Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2017 Páx. 32038

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 21 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 352800.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

a) Cooperativas agrarias titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Todos os beneficiarios deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.

2. Compromiso de exercer a actividade agraria, obxecto da axuda, durante polo menos cinco anos contados desde a data de pagamento da axuda.

3. As entidades deberán establecer as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento e a continuación da actividade de que se trate.

4. Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co Programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.

5. Non ter a consideración de empresa en crise. No caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01), considerándose que unha empresa intermedia está en crise se concorre polo menos unha das circunstancias a que se fai referencia no punto 20, letras a), b), c) e d) das ditas directrices. Mentres que no caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

6. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben de estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

8. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Ter solicitado a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursos os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, e convocalas para o ano 2017 (procedemento MR323C).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

1. O importe global destas axudas será de 6.000.000 €.

2. O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 70 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

a) 10 % no caso dos investimentos relacionados con operacións en agricultura ecolóxica;

b) 15 % en investimentos colectivos, cando o beneficiario procede de fusión de cooperativas;

c) 10 % para investimentos en zonas con limitacións naturais u outras limitacións específicas, recollidas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013;

d) 10 % no caso das operacións subvencionadas no marco das asociacións europeas de innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

3. Establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 € e un máximo de 5.000.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións relacionadas a seguir:

a) Reforma ou construción de instalacións que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade.

b) A compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.

c) Os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados, que poden comprender gastos xerais tales como honorarios dos técnicos que elaboren os proxectos de construción ou reforma, licenzas de software e outros permisos.

2. Os gastos xerais dos proxectos non poderán superar o custo subvencionable do investimento, establecéndose un máximo dun 3% para a redacción do proxecto, dun 3 % para a dirección de obra e dun 3% para o estudo de viabilidade ou plan empresarial.

3. Non serán subvencionables a compra de dereitos de produción agrícola, animais e plantas anuais e a súa plantación; investimentos de simple substitución; maquinaria de segunda man; os custos de conservación e mantemento ou os derivados do funcionamento da explotación; os montes baixos de ciclo curto; maquinaria ou investimentos relacionados coa transformación ou coa comercialización; a maquinaria e investimentos de carácter forestal. Tampouco será subvencionable o IVE nin as licenzas e taxas administrativas.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2017

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias