Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 19 de xuño de 2017 Páx. 29761

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de xuño de 2017, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2017.

Tradicionalmente, os diferentes plans galegos de investigación veñen recoñecendo que en Galicia existe unha serie de grupos de investigación, denominados grupos de referencia competitiva, caracterizados por bos índices de publicacións científicas; un nivel de captación de recursos elevado, aínda que variable segundo a área en que traballen; competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional; con capacidade para formar e atraer mozos e mozas investigadores e habituados á cooperación con outros grupos de investigación, con institucións ou con empresas. Doutra banda, están os grupos con potencial de crecemento que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia.

Complementariamente, os grupos de investigación poden aumentar as súas oportunidades de desenvolvemento e consolidación mediante a súa integración en estruturas en tipo rede que favorezan o acceso ao coñecemento interdisciplinar, ás fontes de financiamento e a unha reputación que dificilmente podería lograr o grupo de forma individual. Neste sentido, a organización en rede permite tanto a integración de capacidades dispersas como a competitividade máis aló do ámbito local e a satisfacción das demandas da contorna produtiva.

Estas pluralidades organizativas, grupos e redes, deben dispor dun financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientar o seu labor, de ser o caso. Este financiamento debe outorgarse sobre a base de mecanismos de avaliación rigorosos, tanto das propostas presentadas como dos resultados que cada grupo acade durante a vixencia e ao remate da axuda.

En paralelo, o sistema debe atender tamén as diferentes realidades de investigadores e investigadoras individuais que, contando cunha traxectoria excelente, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional.

Complementariamente, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o artigo 1 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas.

Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia Galega de Innovación (en diante, GAIN) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e na procura de sinerxías, e tras o camiño iniciado na convocatoria do ano 2016, considérase de interese continuar coa realización de convocatorias conxuntas que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Economía, Emprego e Industria establecen as bases para o Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación nas modalidades de grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento, redes e proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, e convocan estas axudas para o exercicio 2017.

En consecuencia, e no uso das atribucións que temos conferidas,

ACORDAMOS:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i, mediante as seguintes modalidades:

– Modalidade A: grupos de referencia competitiva, procedementos ED431C e IN607A (as condicións detállanse no anexo I).

– Modalidade B: grupos con potencial de crecemento, procedementos ED431B e IN607B (as condicións detállanse no anexo II).

– Modalidade C: redes de investigación, procedementos ED431D e IN607C (as condicións detállanse no anexo III).

– Modalidade D: proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, procedementos ED431F e IN607D (as condicións detállanse no anexo IV).

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das axudas das modalidades A, B, C e D as entidades sinaladas a continuación e destinaranas aos seus grupos de investigación, recoñecidos como tales polas distintas entidades, ás redes que se conformen e ao persoal investigador que proceda, que cumpran na data de publicación desta convocatoria os requisitos establecidos nos anexos I, II, III e IV (segundo cada caso).

a) As universidades do SUG.

b) Os organismos públicos de investigación de Galicia.

c) As fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur). No caso dos institutos de investigación sanitaria IDIS e INIBIC e dos centros do ámbito do Servizo Galego de Saúde que xestionen as súas actividades de investigación mediante as citadas fundacións, poderán solicitar as axudas da presente convocatoria a través destas entidades.

d) Os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.

Para os efectos do cumprimento do número 2 dos anexos I, II e III desta convocatoria, enténdese por «investigador/a»:

1º. No caso das universidades do SUG, aquela persoa que teña título de doutor/a, que forme parte dun grupo de investigación no rexistro da universidade correspondente do SUG e que teña algunha das seguintes categorías profesionais:

– Catedrático/a ou profesor/a titular de universidade ou de escola universitaria.

– Contratado/a dos programas Ramón y Cajal, Juan de la Cierva ou posdoutorais MINECO, posdoutorais I2C da Xunta de Galicia (agás aqueles que están na súa fase de estadía no estranxeiro), ou Oportunius da Xunta de Galicia (persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido contratado pola GAIN ao abeiro do Decreto 64/2016 (DOG nº 112, do 14 de xuño), polo que se regula o réxime de contratación pola GAIN de persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido), ou Marie Curie (neste último caso, sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).

– Profesor/a contratado/a doutor/a ou profesor/a axudante doutor/a.

– Profesor/a asociado/a de Ciencias da Saúde (PACS).

2º. Para as restantes entidades solicitantes, aquela persoa que forme parte dun grupo de investigación recoñecido como tal pola entidade solicitante e que se englobe nalgunha das seguintes categorías:

– Persoal investigador doutor con vinculación funcionarial, estatutaria ou laboral do grupo A1 ou I á entidade solicitante ou a algunha das entidades que xestionen a súa investigación a través das fundacións sanitarias de Galicia.

– Contratado/a dos programas Ramón y Cajal, Juan de la Cierva, posdoutorais MINECO, posdoutorais I2C da Xunta de Galicia (agás aqueles que están na súa fase de estadía no estranxeiro), Miguel Servet, Sara Borrell, ou Marie Curie (neste último caso sempre que teña adscrición á entidade solicitante durante toda a vixencia da axuda) na entidade solicitante ou nalgunha das entidades que xestionen a súa investigación a través das fundacións sanitarias de Galicia.

En ningún caso terán consideración de investigadores/as, para os efectos desta convocatoria, os/as profesores/as visitantes, o resto dos/das profesores/as asociados/as, os/as profesores/as colaboradores/as, os/as profesores/as eméritos/as, os/as contratados/as con cargo a proxecto e os/as lectores/as.

Cada investigador ou investigadora unicamente poderá formar parte da composición dun grupo no ámbito desta convocatoria.

Artigo 3. Conceptos subvencionables

Os importes das axudas irán destinados a financiar os seguintes conceptos, sempre que se relacionen coa actividade de consolidación:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación. Inclúese o custo de persoal dedicado de xeito específico ás funcións de xestión do grupo e de apoio aos proxectos, así como o cofinanciamento dos contratados ao abeiro de convocatorias competitivas dos programas estatais de recursos humanos.

2. Pequeno equipamento inventariable e material funxible. O material funxible de oficina ou informático non poderá exceder o 5 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

3. Material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas.

4. Formación dos membros do grupo ou do persoal adscrito ao proxecto relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas cunha duración mínima de quince días e máxima de tres meses. Non se considerará nesta epígrafe o persoal colaborador externo do grupo.

5. Viaxes e axudas de custo de membros do grupo ou do persoal adscrito ao proxecto para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % dos gastos totais da axuda debidamente xustificada anualmente. Non se considerará nesta epígrafe o persoal colaborador externo do grupo ou do proxecto.

6. Investigadores/as visitantes.

7. Organización de actividades de difusión, así como presenza en medios de comunicación.

8. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

9. Consultoría e asesoramento externo para deseñar e aplicar a estrutura e a estratexia do grupo ou do proxecto, así como contratación de servizos externos entendidos como actividades prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, consultorías, asistencias técnicas e servizos equivalentes para a execución das actividades investigadoras propias de grupos, redes e proxectos.

10. Gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría por cada grupo, rede ou proxecto que obteña financiamento.

11. Custos indirectos que se calcularán, sen necesidade de achegar xustificantes de gasto, mediante a aplicación dunha porcentaxe de ata o 20 % sobre os gastos totais da actuación validamente xustificados. Desa porcentaxe e unicamente para o SUG, 5 puntos destinaranse a financiar as subscricións de cada entidade beneficiaria ás publicacións electrónicas.

A Secretaría Xeral de Universidades, ou a GAIN, poderán ditar instrucións específicas para unha mellor definición dos conceptos subvencionables, así como da súa xustificación económica.

Para a xustificación da primeira anualidade da axuda admitiranse gastos e pagamentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2017.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 4. Formalización e presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED431C (anexo VII) para a modalidade de grupos de referencia competitiva, ED431B (anexo VIII) para grupos con potencial de crecemento, ED431D (anexo IX) para redes e ED431F (anexo X) para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, no caso de solicitudes presentadas por unha universidade do SUG, ou IN607A (anexo VII bis) para a modalidade de grupos de referencia competitiva, IN607B (anexo VIII bis) para grupos con potencial de crecemento, IN607C (anexo IX bis) para redes e IN607D (anexo X bis) para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, no caso de solicitudes presentadas polas demais entidades solicitantes, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se un grupo de investigación cumpre os requisitos das modalidades de grupos de referencia competitiva e de grupos con potencial de crecemento, poderá presentar a solicitude a ambas as dúas, pero só poderá ser destinatario dunha delas. Entenderase que cando un grupo teña posibilidade de ser financiado en ambas as modalidades, optará sempre pola de maior contía, polo que renunciará á outra.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Artigo 5. Documentación complementaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes deberán ir acompañadas (ademais da que se especifica en cada anexo para cada modalidade de axuda) da seguinte documentación:

a) Certificados emitidos pola entidade a que pertence o grupo, rede ou persoal investigador, que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos nos anexos I, II, III e IV desta orde, correspondente á modalidade de axuda solicitada. Unha vez superado o proceso de selección, a Secretaría Xeral de Universidades ou a GAIN poderán requirir os comprobantes dos méritos certificados das solicitudes seleccionadas. En caso de detectarse falsidade nalgún mérito, a consellería correspondente adoptará as oportunas medidas legais. Os formatos obrigatorios destes certificados atópanse no enderezo web http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal

b) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades (que se inclúe nos anexos correspondentes).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

c) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades para as solicitudes presentadas por unha universidade do SUG e á GAIN para as restantes solicitudes. Para este fin, comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán as listas de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet nos enderezos http://www.edu.xunta.gal (na parte da Secretaría Xeral de Universidades) e http://gain.xunta.gal

Estas listas estarán expostas por un período de 10 días naturais e durante este prazo as entidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades no caso das universidades do SUG, ou ante a dirección da GAIN nos demais casos, para o cal presentarán a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, as persoas titulares da Secretaría Xeral de Universidades e da dirección da GAIN ditarán unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no caso de solicitudes do SUG, ou ante a Presidencia da GAIN nos demais casos, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que se poida acordar outro tipo de actuacións.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 9. Avaliación e selección

A selección das propostas destinatarias das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel de avaliadores e pola comisión de selección. Nas modalidades A), B) e C) do artigo 1 o panel poderá asignar ata un máximo de 95 puntos a cada solicitude e a comisión de selección poderá asignar ata un máximo de 5 puntos a cada solicitude. Na modalidade D) do artigo 1 o panel outorgará ata un máximo de 100 puntos. O proceso de avaliación realizarase na Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O panel de avaliadores estará formado por expertos de fóra do Sistema galego de I+D+i, propostos e aprobados pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), e cubrirán as diferentes ramas de coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura). A valoración das solicitudes presentadas referirase á produción e calidade científica e á idoneidade da programación proposta, de acordo cos obxectivos de cada unha das modalidades da convocatoria.

Os criterios de avaliación das solicitudes presentadas aparecen recollidos segundo a súa modalidade nos anexos V e VI desta orde. Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade suficiente, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total igual ou superior a 60 puntos dos que pode outorgar o panel de avaliadores externos.

A valoración farase chegar á comisión de selección que, sen prexuízo do disposto no artigo 17 desta convocatoria, elaborará para os órganos instrutores un informe que inclúa o informe de avaliación do panel, as puntuacións outorgadas pola comisión de selección (de ser o caso) e unha prelación das solicitudes ordenadas por puntuación.

En función deste informe, os órganos instrutores elaborarán a proposta de resolución por orde decrecente de puntuación ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) Que non haxa crédito suficiente para financiar a seguinte solicitude na prelación elaborada ben porque se esgotou o crédito previsto nas bases ou ben porque o remanente de crédito sexa insuficiente para o seu financiamento.

b) Que a puntuación da solicitude que corresponde financiar non acade o valor mínimo de 60 puntos.

A comisión de selección estará constituída por oito membros:

– O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue, ou o/a director/a da Área de Xestión da GAIN ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

Serán vogais da comisión:

– O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.

– Un/unha director/a de área da GAIN ou persoa en quen delegue.

– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo/a presidente/a da comisión de selección.

– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

Esta comisión poderá conceder ata 5 puntos a cada solicitude, tendo en conta os criterios que para tal efecto se sinalan en cada modalidade no anexo que contén o baremo correspondente.

Artigo 10. Resolución

A competencia para resolver estas axudas correspóndelles conxuntamente á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e á persoa titular da Presidencia da GAIN. Os órganos instrutores elevarán a proposta de resolución, que incluirá, para cada entidade beneficiaria, a relación de solicitudes seleccionadas co importe da axuda concedida. Con cargo aos créditos da Secretaría Xeral de Universidades financiaranse as axudas correspondentes ás universidades do SUG e a GAIN asumirá o financiamento das restantes entidades.

A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://edu.xunta.gal) e da GAIN (http://gain.xunta.gal), pola cal se entenderán notificados para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada pola entidade beneficiaria no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, coas condicións específicas que recolle esta orde e coa aceptación expresa (de ser o caso e en función de cada unha das modalidades) dos indicadores de avaliación propostos na memoria descritiva e aquelas outras que se poidan incluír na resolución.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 5 meses, contados desde a publicación da orde de convocatoria. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no caso de solicitudes pertencentes ao SUG, e ante a persoa titular da Presidencia da GAIN nos restantes casos, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Libramento da subvención

En todas as modalidades de axuda, a subvención será librada á entidade beneficiaria a que pertenza o grupo, rede (grupo coordinador) ou persoal investigador, conforme a resolución de concesión e de acordo coa normativa vixente.

Para poder librar os fondos será preciso que a entidade beneficiaria remita, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a seguinte documentación:

1. Xustificación da realización do gasto e do pagamento:

a) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, no caso das entidades beneficiarias ás cales lles sexa de aplicación o artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, xunto cunha memoria explicativa do logro dos obxectivos de consolidación e estruturación do grupo, rede ou proxecto. Esta memoria explicativa irá asinada pola persoa coordinadora do grupo de investigación, rede ou proxecto.

b) Conta xustificativa con entrega de informe de auditor, de acordo co establecido no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso das entidades beneficiarias ás cales non lles sexa de aplicación o artigo 28.5 da citada Lei 9/2007. A conta xustificativa terá o seguinte contido:

– Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, segundo o establecido no artigo 48.1 do citado regulamento.

– Memoria económica que conterá unha relación detallada dos gastos efectuados na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados por conceptos de gasto con identificación do acredor e do documento, do seu importe, da data de emisión e da data de pagamento.

2. Informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, o período de realización e o pagamento dos gastos presentados nesa anualidade. O informe do auditor axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión das contas xustificativas de subvencións.

3. Certificación das variacións na composición do grupo, rede ou proxecto durante a anualidade que se xustifica.

4. No suposto de que a entidade solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de se encontrar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

5. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 50 % da subvención concedida para cada anualidade. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada, logo de solicitude debidamente xustificada da entidade beneficiaria.

De acordo cos artigos 65.4 e 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, non se precisará a constitución de garantías a que se refire o artigo 63.2 da mesma norma.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, de ser o caso, se concedesen, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade. No caso dos custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, os pagamentos das nóminas e seguridade social dos meses de outubro e novembro de cada anualidade poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da anualidade seguinte.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando o beneficiario reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Universidades ou á GAIN (segundo sexa o caso).

Artigo 14. Réxime de compatibilidade

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable, coas excepcións que se indican a seguir:

a) Cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actividade subvencionada. Por iso, cando a entidade beneficiaria ou o grupo de investigación reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da entidade financiadora (Secretaría Xeral de Universidades ou GAIN).

b) Cando o grupo teña concedida outra axuda da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou da GAIN para a mesma actividade. Un mesmo grupo non poderá recibir simultaneamente axudas das modalidades de grupos de referencia competitiva e de grupos con potencial de crecemento.

Artigo 15. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios, grupos de investigación, redes e directores de proxecto destinatarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o beneficiario ou o grupo de investigación, rede ou director de proxecto renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a GAIN poderán levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. En particular, poderá someter a todos os beneficiarios, grupos de investigación, redes e directores de proxectos destinatarios das axudas desta convocatoria, a procesos de avaliación de acordo coas condicións que se establecen en cada un dos anexos.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos, con funcións de control.

Artigo 17. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse ao capítulo VII dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a GAIN, coa seguinte desagregación:

Modalidade

Entidade beneficiaria

Aplicación orzamentaria

Crédito (en euros)

2017

2018

2019

2020

2021

Total

Mod. a) GRC

Universidades do SUG

10.40.561B.744.0

3.700.000

3.700.000

3.700.000

3.700.000

14.800.000

Mod. a) GRC

Outras entidades

09.A3.561A.781.0

100.000

100.000

100.000

100.000

400.000

09.A3.561A.703.0

180.000

180.000

180.000

180.000

720.000

Total

280.000

280.000

280.000

280.000

1.120.000

Mod. b) GPC

Universidades do SUG

10.40.561B.744.0

1.200.000

2.100.000

2.100.000

5.400.000

Mod. b) GPC

Outras entidades

09.A3.561A.781.0

40.000

70.000

70.000

180.000

09.A3.561A.703.0

40.000

70.000

70.000

180.000

Total

80.000

140.000

140.000

360.000

Mod. c) Redes

Universidades do SUG

10.40.561B.744.0

300.000

600.000

300.000

1.200.000

Mod. c) Redes

Outras entidades

09.A3.561A.781.0

30.000

60.000

30.000

120.000

09.A3.561A.703.0

30.000

60.000

30.000

120.000

Total

60.000

120.000

60.000

240.000

Mod. d) Proxectos

Universidades do SUG

10.40.561B.744.0

275.000

425.000

375.000

300.000

200.000

1.575.000

Mod. d) Proxectos

Outras entidades

09.A3.561A.703.0

15.000

25.000

25.000

25.000

25.000

115.000

Total universidades do SUG

5.475.000

6.825,000

6.475.000

4.000.000

200.000

22.975.000

Total outras entidades

09.A3.561A.781.0

170.000

230.000

200.000

100.000

700.000

09.A3.561A.703.0

265.000

335.000

305.000

205.000

25.000

1.135.000

Total

435.000

565.000

505.000

305.000

25.000

1.835.000

Total convocatoria

5.910.000

7.390.000

6.980.000

4.305.000

225.000

24.810.000

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria só financiará as axudas que correspondan ás universidades do SUG, que se imputarán ao Plan galego de financiamento universitario para o período 2016-2020, agás a anualidade de 2021, que se integrará no novo plan de financiamento.

Os créditos poderán redistribuírse por cada unha das entidades financiadoras entre as diferentes modalidades e anualidades cando o volume de solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requira.

Respecto aos créditos da GAIN, unha vez valoradas as solicitudes e feita a proposta de resolución de concesión das axudas, adecuaranse os conceptos orzamentarios atendendo á natureza xurídica das posibles entidades beneficiarias, tendo en conta a vinculación de créditos que, conforme a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, rexe para as axencias, sen incrementar a distribución global prevista na convocatoria.

Estas axudas, dado que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). En todo caso, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i, conforme o establecido no artigo 2 do devandito Marco.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos, no caso das solicitudes presentadas polas universidades do SUG, nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía, terceiros e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento, cuxo órgano responsable é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou, no caso das solicitudes presentadas polas demais entidades, denominado Grupos 2017 o órgano responsable é a GAIN.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a dirección da GAIN, segundo corresponda, mediante o envío dunha comunicación ao enderezo Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, no primeiro caso, e praza de Europa nº 10-A/6º B, 15707 Santiago de Compostela, no caso da GAIN, ou a través dos correos electrónicos a promocioncientifica.educacion@xunta.gal (para os procedementos ED431B, ED431C, ED431D e ED431F) ou xestion.gain@xunta.gal (para os procedementos IN607A, IN607B, IN607C e IN607D).

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou a persoa titular da presidencia da GAIN, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego
e Industria e presidente da Axencia
Galega de Innovación

ANEXO I
Modalidade A. Grupos de referencia competitiva

1. Obxecto da axuda.

Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e pola súa actividade de I+D, constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.

2. Requisitos.

Ser un grupo de investigación recoñecido pola entidade solicitante que cumpra os criterios seguintes:

a) Ter polo menos 5 investigadores/as.

b) Cumprir, como mínimo, un dos seguintes requisitos:

b.1) Ter polo menos 3 proxectos competitivos activos, cun importe superior a 15.000 € cada un, ou ter polo menos 1 proxecto competitivo activo, cun importe superior a 75.000 €, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2016.

b.2) Ter ingresos medios anuais por actividades de I+D superiores a 150.000 € (ou superior a 80.000 € cando se trate de grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas), no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2016.

b.3) Para as solicitudes do SUG: ter sido beneficiario das axudas a grupos de referencia competitiva do Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG na convocatoria do ano 2013.

b.4) Para as solicitudes alleas ao SUG: ter sido beneficiario ou ter participado no desenvolvemento de proxectos financiados no programa Feder-Interconecta, Conecta-Peme ou noutras actividades financiadas pola GAIN entre os anos 2013 e 2016.

c) Cumprir, polo menos, dous dos seguintes criterios de produción científica nos tres anos anteriores á solicitude (do 1 de xaneiro de 2014 ao 31 de decembro de 2016):

c.1) Artigos en publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science: polo menos 10 publicacións. No caso dos grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas consideraranse artigos en publicacións ERIH, IN-REC, IN-RECJ, DICE e LATINDEX.

c.2) Libros publicados: polo menos 3 (só para grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que sexa autor/a individual ou coautor/a entre un máximo de 3 autores/as).

c.3) Teses dirixidas/codirixidas e lidas: polo menos 3 teses para os grupos do SUG e polo menos 2 para o resto de entidades alleas ao SUG.

c.4) Patentes en explotación en que a entidade solicitante sexa titular: polo menos 1 patente (ou 4 rexistros de propiedade intelectual de software ou 4 rexistros de variedades vexetais).

c.5) Acordos de explotación ou empresas (EBT) xerados a partir de resultados obtidos polo grupo: polo menos 1 acordo ou EBT. Poderán ser empresas creadas antes do 1 de xaneiro de 2014, sempre que teñan actividade probada desde esa data ata o momento da solicitude.

c.6) Participación, como líder de proxecto ou de workpackage, en proxectos de programa marco da UE: polo menos 1 liderado de proxecto.

3. Contía e duración.

As axudas terán unha duración máxima de catro anos. O importe máximo das axudas virá determinado por unha contía estrutural máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación.

En consecuencia, a axuda constará de dous módulos.

1. Módulo estrutural: ata un máximo de 50.000 € composto dun fixo de 25.000 € máis un variable máximo de 25.000 € tendo en conta os ingresos medios do grupo, co obxectivo de axustar o orzamento ás posibilidades reais de execución anuais en función do número de solicitudes avaliadas positivamente e dos recursos dispoñibles.

2. Módulo variable, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, segundo os seguintes tramos:

– Ingresos medios de 150.000 a 300.000 €: ata 20.000 € anuais.

– Ingresos medios de 300.001 a 400.000 €: ata 30.000 € anuais.

– Ingresos medios superiores a 400.000 €: ata 50.000 € anuais.

4. Documentación complementaria.

Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria, deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Certificado da composición do grupo emitido pola entidade solicitante, con indicación do código e/ou denominación do grupo. A composición certificada será a completa do grupo na data de publicación desta orde de convocatoria. Nesta certificación e para os grupos do SUG farase constar, de xeito específico, os membros do grupo que pertencen a campus periféricos e, no caso de entidades alleas ao SUG, o persoal investigador de centros periféricos da entidade solicitante localizados nas provincias de Lugo ou Ourense, así como nas comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte, en aplicación dos plans territoriais de dinamización económica aprobados pola Xunta de Galicia.

2. Certificado de ingresos de I+D competitivos obtidos polo grupo de investigación nos tres últimos anos, expedido pola entidade solicitante.

Para os efectos desta convocatoria, enténdese por ingresos de I+D os correspondentes a proxectos de I+D financiados por convocatorias públicas das administracións estatais, europeas ou doutras fontes, e os correspondentes a contratos e convenios de I+D ou de servizos de innovación, licenzas de patentes, de software e variedades vexetais, así como os premios de investigación e as doazóns dedicadas á I+D. Non se terán en conta as axudas para infraestruturas, as bolsas e axudas a accións de divulgación e produción científica, as axudas correspondentes a programas de recursos humanos, os ingresos por ensaios clínicos nin as procedentes deste mesmo programa. Para computar estes ingresos terase en conta o criterio de ingreso, e non o de concesión ou sinatura, é dicir, compútanse os ingresos obtidos desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2016, con independencia de que os proxectos, contratos ou convenios sexan anteriores a esa data. Polo mesmo criterio, non se computarán os ingresos que se produzan máis aló do 31 de decembro de 2016, aínda que correspondan a axudas concedidas no período exixido.

3. Memoria descritiva da estratexia de investigación, estruturación e consolidación que vai seguir o grupo e que xustifica a necesidade desta axuda. O formato obrigatorio desta memoria atópase no enderezo web http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal e deberá ir asinada polo coordinador ou coordinadora do grupo de investigación.

4. De ser o caso, certificación asinada pola persoa representante legal da entidade solicitante de que se conta con toda a documentación exixida pola lexislación para a investigación con animais.

5. Control.

Ao final da segunda anualidade realizarase unha avaliación parcial do cumprimento dos obxectivos de consolidación que foron recollidos na resolución individual de concesión. Ademais, realizarase unha avaliación final ao remate da cuarta anualidade. Nestas avaliacións teranse en conta, entre outros criterios, os indicadores seleccionados polo grupo na memoria descritiva da solicitude. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 15 desta orde. Aqueles grupos que non obteñan unha cualificación final favorable non poderán presentar solicitude de axudas deste programa, en ningunha das súas modalidades, durante un período de dous anos.

ANEXO II
Modalidade B. Grupos con potencial de crecemento (GPC)

1. Obxecto da axuda.

Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e pola súa actividade de I+D, amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego.

2. Requisitos.

Ser un grupo de investigación recoñecido pola entidade solicitante que cumpra os criterios seguintes:

a) Ter polo menos 3 investigadores/as.

b) Cumprir, como mínimo, catro dos seguintes requisitos de actividade nos tres anos anteriores á solicitude (do 1 de xaneiro de 2014 ao 31 de decembro de 2016):

b.1) Ingresos medios anuais por actividades de I+D: superior a 80.000 € (ou superior a 40.000 € cando se trate de grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas).

b.2) Proxectos competitivos activos no período: polo menos 2 proxectos de importe superior a 15.000 € cada un ou polo menos 1 proxecto de importe superior a 50.000 €.

b.3) Contratos ou convenios con empresas ou institucións: polo menos 2 contratos ou convenios, de importe superior a 15.000 € cada un.

b.4) Artigos en publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science: polo menos 3 publicacións. No caso dos grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas consideraranse artigos en publicacións ERIH, IN-REC, IN-RECJ, DICE e LATINDEX.

b.5) Libros publicados: polo menos 2 (só para grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que sexa autor/a individual ou coautor/a entre un máximo de 3 autores/as).

b.6) Teses dirixidas/codirixidas e lidas: polo menos 2 teses para os grupos do SUG e polo menos 1 para o resto de entidades alleas ao SUG.

b.7) Patentes en explotación en que a entidade solicitante sexa titular: polo menos 1 patente (ou 2 rexistros de propiedade intelectual de software ou 2 rexistros de variedades vexetais).

b.8) Empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo: polo menos 1 empresa. Poderán ser empresas creadas antes do 1 de xaneiro de 2014, sempre que teñan actividade probada desde esa data ata o momento da solicitude.

b.9) Participación, como socio/a ou líder, en proxectos de programa marco da UE: polo menos 1 participación.

b.10) Para as solicitudes do SUG: ter sido beneficiario das axudas a grupos con potencial de crecemento do Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG na convocatoria do ano 2014.

b.11) Para as solicitudes alleas ao SUG: ter sido beneficiario ou ter participado no desenvolvemento de proxectos financiados no programa Feder-Interconecta, Conecta-Peme ou noutras actividades financiadas pola GAIN entre os anos 2013 e 2016.

3. Contía e duración.

As axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000 € na primeira e de 35.000 € na segunda e terceira.

4. Documentación complementaria.

Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria, deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Certificado da composición do grupo emitido pola entidade solicitante, con indicación do código e/ou denominación do grupo. A composición certificada será a completa do grupo na data de publicación desta orde de convocatoria. Nesta certificación e para os grupos do SUG farase constar, de xeito específico, os membros do grupo que pertencen a campus periféricos e, no caso de entidades alleas ao SUG, o persoal investigador de centros periféricos da entidade solicitante localizados nas provincias de Lugo ou Ourense, así como nas comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte, en aplicación dos plans territoriais de dinamización económica aprobados pola Xunta de Galicia.

2. Memoria descritiva da estratexia de investigación, estruturación e consolidación que vai seguir o grupo e que xustifica a necesidade desta axuda. O formato obrigatorio desta memoria atópase no enderezo web http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal e deberá ir asinada polo coordinador ou coordinadora do grupo de investigación.

3. De ser o caso, certificación asinada pola persoa representante legal da entidade solicitante de que se conta con toda a documentación exixida pola lexislación para a investigación con animais.

5. Control.

Ao final da segunda anualidade realizarase unha avaliación parcial do cumprimento dos obxectivos de consolidación que foron recollidos na resolución individual de concesión. Ademais, realizarase unha avaliación final ao remate da terceira anualidade. Nestas avaliacións teranse en conta, entre outros criterios, os indicadores seleccionados polo grupo na memoria descritiva da solicitude. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 15 desta orde. Aqueles grupos que non obteñan unha cualificación final favorable non poderán presentar solicitude de axudas deste programa, en ningunha das súas modalidades, durante un período de dous anos.

ANEXO III
Modalidade C. Redes de Investigación

1. Obxecto da axuda.

Axudas a grupos de investigación para apoiar o desenvolvemento dun plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos en investigación.

2. Requisitos.

O beneficiario único será unha das entidades enumeradas no artigo 2 desta orde que presente como candidato ao grupo de investigación coordinador da rede, que serán responsables do cumprimento de todas as obrigas establecidas nesta convocatoria e na demais normativa aplicable.

A rede ten que estar formada polo grupo coordinador e contar coa adhesión de, polo menos, outros tres grupos e ter como obxectivo o desenvolvemento dun plan de actividades conxuntas e complementarias no marco da rede. Estes outros tres grupos poderán pertencer a entidades diferentes das que presenta a solicitude, sempre e cando estean comprendidas dentro das enumeradas no artigo 2 desta convocatoria.

No caso das universidades do SUG, o grupo coordinador deberá de ter acadado unha axuda coa mesma condición na convocatoria do ano 2014 na modalidade de redes e non ter acadado unha axuda nesa modalidade ao abeiro da convocatoria do ano 2016.

Un mesmo grupo non poderá participar en mais de dúas redes, con independencia da súa institución de procedencia e do ano de convocatoria.

3. Contía e duración.

A axuda consistirá nunha contía fixa anual de 30.000 € para os anos 2017 e 2019 e de 60.000 € para o ano 2018. As axudas serán de aplicación por un período de tres anualidades, mediante o pagamento anual á entidade a que pertenza o grupo que coordine a rede.

4. Documentación complementaria.

Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria, deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Certificado da composición da rede emitido pola entidade que presenta a solicitude, con indicación do código e denominación dos grupos que a compoñen. A composición certificada será a completa de cada grupo na data de publicación desta orde de convocatoria. Nesta certificación e para os grupos do SUG farase constar, de xeito específico, os membros do grupo que pertencen a campus periféricos e, no caso de entidades alleas ao SUG, o persoal investigador de centros periféricos da entidade solicitante localizados nas provincias de Lugo ou Ourense, así como nas comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte, en aplicación dos plans territoriais de dinamización económica aprobados pola Xunta de Galicia.

2. Memoria descritiva da temática e estratexia de investigación, estruturación e consolidación que pretende seguir a rede, e que xustifica a necesidade desta axuda. O formato obrigatorio desta memoria atópase no enderezo web http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal e deberá ir asinado pola persoa responsable do grupo coordinador da rede.

3. De ser o caso, certificación asinada pola persoa representante legal da entidade solicitante de que se conta con toda a documentación exixida pola lexislación para a investigación con animais.

5. Control.

Ao final da segunda anualidade realizarase unha avaliación parcial do cumprimento dos obxectivos de mellora que foron recollidos na resolución individual de concesión. Ademais, realizarase unha avaliación final ao remate da terceira anualidade. Nestas avaliacións teranse en conta, entre outros criterios, os indicadores seleccionados pola rede na memoria descritiva da solicitude. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 15 desta orde. Aqueles grupos que conformen unha rede que non obteña unha cualificación final favorable non poderán presentar solicitude de axudas deste programa, na modalidade de redes, durante un período de dous anos.

ANEXO IV
Modalidade D. Proxectos de excelencia

1. Obxecto da axuda.

Axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores ou investigadoras individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional.

Estas axudas adoptarán, segundo as características dos investigadores ou investigadoras, dúas modalidades:

1. Liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada.

2. Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

2. Requisitos.

As entidades beneficiarias descritas no artigo 2 da convocatoria poderán para cada solicitude presentar candidatos investigadores que cumpran os seguintes requisitos segundo as liñas de reforzo a que opten:

1. Liña de reforzo de traxectoria investigadora consolidada: investigadores con vinculación laboral estable nunha universidade do SUG que, tendo recibido unha axuda Starting Grant do ERC, rematen o desfrute desa axuda no ano 2017.

A axuda unicamente estará vixente sempre o cando a persoa investigadora manteña a dita vinculación estable coa entidade beneficiaria que a presenta como candidata. Non se poderá transferir a outro investigador ou investigadora se por calquera causa non se manteñen estas condicións.

2. Liña de reforzo de traxectorias emerxentes: persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal das convocatorias dos anos 2012, 2013, 2014 e 2015 que tomasen posesión efectiva da súa praza nesa categoría nalgunha das entidades enumeradas no artigo 2 antes da publicación desta convocatoria e aos cales non se lles concedese unha axuda na convocatoria de 2016.

O persoal investigador que lidere estes proxectos non poderá ter unha axuda activa, como investigador ou investigadora principal (ou ben solicitala ao amparo desta convocatoria), dos programas de grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento, investigadores emerxentes ou do ERC.

Os proxectos unicamente poderán ter unha duración igual ou inferior ao tempo que lle reste de contrato ao investigador ou investigadora e sempre e cando permaneza no programa Ramón y Cajal e na entidade beneficiaria pola cal opte, e non se poderá transferir a outro investigador ou investigadora se por calquera causa non se manteñen estas condicións. Se durante o prazo de vixencia o investigador ou investigadora principal obtén unha axuda de GRC, GPC ou do ERC, deberá renunciar á axuda concedida ao abeiro desta orde.

En ambas as liñas a persoa investigadora responsable do proxecto deberá contar cun equipo mínimo de investigación formado por un mínimo de dúas persoas (sen contar o investigador ou investigadora principal), que deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) As tres persoas que formen o equipo mínimo deben prestar servizos na mesma entidade beneficiaria durante a vixencia do proxecto.

b) Só un de todos os membros do equipo poderá ter categoría de profesor titular de universidade ou de escola universitaria, investigador científico de organismos públicos de investigación ou científicos titulares de organismos públicos de investigación. Ningún membro do equipo poderá ter categoría de catedrático ou profesor de investigación de organismos públicos de investigación.

c) Para as solicitudes do SUG, os estudantes predoutorais poderán ser membros do equipo, sempre que exista unha vinculación cunha universidade do SUG mediante contrato ou matrícula. No caso das entidades solicitantes alleas ao SUG, a vinculación será mediante contrato coa entidade solicitante.

3. Contía e duración.

1. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de ata 4 anualidades mediante o pagamento anual, á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto, dunha contía máxima anual de 50.000 €.

2. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período máximo de ata 5 anualidades mediante o pagamento anual, á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto, dunha contía máxima anual de 15.000 € para o ano 2017 e de 25.000 € para os anos 2018, 2019, 2020 e 2021.

3. Para que se poidan atender gastos nunha anualidade é necesario que a persoa investigadora que lidera o proxecto manteña a vinculación laboral durante un mínimo de catro meses nese ano.

4. Documentación complementaria.

Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria, deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Certificado emitido pola entidade solicitante en que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 deste anexo, con indicación da composición do equipo coas categorías contractuais e profesionais de cada un dos seus membros.

2. Memoria descritiva do proxecto de investigación. O formato obrigatorio desta memoria atópase no enderezo web http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal e deberá ir asinado polo investigador ou investigadora principal do proxecto.

3. De ser o caso, certificación asinada pola persoa representante legal da entidade solicitante de que se conta con toda a documentación exixida pola lexislación para a investigación con animais.

5. Control.

Ao remate da axuda realizarase unha avaliación final do cumprimento do proxecto de investigación financiado. Nesta avaliación terase en conta a coherencia da traxectoria de execución con respecto á memoria presentada, á calidade do traballo realizado e á súa repercusión no ámbito científico. De non superar esta avaliación, aplicarase o establecido no artigo 15 desta orde. Complementariamente, e tamén no caso de non superar esta avaliación, as persoas que teñen a condición de investigador ou investigadora principal do proxecto non poderán formar parte do equipo mínimo de grupos de investigación en convocatorias análogas de consolidación e estruturación de grupos de investigación durante un período de dous anos desde o remate do proxecto.

ANEXO V
Criterios de avaliación modalidades A, B e C

Criterios

Puntuación máxima

A) Estrutura/organización de investigación: tamaño do grupo ou rede, mecanismos de xestión e organización e infraestruturas. Ata un total de 5 puntos.

Composición, estrutura, interdisciplinariedade e coherencia do grupo ou rede e da súa actividade.

4

Liderado feminino do grupo ou rede.

1

B) Actividade investigadora (no período 2014-2016): tomando en consideración o tamaño e composición do grupo ou rede. Ata un total de 65 puntos.

Teses de doutoramento defendidas no período.

3

Contratados pre e posdoutorais, procedentes de convocatorias competitivas.

5

Proxectos de convocatorias de ámbito estatal.

6

Proxectos de convocatorias de ámbito internacional.

8

Contratos e convenios con empresas ou institucións.

6

Ingresos por contratos, convenios e convocatorias.

6

Publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science.

Libros e capítulos de libros publicados.

Publicacións de actas de congresos internacionais.

Resultados de creatividade artística (para grupos de Arquitectura e Belas Artes).

23

Patentes en explotación e rexistros de variedades vexetais(*).

3

Empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo ou da rede.

3

Participación como editor/a (xefe/a ou asociado/a) en comités editoriais de revistas científicas indexadas en SCOPUS/WoS.

2

C) Estratexia do grupo ou rede de investigación. Ata un total de 25 puntos.

Calidade e viabilidade da proposta de desenvolvemento do grupo ou rede.

Estratexia de aplicabilidade dos resultados que alega o grupo ou rede.

25

D) Puntuación da comisión de selección. Ata 5 puntos

No caso das universidades do SUG, participación no equipo de investigadores dos campus periféricos, é dicir, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense.

Para o resto de entidades alleas ao SUG, participación no equipo de investigadores dos centros periféricos das entidade solicitantes localizados nas provincias de Lugo ou Ourense, así como nas comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte, en aplicación dos plans territoriais de dinamización económica aprobados pola Xunta de Galicia.

5

Puntuación total máxima

100

(*) Dado que as solicitudes das ramas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas adoitan ter dificultades para obter puntos polo rexistro e explotación de patentes, os 3 puntos máximos deste criterio acumularanse ao máximo de 23 puntos que se conceden por produción académica.

ANEXO VI
Criterios de avaliación modalidade D

Criterios

Puntuación máxima

a) Calidade científico-técnica do proxecto (máximo 35 puntos):

Relevancia e novidade científica dos obxectivos en relación co estado de coñecemento da área; viabilidade das hipóteses, adecuación da metodoloxía e técnicas instrumentais.

35

b) Viabilidade do proxecto (máximo 20 puntos):

Deseño e plan de traballo da investigación; adecuación dos recursos humanos e materiais ao plan de traballo.

20

c) Capacidade científico-técnica do equipo de investigación para a realización do proxecto, contribucións recentes relacionadas co tema do proxecto e a traxectoria do investigador que solicita a axuda (máximo 45 puntos). Teranse en conta só os méritos posteriores ao 1 de xaneiro de 2012:

c.1) Capacidade de formación de novos investigadores (teses de doutoramento dirixidas polos membros do equipo. Nº contratados pre e posdoutorais, procedentes de convocatorias competitivas).

5

c.2) Proxectos de convocatorias de ámbito autonómico, estatal e internacional.

12

c.3) Contratos e convenios con empresas ou institucións.

5

c.4) Produción científica (artigos e libros).

17

c.5) Patentes en explotación (*).

3

c.6) Empresas creadas a partir de resultados de investigación de persoas integrantes do equipo. Poderán ser empresas creadas antes do 1 de xaneiro de 2012, sempre que teñan actividade probada desde esa data ata o momento da solicitude.

2

c.7) Liderado feminino.

1

Puntuación total máxima

100

(*) Dado que as solicitudes das ramas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas adoitan ter dificultades para obter puntos polo rexistro e explotación de patentes, os 3 puntos máximos deste criterio acumularanse ao máximo de 17 puntos que se conceden por produción científica.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file