Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36643

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 17 de xullo de 2017 pola que se acorda a cesión en propiedade de varios vehículos motobomba a diversos concellos.

O Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, dispón que esta é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, mentres que a Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais ten atribuídas as competencias para levar a termo as actuacións encamiñadas á protección e á defensa dos montes contra os incendios forestais, exercendo as funcións de planificación, programación, avaliación e seguimento, medidas e accións de defensa dos montes contra os incendios forestais e a elaboración de estudos e análise de causalidade e de planificación preventiva, así como a coordinación de medios na loita contra os incendios forestais.

No Pladiga (Plan de loita contra os incendios forestais de Galicia) dedícase un capítulo á extinción e outro á vixilancia de incendios forestais, onde se recollen os medios humanos e materiais, a súa distribución territorial e o procedemento operativo en función do risco de lumes segundo as épocas de perigo e zonas.

Os obxectivos que deben cumprirse de acordo co establecido no Pladiga son, respectivamente: reducir as superficies queimadas por lume, a defensa das masas arborizadas, a defensa dos espazos protexidos e evitar reproducións, co fin de minorar os danos económicos, ecolóxicos e culturais que provoca este tipo de sinistros e detectar rapidamente os focos de lume e verificar as alarmas, exercendo unha maior presión nas zonas definidas como de especial vixilancia. Isto fai posible a definición de estratexias e accións selectivas, coa dobre finalidade de reducir o número de lumes e facilitar a investigación das causas.

Por outra banda, e de acordo co establecido no artigo 25.2.f) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, correspóndelles aos concellos exercer no ámbito territorial da súa responsabilidade competencias en materia de prevención e extinción de incendios nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas. Para exercer estas actuacións os concellos requiren contar cuns medios de defensa e extinción de incendios forestais, medios dos cales frecuentemente os concellos carecen debido a limitacións orzamentarias.

Segundo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, correspóndelles aos concellos colaborar cos medios dispoñibles coa Dirección Técnica de Extinción de Incendios Forestais. Ademais, o artigo 59 indica que a Xunta de Galicia lles prestará a súa colaboración ás entidades locais para a prevención e extinción de incendios, ben a través de medios propios, ben por medio de mecanismos de apoio económico.

Para tal fin, e para que poidan ter recursos para exerceren as competencias previstas consonte o artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Consellería do Medio Rural tramita o expediente de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 82 ao 87 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, onde se regula a cesión gratuíta de bens e dereitos.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confire o artigo 83.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase ceder en propiedade os vehículos que se sinalan a continuación co fin de seren destinados á realización de tarefas de prevención e extinción de incendios nos correspondentes concellos:

Matrícula

Marca

Concello

Distrito forestal

C5444BB

IPV

A Pastoriza

X Terra Chá

C9752AP

URO V-12.136

Melón

XI O Ribeiro-Arenteiro

C4643BK

IPV 94TT9.56N

Sarreaus

XV A Limia

C5425CG

URO 14.18

Coles

XII Miño-Arnoia

6752GHT

Mercedes Benz

Portas

XIX Caldas-O Salnés

C5457CG

IPV M14.16-/4S3N126

Oia

XVIII Vigo-Baixo Miño

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade co establecido polo artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, o concello cesionario destinará o ben cedido a fins de utilidade pública ou de interese social, de xeito especial á realización da vixilancia e de todo tipo de actuacións relacionadas coa prevención e coa loita contra os incendios forestais.

2. O concello cesionario deberá cumprir coas obrigas da Dirección Xeral de Tráfico e realizar o trámite de cambio de titularidade dos vehículos e farase cargo de todos os gastos de mantemento dos vehículos e dos derivados do seu uso, así como dos necesarios para a reparación e posta en funcionamento do dito ben, dos derivados do seguro, da inspección técnica de vehículos (ITV) e do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM).

3. Tanto se os bens cedidos non se aplicasen aos fins sinalados como se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería do Medio Rural), que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que sufrise.

Así mesmo, ante unha necesidade urxente da Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e por razóns de interese público, a Consellería do Medio Rural poderá resolver a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O concello cesionario responderá do valor do ben cedido no caso da destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que puidesen ocasionarse tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

5. Correspóndelle á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación dos bens ao fin para o cal foron cedidos, e poderá adoptar para iso cantas medidas fosen necesarias segundo dispón o artigo 85 da Lei 5/2011, do 30 de setembro. Á Consellería do Medio Rural correspóndelle, se é o caso, a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 3

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario en que delegue, e polo alcalde do concello cesionario ou funcionario en que delegue, e deberá constar nela o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

O presente acordo de cesión leva implícito a desafectación do ben que se cede, citada no artigo 1.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa poderase requirir previamente que se anule ou revogue o acto, de conformidade co artigo 44 da Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural