Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2017 Páx. 50041

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de artes plásticas e deseño, especialidades de Debuxo Técnico (595008) e de Deseño de Produto (595511).

O punto décimo do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo de 2017, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 28 de xuño de 2017, establece a posibilidade de que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoque procedementos para a elaboración das listas de interinidades e substitucións no caso de que, unha vez realizado chamamento a todas as persoas que constan nas relacións mencionadas no punto segundo do mesmo texto refundido, continuase resultando necesario cubrir necesidades de profesorado.

Logo de esgotadas as listas correspondentes ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, especialidades de Debuxo Técnico (595008) e de Deseño de Produto (595511), procede realizar a convocatoria para establecer o procedemento para a incorporación de novas persoas candidatas ás correspondentes listas de interinidades e substitucións de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Convocar un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de artes plásticas e deseño, especialidades de Debuxo Técnico (595008) e de Deseño de Produto (595511).

Segunda. Requisitos

Para seren admitidas nas listas, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de finalización do prazo de presentación da/s solicitude/s indicado na base terceira, os seguintes requisitos:

1. Posuír algunha das titulacións que se indican a continuación:

Especialidade

Titulacións

Debuxo Técnico (595008)

– Arquitectura

– Grao en Arquitectura

– Grao en Arquitectura Técnica.

– Enxeñaría Industrial.

– Grao en Tecnoloxía Industrial.

– Grao en Organización Industrial.

– Grao en Deseño de Moda.

– Título superior de Deseño, en calquera das súas especialidades, cursado conforme o plan de estudos establecido polo Real decreto 633/2010, do 14 de maio (BOE do 5 de xuño), ou título declarado equivalente.

Deseño de Produto (595511)

– Enxeñaría Industrial.

– Grao en Tecnoloxía Industrial.

– Grao en Organización Industrial.

– Enxeñaría de Materiais.

– Grao en Enxeñaría de Materiais.

– Grao en Deseño de Produto.

– Título superior de Deseño, na especialidade de Produto, cursado conforme o plan de estudos establecido polo Real decreto 633/2010, do 14 de maio (BOE do 5 de xuño), ou título declarado equivalente.

No caso de que as ditas titulacións se obtivesen no estranxeiro, deberá terse concedida a correspondente credencial de homologación, segundo o Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro (Boletín Oficial del Estado do 4 de marzo), e o Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais, ben como a determinados aspectos da profesión de avogado (Boletín Oficial del Estado do 20 de novembro).

2. Ter a nacionalidade española ou a de calquera outro Estado membro da Unión Europea, ou atoparse as persoas aspirantes incluídas no ámbito de aplicación dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España nos cales sexa aplicable a libre circulación de traballadores e traballadoras.

Tamén poderán participar as persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, que sexan cónxuxes de persoas que posúan a nacionalidade española ou doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separadas de dereito; as persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, descendentes de persoas que posúan a nacionalidade española ou doutros estados membros da Unión Europea, sempre que sexan menores de vinte e un anos ou maiores da devandita idade dependentes, e as persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, descendentes do cónxuxe non separado de dereito de persoas que posúan a nacionalidade española ou doutros estados membros da Unión Europea, sempre que sexan menores de vinte e un anos ou maiores da devandita idade dependentes.

3. Ter feitos os dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

4. Acreditar o coñecemento da lingua galega. A acreditación do coñecemento da lingua galega realizarase coa presentación do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4), ou da súa validación polo órgano competente; do curso de perfeccionamento en lingua galega ou a súa validación polo órgano competente; o título de licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, o certificado do nivel avanzado da escola oficial de idiomas ou o certificado de ter superado o curso de especialización en lingua galega.

Terceira. Solicitudes e prazo

1. As persoas interesadas deberán formular unha solicitude e un aboamento de taxas por cada unha das especialidades en que desexen inscribirse. Con elas deberán achegar unha copia compulsada da documentación xustificativa dos requisitos mínimos previstos na base segunda, e da documentación acreditativa daqueles méritos que aleguen susceptibles de valoración segundo o previsto na base novena. O modelo de solicitude será o que figure publicado no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, www.edu.xunta.es, na epígrafe de profesorado>xestión de profesorado.

As persoas aspirantes que teñan recoñecida unha discapacidade de, polo menos, o 33 % na data da solicitude deberán achegar unha copia compulsada da documentación acreditativa do dito recoñecemento para os efectos da aplicación, de ser o caso, da garantía de chamamentos a persoas con discapacidade prevista no parágrafo segundo do apartado segundo do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo de 2017 por unha Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 28 de xuño de 2017.

2. O prazo para formular solicitudes, por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, será de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de optar pola presentación da solicitude e demais documentación nunha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada pola persoa funcionaria antes de ser certificada.

Cuarta. Importe e pagamento dos dereitos de inscrición nas listas

(Códigos: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, código 07; Delegación de servizos centrais, código 13; Servizo de Secretaría, código 01; taxa denominación, solicitude de inclusión nas listas de interinos e substitutos: código 300301).

Os dereitos de inscrición nas listas serán de 17,15 euros.

Estarán exentos do pagamento dos dereitos de inscrición nas listas, logo de xustificación documental:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Aplicarase unha bonificación do 50 % á inscrición solicitada:

a) Polas persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

b) Polas persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria de probas selectivas nas cales soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O pagamento da taxa poderá efectuarse por dous medios:

– A través do impreso de autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

– De forma telemática, no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

Se desexa tramitar a taxa por vía telemática, deberá introducir os datos da taxa e efectuar o seu pagamento. Para isto dispón das modalidades de pagamento telemático (cargo en conta ou tarxeta) e pagamento presencial (mediante un impreso para presentar na entidade bancaria). Unha vez realizado o ingreso obterá o xustificante correspondente.

Se desexa tramitar a taxa de xeito presencial poderá obter un modelo en branco para cubrir ou ben introducir os datos da taxa e a aplicación proporcionaralle o modelo xa cuberto.

A non presentación dentro do prazo da xustificación do pagamento das taxas, en que figure, de ser o caso, o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión da persoa aspirante. En ningún caso a presentación do xustificante suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Quinta. Comisión de valoración

A asignación da puntuación que lles corresponde ás persoas concursantes será realizada por unha comisión constituída por persoal funcionario con destino na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión estará cualificada na categoría primeira para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo), e polo Decreto 96/2011, do 5 de maio (DOG do 30 de maio, corrección de erros do 1 de xuño).

Poderá asistir ás reunións da comisión unha persoa representante de cada organización sindical con presenza na Mesa Sectorial Docente non Universitaria, con voz e sen voto.

Sexta. Relación provisional de persoas admitidas e excluídas, baremo provisional e reclamacións

A comisión prevista no punto quinto realizará a valoración dos méritos tendo en conta o disposto no anexo I da Orde do 7 de abril de 2017 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso a corpos docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 17 de abril).

Logo de realizada a valoración dos méritos, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos emitirá unha resolución pola que se aprobará a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional, que se publicarán no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, www.edu.xunta.es.

As persoas interesadas poderán formular reclamacións contra a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional, mediante un escrito dirixido ao director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que presentarán por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no citado portal da internet. As alegacións así formuladas deberán remitirse tamén por correo electrónico no citado prazo ao enderezo persoal.secundaria@edu.xunta.es.

Sétima. Relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, baremo definitivo e recursos

Logo de revisadas as reclamacións contra a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos emitirá unha resolución pola que se aprobará a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas e o baremo definitivo, que se publicarán no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, www.edu.xunta.es.

Contra a resolución pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas e o baremo definitivo, que pon fin a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no citado portal da internet, ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 29/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo que sexa competente de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Oitava. Orde de chamamentos

As persoas candidatas seleccionadas ocuparán na lista da correspondente especialidade un número de orde de chamamentos posterior ao do persoal interino e substituto da mesma lista que foi seleccionado en convocatorias anteriores.

Novena. Baremo

En aplicación do que dispón o punto décimo do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias (publicado por medio dunha Resolución do 28 de xuño de 2017 no Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo), o baremo aplicable na valoración dos méritos será o que figura como anexo I da Orde do 7 de abril de 2017 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de profesores de ensino secundario, de acceso ao corpo de profesores de música e artes escénicas, e de ingreso ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 17 de abril).

Décima. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 29/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo que sexa competente de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2017

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos