Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36628

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda inscribir no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, a laxe decorada da necrópole dos Campiños e a alínea con escudo dos Soutomaior do Castelo da Lúa/Torre de Rianxo, sitos no concello de Rianxo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia que, na súa disposición adicional primeira, establece que: «Todos aqueles bens mobles e inmobles sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que tivesen a condición de bens de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes segundo esta lei».

Cómpre ter en conta que a laxe decorada da necrópole dos Campiños foi atopada como consecuencia da destrución parcial do túmulo número 1 dos Campiños (GA15072005) por parte dunha pala escavadora no ano 1982 e, dous anos máis tarde, unha vez comprobada que tiña gravados, foi trasladada ás dependencias do concello de Rianxo. Pola súa parte o denominado merlón con escudo dos Soutomaior, procede do Castelo da Lúa (GA15072105), fortaleza baixomedieval situada no litoral da ría de Arousa no concello de Rianxo. Este escudo foi atopado no transcurso das remocións de terras realizadas con motivo das obras do paseo marítimo que afectaron a este castelo e foi depositado nas dependencias municipais a finais do ano 1999. Polo tanto, a teor do manifestado anteriormente compróbase que os dous elementos perderon a súa relación de contexto cos inmobles aos que pertenceron.

O concello de Rianxo solicitou, o 8.9.2016, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o permiso para trasladar tanto a laxe coma o merlón desde os almacéns municipais ata o auditorio do concello. Despois da pertinente tramitación administrativa, o 25.11.2016 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución na que autorizaba o citado proxecto e o 1.12.2016 o Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais solicitou a inclusión da laxe e do merlón no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia. Os servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural destacaron a importancia da laxe decorada da necrópole dos Campiños xa que os motivos representados (liñas verticais, sinxelas ou agrupadas, liñas horizontais, círculo), e a composición resulta unha novidade polo seu conxunto, mentres que o merlón é un elemento singular típico da arquitectura militar medieval que presenta en relevo o escudo de armas dos Soutomaior na súa cara exterior.

Cómpre ter en conta que a laxe é un ben de interese cultural en aplicación do artigo 94.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia que establece que: «Son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre», mentres que o merlón adquire a categoría de ben de interese cultural ao estar afectado polo artigo 83.3 do citado precepto legal que especifica: «Os escudos elaborados con anterioridade a 1901 teñen a consideración de bens de interese cultural».

Polo tanto, en virtude do manifestado e dos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no que se manifesta o interese histórico dos mencionados bens e a súa consideración legal de bens de interese cultural de Galicia e polo que, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do artigo 23, Rexistro de Bens de Interese Cultural, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia da laxe decorada da necrópole dos Campiños e do merlón con escudo dos Soutomaior do Castelo da Lúa, ambos no concello de Rianxo (A Coruña), dándolle comunicación ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e notificar ao Concello de Rianxo, para os efectos da súa publicidade e para xeral coñecemento da súa condición de bens de interese cultural.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Denominación: laxe decorada dos Campiños.

Descrición: a necrópole dos Campiños (GA15072005) sitúase no extremo sur do monte denominado de Lioira e estaba composto por un conxunto de seis túmulos. O denominado túmulo número 1 resultou o máis afectado pola construción dunha pista forestal que provocou a súa destrución. Este túmulo tería aproximadamente uns 20 metros de diámetro en planta por 1,5 metros de altura. No momento do seu descubrimento conservaba escasamente unha cuarta parte das súas dimensións debido ao arrase do monumento ata o seu nivel de base. A laxe conservada ten unha lonxitude de 220 cm por 90 cm de ancho e presenta gravados sobre ambas as caras. Na cara A os sucos son moi abertos e paralelos dun extremo. No seu terzo superior localízanse dúas parellas de liñas verticais, truncados por unha fractura que afecta esa zona, polo que se descoñece como rematarían polo seu lado superior, aínda que se supón que debían unirse entre si. Tamén desapareceu aquí unha liña horizontal que bordeaba todo o perímetro superior da laxe, perfectamente apreciable na cara B e no bordo entre ambas as caras. No terzo medio apréciase unha liña disposta transversalmente que rodea o perímetro da pedra e á cal se asocian outras dúas liñas máis ou menos verticais: a da dereita contacta con ela, rematando por baixo en forma angulosa, namentres que a da esquerda non chega a unirse á horizontal, rematando nun ángulo recto na súa parte superior.

A cara B está menos elaborada, e nela aprécianse tres acanaladuras horizontais unha en cada terzo. A superior e a central discorren de lado a lado e reforzan a impresión de rodear a peza, namentres a inferior está só parcialmente rematada e non se continúa na cara A. Ademais, neste lado apréciase un círculo incompleto na súa parte superior.

Localización: auditorio municipal do concello de Rianxo (A Coruña).

ANEXO II

Denominación: merlón con escudo da Torre de Rianxo/Castelo da Lúa.

Descrición: a Torre de Rianxo, coñecida popularmente coma Castelo da Lúa, (GA15072105), correspóndese cunha fortaleza baixomedieval situada no litoral da ría de Arousa, nunha pequena punta rochosa orientada ao NW, pechando o esteiro da desembocadura do río Te. O xacemento, ademais dos vestixios da fortaleza medieval (séculos XIII-XV), consérvanse os restos dun forno de cerámica común de época moderna (séculos XVI a XVIII) construído en cachotería. A fortaleza foi edificada por Paio Gómez Chariño, primeiro señor xurisdicional de Rianxo. A documentación histórica sinala que a fortaleza foi atacada polos Irmandiños sobre o 1465 e reedificada ao pouco tempo por Suero Gómez de Soutomaior. A partir de 1480 foi derrubada polo gobernador real Fernando de Acuña. Desde entón, ata 1532 as ruínas do castelo foron usadas como cárcere, ata que nese ano é concedida a súa xurisdición directa ao arcebispo Alonso II de Fonseca, novo señor de Rianxo. Tras ese momento, o castelo será espoliado ata case desaparecer, instalándose un obradoiro de cerámica popular en época moderna. Desde o punto de vista construtivo, o castelo contaba cunha superficie de 3.500 m², estando delimitada por unha muralla e un antemural na parte marítima. O acceso realizaríase desde terra polo SE, salvando o foso mediante unha ponte levadiza e a través dun baluarte con porta central. Desde ese punto atravesaríase o patio principal de planta rectangular, a casa forte e a torre da homenaxe. Na parte posterior existirían varias dependencias de carácter doméstico acaroadas á muralla, un pequeno patio e unha poterna. O merlón ou almena pertencen á muralla ou torre da homenaxe do Castelo da Lúa. O merlón é un elemento arquitectónico típico da arquitectura militar medieval, correspondente a cada un dos saíntes verticais e rectangulares, apuntados ou mixtos (como neste caso), dispostos a intervalos regulares que coroan os muros perimetrais de castelos ou torres defensivas. A peza presenta unhas dimensións de 80 cm. de lonxitude, por 75 cm de anchura, por 24 cm de grosor, estando construída en granito local de boa calidade. A metade inferior presenta alzado rectangular, mentres que a metade superior estaría apuntada, presentando fragmentado o extremo superior, correspondente á punta da peza.

Como elemento singular, presenta en relevo o escudo de armas dos Soutomaior na súa cara exterior, correspondente ao xadrezado. Este amosa unha orla simple que delimita o contorno do escudo, de forma rectangular e base semicircular, con pivote no extremo inferior. A decoración componse de 9 filas xadrezadas, separadas cada por unha fila sen gravar (a primeira destas presenta o primeiro cadro gravado) por 8 columnas de cadros.

Localización: auditorio municipal do concello de Rianxo ( A Coruña).