Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2017 Páx. 29047

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2017 pola que se convocan subvencións a fondo perdido para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do aluguer de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, derrogou o Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulaban as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

A pesar da dita derrogación, na disposición transitoria única do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, indícase que os expedientes iniciados ao abeiro do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, seguirán a tramitarse conforme este decreto, polo que se poderán realizar convocatorias de subvencións para os citados expedientes.

As actuacións subvencionadas no Decreto 44/2011, do 10 de marzo, teñen por finalidade fomentar a recuperación do patrimonio arquitectónico e tradicional, en prol de favorecer a súa utilización como vivenda habitual e permanente.

Coa presente convocatoria preténdese subvencionar aquelas actuacións que obtiveron a cualificación definitiva desde a última convocatoria realizada, así como dar a oportunidade de solicitar a subvención a aquelas persoas que, cumprindo todos os requisitos, non se tivesen acollido ás convocatorias anteriores.

Así mesmo, a disposición transitoria cuarta do citado Decreto 44/2011, do 10 de marzo, prevé a posibilidade de que tamén se poidan presentar a estas convocatorias de subvencións aquelas persoas que dispoñan da cédula de rehabilitación concedida de acordo co derrogado Decreto 157/2006, do 7 de setembro, de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e en conxuntos históricos de Galicia.

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De acordo coas competencias atribuídas no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 25.3 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, e nos artigos 4 e 5 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de remate de fachadas e cubertas, así como de rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago (procedemento VI408E).

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións están recollidas no Decreto 44/2011, do 10 de marzo (Diario Oficial de Galicia número 58, do 23 de marzo), polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

Terceiro. Orzamento

1. Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2017 figura o crédito a través do cal serán atendidas as solicitudes de axudas previstas nesta convocatoria e que se poderán outorgar no ano 2017.

No ámbito rural, as axudas faranse efectivas na aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polo importe de 500.000 euros.

No ámbito histórico e dos Camiños de Santiago, as axudas faranse efectivas na aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polo importe de 500.000 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. No caso de haber remanente nunha das aplicacións orzamentarias e o crédito da outra aplicación non resultar suficiente, poderá realizarse un reaxuste entre as aplicacións mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Cuarto. Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as actuacións previstas no Decreto 44/2011, do 10 de marzo, para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago que conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade e non fosen subvencionadas con anterioridade.

Quinto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actuacións que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e, ademais, conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade.

No suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, só poderán ser beneficiarias as persoas físicas titulares das vivendas ou dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións. Estas persoas serán beneficiarias en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.

2. Será requisito para poder ser persoa beneficiaria da subvención estar dedicando a vivenda a domicilio habitual e permanente, circunstancia que se acreditará do seguinte modo:

– No caso de destinarse a uso propio, mediante certificado de empadroamento que acredite o destino da vivenda rehabilitada a domicilio habitual e permanente desde o día seguinte ao da data da notificación da cualificación definitiva e cunha duración mínima de cinco anos. Non obstante, no caso de que a cualificación definitiva se tivese notificado nun prazo inferior aos cinco anos, acreditarase o destino da vivenda a domicilio habitual e permanente desde esa data e ata a data da solicitude da subvención, sen prexuízo de ter que destinar a vivenda a domicilio habitual e permanente durante o citado prazo de cinco anos.

– No caso de destinarse a alugamento, mediante un contrato de arrendamento cunha duración mínima de cinco anos e que deberá estar formalizado entre o día seguinte ao da notificación da cualificación definitiva e o da publicación da convocatoria de subvención.

No suposto de vivendas con cédula de rehabilitación de calidade ou actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, o requisito de estar dedicando a vivenda a domicilio habitual e permanente polas persoas propietarias ou inquilinas, no caso de alugamento, exixirase desde a data da solicitude da subvención.

No suposto de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma e que non destine as vivendas ao alugamento, a obriga de residencia habitual e permanente limitarase á residencia na vivenda rehabilitada ou reconstruída durante un período de, polo menos, 15 días ao ano.

3. Para o caso de actuacións con destino a uso propio, exixirase que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria non excedan os seguintes límites:

a) 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM), no caso de expedientes no ámbito rural iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación das disposicións transitorias segunda e cuarta do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.

b) 6,5 veces o IPREM, no caso de expedientes no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación da disposición transitoria segunda do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.

4. Para o caso de actuacións con destino ao alugamento, exixirase que os ingresos ponderados das unidades de convivencia das persoas que residan na vivenda non excedan 4,5 veces o IPREM.

5. En ningún caso poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas que as solicitasen nas convocatorias dos últimos catro anos, agás que desistisen expresamente das súas solicitudes, as presentasen fóra do prazo ou, téndoa solicitado dentro de prazo, a data da cualificación definitiva exceda o límite establecido no seu día na correspondente convocatoria.

Sexto. Importes máximos das subvencións

1. As actuacións subvenciónanse nunha contía equivalente ao 50 por 100 do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, sen que esta subvención poida superar a cantidade de 6.600 euros, no caso das modalidades de remate de fachada e rehabilitación, e a cantidade de 8.600 euros, na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas. En todo caso, o importe da subvención non poderá superar a contía do gasto subvencionable, de acordo co establecido no artigo 3.g) do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.

2. No suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, a subvención prevista no número anterior calcularase para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras. Para o caso de que, simultaneamente coas obras de elementos comúns, se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subvención total que correspondería a cada vivenda non poderá exceder as contías establecidas no número anterior.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Octavo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado nin obtido o solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra axuda que sexa solicitada ou concedida ao solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia para a mesma finalidade.

c) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento.

e) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Noveno. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante co contido establecido no número 5.2º desta resolución, para o suposto de dedicar a vivenda a uso propio e ter denegado a súa consulta.

c) Contrato de arrendamento, no caso de que a vivenda se destine ao alugamento.

d) No caso de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma e que non destine a vivenda ao alugamento, declaración responsable de dedicar a vivenda a residencia, polo menos, durante 15 días ao ano, acompañada de documentación xustificativa, tal como copia das facturas dos consumos de auga, luz ou calquera outra documentación a nome da persoa solicitante.

e) Certificado de discapacidade, para o caso de ter denegado a súa consulta ou de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

f) Anexo II, de xustificación do gasto realizado, á cal se xuntará a seguinte documentación:

1) Memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas para a concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas.

2) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, que conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo solicitante que xustifiquen o seu pagamento.

3) Con carácter excepcional, xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos por importes inferiores a 1.000 €.

g) Para o caso de solicitudes de subvención correspondentes a vivendas con expedientes iniciados co Decreto 157/2006, do 7 de setembro, documentación que acredite o cumprimento dos límites de ingresos familiares establecidos no número 5.3 desta resolución. Para tal efecto, deberase presentar:

1) Anexo III de comprobación de datos e de declaración responsable da composición da unidade de convivencia. Para o suposto de ter denegado a consulta dos datos de ingresos, identidade e, se for o caso, de discapacidade, deberase presentar a copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF) correspondente ao exercicio vencido inmediatamente anterior á data de solicitude e o certificado das rendas expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT) relativo ao conxunto dos membros da unidade de convivencia. Igualmente, no suposto ter denegado a consulta, presentarase copia do documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou do número de identificación de estranxeiro (en diante, NIE), e, de ser o caso, certificado de discapacidade. No caso de non estar obrigado/a a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola AEAT. No suposto de que non se achegue o citado modelo, deberase xuntar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, acompañada, de ser o caso, do certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do Servizo Público de Emprego e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

2) No suposto de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma, deberanse xustificar os ingresos familiares mediante a achega dunha copia da declaración do IRPF presentada en España, para o caso de denegar a consulta. No suposto de non ter presentado declaración do IRPF en España, presentarase copia da declaración similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada pola agregadoría laboral correspondente ou pola delegación consular de España no seu país de residencia.

h) Anexo IV, no caso de solicitudes de subvención correspondentes a actuacións con destino a alugamento, para acreditar a identidade, o grao de discapacidade, de ser o caso, así como o cumprimento do límite de ingresos familiares, establecidos no punto 5.4º.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, as persoas interesadas deberán indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirir a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén poderán presentala en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, así como dos restantes membros que compoñen a unidade de convivencia.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de que a vivenda se destine a uso propio.

c) Certificados acreditativos de non ter débedas coa AEAT, coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante.

d) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e, se for o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar, correspondente ao exercicio vencido inmediatamente anterior á data da solicitude, no caso de solicitudes de subvención correspondentes a vivendas con expedientes iniciados co Decreto 157/2006, do 7 de setembro.

e) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e, se for o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar, correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude, no caso de solicitudes de subvención correspondentes a vivendas con expedientes iniciados co Decreto 157/2006, do 7 de setembro.

f) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e, se for o caso, dos demais membros que compoñen a unidade de convivencia, para o suposto de ser expedida pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas solicitantes e/ou demais membros da unidade de familiar se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I ou anexo III, respectivamente, e achegar os documentos oportunos ou aqueloutros que os substitúan.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde á persoa titular da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, á vista das propostas de resolución e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo terceiro. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente resolución de convocatoria.

2. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Décimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Non obstante, as persoas interesadas tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver e notificar a concesión será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación de solicitudes. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia do IGVS. O prazo para a interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se for o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Décimo sétimo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade da data de resolución da cualificación definitiva ou, se for o caso, da cédula de rehabilitación de calidade. No caso de igualdade da data de resolución da cualificación definitiva ou, se for o caso, da cédula de rehabilitación de calidade, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude no rexistro da correspondente área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Décimo oitavo. Xustificación do gasto subvencionable

1. A obtención da cualificación definitiva ou a cédula de rehabilitación de calidade terá a consideración de memoria da actuación para os efectos do previsto no artigo 48.1 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A memoria económica do custo das actividades deberá xustificarse a través da documentación referida no punto 10.e), de conformidade co establecido no artigo 48.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. De acordo co establecido nos artigos 3.g) e 31 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, o gasto subvencionable deberá estar efectivamente pagado e xustificado mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria.

Décimo noveno. Pagamento da subvención

O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida a subvención, mediante transferencia bancaria á conta de titularidade da persoa beneficiaria que sinalen para o efecto no anexo I.

Vixésimo. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Permitir ao IGVS a realización de todas as inspeccións ou comprobacións que considere oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Vixésimo primeiro. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no punto anterior. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se for o caso, para facer efectiva a devolución será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo segundo. Compatibilidade

De acordo co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 36 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, o réxime de compatibilidades, é o seguinte:

a) As subvencións previstas nesta convocatoria son compatibles coas axudas establecidas en materia de rehabilitación, tanto na normativa estatal como na autonómica, excepto no suposto previsto na alínea c) deste punto.

b) O importe das subvencións non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

c) Non poderán concederse axudas para aquelas vivendas que, ao abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para actuacións de rehabilitación, reconstrución ou renovación, ou ao abeiro da normativa estatal dos plans de vivenda, as teñan solicitado nos catro anos inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude de subvención, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes rematasen o seu procedemento sen obter subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria.

Vixésimo terceiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a elas.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo cuarto. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido das convocatorias que se realicen ao abeiro desta resolución serán publicados na Base de datos nacional de subvencións e os seus extractos no Diario Oficial de Galicia.

Vixésimo quinto. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.gal.

Vixésimo sexto. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file