Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2017 Páx. 30128

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2017 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

A Lei 6/2013, do Parlamento de Galicia, de 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (LSUG), establece que é a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) a entidade que posúe as competencias en materia de avaliación da calidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás cales se fai referencia na propia LSUG, na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (LOU), así como aqueloutras competencias que se lle poidan atribuír polo ordenamento xurídico.

Por outra banda, os estatutos da ACSUG, publicados mediante a Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e o Decreto 326/2009, do 11 de xuño, polo que se modifica o 270/2003, do 22 de maio, regulador da ACSUG, configuraron a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.

Posteriormente, a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, unificou a normativa existente relativa aos distintos procesos de avaliación e informe atribuídos a ACSUG, previos á contratación, progresión e consolidación do profesorado universitario. Así mesmo, esta orde regula os supostos de validación automática e establece o procedemento común que se debe seguir nos distintos procesos de avaliación e informe.

Finalmente a CGIACA, en virtude das competencias que ten atribuídas, aprobou, mediante Acordo do 9 de novembro de 2010, o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), que substitúe o anterior protocolo aprobado mediante Acordo do 10 de novembro de 2009.

De conformidade co exposto, a presidenta do Consello de Dirección da ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas pola Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro),

RESOLVE:

Primeira. Obxecto

Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte dos interesados que desexen obter a avaliación para poder ser contratados como persoal docente e investigador por algunha das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), como profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor (ED702B), de conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e que debe emitir a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Segunda. Destinatarios

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que posúan o título de doutor e non se atopen en ningún dos supostos regulados no artigo 4 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, pola que se regula a avaliación e informe da ACSUG previos á contratación de profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor.

Terceira. Formalización e presentación das solicitudes

1. As solicitudes de avaliación, de conformidade co disposto no artigo 9 da citada Orde do 17 de setembro de 2009, formalizaranse no modelo de solicitude (anexo I) que se deberá cubrir e validar dixitalmente a través da aplicación informática da ACSUG, á cal se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es. Deberá indicarse para cal ou cales das figuras contractuais se solicita a avaliación. No caso de que se pida máis dunha figura, farase na mesma solicitude.

2. De acordo co número 54 do anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase realizar o pagamento da correspondente taxa administrativa polas actuacións relacionadas coas avaliacións ou informes previos á contratación do profesorado universitario:

– Pola primeira figura contractual 50 euros.

– Pola segunda figura contractual e terceira (por cada unha) 25 euros.

3. Unha vez cuberta e validada a solicitude na aplicación da ACSUG, e realizado o pagamento da taxa correspondente, poderá presentarse destas dúas formas:

a) Por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderá dirixirse ao teléfono de información 012.

b) De forma presencial, impresa e debidamente asinada, en calquera dos lugares e rexistros relacionados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Cuarta. Forma de pagamento das taxas administrativas

1. Os solicitantes poderán realizar o pagamento dunha das seguintes maneiras:

a) Pagamento presencial (modelo A ou AI):

Deberase cubrir o modelo A ou AI e realizar o ingreso do importe da taxa que corresponda, en función do número de figuras solicitadas, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Pagamento telemático (modelo 730):

Deberase acceder á Oficina Virtual Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia e realizar o pagamento mediante tarxeta de crédito ou débito ou con cargo á conta bancaria do solicitante (este último suposto se dispón dun certificado dixital), e obter o xustificante 730 correspondente.

2. Para calquera aclaración ou información sobre o pagamento da taxa os interesados poderán acceder á páxina web www.acsug.es.

Quinta. Admisión a trámite, emenda e mellora da solicitude

1. Con independencia da opción elixida para a presentación da solicitude será imprescindible, para a súa admisión á trámite, a achega da seguinte documentación:

– Anexo I (solicitude) que xera a aplicación informática da ACSUG.

– O xustificante do pagamento das taxas que corresponda, en función do número de figuras solicitadas.

2. A documentación a que se fai referencia no parágrafo anterior presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Cando as solicitudes presentadas en prazo non vaian acompañadas dos documentos exixidos nesta base, ou non reúnan os requisitos exixidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nestas bases, requirirase o interesado para que proceda á súa emenda de conformidade co disposto no artigo 68 da citada norma. De non facelo, considerarase desistida a petición e arquivarase o expediente.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– O documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI ou equivalente).

– O título universitario de doutor.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Formalización e alegación dos méritos curriculares

O curriculum vitae formalizarase no formato dixital dispoñible na aplicación informática á cal se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es. Só se valorarán os méritos que aparezan alegados no curriculum vitae cubertos deste xeito. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser alegado en distintas epígrafes do currículo, o interesado elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.

Oitava. Xustificación dos méritos curriculares

1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares alegados deberase presentar en soporte dixital (CD-ROM) xunto coa solicitude, na forma establecida na base quinta.

2. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes non se admitirá ningunha documentación xustificativa dos méritos curriculares. As correspondentes avaliacións faranse con base nos xustificantes dos méritos que achegase o interesado ata ese momento, sen prexuízo do cal a ACSUG poderá requirir dos solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas.

3. Coa excepción dos documentos indicados na base quinta, non se admitirá ningún documento xustificativo en formato papel, sen prexuízo do cal a ACSUG poderá solicitar ao interesado, ao longo da tramitación do procedemento, os orixinais ou copias compulsadas da documentación achegada.

Tendo en conta que o solicitante asina unha declaración respecto da veracidade dos datos que fai constar na solicitude e no curriculum vitae, así como de toda a documentación xustificativa que se xunta á solicitude, os interesados asumirán as responsabilidades que poidan derivar das inexactitudes que consten nestes documentos.

4. Os solicitantes deberán xustificar da maneira máis adecuada e completa posible a realización dos méritos curriculares alegados. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a continuación soamente serán tidos en conta cando se xustifiquen da forma que expresamente se indica:

– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente emitido pola universidade en que se prestase aquela, no cal deberán constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.

– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente, no cal figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

– Os cursos e másters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas destes.

– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador destas.

– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación en que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.

– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.

– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia escaneada da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso. En caso contrario xuntarase o arquivo da publicación en que figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.

Novena. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede-xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificación por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décima. Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo primeira. Procedemento de avaliación

De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, as avaliacións realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia aprobado por acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web www.acsug.es.

Décimo segunda. Acordos de avaliación

De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, e co establecido no artigo 22 dos estatutos da ACSUG, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

Os acordos serán motivados e notificaránselle aos solicitantes nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo terceira. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, que se poderá intepoñer contra eles recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma aplicación informática en que formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse e presentarse en calquera dos rexistros indicados no artigo 16.4 da Lei 39/2015.

Décimo cuarta. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «avaliación do profesorado», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a ACSUG, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. R/ Lamas de Abade, s/n, CIFP Compostela, 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a acsug@acsug.es.

Décimo quinta. Entrada en vigor

A presente resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file