Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 2 de agosto de 2017 Páx. 36538

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2017 pola que se convoca o curso monográfico Cambio e motivación na función pública, nivel II.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Cambio e motivación na Función Pública, Nivel II, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

Como continuación do curso monográfico Cambio e motivación na función pública, realizado na EGAP os pasados 15 de xuño de 2016 e 12 de xullo de 2017, convócase o nivel II da citada actividade co fin de afondar e consolidar os coñecementos adquiridos.

A través dunha metodoloxía moi práctica e dinámica, este curso centra as súas accións nos seguintes obxectivos:

– Experimentar a diferenza que existe entre «intentar facer» e «decidir facer», para tomar as rendas dos propios actos.

– Elevar o nivel de confianza en si mesmos/as, ilusión, motivación e desexos de pasar á acción.

– Ter a oportunidade de desafiarse a si mesmos/as e experimentar o poder persoal que reside no seu interior a través dunha poderosa metáfora de superación de temores e crenzas limitantes.

2. Contidos.

Defínense unha serie de puntos que servirán como fío condutor do evento:

– O mito da caverna:

Xestionar as emocións fóra da caverna.

Aceptar e liderar

– O reto:

Deixar atrás o que non che achega nada.

3. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local e de xustiza, e dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, que participasen no nivel I do curso convocado polas resolucións do 11 de maio de 2016 (DOG nº 100, do 27 de maio) e do 14 de xuño de 2017 (DOG nº 119, do 23 de xuño).

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: mércores, 6 de setembro de 2017.

Horario: de mañá.

Duración: 4 horas lectivas.

5. Número de prazas: 44.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 1 de setembro de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41; 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

Únicamente serán admitidas aquelas solicitudes presentadas polos participantes no primeiro nivel do curso, segundo o establecido na base 3 desta resolución.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

A listaxe de persoas seleccionadas publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/).

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2 Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública