Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2017 Páx. 29250

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 1 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Smart Commerce de Galicia 2017 (código de procedemento IN214C).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta por un sector comercial forte e capaz de adaptarse ás novas tendencias. O Plan de impulso ao comercio galego 2015-2020 ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento dunha estratexia de promoción, impulso e mellora da competitividade e modernidade do sector. Así, un dos principais retos propostos no plan refírese ao establecemento dun novo modelo de comercio intelixente, que sitúe o cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

Na actualidade, a internet, a innovación tecnolóxica e a economía dixital están impactando de maneira significativa en consumidores e empresas, proporcionando novas oportunidades para o sector do comercio mediante a creación de novas estratexias de canle de vendas e novas formas de aproveitar as xa existentes.

No ámbito da internet, as redes sociais cambiaron non só os nosos hábitos de socializarnos e comunicarnos, senón tamén os nosos hábitos de consumo. As redes sociais convértense nun punto de encontro permanente e en tempo real co cliente e constitúen a principal ferramenta para coñecer o cliente e, conseguintemente, para aumentar as vendas. Igualmente, as estratexias de márketing cada vez encamíñanse máis cara ao uso das redes sociais para conseguir un efecto «boca a boca» a grande escala e para fidelizar os seus clientes, cada vez máis informados, formados e influenciados por outras persoas a través da rede.

O m-commerce posiciónase como instrumento clave da estratexia comercial, e a innovación tecnolóxica nos dispositivos móbiles e nas aplicacións é a principal vía de acceso á tecnoloxía dixital.

A pesar disto, no ámbito comercial, o mundo on line e o mundo offline están plenamente interrelacionados e a realidade mostra que o cliente utiliza de forma conxunta cada unha das canles de venda dispoñibles no comercio.

En definitiva, o smart commerce é froito do novo contorno socio-dixital en que o comercio tradicional convive co comercio dixital e ambos os dous interactúan co cliente para acadar un comercio intelixente.

Con estes premios búscase valorar o labor dos comercios tradicionais na innovación do comercio a través da innovación tecnolóxica e así visualizar a excelencia e a importancia dos comercios galegos nas novas estratexias comerciais.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen os premios Smart Commerce de Galicia, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017, co obxectivo de distinguir aqueles comercios que apostan por situar o cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos á súa disposición co fin de lle achegar a súa oferta (código de procedemento IN214C).

Os premios do Comercio de Galicia constarán das seguintes categorías:

a) Premio Smart Commerce Galicia, cunha contía de 3.000 euros, en que se incluirá o premio correspondente á provincia.

b) Premio Smart Commerce Provincial, cunha contía de 1.500 euros por provincia.

c) Premio E-Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

d) Premio Social Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. A dotación global dos premios é de 9.500 euros, con cargo á partida orzamentaria 09.30.751A.480.0 e estarán suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 3. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes, axustadas ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para as persoas que representen unha persoa interesada obrigada á presentación electrónica.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa será de cinco meses.

Artigo 5. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderá obterse documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a través dos distintos medios:

a) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal.

b) Páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria http://ceei.xunta.gal/portada, ou no portal do comerciante http://portaldocomerciante.xunta.gal.

c) Nos teléfonos 981 54 55 91 ou 981 54 55 94 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) No correo electrónico cei.dxc@xunta.gal.

e) Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo San Caetano, 3º andar, 15781 Santiago de Compostela.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras dos premios Smart Commerce

Artigo 1. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Smart Commerce como un recoñecemento institucional e social a aqueles comercios que apostan por situar o cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos a súa disposición co fin de achegarlle a súa oferta.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Os premios do Comercio constarán das seguintes categorías:

a) Premio Smart Commerce Galicia, elixido entre os gañadores do Premio Smart Commerce provincial, cunha contía de 3.000 euros, a cal inclúe o premio correspondente á provincia.

b) Premio Smart Commerce Provincial, cunha contía de 1.500 euros por provincia.

c) Premio E-Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

d) Premio Social Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

2. Premio Smart Commerce: distinguirá os comercios galegos que na súa xestión comercial executen accións innovadoras que supoñan unha clara diferenciación e mellora na fidelización, para o cal se valorará o investimento en novas tecnoloxías, servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web, o teléfono e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles on line e offline.

Premio E-Commerce, distinguirá o comercio galego cuxa actividade sexa a venda de produtos a través da internet, para o cal se valorará a transformación dixital.

Premio Social Commerce, distinguirá o comercio galego que amose o mellor aproveitamento das redes sociais para chegar a clientes activos e potenciais, «sociabilizando» o seu punto de venda.

3. Cada comercio participante non poderá percibir máis que un premio agás no caso do Premio Smart Commerce de Galicia, que incluirá o Premio Smart commerce da provincia correspondente.

4. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. A dotación global dos premios é de 9.500 euros, con cargo á partida orzamentaria 09.30.751A.480.0.

2. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os premios regulados ao amparo desta resolución son compatibles con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 4. Requisitos de participación

1. Poderán optar aos premios os comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. Cada comerciante solicitará a participación nunha única categoría, marcando o recadro correspondente da solicitude.

2. A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta disposición e unicamente a Dirección Xeral de Comercio e Consumo queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da súa interpretación.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas en que se dean algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión dos premios presentaranse na forma e no prazo que se indican no artigo 3 da convocatoria.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa de todos os aspectos que fundamentan a súa candidatura.

b) Documentación acreditativa dos méritos alegados que se consideren relevantes para a valoración da candidatura.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión dos premios referidos nesta orde. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Corresponderalle á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución de concesión dos premios con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lles corresponde.

Artigo 8. Selección dos aspirantes ao premio

1. Co obxecto de supervisar e valorar os proxectos constituirase un xurado que terá a consideración de comisión de valoración e estará integrado por:

a) Presidente/a: a persoa responsable da Subdirección Xeral de Comercio, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: ata un máximo de catro vogais designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, entre persoal técnico da Xunta de Galicia e persoal de recoñecido prestixio no sector comercial.

c) Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

2. Os/as suplentes, se é o caso, serán designados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Os nomes das persoas integrantes do xurado serán publicados na web do portal do comerciante (http://portaldocomerciante.xunta.gal) con anterioridade ás reunións que se realicen.

3. O xurado proporá, de entre os proxectos presentados, os sete comercios smart, de acordo cos aspectos que figuran no artigo 9.

4. O xurado poderá propoñer premios desertos se considera que os proxectos presentados non reúnen os méritos e a calidade necesaria para acadar a distinción, o que se entenderá se non se alcanza a puntuación mínima de 30 puntos.

5. As decisións do xurado especificarán a avaliación que corresponde a cada un dos comercios presentados á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Para as categorías Premio Smart Commerce Galicia e Premio Smart Commerce provincial, os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 60 puntos, os seguintes:

a) Servizo e atención ao cliente: servizos á disposición do cliente, dispoñibilidade de servizos adicionais ou complementarios, accións de fidelización e campañas de promoción, presenza en redes sociais e outros métodos de contacto co cliente. Ata 15 puntos.

b) Xestión: ferramentas de xestión empregadas, utilización de elementos innovadores/TIC no punto de venda, procura de novos mercados e grao de integración das canles on line e offline do comercio. Ata 15 puntos.

c) Espazo físico do establecemento: características da tenda en canto á innovación en materia de imaxe, decoración e interiorismo. Ata 10 puntos.

d) Produto: tipo de produto, grao de innovación no mix comercial da zona e deseño e funcionalidade do packaging utilizado. Ata 10 puntos.

e) Compromiso: implantación de medidas concretas de accesibilidade, de sutentabilidade, de carácter social e de cooperación intra e intersectorial. Ata 10 puntos.

2. Para a categoría Premio E-Commerce os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 60 puntos, os seguintes:

a) Deseño, innovación e orixinalidade da páxina web. Ata 20 puntos.

b) Facilidades de compra (manexabilidade da páxina web, rapidez dos envíos, facilidades para o cambio ou devolución). Ata 20 puntos.

c) Adaptabilidade a dispositivos móbiles. Ata 10 puntos.

d) Deseño e funcionalidade do packaging dos envíos. Ata 10 puntos.

3. Para a categoría Premio Social Commerce os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 60 puntos, os seguintes:

a) Número de redes sociais en que está presente. Ata 10 puntos.

b) Calidade e orixinalidade dos perfís. Ata 20 puntos.

c) Referencias do perfil noutros medios de comunicación ou influencers. Ata 10 puntos.

d) Superar os 3.000 seguidores ou «me gusta» do perfil. 20 puntos.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Á vista da deliberación do xurado, contida na acta da sesión en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento dos premios, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo elevará proposta de resolución á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria quen, á vista da proposta motivada, ditará resolución.

2. A concesión dos premios será publicada no Diario Oficial de Galicia e no portal do comerciante http://portaldocomerciante.xunta.gal e notificaráselles aos premiados.

3. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexítima aos interesados, entenderase desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Os/as premiados/as recibirán un diploma e a entrega do premio realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Artigo 11. Renuncia

1. A renuncia á concesión do premio, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de que se comunique a renuncia, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas do beneficiario as previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e particularmente:

a) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

b) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario está obrigado a subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

c) Reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Pagamento

Os importes dos premios aboaránselles aos premiados mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado por estes na súa solicitude.

Artigo 14. Incumprimento e reintegros

O incumprimento dos deberes contidos nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable dará lugar ao deber de devolver total ou parcialmente a cantidade recibida, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento. O seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se a resolución non fose expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Remisión normativa

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file