Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 11 de agosto de 2017 Páx. 38748

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

DECRETO 77/2017, do 3 de agosto, polo que se modifica o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

A vixente estrutura orgánica da Consellería de Política Social foi aprobada polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, publicado no Diario Oficial de Galicia número 232, do 4 de decembro de 2015, coa corrección de erros no Diario Oficial de Galicia, número 4, do 8 de xaneiro de 2016.

Con data 10 de abril de 2017, publicase o Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Na súa disposición derradeira primeira, modifica o Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, o que supón unha reorganización da dita axencia en virtude das novas tarefas obxecto de encomenda polos distintos departamentos da Xunta de Galicia.

A dita modificación incide na organización de postos de traballo adscritos á Subdirección Xeral de Proxectos e Accesibilidade que dependen da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política social co traspaso do Servizo de Supervisión de Proxectos, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo dependente da dita subdirección xeral, que se adscribirá á nova estrutura da Axencia Galega de Infraestruturas.

Cómpre, polo tanto, a modificación do artigo 12 do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, coa supresión do número 2, distribuíndo as competencias resultantes na dita subdirección xeral.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Social, cos preceptivos informes favorables e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de agosto de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social

O artigo 12 do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 12. Subdirección Xeral de Proxectos e Accesibilidade

Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A planificación, coordinación e desenvolvemento das funcións das oficinas de supervisión dos proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que realice a Consellería, así como a dirección e o seguimento das obras que realice a Consellería e das correspondentes aos convenios de investimento coas entidades locais.

b) A planificación, a coordinación e a execución da supervisión, dirección e control dos proxectos de obras en que participe a Consellería e da súa execución material, de acordo co establecido na normativa técnica vixente e, en especial, a relativa á aplicación de criterios de sustentabilidade e adecuación ao medio.

c) A emisión de informes técnicos exixidos pola normativa relativos ao control de centros de servizos sociais, logo da proposta do persoal competente da dita subdirección.

d) A coordinación dos plans e impulso dos proxectos de promoción da accesibilidade en colaboración con outros órganos da consellería.

e) A participación, o asesoramento e a elaboración de informes en materia de accesibilidade.

f) O impulso do cumprimento da normativa sobre accesibilidade e supresión de barreiras, así como a proposta de actuacións e de normativa na materia da súa competencia.

g) A promoción da divulgación, información e o estudo da accesibilidade e supresión de barreiras, sen prexuízo das que lle correspondan a outros órganos.

h) A representación da consellería e apoio técnico e administrativo á Comisión Técnica de Accesibilidade e ao Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, así como cantas outras funcións lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

i) A emisión, por proposta do persoal da súa subdirección, de ditames e informes para o apoio técnico e administrativo á Comisión Técnica de Accesibilidade e ao Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Impacto económico

A modificación establecida neste decreto non suporá aumento de gasto.

Disposición derradeira segunda. Modificación da relación de postos de traballo

A Consellería de Política Social proporá as modificacións que procedan na relación de postos de traballo, derivadas da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Disposición derradeira terceira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Consellería de Política Social para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarias para a acomodación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que procedan para o seu desenvolvemento e execución.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social