Mediante Resolución do 16 de febreiro de 2017 (DOG nº 42, do 1 de marzo), publicáronse as bases reguladoras das axudas do Igape destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende).
As ditas bases establecen no seu artigo 10.6 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.
Na súa virtude e, de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva con data do 11 de agosto de 2017 de concesión das axudas do Igape destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (Galicia Rural Emprende), no enderezo www.tramita.igape.es (apartado «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Habilítase un prazo de dez (10) días naturais para que os interesados accedan á Oficina virtual do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es (apartado «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas), utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido entenderase rexeitada.
No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia e medios para descargar a súa resolución individual.
Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020 e, en particular:
Prioridade 6.A: facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.
Medida 06: desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.
Submedida 6.2: axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais.
O restante 25 % correspóndese con cofinanciamento nacional, asumindo o 7,5 % a Administración xeral do Estado e o 17,5 % a Xunta de Galicia.
O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.
A concesión desta axuda supón a aceptación do beneficiario a ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Así mesmo, o beneficiario deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación á publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo III do Regulamento (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo.
Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día hábil seguinte ao de finalización do prazo sen acceder ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día hábil seguinte ao de finalización do prazo sen acceder ao seu contido.
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2017
O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
P.S. (Acordo do 29.3.2012; DOG núm. 78, do 24 de abril)
Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica