Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2017 Páx. 35129

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 12 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais desta consellería e se convoca a oferta de prazas para o curso académico 2017/18.

O Real decreto 4189/82, do 29 de decembro, ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación da familia Marítimo-Pesqueira, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería, recolle no seus artigos 3 e 4 os supostos de feito e os suxeitos obrigados dos ditos prezos públicos.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira fai referencia no seu artigo 9.2.b) á prestación de servizos complementarios polos centros e no artigo 24 ao sistema de acceso aos centros de formación propios. Neste sentido, a Consellería do Mar dispón de catro centros de ensino náutico, marítimo-pesqueiro e de acuicultura, entre os cales os centros de Vigo e Ferrol ofrecen os servizos complementarios de residencia e comedor ao alumnado que neles se matriculan.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de ensino e titulacións náutico-pesqueiras.

Co obxecto de fomentar e potenciar a formación da poboación mariñeira cómpre articular as accións que faciliten o acceso á formación continua e aos ciclos formativos de grao medio e superior da familia marítimo-pesqueira.

Polo exposto, a conselleira do Mar, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais da Consellería do Mar, así como proceder á convocatoria das prazas residenciais vacantes para o curso escolar 2017/18 (procedemento PE606A).

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderá ser beneficiario/a das prazas de residencia ou de comedor todo o alumnado que, durante o curso escolar, estea matriculado nos centros de formación dependentes desta consellería e realice os seguintes estudos:

a) Marítimo-Pesqueiros:

– Ciclos formativos de grao medio e superior da familia profesional Marítimo-Pesqueira.

b) Náutico-Pesqueiros:

– Capitán de pesca, patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca e mariñeiro pescador.

Artigo 3. Clases de prazas

As prazas poderán adxudicarse nas seguintes modalidades:

a) Residencia en pensión completa.

b) Media pensión.

c) Xantar diario non regular.

Artigo 4. Prazas en réxime de residencia en pensión completa

1. A modalidade de residencia en pensión completa supón a utilización dos servizos residenciais do centro.

2. As persoas que teñan asignada unha praza na residencia poderán facer uso dela no horario que abrangue desde os domingos ou festivos, véspera de días lectivos, ás 22.00 horas, ata o venres ou véspera de días festivos ás 16.45 horas.

3. Con carácter xeral, a adxudicación das prazas en réxime de residencia en pensión completa, aterase ao procedemento establecido no capítulo II.

4. Cando o número de solicitudes sexa igual ou inferior ao número de prazas de residencia ofertadas, os/as interesados/as deberán cumprir os requisitos exixidos nesta orde e presentar a correspondente solicitude de acordo co establecido no artigo 17.

5. No caso de determinar que o número de solicitudes é superior ao número de prazas ofertadas, procederase á adxudicación de prazas por medio do baremo establecido no capítulo II.

Artigo 5. Prazas en réxime de media pensión e xantar diario non regular

1. Estas prazas dan dereito a xantar na sala de comedor do centro.

2. Poderán solicitar praza en réxime de media pensión e xantar diario non regular as persoas que, cursando estudos no centro, cumpran cos requisitos xerais do artigo 2 desta orde; teñan o seu domicilio habitual a unha distancia superior a 15 km do centro docente; ou ben que, aínda sendo unha distancia menor, acrediten a súa imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases.

3. Sempre que exista dispoñibilidade, a adxudicación das prazas de media pensión e xantar diario non regular será realizada polos centros residenciais, logo de presentar a correspondente solicitude de acordo co artigo 17 e comprobado que reúne os requisitos recollidos nesta orde, así como o pagamento da taxa correspondente.

Artigo 6. Requisitos xerais para ser adxudicatario/a das prazas

Para acceder ás prazas reguladas nesta orde as persoas interesadas deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser cidadáns de calquera país da Unión Europea ou estranxeiros/as que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade no ano da convocatoria.

c) Estar matriculado no centro durante o curso escolar.

Artigo 7. Prezos públicos

1. As persoas beneficiarias das prazas recollidas no artigo 3 estarán suxeitas aos prezos públicos previstos na normativa aplicable.

2. Para os cursos de duración inferior a un curso escolar completo, o alumnado con praza de residencia en pensión completa poderá acollerse ao pagamento trimestral ou por días.

3. Para as prazas de residencia en pensión completa nos cursos de duración inferior a un curso escolar completo, o primeiro pagamento trimestral realizarase antes do comezo do curso. No caso de acollerse ao pagamento por días, o pagamento realizarase na súa totalidade antes do inicio do servizo, agás nos casos en que a duración dos cursos sexa superior a un mes, onde o pagamento poderá realizarse por días antes do comezo de cada mes.

4. Para as prazas de comedor o alumnado fará efectivo o pagamento antes do inicio do servizo.

5. O alumnado con praza na residencia que se incorpore á formación en centros de traballo (FCT) poderá seguir usando a residencia ata o remate da formación na dita empresa. Non obstante, no caso de non utilizar os servizos de residencia durante o terceiro trimestre do curso escolar, como consecuencia de realizar a dita FCT fóra do centro, o alumnado poderá estar exento do pagamento do devandito trimestre.

Artigo 8. Incorporación do alumnado ás residencias

1. Os centros residenciais docentes elaborarán as normas de funcionamento e publicaranas cunha anticipación de 10 días hábiles no seu taboleiro de anuncios, para o coñecemento do alumnado residente.

2. Os/as residentes, no momento da súa incorporación ao centro, deberán acreditar mediante certificado médico oficial o seu estado de saúde, que deberá permitir o normal desenvolvemento da vida residencial ou docente.

3. Os residentes están suxeitos ao réxime interno do centro e deberán respectar as normas de convivencia e horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

Artigo 9. Perda do dereito á praza de residencia

1. O alumnado residente perderá a praza polas seguintes causas:

a) Non incorporarse ao centro residencial na data do inicio do curso escolar indicada polo centro docente, agás nos casos de forza maior, debidamente acreditados logo da súa valoración polo centro.

b) Perda da condición do/a alumno/a no centro docente en que debía cursar os estudos para os cales lle foi concedida a praza.

c) Faltas de asistencia sen xustificar, cando se supere o número de tres días de ausencia continuados ou cinco días alternos ás clases lectivas dentro do período dun mes e logo dun informe previo da dirección do centro.

d) Incumprimento do réxime interno do centro residencial que altere o normal desenvolvemento da convivencia e que lugar a sanción disciplinaria.

2. A dirección do centro residencial docente, tendo en conta o recollido no punto 1 deste artigo, concederalle ao alumnado un prazo de 5 días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que considere conveniente.

3. A dirección do centro, á vista das alegacións efectuadas ou transcorrido o prazo concedido para presentalas, resolverá o procedente no prazo de cinco días hábiles.

CAPÍTULO II
Procedemento de adxudicación de prazas de residencia mediante baremo

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes

1. A valoración das solicitudes das prazas de residencia en pensión completa realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

a) Rendemento académico do último curso realizado:

– Nota media de sobresaínte: 4 puntos.

– Nota media de notable: 3 puntos.

– Nota media de ben: 2 puntos.

– Nota media de suficiente: 1 punto.

b) Renda familiar per cápita:

b.1) A renda familiar per cápita é a cantidade que determina a porcentaxe e os límites da axuda a partir das táboas de valoración. O seu importe é o coeficiente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao ano inmediato anterior ao do inicio do curso entre todos os membros da dita unidade.

No suposto de que non sexa posible achegar a dita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

b.2) Para a determinación da renda familiar sumarase o importe íntegro das retribucións en concepto de rendementos de traballo obtidos durante o ano inmediato anterior ao do inicio do curso por todos os membros da unidade familiar.

b.3) Considéranse membros computables da unidade familiar: pai, nai, irmáns e irmás solteiros/as menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, irmáns e irmás de maior idade, cando se trate de persoas diminuídas físicas, psíquicas ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio familiar a través do certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar.

No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros computables o/a cónxuxe ou, se é o caso, a persoa á cal estea unida por análoga relación de convivencia afectiva, así como os descendentes que convivan no mesmo domicilio.

b.4) No caso de divorcio ou separación legal dos pais non se considerará membro computable quen non conviva coa persoa solicitante.

b.5) Nos casos no que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar que conta cos medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia, así como a titularidade ou o alugamento da vivenda que constitúe o seu domicilio habitual. No caso contrario, entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo de renda e patrimonio familiar, computaranse os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire o antedito punto b.3).

b.6) Ao cociente da renda familiar computada entre o número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 6.000 euros: 7 puntos.

De 6.000,01 ata 9.500 euros: 5 puntos.

De 9.500,01 ata 13.000 euros: 3 puntos.

De 13.000,01 ata 15.000 euros: 1 puntos.

A partir de 15.000,01: 0 puntos.

c) Circunstancias familiares:

c.1) As persoas solicitantes que teñan irmás ou irmáns cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselle 2 puntos polo primeiro e 1 punto máis por cada un dos seguintes.

c.2) As persoas aspirantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c.3) As persoas aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase, 1 punto; de 2ª clase e honra, 2 puntos.

c.4) As persoas aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de discapacidade, 2 puntos.

Todas as situacións referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

A puntuación resultante de sumar as anteriores epígrafes será a que determine a orde de adxudicación.

2. No caso de que as persoas solicitantes obteñan a mesma valoración, terán preferencia, por esta orde:

As mulleres fronte aos homes (segundo criterios de infrarrepresentación).

As persoas que acrediten ter residencia en Galicia.

As persoas non repetidores.

As persoas que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector.

Finalmente terán preferencia os de menor renda familiar.

Cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de valoración, atribuiránselle nel 0 puntos.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Corresponderá á comisión de valoración constituída para o efecto en cada centro, a valoración dos criterios xustificados polas persoas solicitantes para os efectos de atribuírlles a puntuación correspondente.

2. A comisión de valoración estará composta por:

a) Presidente/a: o/a xefe/a territorial da Consellería do Mar que corresponda ou persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: a persoa que ocupe a secretaría do centro de formación respectivo ou persoa que designe o director/a do centro.

c) Vogais:

– O/a director/a do centro de formación.

– A persoa designada polo Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

3. A comisión de valoración determinará a puntuación que corresponda a cada solicitante polos criterios establecidos no artigo anterior.

4. Das reunións realizadas polas comisións a que se refiren os puntos anteriores levantarase a acta, que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

5. No caso de determinar que o número de solicitudes é superior ao número de prazas ofertadas procederase da seguinte maneira:

a) Publicación no taboleiro de anuncios do centro residencial da listaxe de solicitudes e o número de prazas.

b) O centro residencial abrirá un prazo de 10 días, contado a partir dos dous días seguintes ao remate do prazo de presentación das solicitudes, para achegar a documentación xustificativa dos criterios do baremo recollidos no artigo 10 e aquela outra que aparece recollida no anexo I.

c) A comisión de valoración poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria para constatar a concorrencia dos requisitos e os criterios de valoración alegados. Neste caso concederá un prazo de cinco días hábiles para á súa presentación.

d) A falta de presentación en prazo da documentación requirida impedirá ter por acreditado os requisitos ou criterios afectados e, en consecuencia, impedirá valoralos para os efectos de determinar a puntuación.

Artigo 12. Proposta de adxudicación provisional

1. A comisión de valoración elaborará e remitirá á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a proposta de adxudicación provisional de prazas de residencia, seguindo a puntuación total obtida polos/as solicitantes, así como a relación provisional de excluídos debidamente motivada. Así mesmo, elaborará unha relación de suplentes para cubrir as vacantes que se poidan producir.

2. A resolución de adxudicación provisional, a relación de suplentes e a relación de excluídos/as publicarase na páxina web da Consellería do Mar e no taboleiro de anuncios do centro correspondente. Así mesmo, contra a dita resolución, as persoas interesadas poderán formular reclamación ante a propia comisión no prazo de 10 días hábiles seguintes ao da súa publicación. As reclamacións serán dirixidas ao presidente/a da comisión.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación da adxudicación definitiva.

Artigo 13. Adxudicación definitiva

1. A comisión de valoración elaborará e remitirá á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, a proposta de adxudicación definitiva de prazas de residencia, así como a relación definitiva de excluídos/as e a relación de suplentes.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro resolverá a adxudicación definitiva de prazas de residencia.

3. A resolución de adxudicación definitiva e a relación de suplentes publicarase na páxina web da Consellería do Mar e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude, esta entenderase desestimada.

4. Para a cobertura das prazas de residencia que queden vacantes durante o curso, a dirección do respectivo centro residencial acudirá á lista de suplentes, seguindo a orde de puntuación.

Artigo 14. Adxudicación de prazas de residencia en supostos especiais

1. A tramitación das solicitudes de praza de residencia presentadas no prazo extraordinario de setembro axustarase ao establecido nos artigos anteriores, agás no relativo ás datas e prazos, que terán que axustarse ás exixencias derivadas do inicio do curso escolar nos respectivos centros residenciais.

2. Para a cobertura de prazas de residencia durante o curso escolar, as direccións dos centros residenciais resolverán a adxudicación destas.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde non porán fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira do Mar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, se o acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, se o acto non for expreso, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Todo iso sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

CAPÍTULO III
Convocatoria de prazas de residencia e comedor nos centros de formación
da Consellería do Mar

Artigo 16. Convocatoria de prazas de residencia e comedor

De acordo coas bases reguladoras establecidas nesta orde, convócanse prazas de residencia e de comedor nos centros de formación da Consellería do Mar para o curso académico 2017/18.

A oferta de prazas para o curso 2017/18 será a seguinte:

Centro residencial

Nº de prazas en réxime de pensión completa

Nº de prazas en réxime de media pensión e xantar diario non regular

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (Pontevedra)

65

5

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (A Coruña)

45

10

Artigo 17. Presentación de solicitudes, lugar e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén poderán presentala directamente nas secretarías dos centros residenciais correspondentes.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación das solicitudes será de quince días contados desde o seguinte ao da publicación desta orde.

5. Resoltas as solicitudes indicadas no punto anterior, no caso de existiren prazas vacantes, establécese un prazo extraordinario de presentación de solicitudes para o caso dos ciclos formativos que será do 20 ao 29 de setembro de 2017.

6. Ademais, poderanse presentar solicitudes ao longo do curso escolar. Neste caso, o prazo para a presentación de solicitudes finalizará o mesmo día en que rematen os prazos de matrícula de cada modalidade de curso.

7. As persoas que no curso académico anterior tivesen praza de residencia conservarán esta para o seguinte curso dun ciclo formativo, logo da presentación da correspondente solicitude, de acordo co prazo establecido no punto 5, e sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos académicos para o curso e non sexa repetidor/a deste.

Artigo 18. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación que pode ser requirida pola comisión de valoración para xustificar cada un dos puntos declarados no artigo 10:

a) Anexo II. Comprobación dos datos doutras persoas que compoñen a unidade familiar, de ser o caso.

b) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso. A data da súa expedición será posterior á da entrada en vigor da convocatoria.

c) Documentación acreditativa da condición de orfandade, se é o caso.

d) Documentación acreditativa de familia monoparental mediante certificado de convivencia e sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno/materno filiais, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

e) Copia da certificación académica na cal figuren as notas correspondentes ao curso escolar inmediatamente anterior a esta convocatoria para aqueles/as solicitantes que procedan doutro centro formativo. Estará exento de presentar esta certificación o alumnado dos cursos especificados no artigo 2, letra b).

f) Certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria de non ter a obriga de declarar. No suposto de que non sexa posible achegar a dita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

g) Título de familia numerosa, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

h) Documentación acreditativa do grao de discapacidade igual ou superior ao 33% de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

i) Documentación acreditativa dos estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios que estean cursando os irmás ou irmáns das persoas solicitantes, de ser o caso.

Cando este título fose emitido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso achegalo sempre e cando se autorice expresamente no anexo I o acceso telemático a estes datos.

Non será necesario achegar os documentos que xa foxen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 19. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, se é o caso.

c) DNI ou NIE do resto das persoas da unidade familiar, se é o caso.

d) Declaración do IRPF tanto da persoa solicitante como dos demais membros que compoñen a unidade familiar obrigadas a declarar (anexo I no caso do solicitante, e anexo II para os demais membros que compoñen a unidade familiar).

e) Título de familia numerosa, de ser o caso.

f) Grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar cando sexa expedida pola Xunta de Galicia, de ser o caso (anexo II).

g) Certificado monoparental de convivencia e sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno/materno filiais, expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e anexo II, respectivamente, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 20. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Concorrencia con outras axudas

O desfrute do dereito a ocupar as prazas convocadas nesta orde é incompatible co desfrute de calquera outra axuda para a mesma finalidade e dentro do mesmo período temporal, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Prazas de residencia e comedor para os cursos que se organicen no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol

De ser o caso, e sempre que exista crédito adecuado e suficiente, poderanse solicitar as prazas de residencia dispoñibles durante o curso escolar 2017/18 e segundo a programación aprobada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, para os cursos relacionados coa actividade pesqueira e marisqueira que se impartan no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol, e para os cursos relacionados coa seguridade marítima que se impartan na Aula de Seguridade e Salvamento de Ferrol.

Disposición adicional terceira. Transferencia de prazas do réxime de pensión completa ao réxime de media pensión e xantar diario non regular

No caso de non usar o total de prazas ofertadas en réxime de pensión completa, as vacantes que se produzan poderán acumularse ás prazas en réxime de media pensión e xantar diario non regular.

Disposición adicional cuarta. Autorización para a publicación dos datos dos beneficiarios no Portal de transparencia

Consonte o establecido nos artigos 12 a 16 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, en concordancia cos artigos 24 e 25 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os beneficiarios outorgan o seu consentimento para que os datos persoais que constan na orde e máis no resto das especificacións contidas nela, poidan ser publicadas no Portal de transparencia e goberno aberto.

Así mesmo, en virtude do disposto no artigo 4 da antedita Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións, estarán obrigadas a subministrarlle á Administración, logo do seu requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento, por aquela, das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional quinta. Normativa supletoria

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 27 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais desta consellería, e se convoca a oferta de prazas para o curso académico 2016/17.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións relativas ás sucesivas convocatorias anuais de prazas no capítulo III, así como aquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Publicación e entrada en vigor

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2017

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file