Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 31 de xullo de 2017 Páx. 36146

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento TR341Q).

O emprendemento, en calquera das súas formas xurídicas, vén sendo un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sustentable e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia.

O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.

Dentro desta premisa, hai que considerar que a consolidación do emprendemento é un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade; por iso é esta consolidación a que subxace nesta liña de apoio que desenvolve esta orde.

A opción de calquera persoa que desexe pór en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina.

En Galicia, a Estratexia do emprego autónomo 2017-2020, dentro da Axenda 20 para o emprego da Xunta de Galicia, ten como misión principal apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención ás circunstancias especiais e diferenciais do autónomo, e en concreto axudar tamén a cimentar a consolidación de proxectos que xa superaron os tres primeiros anos de vida; por iso, nesta orde implántase por primeira vez unha liña de apoio á consolidación da persoa autónoma, co obxectivo de contribuír á súa mellora competitiva.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e nesta orde.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 3.000.000,00 euros, que figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2017.

Establécese o pagamento anticipado do 100 % da axuda, de acordo co establecido na Lei de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para poder permitir as necesidades de financiamento das persoas beneficiarias na presente conxuntura económica, dotándoas da solvencia necesaria para a realización dos servizos de mellora competitiva, de xeito que se garanta a adecuada realización das actuacións obxecto da subvención.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341Q).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o ano 2017.

CAPÍTULO II

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 1/2017, de 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2017, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; no Regulamento UE 1407/2013 da Comisión Europea, relativo ás axudas de minimis; e nesta orde.

Artigo 4. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 5. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

2. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional á porcentaxe dos autónomos afiliados ao RETA en cada provincia a 31 de decembro do ano anterior á convocatoria de cada exercicio. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 9.2 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

3. No suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, realizarase unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 6. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

As persoas traballadoras autónomas que residan e teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF, anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.

Quedan excluídos desta orde:

a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas que non teñan a condición de traballadores por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

b) Os traballadores economicamente dependentes a que se refire o capítulo III do título II da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

Artigo 7. Subvención do bono do autónomo

1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde unha subvención, mediante pagamento anticipado, de ata 3.000 euros.

2. Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes servizos:

Profesionalización: servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento, servizos de optimización de procesos de produción e cadea loxística, relanzamento comercial, imaxe e comunicación e posicionamento web.

Desenvolvemento estratéxico: plan de mellora empresarial, márketing, redefinición do modelo de negocio e identificación de socios e redes de cooperación.

Tamén se poderá ter en consideración calquera outro servizo ou actividade non incluído nos parágrafos anteriores que poida ser considerado de maneira indubidable como dirixido á mellora da competitividade.

3. Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona (DOG do 3 de agosto de 2016) na súa convocatoria de 2017 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.

4. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o día seguinte ao da publicación desta orde e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro do exercicio en curso.

Procedemento

Artigo 8. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria correspondente por razón de territorio.

Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación

1. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen, polo que se considera que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para presentar as solicitudes das axudas deste programa será aquel que se estableza na respectiva convocatoria anual.

3. Para garantir que os cidadáns que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa interesada desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coas solicitudes os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

6. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria como responsable do ficheiro, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 14. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego da xefatura territorial competente por razón de territorio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal-, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Ao ser a notificación por medios electrónicos de carácter obrigatorio, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Documentación

1. As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.

b) Memoria descritiva do servizo/actividade solicitada na cal consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da mellora competitiva (no modelo anexo I).

c) Certificación da entidade prestadora do servizo/actividade na cal conste a súa idoneidade para a súa prestación e o contido da dita prestación.

d) No caso de estar realizado o servizo, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, factura pro forma (no modelo anexo II).

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros, prevista para o contrato menor no Real decreto legislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, no suposto de prestación de servizos a persoa interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deles.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Vida laboral do traballador autónomo.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) IRPF da persoa solicitante correspondente ao exercicio do ano anterior ao desta convocatoria de subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro indicado no anexo I e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e deberán serlles notificadas ás persoas interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses e computarase desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude de acordo co establecido no artigo 25.3 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Unha vez que o órgano competente notifique a resolución, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

4. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polo Regulamento UE 1407/2013 da Comisión Europea.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Anticipos de pagamento

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9//2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase ata o 100 % do importe da subvención concedida.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 19. Xustificación e pagamento

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta orde.

3. Considerarase gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvencións deste programa deberán terse realizado ata o 20 de decembro de cada exercicio.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, ata o 20 de decembro de cada exercicio.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

4. As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión, e a data máxima será ata o 20 de decembro de cada exercicio.

5. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores segundo o modelo anexo III.

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

– Memoria final de resultados do servizo ou actividade realizada.

6. A documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentarse xunto coa solicitude, á opción da entidade ou persoa interesada.

7. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 20. Incompatibilidades e concorrencia

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións:

a) Permanecer de alta no RETA durante un tempo mínimo de dous anos desde a solicitude de subvención, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira fidedigna.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

De acordo con esta obriga, a empresa subvencionada deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Para isto incorporarán un cartel informativo dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. O dito cartel estará dispoñible no portal de emprego http://emprego.ceei.xunta.gal/.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública Da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. No caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade do beneficiario, respecto da obriga establecida no artigo 21 punto 1, letra a) de manter a actividade empresarial (alta no RETA) durante polo menos dous anos desde a presentación da solicitude, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos dezaoito meses, e que o beneficiario acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro das subvencións percibidas, de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

4. O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do cartel, segundo o previsto no artigo 21.h), terá un reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

Artigo 24. Exclusións

Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso, agás que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 25. Seguimento e control

A Secretaría Xeral de Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 26. Axudas baixo condicións de minimis

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderán concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

b) Ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Ás que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta repercuta se nos produtores primarios.

d) Ás empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 27. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

CAPÍTULO III
Convocatoria ano 2017

Artigo 28. Obxecto

Convocar para o ano 2017 a axuda do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 29. Normativa reguladora

Esta convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas no capítulo II desta orde.

Artigo 30. Crédito orzamentario

No exercicio económico de 2017, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 3.000.000,00 euros, que figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2017.

Artigo 31. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte o da publicación desta orde no DOG; estará dispoñible a aplicación informática da sede electrónica desde as 9 horas do día seguinte á súa publicación no DOG ata as 23.59 horas do día de finalización do prazo.

Disposición adicional primeira. Seguimento

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda. Documentación orixinal

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde.

Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos, e nas persoas responsables das correspondentes xefaturas territoriais desta consellería para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer as obrigas e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional cuarta. Información sobre a xestión de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file