Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 14 de setembro de 2017 Páx. 42348

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 86/2017, do 7 de setembro, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2018.

O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación de xornadas de traballo, xornadas especiais e descanso, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal, as comunidades autónomas teñen facultades de opción e tamén poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, incorporando outras da comunidade autónoma que lles sexan tradicionais.

O calendario laboral para o ano 2018 presenta unha situación excepcional, xa que ningunha das festas estatais de carácter obrigatorio coincide con domingo, e ao non poder establecer no seu lugar ningunha das nosas festas tradicionais engádese unha festa máis con carácter de recuperable, aproveitando as posibilidades que permite o artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, para poder así conmemorar o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura.

Así mesmo, facendo uso da facultade atribuída polo artigo 45.3 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na nosa Comunidade Autónoma e para o ano 2018 óptase pola Festa de Santiago Apóstolo, Día Nacional de Galicia.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018

De non se producir modificacións no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 serán as seguintes:

1 de xaneiro

Aninovo

6 de xaneiro

Día de Reis

29 de marzo

Xoves Santo

30 de marzo

Venres Santo

1 de maio

Festa do Traballo

17 de maio

Día das Letras Galegas

25 de xullo

Día Nacional de Galicia

15 de agosto

A Asunción

12 de outubro

Día da Hispanidade

1 de novembro

Todos os Santos

6 de decembro

Día da Constitución

8 de decembro

A Inmaculada

25 de decembro

Nadal

As festas mencionadas terán carácter retribuído e non recuperable, agás o día 17 de maio, Día das Letras Galegas, que terá carácter recuperable.

Artigo 2. Festas locais

Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e no artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación no boletín oficial de cada unha das provincias da comunidade autónoma será determinada pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria. As ditas festas locais publicaranse, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Cómputo de prazos

De acordo co que dispón o artigo 30.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social

Do disposto no presente decreto darase traslado ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social antes do 30 de setembro de 2017.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil dezaoito.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria