Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 23 de maio de 2018 Páx. 25409

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o modelo de solicitude para o recoñecemento da cualificación de deportista galego de alto nivel.

Conforme o establecido no artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega asume a competencia exclusiva na materia da promoción do deporte e axeitada utilización do lecer.

Ao abeiro desta competencia aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, cuxo obxecto é promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional de acordo coas competencias legalmente atribuídas.

Para tal efecto, o Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2015, do 16 de abril, no seu artigo 5 configura a Secretaría Xeral para o Deporte como o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal e regulamentariamente atribuídas.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establece, no artigo 4, como un dos principios xerais das administracións públicas galegas a promoción do deporte de competición e de alto nivel e no artigo 5, referente ás competencias da Administración autonómica, regular e fomentar o deporte e os deportistas de alto nivel de Galicia e as categorías de deportistas, así como os requisitos para ser incluídos nestas e os seus beneficios. Por outra banda no artigo 32, clases de deportistas, establece que os deportistas poderán ser de alto nivel ou doutras categorías que poidan establecerse regulamentariamente, atendendo a criterios de rendemento e mérito deportivo.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, no seu artigo 34, deportistas galegos de alto nivel, da sección 1ª deportistas, capítulo I, deportistas, técnicos, adestradores, árbitros e outros axentes da actividade deportiva, título IV, axentes da actividade deportiva, indica que terán a consideración de deportistas galegos de alto nivel, ou doutras categorías que se poidan establecer, aqueles deportistas que reúnan os requisitos establecidos regulamentariamente e sexan recoñecidos como tales pola Administración autonómica en función dos seus resultados, proxección, nivel deportivo, expectativas de progreso e interese para o deporte galego.

O Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro, polo que se regula a cualificación dos deportistas galegos de alto nivel e os programas de beneficios dirixidos a estes, establece o procedemento de presentación da solicitude para obter o recoñecemento da cualificación de deportista galego de alto nivel segundo os criterios indicados na Orde do 30 de maio de 2005 pola que se establecen os criterios para o recoñecemento dos deportistas galegos de alto nivel, en desenvolvemento do Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro.

Coa entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público é necesaria a modificación do procedemento de presentación da solicitude para obter o recoñecemento da cualificación de deportista galego de alto nivel.

Con esta resolución dáse cumprimento ao artigo 14 sobre o dereito e obrigación de relacionarse de xeito electrónico coas administracións públicas, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En virtude do exposto, e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é estipular o procedemento co código PR948A en que se establece o modelo de solicitude para o recoñecemento da cualificación de deportista galego de alto nivel e a documentación que se debe achegar.

Artigo 2. Requisitos das persoas solicitantes

Os requisitos para obter a condición de deportista galego de alto nivel son os seguintes:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia no momento da solicitude de recoñecemento e durante o desfrute dos beneficios derivados desta.

b) Ter máis de 16 anos na data en que se adopte a resolución de recoñecemento.

c) Estar en posesión dunha licenza deportiva vixente expedida por unha federación deportiva galega dunha modalidade olímpica, paralímpica ou de proxección internacional notoria, desde, polo menos, o un de xaneiro do ano anterior ao do recoñecemento.

d) Non estar cumprindo sanción disciplinaria deportiva firme de carácter moi grave, ou sanción administrativa firme en materia deportiva de carácter grave ou moi grave, no momento da solicitude de recoñecemento nin durante o desfrute dos beneficios derivados.

e) Acreditar o nivel deportivo exixido na modalidade practicada. Este nivel acreditarase segundo a Orde do 30 de maio de 2005 pola que se establecen os criterios para o recoñecemento dos deportistas galegos de alto nivel, en desenvolvemento do Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro.

Artigo 3. Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 4. Procedemento

O procedemento para recoñecer a condición de deportista galego de alto nivel iniciarase por solicitude do interesado e será o establecido no artigo 4 do Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro, polo que se regula a cualificación dos deportistas galegos de alto nivel e os programas de beneficios dirixidos a estes.

Artigo 5. Solicitude

As solicitudes formalizaranse segundo o modelo que se xunta como anexo I á presente resolución.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Anexo II: certificación da federación deportiva correspondente ao candidato en que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, letras c), d) e e), do Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro, así como os resultados deportivos obtidos polo solicitante en competicións ou actividades oficiais durante os dous anos inmediatamente anteriores á solicitude polos que se solicita o recoñecemento, así como calquera outro aspecto que poida resultar relevante en atención ao fin perseguido.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Prazo de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes está aberto durante os meses de xuño e novembro.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Publicación de datos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución en que se recoñeza a condición de deportista galego de alto nivel.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, http://deporte.xunta.gal/.

Artigo 11. Trámites administrativo s posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta secretaría, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Madrid, 2-4, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: secretaria.deporte@xunta.gal.

Artigo 13. Prazo de resolución

O procedemento de recoñecemento non poderá exceder de seis meses contados desde a presentación da solicitude realizada, conforme establece o artigo 4.5 do Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro, polo que se regula a cualificación dos deportistas galegos de alto nivel e os programas de beneficios dirixidos a estes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2018

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte

missing image file
missing image file
missing image file