Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 15 de decembro de 2017 Páx. 56704

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2018.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 28 de setembro de 2017 a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia presentou os anexos I e II do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas competencias da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 129, do 6 de xullo) debidamente cubertos e a solicitude de prórroga para o aproveitamento específico para a pesca da anguía na bacía do río Tambre para o ano 2018, debidamente cuberta, así como as listaxes das vendas das capturas diarias das embarcacións autorizadas no plan do ano 2017.

Segundo. Por Resolución do 14 de febreiro de 2013, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza aprobou o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre, para o ano 2013 (DOG núm. 44, do 4 de marzo), que se foi renovando en anos sucesivos coas seguintes resolucións:

– Resolución do 22 de xaneiro de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se aprobou a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2014 (DOG núm. 25, do 6 de febreiro).

– Resolución do 18 de febreiro de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aprobou a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2015 (DOG núm. 46, do 9 de marzo).

– Resolución do 7 de marzo de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2016 (DOG núm. 59, do 29 de marzo).

– Resolución do 9 de xaneiro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro).

Terceiro. De acordo co establecido no artigo 9.3 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, o plan que se aproba foi sometido a informe da Consellería do Mar, por afectar a zona de desembocadura, e á Área de Biodiversidade do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Cuarto. Segundo establece o artigo 9.2 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, a renovación dos plans de aproveitamento procederá sempre que non se pretendan modificacións no referente ao incremento do esforzo de pesca ou a modificación de zonas dentro da bacía fluvial, e sempre que os informes técnicos con que conte o Servizo Provincial de Conservación da Natureza non aconsellen modificacións do plan vixente, criterios que se cumpren segundo a proposta de resolución do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, regula a pesca profesional da anguía mediante a aprobación e renovación de plans de aproveitamento específicos no marco do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 1 de outubro de 2010 e do artigo 88.2 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e de ecosistemas acuáticos continentais de Galicia.

Segundo. A competencia para ditar a resolución de renovación dos plans de aproveitamento específico correspóndelle á xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conforme o establecido no artigo 9.4 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o disposto no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (DOG núm. 221, do 19 de novembro).

RESOLUCIÓN:

Visto o exposto nos antecedentes e fundamentos de dereito, acórdase a aprobación da renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2018, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 27 de novembro de 2017

Cristina Carrión Rodríguez
Xefa territorial da Coruña

ANEXO
Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2018

A. Artes de pesca:

a) Nasa tipo voitirón con rede de malla non inferior a 14 mm, medidos en diagonal e mollada.

b) Colocaranse a unha distancia mínima de 25 m entre eles.

c) Cada voitirón deberá estar debidamente identificado, co número de matrícula e folio da embarcación a que pertenza.

B. Zona dentro da bacía fluvial e períodos de pesca:

a) Delimitación: tramo do río Tambre comprendido entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Ponte Nafonso (exceptúase a zona de desembocadura do río Tines, delimitada no mapa 10 do Decreto 75/2013, do 10 de maio, polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia (DOG núm. 102, do 30 de maio).

b) Perídodo de pesca: desde o 1 de maio ata o 30 de setembro de 2018.

C. Horas de pesca diarias:

a) O horario de pesca estará comprendido entre as 12.00 horas do luns ata as 12.00 horas do sábado, cun máximo de 8 horas diarias de traballo.

b) Os voitiróns deberán ser levantados diariamente.

D. Número de aparellos ou artes de pesca por persoa:

a) O número máximo de artes de pesca que se empregarán non poderá ser superior a dez (10) por tripulante e non se poderá acumular dun tripulante a outro.

E. Cota de captura por tempada de pesca e tamaño mínimo de captura:

a) Total admisible de capturas (TAC) por tempada de pesca: 1.000 kg. Unha vez acadado o TAC pecharase a tempada.

b) A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.

c) Devolverase ao río calquera outra especie que entre nos voitiróns.

d) Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela» e deberanse devolver á auga inmediatamente despois da súa captura todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».

F. Relación de embarcacións e número de tripulantes por embarcación autorizados:

a) Benigna con matrícula 3ªCO-7-2015, que contará cun máximo de 2 tripulantes.

b) Baña con matrícula 3ªCO-7-2580, que contará cun máximo de 3 tripulantes.

G. Sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza:

a) Cada mes, a confraría remitirá a declaración das capturas por especie e por día traballado ao Servizo de Conservación da Natureza, vía fax (981 18 46 54) ou por correo electrónico ao enderezo conservacion.co@xunta.es. Ademais, remitirase a seguinte información: o día, número de tripulantes, número de nasas empregadas, kg capturados de anguía e, ademais, indicación das especies capturadas non obxecto da pesqueira.

b) Así mesmo, remitirase parte das especies capturadas e liberadas de lamprea, zamborca e salmón, se fose o caso.

c) Os axentes da autoridade con funcións de policía e custodia dos recursos piscícolas e dos seus hábitats poderán realizar a inspección de embarcacións co obxecto de facer as comprobacións oportunas sobre as capturas.

H. Sistema de comercialización das capturas e o seu control:

a) A comercialización levarase a cabo na lonxa de Noia. Os participantes no plan teñen a obriga de entregar a totalidade das capturas.

b) Cada mes, xunto coas declaracións de capturas, os participantes no plan remitirán ao Servizo Territorial de Conservación da Natureza o xustificante das vendas en lonxa. Remitiranse aos mesmos lugares indicados no punto H.a).

I. Esta resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca, en particular o regulado na Orde do 31 de marzo de 2014 pola que se regula a comercialización en orixe de especies eurihalinas de interese comercial (DOG núm. 69, do 9 de abril).