Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 8 de setembro de 2017 Páx. 41914

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de agosto de 2017 pola que se convocan probas para a renovación da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

De conformidade co establecido no artigo 6.1 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), para desenvolver a función de control de acceso, deberá contarse coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, tras a obtención do certificado acreditativo de superar as probas previstas no artigo 5 da norma mencionada, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Tendo en conta o exposto no Decreto 75/2015, do 21 de maio, polo que se modifica o referido Decreto 8/2010, a vixencia da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas é de 5 anos desde a data da súa expedición.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta orde é a aprobación das bases xerais e convocatoria das probas para a renovación da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas e a súa expedición.

Os códigos do procedemento regulados nesta orde son PR473A e PR473B.

Segundo. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento e comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Situación de desemprego.

c) Discapacidade igual ou superior ao 33 %, no suposto de ser expedido pola Xunta de Galicia.

d) Certificado de antecedentes penais, expedido polo Ministerio de Xustiza.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

2. Ademais, as persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data.

b) Copia do xustificante, de ser o caso, de ter unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, no suposto que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

c) Dúas fotografías tamaño carné de identidade.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados con anterioridade. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Terceiro. Taxa

Conforme dispón a Lei 6/2003, do 9 de setembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a modificación introducida pola Lei de orzamentos para o ano 2011, a taxa por participación nas probas para obter a certificación acreditativa da habilitación, será de 50,40 euros, que serán ingresados, mediante o modelo xeral de autoliquidación de taxas.

Poden acceder a este desde a páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.es), a través da cal, poderá pagar, no caso de non ter certificado dixital: de forma presencial (comparecendo na entidade colaboradora, das cales existe unha listaxe pública nesa mesma páxina web, ou telematicamente con tarxeta bancaria. No caso de ter certificado dixital, poderá pagar accedendo á oficina virtual, de forma presencial, telematicamente mediante cargo en conta ou con tarxeta.

As/os aspirantes deberán cubrir, nos puntos habilitados para o efecto no referido modelo de autoliquidación de taxas, tanto se o pagamento se fai de xeito presencial na entidade colaboradora, como telematicamente a través da oficina virtual da Axencia Tributaria de Galicia, os seguintes códigos:

Código: 04.

Delegación de Pontevedra.

Código: 40.

Servizo de Academia Galega de Seguridade Pública.

Código: 19.

Taxa: denominación: participación nas probas para obter certificación acreditativa da habilitación.

Código: 30.48.01.

Total: 50,40 euros.

Ademais as/os aspirantes cubrirán os seus datos persoais nos puntos reservados para tal fin no devandito modelo.

Están exentos do pagamento desta taxa:

1. As/os aspirantes que figuren inscritas/os como desempregados no Instituto Nacional de Emprego, que poderán autorizar a comprobación desta situación pola Administración, ou presentar o certificado acreditativo desta.

2. As/os aspirantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, acreditando documentalmente tal situación, agás no caso de que a situación de discapacidade fose expedida pola Xunta de Galicia, en tal suposto pode autorizar a súa consulta ou ben presentar tal certificación.

A falta de xustificación do pagamento íntegro da taxa por dereitos de exame, dentro do prazo de presentación de solicitudes, determinará a exclusión da/do aspirante do proceso, sen que sexa posible emendar tal deficiencia nun momento posterior.

Cuarto. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Quinto. Admisión

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o/a titular da Dirección Xeral da Agasp ditará resolución que se publicará no DOG, na cal se declarará aprobada a relación provisoria de admitidos/as excluídos/as, indicando a causa ou motivo da exclusión, no prazo máximo dun mes contado desde a expiración do prazo de presentación de solicitudes.

Os/as aspirantes que figuren na relación provisional como excluídos, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados a partir da publicación de tal resolución, co fin de emendar, se é o caso, as deficiencias que motivaron a súa exclusión, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra a resolución da Dirección Xeral da Agasp que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, poderá interpoñerse recurso administrativo nos termos previstos pola Lei 39/2015, referida con anterioridade.

Sexto. Data, tribunal cualificador e lugar de realización

A data e composición do tribunal cualificador das probas correspondentes a esta convocatoria coñeceranse na resolución que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidas/os á realización destas.

As probas realizaranse na sede da Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

O tribunal que cualificará estas probas será nomeado pola Dirección Xeral da Agasp, estará composto por un numero impar de membros, sendo o réxime xurídico aplicable ao tribunal cualificador o que establece para os órganos colexiados a Lei 39/2015, do 1 de outubro (artigos do 15 ao 19).

O tribunal poderá dispoñer a incorporación de asesores/as técnicos/as especialistas, debido a especificidade da proba a desenvolver, e poderá solicitar da Agasp a designación de persoal colaborador, cando o número de aspirantes o faga conveniente.

Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede nas dependencias da Agasp designadas para tal fin.

Sétimo. Proba: contido e realización

Para obter a renovación da habilitación, será necesario superar un test psicolóxico, que se realizará na sede da Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

A data e hora de realización desta, publicarase no DOG e na páxina web da Agasp, na resolución que faga pública a listaxe definitiva de admitidos e excluídos para a realización desta proba.

Os/as aspirantes deberán acudir á realización da proba portando o DNI, pasaporte ou permiso de residencia e traballo en España, serán chamados por orde alfabética e decaerán no seu dereito de participación os e as que non comparezan, agás os casos de forza maior, debidamente xustificados.

O tribunal cualificador, poderá en calquera momento durante a realización da proba requirir os/as aspirantes a acreditación da súa identidade.

O tempo para a realización da proba será como máximo noventa (90) minutos e cualificarase de apto/a ou non apto/a.

Concluída a proba, no prazo máximo de dez (10) días, o tribunal elevará á Dirección Xeral da Agasp a relación de aspirantes declarados/as aptos/as, que procederá á súa publicación no DOG e a remisión desta á dirección xeral con competencia en materia de espectáculos públicos.

Así mesmo, esta listaxe definitiva, publicarase na páxina web da Agasp.

Oitavo. Información aos/as interesados/as

Sobre esta convocatoria, poderase obter información adicional, na Academia Galega de Seguridade Pública, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.gal)

b) No enderezo electrónico formacion.agasp@xunta.gal

c) Nos teléfonos da Agasp 886 20 61 10.

d) No servizo de formación en Seguridade Pública na Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Noveno. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «persoal de control de acceso» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é Academia Galega de Seguridade Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante á Agasp, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra, ou a través dun correo electrónico a agasp@xunta.gal

Décimo. Expedición da habilitación do persoal de control de acceso

As/os aspirantes que superaron as probas deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior axustado ao modelo normalizado que figura como anexo II desta orde (código PR473B) xunto co xustificante de ter aboada a correspondente taxa, para que lle sexa expedida a habilitación prevista no artigo 6 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, necesaria para desenvolver a función de control de acceso, xunto co distintivo que os identifique e acredite como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

As solicitudes presentaranse de acordo co establecido na disposición cuarta desta orde no prazo de 10 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación definitiva das/os aspirantes que superaron as probas no Diario Oficial de Galicia.

O pagamento da taxa poderá facerse en calquera das modalidades previstas na disposición terceira desta orde, debendo cubrir os seguintes códigos no modelo de autoliquidación:

Código: 04.

Delegación de Servizos Centrais.

Código: 13.

Servizo de Interior e Espectáculos Públicos.

Código: 20.

Taxa: denominación: expedición e renovación da habilitación.

Código: 30.48.02.

Total: 5,92 euros.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file