmente a persoa solicitante compútanse para calcular a renda da unidade familiar.

4. Nos casos de separación legal ou divorcio, se os proxenitores teñen a custodia compartida da persoa solicitante, computaranse os ingresos de ambos.

5. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor.

Sección 3ª. Alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia

Artigo 11. Alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia

Ao alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia, tanto se está en centro de menores como se está acollido por unha familia, non se lle terá en conta a renda da unidade familiar e terá preferencia para obter praza se reúne os requisitos académicos e persoais (artigo 7) e os de accesibilidade aos estudos (artigo 8).

CAPÍTULO II
Modalidades de adxudicación praza: gratuíta e bonificada

Artigo 12. Adxudicación de praza gratuíta

A adxudicación de praza de residencia será gratuíta:

1. Cando a renda da unidade familiar sexa igual ou inferior ao limiar 2 fixado polo Real decreto 293/2016, do 15 de xullo, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2016/17 (Boletín Oficial del Estado núm. 171, do 16 de xullo).

2. Cando se trate de alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Adxudicación de praza bonificada

1. Cando a renda da unidade familiar sexa superior ao limiar 2, a persoa adxudicataria deberá aboar anualmente as seguintes cantidades:

a) Ata un 10 %: 551,99 €.

b) Máis do 10 % e ata un 20 %: 846,45 €.

c) Máis do 20 % e ata un 30 %: 1.340,98 €.

d) Máis do 30 %: 2.019,17 €.

2. O pagamento desta cantidade poderá fraccionarse ata un máximo de 3 prazos trimestrais, que deberán facerse efectivos antes do inicio do respectivo trimestre.

CAPÍTULO III
Criterios de baremo

Artigo 14. Criterios de baremo

1. As solicitudes valoraranse conforme a criterios socioeconómicos e de rendemento académico.

2. Os criterios socioeconómicos abranguen: composición da unidade familiar, orfandade ou calquera outra situación familiar especial; número de habitantes do lugar de residencia da unidade familiar e renda da unidade familiar.

Artigo 15. Puntuación pola composición da unidade familiar

1. Por irmán ou irmá asignaranse as seguintes puntuacións:

a) Irmán ou irmá solteiro/a menor de 25 anos non independizado que conviva no domicilio familiar, incluída a persoa solicitante: 1 punto por cada un.

b) Irmán ou irmá residente no mesmo centro: 0,50 puntos por cada un.

2. En atención á condición de orfo, asignaranse as seguintes puntuacións:

a) Orfo/a de pai ou de nai: 9 puntos.

b) Orfo/a absoluto: 13 puntos.

3. Ás situacións familiares especiais enumeradas a seguir asignaráselles a puntuación indicada en cada caso (máximo de 6 puntos):

a) Violencia de xénero: 4 puntos.

b) Residencia habitual dos pais ou titores no estranxeiro: 2 puntos.

c) Discapacidade dalgún membro computable da unidade familiar igual ou superior ao 33 %: 1 punto por cada un; e se é igual ou superior ao 65 %: 4 puntos por cada un.

d) Desemprego dalgunha das persoas proxenitoras, ou de ambas, sempre que esgotasen o dereito a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego e que continúen inscritos como demandantes de emprego: 2 puntos por cada un.

Artigo 16. Número de habitantes da entidade singular de poboación de residencia da unidade familiar

En atención ao número de habitantes da entidade singular de poboación onde resida a unidade familiar, atribuirase a seguinte puntuación:

1. Menos de 1.000 habitantes: 5 puntos.

2. Entre 1.001 e 2.000 habitantes: 4 puntos.

3. Entre 2.001 e 5.000 habitantes: 3 puntos.

4. Entre 5.001 e 10.000 habitantes: 2 puntos.

5. Entre 10.001 e 20.000 habitantes: 1 punto.

6. Máis de 20.000 habitantes: 0 puntos.

Artigo 17. Renda da unidade familiar

Atendendo á renda da unidade familiar, atribuirase a seguinte puntuación:

1. Ata 4.265,00 €: 10 puntos.

2. De 4.265,01 a 4.840,00 €: 8 puntos.

3. De 4.840,01 a 5.420,00 €: 7 puntos.

4. De 5.420,01 a 5.992,00 €: 6 puntos.

5. De 5.992,01 a 6.620,00 €: 5 puntos.

6. De 6.620,01 a 7.145,00 €: 4 puntos.

7. De 7.145,01 a 7.726,00 €: 3 puntos.

8. De 7.726,01 a 8.300,00 €: 2 puntos.

9. De 8.300,01 a 8.878,00 €: 1 punto.

10. Máis de 8.878,00 €: 0 puntos.

Artigo 18. Rendemento académico

1. Con carácter xeral, terase en conta o rendemento académico obtido no curso escolar inmediatamente anterior, é dicir, 2016/17, na realización de estudos que dean lugar á obtención dun título académico oficial, acreditado mediante o certificado oficial de notas.

Cando a persoa solicitante non cursase estudos no ano académico inmediatamente anterior, terase en conta o rendemento académico do último curso que realizase.

2. A nota media será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas, expresadas con dúas cifras decimais.

3. No caso de cualificacións expresadas de forma cualitativa, efectuarase a súa conversión á necesaria expresión numérica segundo a seguinte táboa de equivalencias:

a) Suspenso = 1,00 punto.

b) Aprobado = 5,50 puntos.

c) Ben = 6,50 puntos.

d) Notable = 8,00 puntos.

e) Sobresaliente = 9,00 puntos.

f) Matrícula de honra = 10,00 puntos.

Artigo 19. Supostos excepcionais

1. As circunstancias persoais, familiares, sociais e económicas das cales derive unha problemática específica, así como o feito de residir en zonas con grandes dificultades de escolarización, poderán ser consideradas como supostos excepcionais e poderá outorgarse unha puntuación adicional de ata 10 puntos.

2. Para tal efecto, á vista da solicitude e demais documentación que achegue a persoa interesada, tendo en conta a proposta que efectúe o centro residencial e o informe da Inspección educativa, a comisión de valoración resolverá de forma motivada.

CAPÍTULO IV
Procedemento de adxudicación de praza en período ordinario

Artigo 20. Competencias

1. Na tramitación do procedemento de adxudicación de prazas de residencia, a instrución corresponderá ao respectivo centro residencial docente e a valoración dos criterios de baremo e a elaboración de propostas, á comisión de valoración prevista no artigo 29.

2. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos adoptará as resolucións e acordará a súa publicación nos termos previstos nesta orde.

3. O presente procedemento tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, a través da comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases da convocatoria e adxudicar as prazas e as bonificacións das cotas ás persoas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios (artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Así mesmo, de acordo co artigo 23.4 e 5 da dita lei, o prazo máximo para tramitar o procedemento será de cinco (5) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia; transcorrido este, a solicitude poderá entenderse denegada por silencio administrativo negativo.

Sección 1ª. Presentación de solicitudes e documentación

Artigo 21. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse presencialmente no centro residencial docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Estes formularios normalizados de solicitude (anexo I e II), ademais estarán dispoñibles:

a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.es

b) Nas dependencias dos centros residenciais docentes.

3. A solicitude deberá estar asinada pola persoa solicitante, ou polo seu representante legal, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, que cumpre os requisitos exixidos nela e que todos os datos contidos na solicitude e na documentación achegada son certos; así mesmo, que reúne os requisitos necesarios para obter o título académico que indica.

Artigo 22. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será:

1. Para o alumnado matriculado en bacharelato, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 15 de xullo de 2017 (este incluído).

2. Para o alumnado matriculado en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 8 de agosto de 2017 (este incluído).

Artigo 23. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante cando sexa menor de idade.

b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na súa falta, certificado tributario de imputacións do exercicio 2015.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Grao de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia.

b) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ao 33%).

c) Extinción da percepción da prestación e/ou o subsidio por desemprego e inscrición como demandante de emprego das persoas proxenitoras do alumnado.

d) Falecemento dun membro computable da familia.

2. No caso de que as persoas interesadas (o alumnado solicitante e os membros computables da unidade familiar) se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 24. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude:

1.1. Cando se trate de alumnado que solicita praza por primeira vez ou de alumnado residente sen reserva de praza:

a) O anexo II comprobación de datos de terceiras persoas, de ser o caso.

b) Xustificante da matrícula para o curso académico 2017/18.

c) Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación, poderá acreditar o número de membros da familia utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:

1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou convenio regulador.

2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

d) Certificado de convivencia da persoa solicitante e os demais membros computables da familia no mesmo domicilio.

e) Certificado oficial das notas do curso escolar 2016/17.

f) Certificado do grao de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

g) Documentación xustificativa da exención do requisito de non repetir curso.

h) Documentación acreditativa da concorrencia de circunstancias persoais ou familiares moi graves para eximir do requisito de accesibilidade aos estudos desde o lugar de residencia.

i) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero. Poderá acreditarse en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

1.2. Cando se trate de alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia:

a) Certificación do centro de menores.

b) Copia da resolución xustificativa do acollemento familiar.

2. A documentación complementaria presentarase presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Os documentos achegados deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal e familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás a renda da unidade familiar, que será a correspondente ao exercicio fiscal 2015. No caso de violencia de xénero, aplicarase o disposto na lexislación específica.

Artigo 25. Declaración responsable do alumnado residente

1. O alumnado residente con reserva de praza deberá indicalo na solicitude marcando o correspondente recadro do modelo normalizado (anexo I).

2. A sinatura da solicitude implicará a seguinte declaración: que os estudos que vai realizar no curso 2017/18 son necesarios para completar un nivel educativo ou ciclo formativo que dea lugar á obtención de título académico; que se manteñen as circunstancias familiares, de lugar de residencia e económicas que deron lugar á adxudicación inicial, e que non repite curso.

3. En calquera momento, a dirección do centro residencial docente poderá requirirlle a documentación acreditativa de reunir os requisitos indicados.

Artigo 26. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes deberán realizarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 27. Falta de xustificación de requisitos e/ou de criterios de baremo

1. En todo caso, a dirección do centro residencial e a comisión de valoración poderán requirir a documentación complementaria que xulguen necesaria para constatar a concorrencia ou, de ser o caso, o mantemento dos requisitos e dos criterios de baremo.

2. A falta ou insuficiente xustificación dun requisito impedirá obter ou conservar a praza de residencia. Cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de baremo, atribuiráselle neste 0 puntos.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería competente en materia de educación e o respectivo centro residencial docente publicarán na súa páxina web oficial e/ou no taboleiro de anuncios a relación das persoas beneficiarias. Incluirán, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Sección 2ª. Comisión de valoración

Artigo 29. Composición e funcións da comisión de valoración

1. A comisión de valoración estará composta por:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou aquela en quen delegue.

b) Vogais: un/unha representante de cada un dos centros residenciais docentes.

c) Un/unha representante do Servizo de Recursos Educativos Complementarios dunha das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.

d) Un/unha representante da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

e) Dúas persoas funcionarias da consellería competente en materia de educación, das cales unha actuará como secretaria.

2. Á comisión corresponderalle valorar os criterios de baremo e asignar as puntuacións e as demais funcións atribuídas nesta orde.

Sección 3ª. Listaxes provisionais, definitivas, adxudicación de prazas e listaxe de suplentes

Artigo 30. Publicación da puntuación provisional das persoas admitidas e da listaxe das excluídas

1. Antes do 31 de agosto de 2017, publicaranse a través da páxina web da consellería e do taboleiro de anuncios ou da páxina web do respectivo centro residencial:

a) A listaxe provisional de persoas admitidas que indicará a puntuación total por orde descendente e a correspondente a criterios socioeconómicos e ao rendemento académico.

b) A listaxe provisional de persoas excluídas que indicará a causa da exclusión.

2. As persoas solicitantes poderán formular reclamación ante a comisión de valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.

Artigo 31. Publicación da puntuación definitiva das persoas admitidas, da relación definitiva de excluídas, adxudicatarias de praza e suplentes

1. Antes do 15 de setembro de 2017 publicaranse conxuntamente a través da páxina web da consellería e do taboleiro de anuncios ou da páxina web do respectivo centro residencial:

a) A listaxe definitiva de todas as persoas admitidas con indicación da puntuación total por orde descendente e da correspondente a criterios socioeconómicos e ao rendemento académico.

b) A listaxe definitiva de persoas excluídas que indicará a causa da exclusión.

c) A listaxe de persoas adxudicatarias, que indicará o nome, os apelidos e o centro en que estean matriculadas.

d) A listaxe de suplentes, coas persoas admitidas que, estando matriculadas, no obteñan praza, seguindo a orde de prelación que resulte da súa puntuación definitiva.

2. Na adxudicación de prazas de residencia en período ordinario terán preferencia as persoas matriculadas en cursos completos e as que estean matriculadas, polo menos, na metade dos módulos que compoñan o ciclo formativo, seguindo en ambos os dous casos a orde de prelación que resulte da puntuación definitiva.

3. Se, feita esta adxudicación, seguen existindo prazas vacantes, adxudicaranse ao alumnado matriculado no número de materias ou de módulos que lles falte para finalizar os estudos; ao alumnado con matrícula parcial, que teña un mínimo de catro (4) materias; ou ao alumnado matriculado nun número de módulos que teñan unha duración horaria igual ou superior a 500 horas, seguindo a orde de prelación que resulte da puntuación definitiva.

4. Cando dúas ou máis persoas solicitantes empaten na puntuación total, terá preferencia a que teña maior puntuación no rendemento académico; de existir empate na puntuación por rendemento académico, resolverase por sorteo entre as persoas afectadas por este.

5. Fronte á resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que aproba e ordena a publicación das ditas listaxes, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación na páxina web da consellería, de acordo cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

CAPÍTULO V
Procedemento de adxudicación de praza en período extraordinario

Artigo 32. Presentación de solicitudes en período extraordinario

Cando, unha vez feita a adxudicación de prazas en período ordinario sigan existindo prazas vacantes, o centro residencial abrirá un prazo de presentación de solicitudes en período extraordinario entre o 15 e o 30 de setembro de 2017, ambos incluídos.

Artigo 33. Tramitación

A tramitación destas solicitudes axustarase ao establecido nos artigos anteriores, agás no relativo ás datas e aos prazos, que serán os seguintes:

a) Publicación da listaxe provisional: 7 de outubro de 2017.

b) Prazo para formular reclamación: ata o 11 de outubro de 2017.

c) Publicación da listaxe definitiva e da adxudicación de praza: 17 de outubro de 2017.

CAPÍTULO VI
Obrigas das persoas residentes e causas de perda da praza

Artigo 34. Obrigas das persoas residentes

1. As persoas beneficiarias de praza deberán incorporarse á residencia na data de inicio do curso escolar e respectar o réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

Así mesmo, deberán presentar na secretaría do centro residencial o boletín oficial ou documento acreditativo das notas parciais obtidas durante o curso no prazo máximo de 5 días seguintes á súa entrega por parte do centro docente.

2. Os centros residenciais docentes permanecerán pechados as fins de semana (desde o venres pola tarde ata o domingo pola noite), tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

Artigo 35. Causas de perda da praza

1. As persoas residentes poderán perder a praza:

a) Por non incorporarse ao centro residencial na data de inicio do curso escolar, agás causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Por non residir os días lectivos no centro residencial, agás causas debidamente xustificadas.

c) Por non entregar na secretaría do centro residencial o boletín oficial ou documento acreditativo das notas parciais obtidas durante o curso no prazo máximo de 5 días seguintes á súa entrega por parte do centro docente.

d) Por baixo rendemento académico (faltas reiteradas de asistencia que dean lugar á perda da avaliación, incumprimento dos requisitos para poder rematar o curso...), constatado a través do informe da Inspección educativa.

e) Por perda da condición de alumna ou alumno do centro docente adscrito.

f) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada, cando afecte a concorrencia dos requisitos exixidos na convocatoria.

g) Por inexactitude ou falsidade dos datos ou da información achegada cando, afectando a criterios de baremo, a puntuación outorgada nese criterio sexa determinante para a adxudicación da praza.

h) Por incumprimento das normas de réxime interno do centro residencial, cando se trate de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia ou condutas leves contrarias á convivencia, descritas respectivamente nos artigos 15 e 16 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

Artigo 36. Procedemento

1. A dirección do centro residencial notificará o feito constitutivo do incumprimento das indicadas obrigas á persoa residente e concederalle un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente as alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes.

2. Á vista destas, ou transcorrido o prazo concedido, e logo do informe do consello da residencia, a persoa titular da dirección do centro resolverá o procedente no prazo de cinco (5) días hábiles.

3. Esta resolución notificaráselle á persoa interesada ou, de ser o caso, ao seu representante legal, indicando a posibilidade de interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

CAPÍTULO VII
Recurso

Artigo 37. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, a presente orde poderá ser impuganada potestativamente en reposición no prazo dun mes ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional primeira. Estudos de formación profesional básica

Se, unha vez adxudicadas as prazas ao alumnado matriculado en estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2017/18, seguisen existindo prazas vacantes, poderán adxudicarse a alumnado matriculado en formación profesional básica que reúna os demais requisitos previstos nesta orde.

Disposición adicional segunda. Acceso a servizos do centro residencial por parte de estudantes non residentes

1. As persoas estudantes incluídas na relación de suplentes e, na falta destas, as que reúnan os requisitos académicos previstos nesta orde para poder obter unha praza de residencia, poderán beneficiarse dalgún ou dalgúns servizos da residencia, sempre que exista a dispoñibilidade, logo de aboamento do seu importe.

2. Para determinar este importe teranse en conta as cantidades fixadas para as persoas residentes no artigo 13 desta orde.

3. En todo caso, a utilización de calquera servizo da residencia suporá asumir o compromiso tácito de observar de forma estrita o cumprimento das normas de réxime interno e de convivencia do centro.

Disposición adicional terceira. Cobertura de prazas de residencia con alumnado universitario

1. Se, adxudicadas as prazas a todas as persoas admitidas, hai vacantes, estas poderán ser cubertas con alumnado universitario.

2. Esta circunstancia deberá anunciarse no taboleiro de anuncios do centro residencial, abrindo prazo para presentar solicitudes e documentación. A adxudicación destas prazas axustarase aos criterios de baremo establecidos nesta orde.

3. As persoas beneficiarias deberán aboar a cantidade de 2.949,88 €; o pagamento pode fraccionarse nun máximo de tres (3) prazos trimestrais e deberá facerse efectivo antes do inicio do respectivo trimestre.

Disposición adicional cuarta. Período de funcionamento dos centros residenciais docentes

O período de funcionamento dos centros residenciais docentes coincidirá co calendario escolar que a consellería competente en materia de educación aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia para o curso 2017/18. En todo caso, o centro residencial permanecerá pechado a partir do 30 de xuño de 2018.

Disposición adicional quinta. Deber de confidencialidade

O persoal que preste servizos nos centros residenciais docentes que, con motivo do desenvolvemento das súas funcións, acceda a datos persoais e económicos do alumnado e das familias, quedará suxeito ao deber de confidencialidade e á lexislación sobre protección de datos.

Disposición adicional sexta. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de educación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán exercerse ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela; ou ao correo electrónico sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Disposición adicional sétima. Dereito supletorio

En todo o non previsto pola presente orde serán de aplicación as normas vixentes en materia de bolsas e axudas ao estudo.

Disposición derradeira primeira. Medidas de desenvolvemento

Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file