Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2017 Páx. 32791

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 19 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e se convocan para o ano 2017 (código de procedemento IN316A).

BDNS (Identif.): 351504.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas físicas ou as comunidades de propietarios, sempre que a actuación subvencionable se realice en vivendas ou edificios de vivenda colectiva da súa titularidade, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

Fomentar a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e contribuír a embelecer o tecido construtivo galego cun material de fácil colocación e respectuoso co ambiente á vez que se mellora a eficiencia enerxética.

Terceiro. Bases reguladoras

Establécense nesta mesma orde de convocatoria.

Cuarto. Contía

A dotación orzamentaria é de 200.000 €.

O custo subvencionable máximo será de:

– 110 € por m2 no caso de fachadas pegadas de granito.

– 140 € por m2 no caso de fachadas transventiladas de granito.

– 130 € por m2 no caso de fachadas de perpiaño de granito.

Con carácter xeral, a contía da subvención será do 40 % dos custos totais subvencionables (IVE incluído, cando tal imposto sexa subvencionable), cun máximo de 12.000 € por vivenda unifamiliar ou 40.000 € por edificio de vivendas en bloque.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para cubrir e validar as solicitudes será de tres meses desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria