Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2017 Páx. 48194

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

DECRETO 97/2017, do 28 de setembro, polo que se regula o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, a planificación e a formación.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 4.2, en termos análogos a como o fai o artigo 9.2 da Constitución española, a obriga dos poderes públicos de Galicia de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, a regulación legal da materia de voluntariado está recollida na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria. O título III da devandita lei regula no seu capítulo V a participación das entidades e das persoas voluntarias na planificación, na xestión e no seguimento da acción voluntaria incluída no ámbito da citada lei, así como a participación dos ditos suxeitos nas actividades de estudo, análise, asesoramento e proposta para a promoción, impulso, coordinación e avaliación das actividades de acción voluntaria.

O desenvolvemento regulamentario da norma legal foi efectuado por medio do Decreto 38/2014, do 20 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Acción Voluntaria, no referente ao citado órgano de participación, coordinación, asesoramento e consulta en materia de acción voluntaria. Compleméntase con esta norma ese desenvolvemento, coa regulación detallada do Observatorio Galego de Acción Voluntaria creado polo artigo 38 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, e do cal se regula agora a súa constitución, a súa estrutura e o seu funcionamento. E, asemade, incorpóranse tres cuestións puntuais pendentes de desenvolvemento regulamentario, como son o plan de actividades, os programas de formación en materia de acción voluntaria e o contido mínimo dos plans e dos proxectos de acción voluntaria co cal se dá cumprimento ao previsto nos artigos 11.k), 26.2 e 31.3 da Lei 10/2011, do 28 de novembro.

O momento no cal se efectúa este desenvolvemento regulamentario é, polo demais, coherente coa Estratexia de acción voluntaria 2016-2018 (EsAV 16-18), en especial co seu obxectivo estratéxico 04: Asegurar o despregamento dos novos instrumentos normativos, dotando de estrutura e funcionamento o Observatorio Galego de Acción Voluntaria e apoiando as entidades de acción voluntaria para o cumprimento da normativa vixente e os seus desenvolvementos regulamentarios; e igualmente co seu obxectivo estratéxico 05: Consolidar programas de formación efectivos.

En definitiva, asegúrase así a correcta aplicación e plena efectividade da lei, que queda desenvolvida na súa integridade.

O regulamento estrutúrase en catro capítulos, en que teñen cabida 22 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo primeiro, integrado por dous artigos, recolle no artigo 1 o obxecto do decreto que regula o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, o desenvolvemento dos plans e proxectos elaborados polas entidades de acción voluntaria, así como a formación en materia de acción voluntaria; no artigo 2 define que se entende por plans e proxectos de acción voluntaria.

O capítulo segundo, integrado polos artigos 3 ao 17, recolle un conxunto de disposicións xerais que afectan o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, no tocante a súa natureza, réxime xurídico, funcións, composición, membros e órganos, coas súas respectivas funcións e regras de funcionamento.

O capítulo terceiro, composto polos artigos 18 ao 20, ocúpase dos plans e proxectos elaborados polas entidades de acción voluntaria, e recolle os seus contidos mínimos, a súa periodicidade e a súa aprobación formal e publicidade.

O capítulo cuarto, composto polos artigos 21 e 22, refírese finalmente á formación en materia de acción voluntaria, detalla os seus contidos mínimos e recolle a previsión da súa certificación por parte das entidades de acción voluntaria.

O decreto contén, ademais, dúas disposicións adicionais. Unha referida á constitución do Observatorio Galego de Acción Voluntaria e outra ao voluntariado de protección civil, e dúas disposicións derradeiras que se ocupan do desenvolvemento normativo da norma e da entrada en vigor.

De conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, durante a tramitación do proxecto, tras a publicación na páxina web da Consellería e a audiencia ás entidades representativas, emitiron o seu informe os órganos competentes en materia de orzamentos, función pública e igualdade, así como, conxuntamente, os órganos con competencias horizontais en materia de Administración electrónica e avaliación da reforma administrativa da Xunta de Galicia.

O proxecto foi sometido ao ditame do Consello Galego de Acción Voluntaria e a informe da Asesoría Xurídica.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Política Social, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O presente decreto ten por obxecto regular o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo a súa estrutura, composición e funcionamento, o contido dos plans e proxectos elaborados polas entidades de acción voluntaria, así como a formación en materia de acción voluntaria, en desenvolvemento da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta norma, entenderase por:

a) Plan de acción voluntaria, o instrumento a través do cal se desenvolve e concreta a planificación elaborada polas entidades de acción voluntaria e que terá, en todo caso, carácter anual.

b) Proxectos de acción voluntaria, os instrumentos de execución do plan arriba definido.

CAPITULO II

Do Observatorio Galego de Acción Voluntaria

Artigo 3. Natureza

O Observatorio Galego de Acción Voluntaria é un órgano colexiado de participación, investigación e asesoramento previsto no artigo 38.1 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, que depende do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que teña atribuídas as competencias en materia de acción voluntaria, e que dará conta ao Consello Galego de Acción Voluntaria.

Artigo 4. Réxime xurídico

A organización e funcionamento do Observatorio Galego de Acción Voluntaria rexerase pola Lei 10/2011, do 28 de novembro, e polo presente regulamento, tendo en conta, en todo caso, o disposto para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 5. Funcións

Son funcións do Observatorio Galego de Acción Voluntaria as previstas no artigo 38.3 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, e aqueloutras que lle encomende expresamente a persoa titular da Consellería de Política Social, tanto en relación coa análise da acción voluntaria en Galicia, como as dirixidas a formular propostas de novas medidas que dinamicen, innoven e constrúan espazos participativos en materia de acción voluntaria.

No exercicio das súas funcións integrarase de maneira activa a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Artigo 6. Composición

O Observatorio Galego de Acción Voluntaria terá a composición prevista no artigo 38.4 da Lei 10/2011, do 28 de novembro.

Na dita composición procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres consonte o previsto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Artigo 7. Membros

1. Todas as persoas que forman parte do Observatorio Galego de Acción Voluntaria, terán os dereitos e deberes recoñecidos no artigo 17 da Lei 16/2010, do 17 de decembro. A súa designación realizaraa a persoa que ocupe a Presidencia do Observatorio, con base na proposta formulada polo órgano ao cal corresponda en cada caso promover a dita representación.

2. Os nomeamentos dos/das representantes dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma terán vixencia en canto se manteña a dos cargos que orixinan o dito nomeamento.

3. O nomeamento das persoas titulares das vogalías do Observatorio Galego de Acción Voluntaria terá unha vixencia dun período máximo de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da posibilidade de substitución das persoas titulares ou suplentes durante o devandito período, por iniciativa da entidade que os propuxo. Finalizado este período, procederase á súa renovación. As persoas integrantes saíntes continuarán a desempeñar os seus cargos ata a toma de posesión das persoas nomeadas.

4. Por cada persoa titular deberase designar unha persoa suplente para os casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

5. Serán causas do cesamento e perda da condición de vogal do Observatorio Galego de Acción Voluntaria, a renuncia logo de comunicación ao presidente, a perda da condición de representante da entidade de acción voluntaria, a perda da condición de membro da entidade de acción voluntaria, a finalización do mandato, o falecemento ou a declaración xudicial de incapacidade.

Nestes casos, procederá a designación das persoas substitutas de conformidade co réxime de nomeamento en cada caso establecido.

6. Os membros do Observatorio Galego de Acción Voluntaria non percibirán indemnización pola asistencia ás súas sesións.

Artigo 8. Presidencia

Son funcións da Presidencia:

a) Dirixir, promover e coordinar a actuación do Observatorio Galego de Acción Voluntaria.

b) Representar o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, exercer as accións que a este correspondan, e todas aquelas funcións que lle sexan encomendadas polo Pleno, así como asegurar o cumprimento das leis.

c) Acordar a convocatoria, presidir as sesións do Pleno, adoptar as directrices xerais para o seu adecuado goberno, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas, someter a votación as propostas correspondentes e proclamar o seu resultado.

d) Fixar a orde do día das sesións do Pleno tendo en conta, se for o caso, as peticións dos demais membros formuladas con, cando menos, setenta e dúas horas de antelación á data en que se realice a convocatoria.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos do órgano e dispoñer e velar polo exacto cumprimento destes acordos, así como asegurar a súa difusión.

f) Dirimir os empates que se produzan, co seu voto de calidade.

g) Cumprir e facer cumprir este regulamento, propoñendo ao Pleno a súa interpretación nos casos de dúbidas.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do órgano.

Artigo 9. Vicepresidencia

Correspóndelle á Vicepresidencia substituír a Presidencia no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, así como o desempeño das funcións que a Presidencia expresamente lle delegue.

Artigo 10. Pleno

O Pleno é o órgano superior do Observatorio Galego de Acción Voluntaria.

Estará integrado por todos os membros do Observatorio, e a el asistirá a Secretaría, con voz e sen voto, segundo o disposto no artigo 38 da Lei 10/2011, do 28 de novembro.

Artigo 11. Funcións do Pleno

Correspóndelle ao Pleno o exercicio das seguintes funcións:

a) Aprobar a proposta de planificación anual do Observatorio Galego de Acción Voluntaria, así como das súas liñas estratéxicas, para a súa remisión e aprobación por parte do Consello Galego de Acción Voluntaria.

b) Aprobar a memoria anual e acordar a súa remisión ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de acción voluntaria e ao Consello Galego de Acción Voluntaria.

c) Establecer os criterios xerais sobre as materias relativas ás competencias do Observatorio Galego de Acción Voluntaria, respectando a planificación anual e as liñas estratéxicas aprobadas polo Consello Galego de Acción Voluntaria.

d) Solicitar a colaboración que xulgue oportuna de institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións e particulares.

e) Calquera outra función non atribuída a outros órganos.

Artigo 12. Funcionamento do Pleno

1. O Pleno reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano, por acordo da Presidencia. A Secretaría cursará a convocatoria cunha anticipación mínima de 10 días hábiles, e a recepción da convocatoria coa orde do día debe garantirse cunha anticipación mínima de dous días hábiles.

2. A convocatoria de sesión extraordinaria do Pleno poderá ser acordada pola Presidencia, cunha anticipación mínima de tres días hábiles, sen prexuízo de garantir a súa recepción cunha anticipación mínima de corenta e oito horas.

3. A convocatoria, que conterá a orde do día da sesión, irá acompañada da documentación específica sobre os temas que se van tratar. Poderá ampliarse a orde do día ou remitirse documentación complementaria, tanto nas sesións ordinarias como nas extraordinarias por parte da Secretaría, ata dous días hábiles antes da celebración do Pleno.

4. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todas as persoas que integran o órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

5. Poderán asistir ás sesións do Pleno en calidade de asesores/as, cando así o acorde o propio Pleno, persoas cunha adecuada solvencia profesional e coñecementos técnicos nas materias incluídas na orde do día, dando conta de tal circunstancia na convocatoria do Pleno.

Artigo 13. Quórum de constitución

Para a válida constitución do órgano, para os efectos de realización de sesións, das deliberacións e da toma de acordos, será necesaria a presenza das persoas titulares da Presidencia e a Secretaría, ou de quen as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros en primeira convocatoria, sen prexuízo do establecido no artigo 19.1, parágrafo segundo, da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

En segunda convocatoria, que terá lugar unha vez transcorrida media hora desde a primeira, será suficiente para a súa valida constitución, ademais da presenza da Presidencia e da Secretaría, ou de quen as substitúa, a asistencia dun terzo dos restantes membros.

Artigo 14. Votacións e adopción de acordos

1. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos.

2. A decisión de acometer a elaboración dunha proposta ou dun informe sobre temas de voluntariado será adoptada polo Pleno ou pola Presidencia, no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 15. Votos particulares

1. As persoas que forman parte do Observatorio, discrepantes, en todo ou en parte, do acordo maioritario, poderán formular, individual ou colectivamente, votos particulares que deberán incorporarse ao acordo adoptado.

2. Os votos particulares terán que presentarse por escrito no prazo de corenta e oito horas, contado desde o momento en que o/a presidente/a dea por finalizada a sesión, que se incorporará ao acordo adoptado.

Artigo 16. Acta das sesións

1. A Secretaría levantará a correspondente acta de cada sesión de conformidade co establecido no artigo 18.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 20 da Lei 16/2010, do 17 de decembro. A acta poderá ser aprobada na mesma ou na seguinte sesión.

2. A acta será asinada pola Secretaría, co visto e prace da Presidencia, e dela darase traslado ás persoas integrantes do Pleno para o seu coñecemento.

Cando na acta se conteñan acordos relativos á súa actividade propia, á proposta de planificación anual, ou ás súas liñas estratéxicas, daráselle traslado destes ao Consello Galego de Acción Voluntaria, para os efectos de rendición de contas e aprobación nos supostos previstos na Lei 10/2011, do 28 de novembro.

3. Os membros do Observatorio Galego de Acción Voluntaria poderán solicitar á Secretaría unha copia das actas, unha vez aprobadas, das sesións celebradas.

Artigo 17. Secretaría

1. A Secretaría é o órgano de asistencia técnica e administrativa e a depositaria da fe pública dos acordos do Observatorio Galego de Acción Voluntaria.

A persoa titular da Secretaría será designada pola Presidencia do Observatorio Galego de Acción Voluntaria entre funcionarias ou funcionarios do órgano directivo con competencia en materia de voluntariado e co rango legalmente establecido.

É a encargada de efectuar os traballos técnicos necesarios previos e posteriores aos acordos do Pleno, da redacción de propostas de informes, ditames e propostas que debaterá o Pleno, incluídas as de planificación e memoria anual, preparación de convocatorias, rexistro e impulso de consultas ou ditames e informes, e todo o traballo de xestión administrativa do Observatorio Galego de Acción Voluntaria.

2. Correspóndelle, ademais de cantas funcións sexan inherentes á súa condición, as seguintes:

a) Asistir ás reunións do pleno, con voz pero sen voto.

b) Velar pola legalidade formal e material das actuacións do órgano colexiado, e garantir que os procedementos e regras de constitución e adopción de acordos son respectadas.

c) Exercer a coordinación técnico-administrativa e custodiar a documentación.

d) Tramitar e distribuír as consultas e propostas formuladas ao Observatorio Galego de Acción Voluntaria, cursar as peticións de informes externos, así como aqueloutra información complementaria sobre asuntos que se sometan á consulta da Presidencia, sempre que a dita información sexa necesaria para a emisión de informes, investigacións ou propostas.

e) Cursar ao órgano solicitante de informe, despois da consulta á Presidencia, a ampliación do prazo fixado na orde de remisión ou na solicitude de consulta, nos supostos permitidos pola normativa de aplicación.

f) Elevar á Presidencia a proposta de fixación da orde do día das sesións do Pleno e a proposta da data da súa celebración, tendo en conta as peticións formuladas.

g) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da Presidencia, así como as citacións ás persoas que o compoñen, achegando a documentación que corresponda en función da orde do día, así como a documentación complementaria, agás os referidos aos asuntos previstos no artigo 12.4.

h) Dispor o necesario para a elaboración dos informes, estudos e propostas establecidos no artigo 38.3 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, que serán elevados ao Pleno para a súa aprobación e, no caso das actividades, planificación anual e liñas estratéxicas, serán notificados tamén ao Consello Galego de Acción Voluntaria.

i) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións, coa sinatura e o visto e prace da Presidencia, e dar o curso correspondente aos acordos que se adopten.

j) Arquivar e custodiar a documentación do Observatorio Galego de Acción Voluntaria e poñela á disposición dos seus órganos, membros e do Consello Galego de Acción Voluntaria, cando así se lle requira.

k) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos recollidos nas actas, con expresión dos seus votos particulares e outros documentos confiados á súa custodia, co visto e prace da Presidencia.

l) Recibir os actos de comunicación dos e das membros do órgano e, por tanto, as notificacións, petición de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

CAPITULO III

Dos plans e proxectos elaborados polas entidades de acción voluntaria

Artigo 18. Dos plans de acción voluntaria

1. Os plans de acción voluntaria elaborados polas entidades de acción voluntaria son instrumentos que desenvolven e concretan a planificación elaborada polas entidades de acción voluntaria nos sectores de actuación en que desenvolven actividades de interese xeral, que deberán contar cos seguintes contidos mínimos:

a) Datos xerais da entidade de acción voluntaria, incluíndo:

1º. Denominación.

2º. Número de inscrición no rexistro correspondente (asociación, fundación ou outros).

3º. Número de inscrición no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

4º. NIF.

5º. Nome do/a representante legal.

6º. Domicilio social e datos de contacto (teléfonos e correo electrónico).

7º. Fins e actividades da entidade, con especificación de cales permiten acción voluntaria.

8º. Número total de persoas voluntarias.

b) Sector/es de actividade de interese xeral a que se refire o plan de acción voluntaria, conforme o Plan galego de acción voluntaria e aos plans sectoriais elaborados por instancias da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades locais.

c) Identificación da/s persoa/s responsable/s.

d) Obxectivo xeral e obxectivos específicos.

e) Relación de proxectos que compoñen cada plan (denominación e breve descrición).

f) Descrición das destinatarias da acción voluntaria que desenvolve a entidade de acción voluntaria.

g) Requisitos das persoas voluntarias do plan.

h) Indicadores de resultados.

i) Data de inicio e data de remate. Deberá efectuarse unha calendarización como mínimo por anos.

j) Orzamento.

k) Para o caso de que se prevexa que o proxecto e/ou programa estea total ou parcialmente subvencionado/a pola Administración pública galega competente en materia de voluntariado, deberán incorporarse tamén os restantes contidos específicos que exixa a correspondente convocatoria de subvención.

2. Os citados contidos deberán respectar os principios da acción voluntaria e o estatuto das persoas voluntarias, así como garantir os dereitos das persoas voluntarias e o cumprimento do resto de obrigas das entidades de acción voluntaria. Dentro dos contidos mínimos dos plans valorarase a posible influencia do plan nos homes e nas mulleres de forma diferenciada e se os futuros resultados agardados poden contribuír á integración social das mulleres e á redución das desigualdades de xénero. Nas memorias anuais valorarase tamén o impacto de xénero dos plans.

3. Os plans de acción voluntaria terán vixencia anual sen prexuízo de que as liñas de actuación se deban inserir nunha planificación que se desenvolverá nun escenario de carácter plurianual.

4. Dos plans de acción voluntaria darase conta por medio das memorias anuais previstas no artigo 11.k) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, nas cales se detallarán as actividades realizadas e os resultados obtidos, cos seguintes contidos mínimos:

a) Número e descrición das persoas voluntarias participantes no plan, diferenciadas por idades, por sexo, por localidade e por actividades de interese xeral, como mínimo.

b) Número e descrición das persoas destinatarias da acción voluntaria beneficiadas polo plan, diferenciadas por idades, por sexo, por localidade e por actividades de interese xeral, como mínimo.

c) Proxectos de acción voluntaria desenvolvidos no plan: descrición, persoas voluntarias participantes e persoas destinatarias beneficiadas.

d) Resultados dos indicadores do plan.

Artigo 19. Dos proxectos de acción voluntaria

1. Os proxectos de acción voluntaria elaborados polas entidades de acción voluntaria son instrumentos de execución dos plans de acción voluntaria, que contribúen ao seu desenvolvemento e deberán contar cos seguintes contidos mínimos:

a) Datos xerais da entidade de acción voluntaria, que incluirán:

1º. Denominación.

2º. Número de inscrición no rexistro correspondente (asociación, fundación ou outros).

3º. Número de inscrición no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

4º. NIF.

5º. Nome do/a representante legal.

6º. Domicilio social e datos de contacto: teléfonos e correo electrónico.

7º. Identificación da/s persoa/s responsable/s de cada plan e/ou proxecto.

b) Obxectivo xeral e obxectivos específicos.

c) Descrición das persoas destinatarias do proxecto.

d) Requisitos das persoas voluntarias do proxecto.

e) Requisitos e/ou proceso de participación no proxecto das persoas voluntarias e destinatarias.

f) Actividades previstas.

g) Indicadores de resultados.

h) Data de inicio e data de remate, que deberá conter unha calendarización como mínimo por anos.

i) Orzamento.

j) Sector da actividade de interese xeral a que se refiran.

k) Para o caso de que se prevexa que o proxecto estea total ou parcialmente subvencionado pola Administración pública galega competente en materia de voluntariado, deberán incorporarse tamén os restantes contidos específicos que exixa a correspondente convocatoria de subvención.

2. Os citados contidos deberán respectar os principios da acción voluntaria e o estatuto das persoas voluntarias, así como garantir os dereitos das persoas voluntarias e o cumprimento do resto de obrigas das entidades de acción voluntaria, gardando coherencia cos plans de acción voluntaria da entidade de acción voluntaria. Dentro dos contidos mínimos dos proxectos valorarase a posible influencia do proxecto nos homes e nas mulleres de forma diferenciada e se os futuros resultados agardados poden contribuír á integración social das mulleres e á redución das desigualdades de xénero. Nas memorias anuais valorarase tamén o impacto de xénero dos proxectos.

3. A duración de cada proxecto deberá ser o preciso para cumprir o obxectivo xeral e os obxectivos específicos e desenvolver as actividades previstas.

4. Dos proxectos de acción voluntaria darase conta por medio das memorias anuais previstas no artigo 11.k) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, nas cales se detallarán as actividades realizadas e dos resultados obtidos con cada proxecto no plan anterior, cos mesmos contidos mínimos previstos para os plans de acción voluntaria.

Artigo 20. Aprobación formal e publicidade

1. As memorias, proxectos e plans de actividades deberán ser aprobados polo órgano competente da entidade de acción voluntaria que en cada caso corresponda, segundo a súa normativa de aplicación, e daráselles a publicidade prevista por esta, ademais de remitirse ao Observatorio Galego de Acción Voluntaria nos seguintes prazos:

a) Dentro do primeiro cuadrimestre de cada ano, as memorias anuais dos plans e proxectos elaborados polas entidades de acción voluntaria no ano anterior,

b) Dentro dos dous meses seguintes á data da súa aprobación formal, os plans e proxectos elaborados polas entidades de acción voluntaria.

2. A presentación dirixirase ao Observatorio Galego de Acción Voluntaria e efectuarase no rexistro correspondente á consellería competente en materia de acción voluntaria, ou calquera outro lugar previsto pola normativa administrativa xeral.

CAPITULO IV

Da formación en materia de acción voluntaria

Artigo 21. Contidos mínimos dos programas de formación en materia de acción voluntaria

1. De acordo co disposto no artigo 26.2 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, os programas de formación que deberán desenvolverse para que as persoas voluntarias que participan en programas ou proxectos de acción voluntaria adquiran a formación necesaria, que integrarán en todo caso a perspectiva de xénero, terán os seguintes niveis cos seguintes contidos mínimos:

a) Nivel de formación básico.

1º. Introdución ao mundo do voluntariado: identidade do voluntariado, historia, situación actual da acción voluntaria, perfís de persoas voluntarias, ámbitos de actuación da acción voluntaria, sensibilización coa igualdade de xénero.

2º. A normativa da acción voluntaria: marcos legais e instrumentos de planificación de referencia, consideracións éticas sobre a acción voluntaria, capacitacións básicas para o desenvolvemento da acción voluntaria.

3º. As entidades de acción voluntaria: a súa natureza, a súa relación coas persoas voluntarias, as persoas destinatarias da acción voluntaria, a participación das persoas voluntarias nas entidades de acción voluntaria

4º. A participación da persoa voluntaria nunha entidade de acción voluntaria: o plan de acción voluntaria da entidade de acción voluntaria, proxectos de acción voluntaria, incorporación, formación, desenvolvemento, seguimento, desvinculación.

b) Nivel de formación de especialización.

1º. A implicación emocional na acción voluntaria: motivacións, aptitudes e actitudes para o desenvolvemento da acción voluntaria, a xestión das emocións, as vinculacións.

2º. Habilidades sociais: identificación de habilidades sociais para a acción voluntaria e adestramento en habilidades sociais.

3º. Traballo en equipo: natureza do traballo en equipo e adestramento para o traballo en equipo.

4º. Xestión de conflitos e situacións problemáticas: identificación e comprensión de situacións problemáticas e de conflito, ferramentas para a xestión, adestramento na xestión de conflitos e situacións problemáticas.

5º. Os beneficios de ser persoa voluntaria: beneficios persoais e sociais, o recoñecemento da acción voluntaria.

6º. A formación en materia de prevención de riscos laborais.

c) Nivel de formación sectorial.

Os módulos e contidos deste nivel de formación virán determinados polo sector de actividade de interese xeral a que se refiran os correspondentes plans e proxectos de acción voluntaria.

2. Todos os contidos da formación deberán respectar os principios da acción voluntaria e o estatuto das persoas voluntarias, así como garantir os dereitos das persoas voluntarias e o cumprimento do resto de obrigas das entidades de acción voluntaria.

Artigo 22. Certificación de formación

As persoas voluntarias que reciban formación dunha entidade de acción voluntaria teñen dereito a obter desta entidade unha certificación que acredite a súa participación nela.

As ditas certificacións terán o seguinte contido mínimo: datas de celebración, duración en horas e contidos básicos obxecto da formación.

Disposición adicional primeira. Constitución do Observatorio Galego de Acción Voluntaria

O Observatorio Galego de Acción Voluntaria constituirase no prazo máximo de tres meses contados desde a entrada en vigor deste decreto.

Os órganos ou entidades a que se refire o artigo 38.4.c) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, deberán propoñer as persoas que ocuparán as respectivas vogalías no prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor deste decreto.

No caso de que, transcorrido o prazo anterior, algún daqueles órganos ou entidades non realice ningunha proposta, o Observatorio Galego de Acción Voluntaria poderá ser convocado e quedará validamente constituído cos membros efectivamente designados. Isto último entenderase sen prexuízo de que os ditos órganos ou entidades fagan as súas propostas con posterioridade.

Disposición adicional segunda. Voluntariado de Protección Civil

Sen prexuízo do disposto neste decreto, o réxime da planificación e da formación en relación coas persoas voluntarias de Protección Civil e as agrupacións de voluntarios de Protección Civil axustarase ao disposto na Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de acción voluntaria para, no ámbito da organización e materias propias do seu departamento, ditar as disposicións que procedan en execución e desenvolvemento do presente regulamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente norma entra en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social