Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2017 Páx. 29207

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2017, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 30 de marzo de 2017, a Fundación solicitou a súa clasificación para os efectos da correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. constituíuse en escritura pública outorgada na Coruña o 20 de febreiro de 2017, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 350, pola entidade Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. que actúa representada polo presidente do seu Consello de administración, Constantino Fernández Pico.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, ten como finalidade principal a difusión, promoción e fomento de actividades deportivas, culturais e sociais intimamente vencelladas ao obxecto social da entidade fundadora.

4. Na escritura de constitución constan os datos relativos á personalidade do fundador, á súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; o seu domicilio, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios; e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Constantino Fernández Pico, como presidente; Enrique Calvete Pérez, como secretario; e Fernando Vidal Raposo, Juan José Jaén Rodríguez, Martín Pita López e Daniel Ramos Lobón como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade con esta proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 10 de maio de 2017, clasificouse como de interese deportivo a Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, en relación co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., polo que, á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas do 31 de maio de 2017,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, en que se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza