Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 26 de xullo de 2017 Páx. 35496

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 7 de xullo de 2017 pola que se publican as bases e se anuncia a convocatoria pública para cubrir unha praza no lectorado de lingua, literatura e cultura galegas da Universidade de Kiel, Alemaña (ED110B).

A Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, desenvolve as accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. As competencias nesta materia correspóndenlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co disposto no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que está adscrita á antedita consellería segundo o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Así mesmo, o 21 de setembro de 2004 aprobouse no Parlamento de Galicia, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, o Plan xeral de normalización da lingua galega, desenvolvido, no seu momento, por instancia da antiga Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No dito plan recoméndanse unha serie de medidas de actuación segundo o sector social implicado. No que se refire á proxección exterior do galego, un dos obxectivos marcados no plan é o de «consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico».

No sentido apuntado, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino de lingua, literatura e cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos, como órganos de referencia nestas universidades, a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico senón tamén na súa área de influencia.

Son precisamente estes centros o instrumento idóneo para promover unha formación eminentemente práctica entre os titulados universitarios que cumpran cos requisitos de participación exixidos nesta convocatoria. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro dos seus programas de formación relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas, dirixidos a unha ampla gama de destinatarios, ofrécelle a este colectivo a posibilidade de se incorporar aos centros de estudos galegos, co fin de completar a súa formación e de se situar nunha mellor posición de cara a unha futura inserción no mundo laboral. O programa de formación complétase con actividades teórico-prácticas deseñadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística en exclusiva para o colectivo de lectores de lingua, literatura e cultura galegas e, con base nos convenios subscritos, facilítase a posibilidade de realizar, ou de completar, estudos de posgrao nas universidades de destino.

A desexable colaboración entre as distintas administracións, neste caso a Xunta de Galicia e as universidades, plasmada a través dos mencionados convenios en que estas últimas adquiren, durante a súa vixencia, o compromiso de contratar e integrar no seu cadro de persoal docente un lector de lingua, literatura e cultura galegas, supón un impulso substancial ao obxectivo marcado no Plan xeral de normalización lingüística de fomentar a proxección exterior do galego no mundo académico do ensino superior.

Por outra parte, con base nos principios xerais que rexen as relacións entre as administracións públicas, consagrados no artigo 3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria séntese na obriga de prestarlles ás universidades implicadas a súa cooperación, colaboración e asistencia activa para que poidan levar a cabo con eficacia o proceso de selección do lector ou lectora referido no parágrafo anterior.

Esta obriga legal de asistencia ten a súa orixe na circunstancia de que os centros de ensino de nivel superior onde se imparten as titulacións conducentes a conseguir a suficiente e adecuada acreditación académica para optar á praza de lector ou lectora de lingua, literatura e cultura galegas se sitúan en Galicia.

Non obstante o anterior, a actuación da Consellería quedará limitada a publicitar as bases da convocatoria a través daqueles medios de difusión que considere pertinentes, entre outros, o Diario Oficial de Galicia, a colaborar na súa xestión administrativa, a prestarlles o asesoramento técnico que demanden e a darlle a adecuada difusión á resolución pola que as universidades adxudican as prazas convocadas.

En consecuencia, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Publícanse as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, dunha praza no lectorado de lingua, literatura e cultura galegas (ED110B) no Centro de Estudos Galegos localizado na Universidade de Kiel:

Destino

Localidade

País

Universidade de Kiel

Kiel

Alemaña

Artigo 2. Duración

1. A contratación por parte da universidade da persoa seleccionada abranguerá, como máximo, un período que non excederá os dous anos.

2. As datas previstas de incorporación e remate recóllense no anexo II, no cal se describen as características principais da praza convocada. En todo caso, respectarase a data de remate.

Artigo 3. Retribucións

1. O importe íntegro anual que percibirá a persoa adxudicataria indícase no anexo II.

2. Con cargo a este importe o/a beneficiario/a asumirá calquera gasto de tipo profesional ou persoal que poida derivar da súa condición, é dicir: impostos, cotizacións sociais, gastos de locomoción, manutención e residencia, custos de matrícula e gastos de inscrición en actividades formativas, trámites administrativos, etc.

3. Estas persoas, de acordo co establecido no seu artigo 1 e por mor da relación laboral establecida coa universidade de destino, quedan fóra do ámbito de aplicación do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 4. Programa de formación

1. O programa de formación, que terá un marcado carácter práctico, estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades, no marco do convenio asinado coas universidades de destino, baixo a dirección do responsable do Centro de Estudos Galegos e en permanente coordinación con este.

As ditas actividades non se limitarán ao ámbito académico universitario, senón que tamén abranguerán a súa área de influencia.

2. Á marxe do anterior, e para complementar as accións formativas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística deseñará actividades de formación específicas para o colectivo de lectores.

Artigo 5. Requisitos

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

• Estar en posesión da nacionalidade española ou da de calquera dos países membros da Unión Europea.

• Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.

• Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.

• Non estar incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Titulación académica:

– Poderá solicitar a praza ofertada quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Filoloxía Galega.

• Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.

• Grao en Lingua e Literatura Galegas.

• Grao en Estudos de Galego e Español.

• Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

• Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de Galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de Inglés.

• Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de Galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de Inglés.

2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 14.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

• As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde. O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.lingua.gal/portada.

• As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

• As persoas interesadas só poderán optar por unha das vías de presentación.

• Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición.

• Rematado o prazo de presentación de solicitudes e o establecido para a súa emenda, publicarase na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no seu taboleiro de anuncios as listaxes provisionais de admitidos, excluídos, con indicación da causa que orixina esta situación, e desistidos.

Á vista das listaxes anteriores, as persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días para presentar reclamación.

Artigo 7. Notificación electrónica

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e en todos os casos cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posto á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio.

Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento e forma de presentación da documentación

1. Para a valoración dos seus méritos, conforme o establecido no anexo III, os candidatos presentarán a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da súa identidade (no caso de solicitantes estranxeiros non residentes en España).

b) Currículo, no cal deben figurar todos os méritos alegados.

c) Xustificantes dos méritos alegados no currículo (na mesma orde en que aparezan relacionados neste).

d) Proxecto didáctico de docencia en prácticas aplicable á universidade solicitada, que incluirá como primeira epígrafe a explicación dos motivos da súa solicitude.

A extensión do proxecto didáctico non deberá superar as 25 páxinas, mecanografadas cun interliñado de espazo e medio, tipo de letra non superior a 14 puntos e presentadas en formato A4.

e) No caso de titulacións universitarias expedidas por universidades fóra de España, copia da titulación universitaria exixida no artigo 6 ou da acreditación de que foi solicitada

f) En relación coa titulación exixida, orixinal ou copia compulsada da certificación académica persoal, na cal debe constar a nota media do expediente académico, calculada en función do disposto na Resolución da Secretaría Xeral Técnica, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 30 de setembro).

2. Os méritos alegados no currículo xustificaranse mediante documento orixinal ou copia compulsada, se se utiliza a vía presencial, e da forma indicada para a documentación complementaria, no suposto de presentación electrónica. Os xustificantes disporanse a continuación do currículo, na mesma orde en que aparezan relacionados neste.

3. Segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, as administracións non exixirán aos interesados a presentación de documentos orixinais, agás que, con carácter excepcional, a normativa reguladora aplicable estableza o contrario.

Non obstante, a exixencia dos documentos orixinais é motivada por necesidades estritas do procedemento, posto que a maioría dos solicitantes son estranxeiros, o que imposibilita a consulta dos documentos indicados anteriormente.

4. Non se valorará ningún mérito que non conste explicitamente no currículo ou que, no caso de figurar, non se xustifique adecuadamente ou se faga fóra do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de publicacións, xustificaranse mediante copia simple da obra, á cal se engadirán, se é o caso, a capa, a contracapa, a folla que conteña o ISBN, ISSN ou depósito legal e o índice. No caso de publicacións extensas, recoméndase a entrega de orixinais, que se devolverán unha vez que se resolva a convocatoria.

Os xustificantes dos méritos redactados nun idioma distinto aos oficiais en Galicia, para seren valorados, deberán ir acompañados dunha tradución a algún destes, e incluirán ao pé unha declaración responsable asinada, cunha lenda que faga constar que se trata dunha tradución fiel do documento orixinal.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

6. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. As copias dos documentos terán a mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

9. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

10. Na presentación da documentación gardarase a seguinte orde: solicitude, documento acreditativo da identidade (de ser o caso), titulación académica, certificación académica persoal, currículo, xustificantes dos méritos alegados neste (na mesma orde en que aparezan relacionados nel) e proxecto(s) didáctico(s).

A documentación anterior que se presente de forma non electrónica, achegarase sen ningún tipo de encadernación que dificulte ou impida a súa manipulación.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Certificación de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificación de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

d) DNI ou NIE da persoa solicitante.

e) Título/s universitario/s (no caso de titulacións expedidas por universidades españolas).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. Os méritos alegados polas persoas solicitantes serán valorados por unha comisión integrada por representantes da universidade e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Presidirá a comisión un representante da universidade. Actuará como secretario un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. A Comisión de Valoración poderá acordar a incorporación ás súas reunións de persoal de carácter técnico que contribúa a unha correcta valoración dos méritos alegados polos aspirantes ou a aclarar as dúbidas que lles poidan xurdir aos membros da dita comisión. Este persoal actuará con voz pero sen voto nas reunións da citada comisión.

Artigo 13. Valoración de méritos

1. A Comisión reunirase para valorar os méritos debidamente acreditados, de cada unha das solicitudes admitidas, de acordo cos criterios que se indican no anexo III desta orde.

2. Cando o número de solicitudes admitidas supere a contía de 12, limitarase o acceso á fase de exposición e defensa do proxecto didáctico aos doce candidatos que acaden as maiores puntuacións nos méritos 1 a 4 do anexo III.

En calquera caso, non accederán á fase anterior aqueles candidatos que non presentasen o proxecto didáctico en prazo.

3. A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web institucional e comunicaralles aos solicitantes, a través do correo electrónico facilitado, a relación dos candidatos seleccionados para a fase de exposición e defensa do proxecto didáctico, así como o lugar, data e hora de realización.

4. Será causa específica de desistencia non se presentar á exposición e defensa do proxecto didáctico.

Artigo 14. Proposta de resolución

1. Rematados os traballos por parte da Comisión de Valoración, a universidade formulará a proposta de resolución provisional baseada nas maiores puntuacións obtidas polos candidatos.

A adxudicación non poderá recaer sobre candidatos/as cunha valoración total inferior a 5 puntos.

2. Esta proposta de resolución provisional exporase a información pública, na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no seu taboleiro de anuncios, por un prazo de dez días contados a partir do seguinte á data de publicación. Durante este prazo, os interesados poderán formular as alegacións que coiden pertinentes nos lugares e formas indicados no artigo 6.

3. Se algún dos candidatos propostos tiver a intención de non aceptar a adxudicación da praza, deberá comunicalo expresamente dentro do prazo de alegacións e proporase o seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao situado a continuación, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

Artigo 15. Resolución

1. Logo de rematar o prazo de alegacións e examinadas estas, se as houber, formularase a proposta de resolución definitiva.

2. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de catro meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

3. No caso de funcionarios en servizo activo, a adxudicación dependerá de que obteñan o paso á situación administrativa correspondente, xa que é incompatible co desempeño dun posto de traballo na Administración pública.

4. A Secretaría Xeral de Política Lingüística colaborará na difusión pública da adxudicación das prazas convocadas.

5. Para os efectos do estipulado no artigo 16, integrarán unha listaxe de suplentes aquelas solicitudes que, respectando a orde de prelación por puntuación, se situasen a continuación da persoa adxudicataria e, como mínimo, acadasen unha puntuación total igual a 5.

6. A concesión da praza e a percepción das retribucións non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

1. As persoas adxudicatarias sométense e quedan obrigadas a respectar, en todas as súas actuacións relacionadas co obxecto desta convocatoria, as normas que regulan o réxime de funcionamento e disciplinario que se apliquen na universidade de destino. Responderán das súas actuacións, polo tanto, perante a dita universidade.

Artigo 17. Substitucións

1. Se, unha vez adxudicada a praza, algún dos beneficiarios renuncia aplicarase, para a súa cobertura provisional, o procedemento descrito no artigo 13.3 sobre a listaxe de suplentes a que fai referencia o artigo 14.4. Estas prazas deberán incluírse na seguinte convocatoria para a súa adxudicación mediante concurso público de méritos.

2. Cando sexa necesaria a substitución temporal do lector titular empregarase tamén o procedemento descrito no punto anterior. Esta substitución abranguerá o período que dure a causa que a orixina.

Artigo 18. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das bases que a regulan.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión da praza pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na súa falta deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. Segundo o previsto nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web as bases que regulan a presente convocatoria e, no Diario Oficial de Galicia, as bases e os datos relevantes referidos ás subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude supón a autorización dos beneficiarios para o tratamento dos datos necesarios para este fin.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: sxpl.secretaria@xunta.gal.

Artigo 20. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable a esta convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE núm. 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo), polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 21. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 a 125 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II
Características da praza convocada

• Universidade de Kiel (Alemaña):

Modalidade: contrato laboral.

Denominación ou categoría laboral: Lektor für Galicisch.

Duración máxima: dous anos.

Data prevista de incorporación: 1 de outubro de 2017.

Data de remate (respectarase en todo caso): 30 de setembro de 2019.

Retribucións íntegras anuais: 15.325,44 euros.

Perfil da praza: estudos literarios e tradución, estudos culturais e urbanos.

ANEXO III

Méritos

Puntuacións

1. Formación:

Máximo 12 puntos

1.1. Polo título de doutor:

1 punto

1.2. Por cada licenciatura ou titulación de grao a maiores da exixida 0,5 puntos:

Ata 2 puntos

1.3. Expediente académico:

Valorarase segundo a nota media calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro) e acreditarase mediante certificación académica persoal. A puntuación así obtida tomarase, con dous decimais, pola metade do seu valor.

Ata 5 puntos

1.4. Asistencia a cursos de formación didáctica no ensino de linguas:

Ata 2 puntos

1.4.1. Ata 25 horas

0,25 puntos

1.4.2. De 26 a 50 horas

0,50 puntos

1.4.3. De 51 a 100 horas

0,75 puntos

1.4.4. Máis de 100 horas

1,00 puntos

1.5. Asistencia a actividades de formación relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

1.5.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

1.5.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

1.5.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

1.5.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2. Actividade docente e/ou divulgativa e publicacións:

Máximo 7 puntos

2.1. Impartición de cursos, seminarios, relatorios, etc., relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

2.1.1. De 0 a 10 horas

0,05 puntos

2.1.2. De 11 a 25 horas

0,10 puntos

2.1.3. De 26 a 50 horas

0,15 puntos

2.1.4. De 51 a 100 horas

0,20 puntos

2.1.5. Máis de 100 horas

0,25 puntos

2.2. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas (dirección e/ou coordinación):

Cando estas actividades fosen realizadas en universidades de fóra de Galicia valoraranse exclusivamente no número 3.1.

Ata 1 punto

2.2.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

2.2.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

2.2.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

2.2.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2.3. Publicacións relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

No caso de autoría múltiple, a puntuación que se outorgará será a resultante de dividir os puntos correspondentes entre o número de autores.

Acreditaranse mediante orixinais ou copias simples en que consten o ISBN, ISSN ou depósito legal, segundo corresponda, e o índice.

Ata 2 puntos

2.3.1. Libros:

2.3.1.1. Non especializado

0,50 puntos

2.3.1.2. Especializado

1,00 punto

2.3.2. Relatorios, artigos, recensións, etc.:

2.3.2.1. Non especializado ou publicacións de curta extensión

0,10 puntos

2.3.2.2. Especializado

0,20 puntos

2.3.3. Material audiovisual:

2.3.3.1. Non especializado

0,10 puntos

2.3.3.2. Especializado

0,20 puntos

2.4. Docencia no ensino regrado de lingua, literatura e cultura galegas:

Valorarase con 0,05 puntos por cada mes ou fracción inferior.

Ata 2 puntos

3. Dinamización e coñecementos:

Máximo 4 puntos

3.1. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, en universidades de fóra de Galicia (dirección e/ou coordinación):

Ata 1 punto

3.1.1. Ata 25 horas

0,20 puntos

3.1.2. De 26 a 50 horas

0,40 puntos

3.1.3. De 51 a 100 horas

0,60 puntos

3.1.4. Máis de 100 horas

0,80 puntos

3.2. Coñecemento do país en que se encontre a universidade solicitada, e da súa situación sociocultural (acreditación exclusiva mediante residencia):

Ata 1 punto

3.3. Nivel de coñecemento do idioma ou idiomas propios do país de destino (distintos ao galego ou castelán):i

Ata 2 puntos

3.3.1. MCERL A2/ALTE 1

0,25 puntos

3.3.2. MCERL B1/ALTE 2

0,50 puntos

3.3.3. MCERL B2/ALTE 3

0,75 puntos

3.3.4. MCERL C1/ALTE 4

1,00 punto

3.3.5. MCERL C2/ALTE 5/Licenciatura/Grao

1,25 puntos

3.3.6. Outros (ensino non regrado, residencia no país máis de tres meses seguidos, etc.)

0,15 puntos

4. Adecuación do currículo presentado ao perfil formativo do destino solicitado:

Máximo 3 puntos

5. Exposición e defensa ante a Comisión de Valoración do proxecto didáctico de docencia en prácticas, investigador e difusor da lingua, a literatura e a cultura galegas que se desenvolverá na universidade solicitada:

Valorarase tendo en conta os seguintes criterios:

• Destino (ata 1 punto):

– Motivación pola cal o solicita

– Coñecementos sobre a universidade solicitada

– Coñecementos sobre a actividade do seu centro de estudos galegos (CEG)

– Coñecementos sobre o país en que se localiza o CEG

• Deseño do proxecto docente (ata 3 puntos):

– Deseño e estruturación

– Coñecementos e fundamentación teórica

– Deseño de actividades

– Aplicabilidade do proxecto

– Bibliografía

• Coñecementos e habilidades xerais (ata 1 punto):

– Coñecementos técnicos, didácticos e pedagóxicos

– Coñecementos sobre a regulación do ensino da lingua galega e sobre a acreditación do nivel de competencia en lingua galega (Celga)

– Filosofía e metodoloxía de traballo na aula

– Competencias persoais, capacidade de razoamento e de resolución de problemas

– Habilidades comunicativas

– Empatía, interacción e sociabilidade

– Seguridade na exposición dos conceptos que defende

– Aptitude e actitude persoal para a realización das actividades

– Motivación profesional

– Outros aspectos (dominio de idiomas, etc.)

Máximo 5 puntos

i MCERL: marco europeo común de referencia para as linguas.

ALTE: asociación de avaliadores de linguas europeas.