Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 21 de xuño de 2017 Páx. 30293

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería do Mar

ORDE do 12 de xuño de 2017 pola que se dispón o nomeamento dun vogal do Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña.

O texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, no seu artigo 30 atribúelles ás comunidades autónomas as facultades de designación e separación dos vogais dos consellos de administración das autoridades portuarias de interese do Estado situadas no seu territorio, que se deberán facer necesariamente por proposta das administracións públicas e organismos e entidades que aqueles representen.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 16 de setembro de 2010 faculta a persoa titular da consellería competente en materia de portos para o exercicio das ditas competencias. O citado acordo establece, ademais a composición do Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña e indica no seu anexo que serán designados dous vogais por parte dos municipios en cuxo termo está localizada a zona de servizo do porto.

Desde a entrada en vigor da Orde FOM/1318/2012, do 6 de xuño, pola que se aproba a primeira modificación do Plan de utilización dos espazos portuarios do porto da Coruña, referida ao ámbito territorial das novas instalacións portuarias en Punta Langosteira, situadas no concello de Arteixo, resulta necesario que o dito concello estea representado no Consello de Administración xunto co Concello da Coruña.

Polo exposto, en exercicio da facultade atribuída, por proposta do Concello de Arteixo,

DISPOÑO:

O nomeamento de Alberto Castro Calvete como vogal representante do Concello de Arteixo no Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2017

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar