Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2017 Páx. 48951

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

Durante o mes de outubro de 2017 unha vaga de incendios forestais ameazou o territorio da nosa comunidade autónoma, nunha situación de extrema dificultade derivada da combinación de altas temperaturas, unha seca prolongada, vento e incendiarios, que causaron graves danos en diversos bens de titularidade pública e privada.

A existencia deste tipo de situacións de emerxencia de natureza catastrófica trouxo consigo danos con repercusión no ámbito económico e social, o que fai necesario articular mecanismos de colaboración e cooperación entre todas as administracións implicadas, en concreto, mediante o establecemento dun sistema de axudas que palíen os danos causados polos incendios, que atendan as situacións de necesidade en que se puidesen atopar os colectivos directamente afectados, e mesmo contribúan a restaurar os valores naturais e a reactivar a actividade económica das zonas afectadas.

Xa o propio ditame do Comité das Rexións (2010/C 79/04) establece a necesidade dunha resposta inmediata e directa ante a existencia de calquera situación de natureza catastrófica.

O artigo 38 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, prevé a actuación das administracións públicas, dentro das súas respectivas competencias, para o restablecemento dos servizos esenciais para a comunidade afectada pola situación de emerxencia, así como o establecemento de axudas en atención ás necesidades derivadas das ditas situacións cando teñan natureza catastrófica.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 31 de marzo de 2010, adoptou o acordo polo que se establecen as directrices básicas de actuación coa finalidade de restablecer os servizos esenciais afectados como consecuencia dunha catástrofe ou calamidade, así como de protexer a integridade das persoas e bens de titularidade pública ou privada e mais os danos provocados por estas situacións.

Deste xeito, establécese un protocolo de actuación que deberá ser seguido nestas situacións, de modo que, mediante decreto, se acorde a oportunidade de outorgar axudas destinadas á reparación dos danos e perdas causados.

Logo de informe da Axencia Galega de Emerxencias, o episodio dos incendios que asolaron o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante o mes de outubro de 2017 declárase como de natureza catastrófica.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tras o informe da Axencia Galega de Emerxencias do 18 de outubro de 2017, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de outubro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

As axudas previstas neste decreto aplicaranse á reparación dos danos orixinados polos incendios acontecidos durante o mes de outubro de 2017 no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos e nas contías máximas que se establezan nel, así como nas correspondentes convocatorias que o apliquen.

Artigo 2. Natureza das axudas

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou da contía ou porcentaxe deste que se fixe nas correspondentes convocatorias.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. As axudas poderanse outorgar en réxime de concesión directa por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e condicións que se establezan nas súas correspondentes bases reguladoras.

Artigo 4. Réxime de contratación

1. Para os efectos previstos no artigo 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, terán a consideración de obras, servizos, adquisicións ou subministracións de emerxencia os de reparación ou mantemento do servizo de infraestruturas ou equipamentos, así como as obras de reposición de bens prexudicados polos incendios.

2. Para estes efectos inclúense entre as infraestruturas as estradas, as de transportes, as eléctricas, as hidráulicas e as forestais.

3. Declararase urxente a ocupación dos bens afectados polas expropiacións derivadas da realización das obras a que se refire este artigo, para os efectos establecidos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Artigo 5. Beneficiarios

1. Poderán solicitar as axudas, nos termos que se establezan neste decreto e nas convocatorias que se aproben, os seguintes beneficiarios:

a) As persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sufrisen danos que afecten tanto o inmoble como o enxoval doméstico.

b) Os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen danos derivados directamente dos incendios.

c) Os titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, polos danos e perdas derivados directamente dos incendios, así como os titulares de maquinaria afectada por incendios forestais.

d) As entidades locais, para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal polos incendios.

e) As confrarías de pescadores polos danos nos bancos marisqueiros derivados dos incendios.

f) As asociacións, clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro polos danos nas súas instalacións derivados dos incendios.

2. Os prazos para a presentación de solicitudes determinaranse nas disposicións que se diten en desenvolvemento deste decreto.

Artigo 6. Axudas por danos persoais

Coa finalidade de paliar os danos persoais que teñan a súa causa nos incendios aos que se refire este decreto e sempre que, como resultado das investigacións iniciadas, se determine a existencia de intencionalidade, concederanse axudas por falecemento, por incapacidade permanente absoluta e por lesións que motiven a hospitalización da persoa ferida.

O importe desta axuda será para o caso de falecemento e incapacidade permanente absoluta de ata 75.000 euros, e de entre 60 e 103 euros por día de hospitalización, sen que en ningún caso poidan superarse as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

Artigo 7. Axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados

1. Será obxecto de axuda a reparación dos danos causados polos incendios nas seguintes infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais:

a) Pistas forestais.

b) Captacións de auga.

c) Cerramentos e os seus complementos.

d) Bebedoiros.

e) Comedeiros.

2. Así mesmo, será obxecto de axuda a reparación dos danos causados na maquinaria e equipamento agrícola ou forestal ocasionados en tarefas de colaboración nos labores de extinción de incendios forestais, na medida en que non fose cuberta pola Administración xeral do Estado.

3. Poderán ser obxecto tamén de axuda aquelas plantacións privadas nas condicións que se establezan, así como aqueles amoreamentos de madeira cortada afectada polos incendios forestais.

Artigo 8. Axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico

1. Serán obxecto de axuda os danos causados polos incendios sinalados anteriormente na vivenda que constitúa a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados, e polo importe correspondente ata cubrir como máximo o 100 % do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda, en conxunto, poida superar o límite do 75 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.

2. Serán obxecto de axuda os danos causados no resto das vivendas ata acadar o 40 % do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40 % do 75 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, polo menos, a vivenda ocasional, e quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que estean en manifesto abandono.

3. Para os efectos deste artigo entenderase por vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios. Como instalacións complementarias entenderanse as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc., sempre e cando estean situadas no mesmo predio da vivenda. No mesmo sentido entenderase como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio en que está a vivenda. En calquera caso, o importe máximo de axudas polo concepto de danos en instalacións complementarias non poderá ser superior a 3.000 euros.

4. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade cando non estivesen incluídos nas axudas que para o mesmo efecto puidesen aprobar outras administracións. O importe da axuda será de ata o 100 % ou de ata o 40 % dos gastos de reparación ou reposición en función de que o enxoval sexa o da vivenda habitual e permanente ou o da vivenda ocasional, respectivamente.

Artigo 9. Axudas por danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís

1. Serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados polos incendios nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías nelas depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

2. Quedarán excluídas da percepción destas axudas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 10. Axudas por danos nas explotacións agrícolas ou gandeiras

Respectando os criterios establecidos pola Unión Europea nas Directrices comunitarias sobre axudas estatais nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais de 2014 a 2020, os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras que sufrisen perdas da súa produción por mor dos incendios, poderán ser beneficiarios das axudas polos danos sufridos nas explotacións que estean situadas no ámbito xeográfico sinalado no artigo 1.

Artigo 11. Axudas ás entidades locais

1. Serán obxecto de axudas os gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e os danos causados nos bens de titularidade municipal prexudicados polos incendios.

Estas axudas terán, en todo caso, carácter complementario ás que sexan aprobadas por outras administracións.

2. Quedarán excluídas as infraestruturas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 12. Convenios con outras administracións públicas e entidades colaboradoras

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia propiciará a subscrición co resto das administracións públicas e coas entidades colaboradoras dos convenios de colaboración que exixa a aplicación deste decreto con vistas ao cofinanciamento das actuacións.

2. No que atinxe ás axudas a entidades locais referidas no artigo 5.1.d) do presente decreto, e de acordo co establecido no artigo 38 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, as achegas da Xunta de Galicia articularanse a través de convenios de colaboración que establecerán o cofinanciamento das actuacións entre as administracións competentes, na porcentaxe que se fixe e contando coas respectivas deputacións provinciais como competentes en materia de auxilio e cooperación aos municipios, especialmente a aqueles de menor tamaño.

Artigo 13. Financiamento

1. As axudas públicas reguladas neste decreto financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas. Para estes efectos realizaranse, de ser o caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.

2. En todo caso, a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Disposición adicional primeira

O pagamento das axudas establecidas nos artigos 7, 9 e 10 estará en todo caso condicionado a que exista normativa comunitaria que habilite as ditas axudas ou a que, de ser o caso, os órganos competentes da Unión Europea adopten unha decisión de non formular obxeccións ou declaren a subvención compatible co mercado común e nos termos en que a dita declaración se realice, aspecto este que deberá constar no acto administrativo de concesión.

Disposición adicional segunda

Facúltase a Consellería do Medio Rural para que no ámbito das súas competencias poida realizar directamente actuacións de reparación, restauración ou mitigacións dos danos e efectos causados polos incendios forestais, en montes veciñais, montes de varas ou Sofor.

As ditas actuacións tamén se poderán realizar en terreos particulares cando a súa eficacia exceda os límites das parcelas.

As ditas actuacións, entre outras, poderanse referir á mellora de pistas e outras infraestruturas forestais de transporte, captacións de auga e evacuación de augas de escorremento. Así mesmo, en actuacións de reparación e reposición de peches gandeiros e as súas instalacións complementarias afectadas por incendios, así como a realización daqueles peches alternativos para soster o gando afectado, e a subministración de pacas de palla para o mantemento do gando afectado.

Son tamén actuacións elixibles aquelas orientadas á restauración do potencial forestal, incluíndo as sementeiras rexenerativas, accións de consolidacións de solos queimados, eliminación de madeira queimada non comercial ou novas plantacións substitutorias.

Disposición adicional terceira

Sen prexuízo do establecido no artigo 8, facúltase a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do IGVS, para que dentro do ámbito das súas competencias poida contribuír a sufragar os gastos que orixine o aloxamento provisional daquelas persoas que, como consecuencia da acción dos lumes teñan que abandonar temporalmente as súas vivendas e, se é o caso, mentres efectúen as obras de reparación. Para estes efectos, poderá celebrar convenios ou acordos con outras administracións públicas ou con organizacións especializadas no auxilio ou asistencia a damnificados en situacións de sinistro ou catástrofe.

Disposición derradeira primeira

Facúltanse os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, adoptando as medidas necesarias para a súa aplicación.

Para os ditos efectos entenderanse competentes para a concesión das axudas previstas neste decreto as seguintes consellerías:

– Axudas por danos persoais, a Consellería de Facenda.

– Axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados, a Consellería do Medio Rural.

– Axudas por danos causados en vivendas e instalacións complementarias, o Instituto Galego da Vivenda e Solo.

– Axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís incluídos no seu ámbito competencial, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ou a Axencia Turismo de Galicia.

– Axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, a Consellería do Medio Rural.

– Axudas ás entidades locais ou actuacións directas sobre os seus bens, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Consellería do Medio Rural, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións.

– Axudas ás confrarías de pescadores polos danos sufridos nos bancos marisqueiros, a Consellería do Mar.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a Consellería de Facenda para adoptar as medidas financeiras e orzamentarias consecuentes para facer fronte ás situacións de carácter extraordinario, derivadas dos incendios acontecidos durante o mes de outubro de 2017 no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que adopte a Xunta de Galicia para a reparación dos danos causados.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de outubro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza