Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2017 Páx. 50755

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de outubro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrarias, e se convocan para o ano 2017.

No mes de setembro do ano 2016 activouse en Galicia, en concreto na demarcación hidrográfica Galicia Costa, o protocolo ante situacións de seca, de xeito que se activa o nivel de prealerta en tres sistemas de explotación desta demarcación.

O ano 2016 destacou por ser moi seco e, sobre todo, polo escaso número de días de chuvia, que en moitas localidades acadou o valor mínimo histórico da serie. Isto debeuse á persistencia dos períodos anticiclónicos que impediron día tras día a chegada a Galicia de borrascas e sistemas frontais. O mes de decembro dese ano caracterizouse, dependendo das zonas, como cálido ou moi cálido. A porcentaxe de precipitación foi un 78 % por debaixo do normal, co cal tivemos o decembro máis seco desde 2001.

Ante esta situación apreciase unha diminución progresiva do caudal dos ríos en toda a demarcación hidrográfica, e detéctanse valores por debaixo dos valores medios para esta época do ano, aínda que as reservas de auga nos encoros de abastecemento están en valores de normalidade.

Por este motivo, no mes de xaneiro de 2017 decrétase a situación de prealerta hidrolóxica ante situacións de seca en todos os sistemas de explotación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e tamén na demarcación hidrográfica do Miño-Sil.

Por outra banda, mediante o Real decreto 684/2017, do 30 de xuño, declárase a situación de seca na parte española da demarcación hidrográfica do Douro, na cal se atopan os concellos de Verín, Laza, Monterrei, Riós, Oímbra, Castrelo do Val, Vilardevós, A Mezquita e A Gudiña.

Despois dun inicio de ano en que as precipitacións tiveron valores próximos á normalidade para esta época do ano, a primavera pode cualificarse como seca, cun 17 % de precipitacións inferiores aos valores agardados para esta época do ano. As precipitacións dos meses de marzo e maio non lograron compensar a escaseza do mes de abril, no cal as precipitacións foron un 83 % inferiores á media, sendo o máis seco da serie histórica. Na provincia de Ourense e no sur da de Lugo é onde se deron os valores máis baixos de precipitacións.

As condicións que se deron no verán non fixeron máis que complicar a situación, así pódese cualificar esta como seca ou moi seca, cunhas precipitacións dun 27 % por debaixo dos valores agardados para esta época do ano, ademais localizadas en puntos concretos da nosa xeografía e asociadas a tormentas que non conseguiron compensar a escaseza de precipitacións.

Os valores máis baixos en canto a precipitacións rexistráronse principalmente nas comarcas de Verín e Viana e en moitas zonas do litoral atlántico, destacando a península do Morrazo e as rías de Arousa e Vigo, onde non se chegou aos 40 l/m².

Nestas condicións chégase ao día 1 de outubro de 2017 a unha situación en que se produciu un empeoramento da situación do caudal dos ríos, a medida que nos situamos máis preto do sur de Galicia, tanto na provincia de Pontevedra como na de Ourense a repercusión da anomalía de precipitación é máis elevada, tendo un empeoramento progresivo.

Os indicadores de reserva nos encoros de abastecemento dos grandes sistemas manteñen a tendencia á baixa identificada nos meses anteriores, cunha curva de descenso acusado no mes de setembro, quedando 90 días de reserva de auga no caso de que o nivel de entrada sexa nulo e se manteñan os niveis de desencoramento mínimo establecido.

Con esta situación, e decretada xa no mes de xuño a situación de seca prolongada na parte española da demarcación hidrográfica do Douro, procédese a declaración da alerta por seca en toda a demarcación da bacía hidrográfica do Miño-Sil e en seis sistemas da bacía hidrográfica de Galicia Costa: río Verdugo e ría de Vigo; río Lérez e ría de Pontevedra; río Xallas, costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos.

Neste contexto, as explotacións agrícolas e gandeiras destas zonas forman parte dun sistema tradicional de aproveitamento de recursos naturais que dependen en gran medida da existencia de auga, non soamente para o abastecemento do gando senón tamén para o aproveitamento das superficies de pastos e dos cultivos tradicionais destas zonas.

Polo tanto, é imprescindible que se garanta a subministración de auga a estas explotacións co fin de minimizar os efectos da seca nos momento en que a existencia desta nos sistemas fluviais e encoros de Galicia non poida asegurar o mantemento dos seus sistemas produtivos.

Procede establecer a convocatoria das subvencións destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrícolas e gandeiras das zonas afectadas por unha prolongada seca que limite de forma significativa ou impida o mantemento dos sistemas tradicionais de produción destas zonas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas, en réxime de minimis, destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrícolas e gandeiras naquelas zonas afectadas por unha declaración de seca na zona xeográfica en que están asentadas e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento MR405C).

2. As axudas recollidas nesta orde teñen como finalidade facilitar o acceso á auga ás explotacións agrícolas e gandeiras que basean as súas producións en superficies de cultivos.

Artigo 2. Réxime de aplicación

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24 de decembro), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. De acordo co artigo 1 dese regulamento, estas axudas non poderán ser:

a) Axudas cuxo importe se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade dos produtos comercializados;

b) Axudas a actividades relacionadas coa exportación;

c) Axudas subordinadas á utilización de produtos nacionais con preferencia aos importados.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán acollerse a estas axudas os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, entendendo como tales aqueles que exercen a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación, das zonas declaradas de alerta ou de prealerta por seca no ano 2017 nas demarcacións hidrográficas de Galicia Costa, Miño-Sil e do Douro no momento publicación desta convocatoria.

Quedan excluídos os titulares de explotacións de autoconsumo ou sen actividade comercial.

Artigo 4. Requisitos para todos os beneficiarios da axuda

1. Todas as persoas, físicas ou xurídicas, que soliciten a axuda deberán:

a) Atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Agrarias de Galicia (en diante, Reaga), con anterioridade á data da publicación desta convocatoria.

b) Ter localizada a explotación principal nunha zona declarada de alerta ou prealerta no ano 2017 nas demarcacións hidrográficas de Galicia Costa, Miño-Sil e do Douro no momento publicación desta convocatoria.

2. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

i) Ser sancionado por delitos ou infraccións ambientais.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) Novas estruturas e mellora das estruturas existentes para o abastecemento de auga tales como balsas de almacenamento, bebedoiros, conducións para o seu abastecemento, sempre que non supoña unha nova captación de auga.

b) Equipamentos para a mellora do abastecemento de auga ás explotacións gandeiras, como cisternas móbiles ou bebedoiros móbiles.

c) En xeral, servizos de abastecemento de auga ás explotacións agrarias.

2. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza do concepto subvencionable e se realicen no prazo establecido. O IVE non é subvencionable.

3. Considerarase gasto realizado o que estea efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

4. Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior, IVE excluído, á contía de 50.000 euros, cando se trate de contrato de obras, ou de 18.000 euros, cando se trate doutros contratos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que a realicen, presten ou subministren.

Artigo 6. Contía e tipo de axuda

1. O importe da axuda será do 50 % dos custos subvencionables.

2. O importe máximo da subvención por beneficiario non superará os 5.000 euros. En todo caso, os límites de intensidade da axuda son os especificados no Regulamento nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis ao sector agrícola (15.000 euros nun período de tres exercicios fiscais, o actual e os dous anteriores).

3. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todos os beneficiarios, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Xustificantes do gasto dos investimentos

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

2. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir a factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizou a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, con consignación de todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, se repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta da de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura. O IVE non será subvencionable.

l) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

m) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

3. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación da factura e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento, e non se admitirán pagamentos en metálico.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota provisoria, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e xuntarse unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

g) Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

Artigo 8. Comezo da subvencionabilidade

Só serán obxecto da axuda os investimentos efectuados despois de presentar a correspondente solicitude ao abeiro da presente orde de convocatoria, e logo da realización da certificación de non inicio (obrigatoria no caso de bens inmobles) realizada por persoal da Consellería do Medio Rural con posterioridade ao prazo de solicitude desta axuda.

Artigo 9. Presentación dos permisos administrativos

As obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con esta, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso deberán presentar a licenza municipal, como máis tarde, xunto coa solicitude de pagamento. O mesmo prazo se establece para o caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. O non cumprimento destes requisitos suporá a perda do dereito ao cobramento da axuda.

Artigo 10. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As persoas xurídicas presentarán as súas solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Así mesmo, e en aplicación do previsto no segundo parágrafo do número 5 do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, como as persoas físicas beneficiarias teñen que ser profesionais, segundo o establecido no artigo 3, presentarán as súas solicitudes da mesma forma prevista no parágrafo anterior.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Unha vez que o Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario verifique o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, o órgano colexiado formulará a proposta de resolución. Este órgano estará presidido polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. A persoa titular desta consellería ou en quen delegue, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, como moi tarde o 20 de decembro de 2017. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Modificacións

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos ou conceptos, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.

Estes cambios sobre os investimentos que se aprobaron deberán ser solicitados cunha anterioridade de polo menos dous (2) meses antes de que remate o prazo de execución.

Se os cambios supoñen a modificación da licenza, deberase entregar a dita licenza modificada.

A autorización dos cambios será anterior á súa execución. Isto supón que os xustificantes do gasto e do pagamento dos novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización.

Os cambios sobre os investimentos deberán ser autorizados pola persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da conselleira do Medio Rural, agás aqueles que simplemente supoñan cambios nas características técnicas, que serán autorizados polo xefe do Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario.

O prazo para resolver estes cambios será dun (1) mes. Se transcorrido o prazo para ditar a correspondente autorización, esta non se produce, o beneficiario entenderá denegada a súa petición de cambio de investimento.

3. A consellería poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 15. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Artigo 16. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas.

3. Así mesmo, coa xustificación da execución e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 17. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009 que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Procederá o reintegro total nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Durabilidade: deberá reembolsarse a axuda se, nos cinco anos seguintes ao pagamento inicial ao beneficiario, se produce calquera das seguintes circunstancias:

a) Cesamento ou relocalización da actividade produtiva fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cambio da propiedade do elemento que proporcione a un terceiro unha vantaxe indebida.

c) Cambio substancial que afecte a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de xeito que se menoscaben os obxectivos orixinais.

4. Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos ao beneficiario sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:

a) Falecemento do beneficiario.

b) Incapacidade laboral de longa duración do beneficiario.

c) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente a explotación.

d) Destrución accidental dos edificios para o gando da explotación.

e) Epizootia ou enfermidade vexetal que afecte unha parte ou a totalidade do gando ou dos cultivos, respectivamente, do beneficiario.

f) Expropiación da totalidade o dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que presentou a solicitude.

5. Tampouco se producirá o reintegro cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria sexa absorbida ou fusionada por persoa xurídica que cumpra os requisitos exixidos, e esta asuma os compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas.

Artigo 18. Control

Os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.

Artigo 19. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 20. Transparencia, bo goberno e publicidade

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Así mesmo, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Sen prexuízo do disposto no artigo 9, as resolucións de concesión ou denegación da axuda serán obxecto de publicación de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

CAPÍTULO II
Convocatoria

Artigo 21. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2017, con carácter plurianual e en réxime de concorrencia non competitiva, axudas destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrícolas e gandeiras, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Artigo 22. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será de un (1) mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 23. Documentación que hai que presentar na solicitude da axuda

1. Para solicitar a axuda do procedemento MR405C as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se é o caso).

b) Memoria onde se xustifiquen os investimentos que se van realizar.

c) No caso de investimentos en obra civil, proxecto visado (en soporte dixital) elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte asinando un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente), e a xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras.

d) Documento que acredite a dispoñibilidade do terreo ou recinto onde se van realizar os investimentos (título de propiedade, contrato de arrendamento liquidado de impostos...).

e) Orzamento ou orzamentos de diferentes provedores, se é o caso. As ofertas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo a compra de terreos e edificacións.

– Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

– Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo, así como características técnicas e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 24. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI/NIE da persoa física solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante legal.

– Estar ao día de pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

– Estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día de pagamento coa Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 25. Prazo de xustificación e ampliación

1. O prazo de xustificación destas axudas rematará o 30 de setembro de 2018.

2. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda da metade deste, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, dous (2) meses antes de que acabe o prazo de execución.

A decisión sobre a ampliación deberá producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación, de non producirse, entenderase denegada. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador, segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme á lei, correspondan.

Artigo 26. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia 13.03.712B.772.0, proxecto 2010.01153, para o ano 2017, trescentos setenta e cinco mil cincocentos euros (375.500), e para o ano 2018, cincocentos corenta e nove mil cincocentos euros (549.500). En total, novecentos vinte e cinco mil de euros (925.000).

2. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse por:

– A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para que dite os actos necesarios para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file