Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 1 de setembro de 2017 Páx. 41352

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

ORDE do 2 de agosto de 2017 pola que se regula a organización, funcionamento e composición da Mesa da Madeira.

O artigo 100 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, crea a Mesa da Madeira como un órgano colexiado de representación sectorial e debuxa as liñas mestras no que a súa composición e funcións respecta. No número 3 do citado artigo establécese un mandato para que a súa organización, funcionamento e composición se determine regulamentariamente mediante orde.

O sector forestal é un dos piares fundamentais do tecido económico e social na Comunidade Autónoma de Galicia. As aproximadamente 3.000 empresas do sector presentan un nivel de facturación global á beira dos 1.750 millóns de euros, dos cales máis do 40 % se refiren ás exportacións, sendo a comunidade autónoma líder en exportacións de produtos madeireiros, cunha cota de mercado que representa o 26 % das exportacións a nivel nacional. Na actualidade, o sector ocupa un número aproximado de 70.000 persoas, entre postos de traballo directos e indirectos, o que ofrece unha boa medida da magnitude e importancia que presenta a madeira como un dos principais activos galegos.

Por tanto, cómpre establecer mecanismos de diálogo entre a Administración pública e os principais axentes do sector madeireiro a fin de achegar iniciativas e solucións que permitan consolidar, dinamizar e potenciar as posibilidades dunha das materias primas máis importantes e abundantes no noso territorio, axustando a súa relevancia como fonte de riqueza aos criterios da xestión forestal sustentable.

Na tramitación desta disposición foi consultado o Consello Forestal de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e natureza xurídica

1. A presente orde ten por obxecto regular a organización, o funcionamento e a composición da Mesa da Madeira, creada de conformidade co artigo 100 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, como un órgano colexiado de representación sectorial que estará integrado pola Administración autonómica, polas organizacións de propietarios forestais e polas organizacións das empresas e industrias de transformación de produtos forestais leñosos.

2. A Mesa da Madeira intégrase na consellería competente en materia de montes, aínda que sen participar na súa estrutura xerárquica.

Artigo 2. Finalidades

As finalidades e obxectivos da Mesa da Madeira son:

a) Promover as relacións entre os sectores de produción, comercialización e transformación da madeira e da biomasa forestal.

b) Realizar unha análise e un seguimento periódicos dos mercados de madeira, da produción e das necesidades da industria forestal.

c) Intercambiar información actualizada sobre o estado fitosanitario das masas forestais galegas e sobre as medidas fitosanitarias de loita e de prevención.

d) Propoñer liñas de fomento e mellora no sector da madeira, así como liñas prioritarias de investigación, planificación e actuación en materia da prevención e loita contra pragas e doenzas forestais.

e) Promover e divulgar o uso da madeira como material renovable e respectuoso co ambiente e dar a coñecer a súa contribución á loita contra o cambio climático.

f) Promover a investigación, especialmente das técnicas silvícolas e no papel que xogan os bosques na mitigación do cambio do clima, así como o uso da madeira e da biomasa, e a relación entre o bosque e a auga e o solo, a flora e os ciclos de nutrientes do bosque.

Artigo 3. Composición

1. A Mesa da Madeira estará composta pola presidencia e por vinte e dous vogais.

2. A composición da Mesa da Madeira atenderá, sempre que sexa posible, criterios de equilibrio efectivo entre homes e mulleres de conformidade co previsto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, do 22 de marzo, para a igualdade definitiva entre homes e mulleres e demais normativa que resulte de aplicación nesta materia.

3. A presidencia nomeará, entre o persoal da dirección xeral competente en materia de montes, unha persoa titular da secretaría, que a exercerá con voz e sen voto.

Artigo 4. A presidencia

1. A presidencia da Mesa da Madeira corresponde á persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes.

2. As funcións da persoa titular da presidencia son:

a) Desempeñar a representación da Mesa da Madeira.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, para o que terá en conta, se for o caso, as peticións das demais persoas membros formuladas con quince días de antelación á celebración da reunión.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Asegurar o cumprimento da normativa en vigor que resulte de aplicación ao caso concreto.

e) Visar as actas e certificacións expedidas pola secretaría da Mesa da Madeira.

f) Cantas outras sexan inherentes á súa condición de presidente/a.

3. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as funcións da presidencia serán exercidas pola persoa membro da consellería competente en materia de montes designada previamente pola súa persoa titular.

4. Sempre e cando o considere oportuno, a presidencia poderá invitar a participar nas reunións da Mesa da Madeira aquelas entidades ou persoas expertas na materia para o mellor asesoramento nos temas concretos que se van debater. En ningún caso as ditas persoas ou entidades terán a condición de membros deste órgano colexiado.

Artigo 5. Vogais

A Mesa da Madeira estará integrada polas seguintes persoas coa condición de vogais:

1. Cinco persoas en representación da Administración autonómica:

a) A persoa titular da subdirección competente en materia de recursos e aproveitamentos forestais.

b) A persoa titular da dirección do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

c) Un representante da Axencia Galega da Industria Forestal.

d) Dúas persoas que teñan a condición de persoal da consellería competente en materia de montes designadas pola persoa titular da presidencia.

2. En representación dos axentes do sector madeireiro, nomeados a proposta das respectivas organizacións/asociacións mais representativas dentro da Comunidade Autónoma:

a) Sete persoas, en representación das organizacións de propietarios forestais.

b) Dúas persoas, en representación das empresas de servizos e produtos forestais.

c) Sete persoas, en representación das organizacións de empresas e industrias da primeira transformación.

d) Unha persoa en representación do Colexio de Enxeñeiros Forestais de Galicia.

3. Para os efectos do disposto nesta orde, terán a condición de organización máis representativa aquelas que teñan representación no Consello Forestal de Galicia.

Artigo 6. Funcións das persoas vogais e réxime de substitución

1. As funcións das persoas vogais son as seguintes:

a) Participar nos debates das sesións.

b) Formular rogos e preguntas.

c) Cantas outras sexan inherentes á súa condición.

2. No exercicio das súas funcións as persoas vogais teñen dereito a recibir, cunha antelación mínima de 48 horas previas á celebración da sesión, a documentación da convocatoria, e tamén teñen dereito a obter toda a información sobre os temas que figuren na orde do día e dispor de toda a información precisa para cumprir as súas funcións. A orde do día deberá estar ao dispor dos restantes membros do órgano colexiado cunha antelación de 48 horas previas á celebración da sesión.

3. As persoas vogais, en caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, poderán ser substituídos polas súas persoas suplentes, que deberán ser designadas ao mesmo tempo que se designa a persoa titular. Corresponde á persoa titular a comunicación da convocatoria á súa persoa suplente nos supostos en que non poida asistir á sesión a que foi convocada.

Artigo 7. A secretaría

1. Corresponde á persoa titular da secretaría da Mesa da Madeira:

a) Efectuar a convocatoria das sesións da Mesa da Madeira por orde da presidencia, así como as citacións aos seus membros.

b) Recibir os actos de comunicacións dos membros coa Mesa da Madeira e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

c) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

d) Custodiar a documentación da Mesa da Madeira.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

2. A persoa titular da secretaría da Mesa da Madeira poderá dispoñer da asistencia de persoal técnico de apoio, pertencente á consellería competente en materia de montes, para o desenvolvemento das súas funcións.

3. No caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outras causas que imposibiliten a súa asistencia, a persoa titular da secretaría será substituída por unha persoa que teña a condición de persoal funcionario da dirección xeral competente en materia de montes, designada pola presidencia da Mesa da Madeira.

Artigo 8. Réxime de reunións

A Mesa da Madeira reúnese como mínimo dúas veces ao ano, en sesión ordinaria, e con carácter extraordinario sempre que o seu presidente/a o considere oportuno ou tres quintas partes (3/5) da totalidade dos seus membros así o acorden.

Artigo 9. Convocatorias

1. As sesións, tanto ordinarias como extraordinarias, serán convocadas polo/a secretario/a por orde da persoa titular da presidencia nun prazo mínimo de quince días naturais de antelación.

2. No caso de reunións extraordinarias, estas poderán ser solicitadas por un mínimo de tres quintas partes (3/5) da totalidade dos membros da Mesa da Madeira, e a convocatoria realizarase dentro dos sete días naturais seguintes á solicitude e formalizarase cunha antelación de dous días á celebración da sesión. No caso de urxencia, as reunións extraordinarias pódense convocar cunha antelación de corenta e oito horas.

3. As convocatorias serán remitidas aos membros do órgano colexiado a través de correo electrónico, facendo constar nelas a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación cando for posible, as condicións en que se vai celebrar a sesión, o sistema de conexión e, se for o caso, os lugares en que estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión e sinalando se a convocatoria é urxente.

4. O sistema de notificación electrónica acreditará a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada da convocatoria notificada, así como o acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais; en todo caso, presumirase que a notificación se produciu polo transcurso de vinte e catro horas, excluíndo sábados, domingos e festivos, desde a posta á disposición da persoa interesada da convocatoria notificada, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

5. Todos os membros da Mesa da Madeira que teñan a condición de cargo público ou persoal empregado público da Administración, de conformidade co establecido no artigo 6.1 da presente orde, serán notificados no seu enderezo electrónico institucional correspondente. O resto dos membros da Mesa da Madeira serán notificados electronicamente no enderezo de correo electrónico que se sinale para tal efecto.

6. A comunicación de convocatoria deberá conter, como mínimo, a data e o lugar onde terá lugar a sesión, o seu carácter ordinario ou extraordinario e a orde do día cos asuntos que se van tratar. A este respecto, a presidencia terá en conta as peticións dos demais membros da Mesa da Madeira que se formulasen coa suficiente antelación, e serán incluídas na orde do día sempre e cando se consideren oportunas e acordes coas finalidades deste órgano colexiado e resolveranse motivadamente no caso de que se denegue a petición de inclusión dun asunto na orde do día.

Artigo 10. Sesións

1. As sesións da Mesa da Madeira celebraranse na data, na hora e no lugar indicados na comunicación de convocatoria.

2. Celebraranse en primeira convocatoria cando estean presentes a persoa titular da presidencia e a da secretaría e a totalidade das persoas que teñan a condición de vogais. De non existir este quórum, a sesión celebrarase en segunda convocatoria sempre e cando estean presentes as persoas titulares da presidencia e da secretaría e, polo menos, máis da metade das persoas vogais.

3. Non será obxecto de deliberación ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros deste órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a execución

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes para ditar cantas resolucións e instrucións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Remisión normativa

Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia para os órganos colexiados.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual rango se opoñan ao disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural