Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 20 de setembro de 2017 Páx. 42887

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 7 de febreiro de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

A Resolución do 7 de febreiro de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, publicada no DOG núm. 35, do 20 de febreiro de 2017, recolle, no seu artigo 2, que para a concesión destas axudas se destinará un crédito de cento cincuenta mil euros (150.000 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. Este importe poderá ser ampliado de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 3/2017, do 13 de xullo, de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social e de modificación da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

A Lei 3/2017, do 13 de xullo, de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social e de modificación da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, na súa exposición de motivos clasifica en tres grandes grupos as medidas de impulso. O segundo bloque destas medidas está dedicado a reforzar as políticas de gasto social, nunha serie de actuacións prioritarias que terían recollido os orzamentos de contaren no momento da súa aprobación con dotación abonda e, así, no seu anexo III dedica expresamente unha partida de 50.000 euros para o fomento do autoemprego de emigrantes retornados.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 7 de febreiro de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, na contía de 50.000 euros na aplicación 04.30.312C.470.0.

Segundo. Esta ampliación non afecta o prazo para a presentación de solicitudes establecido na dita resolución nin o resto do seu articulado.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración