Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 18 de setembro de 2018 Páx. 42644

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de setembro de 2018 pola que se crea o Premio á innovación bibliotecaria de Galicia e se convoca para o ano 2018.

As bibliotecas constitúen servizos culturais e informativos da máxima relevancia para unha sociedade avanzada. A través delas posibilítase o cumprimento de importantes mandatos como son o acceso da cidadanía á cultura, á información e á educación libre e gratuíta.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, asume as competencias de promoción e difusión da cultura, para potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura. Así mesmo, compételle a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas.

Á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, correspóndelle coordinar a adaptación aos cambios tecnolóxicos, sociais e profesionais que afecten os servizos bibliotecarios.

Neste sentido e co obxecto de promover e poñer en valor os cambios substanciais que se están a desenvolver nas bibliotecas públicas co fin de satisfacer as necesidades dos seus usuarios, a Secretaría Xeral de Cultura pretende recoñecer o labor das bibliotecas coa creación dun premio aos proxectos ou boas prácticas innovadores que se están a realizar nas bibliotecas públicas galegas.

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación e convocatoria

Créase o Premio á innovación bibliotecaria de Galicia, convócase para o ano 2018 e establécense as bases reguladoras polas que rexerá a súa concesión (código de procedemento CT237A).

Artigo 2. Obxectivo

Ten como obxectivo impulsar e visibilizar os proxectos e boas prácticas levados a cabo polas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais de Galicia que busquen resultados positivos para a persoa usuaria e sexan pertinentes e adecuados ao contexto local onde se implantan, que sean sustentables no tempo e fomenten a réplica nunha situación distinta pero en condicións similares, e que sexan innovadores (entendendo que a innovación non só implica unha nova acción senón un modo diferente e creativo de realizar prácticas tradicionais ou de reorganizalas).

Para os efectos desta norma, considéranse proxectos:

O conxunto de actividades concretas, interrelacionadas e coordinadas entre si cun obxectivo común, que se realizan co fin de producir determinados bens ou servizos capaces de satisfacer necesidades ou resolver problemas.

Consideraranse boas prácticas:

Unha experiencia ou actividade sinxela e concreta que xurde como resposta a unha situación que é necesario modificar ou mellorar.

Artigo 3. Destinatarias

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais ou agrupacións de concellos de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os demais requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e

c) Cumprisen o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. As agrupacións de concellos deberán estar debidamente acreditadas de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde.

Deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe do premio que vai ser aplicado por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, no suposto de resultar premiado, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Premio, contía e financiamento

1. Establécese un único premio de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora que se poderá colocar nun lugar visible da súa biblioteca, no seu blog, na páxina web ou noutros recursos dixitais.

2. O premio concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

3. O proxecto gañador e os finalistas subiranse á epígrafe Ideas e boas prácticas da páxina web da Rede de bibliotecas de Galicia e publicitarase polas canles de que dispón a Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 5. Procedemento e normativa reguladora

1. O premio concederase por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

4. En todos aqueles aspectos non previstos nas devanditas normas rexerá, con carácter supletorio, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou calquera outra disposición normativa que, pola súa natureza, poida resultar de aplicación.

Artigo 6. Concorrencia das axudas

A subvención concedida ao abeiro desta convocatoria é compatible con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 7. Proxectos ou boas prácticas

Os proxectos ou boas prácticas que se presenten deben estar xa executados e desenvolvidos por algunha das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais galegas e relacionados coas seguintes áreas:

– Aprendizaxe ao longo da vida, competencias informacionais e dixitais.

– Biblioteca dixital e redes sociais.

– Cohesión e inclusión social.

– Posta en funcionamento de servizos innovadores.

– Sustentabilidade ambiental.

Artigo 8. Presentación de solicitudes

As entidades locais de Galicia poderán presentar un máximo de dous proxectos ou boas prácticas postos en marcha pola súa biblioteca e/ou axencia de lectura da súa titularidade.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código do procedemento CT237A).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecidos na presente orde.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación complementaria:

1.1. Memoria descritiva do proxecto ou boa práctica que se presente, que deberá conter:

Nome do proxecto ou boa práctica.

Obxectivos.

Metodoloxía.

Finalidade.

Desenvolvemento e resultados.

Criterios e procedementos de avaliación da súa efectividade.

Posibilidades de prolongación e/ou mellora do proxecto.

Ligazóns á documentación e ao proxecto presentado.

Os datos do proxecto poderán completarse con fotografías, vídeos e calquera outro material que sirva para contextualizalo e apoialo documentalmente.

O contido da memoria non poderá exceder das 20 páxinas numeradas a unha soa cara (10 se for a dobre cara), en tamaño A4, con interliñado sinxelo e cun tamaño de letra, como mínimo, de 12 puntos.

Non se aceptarán proxectos que non se adecuen ao esquema descrito.

1.2. Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2016, só no caso de non ter solicitado outra axuda convocada en 2018 pola Secretaría Xeral de Cultura para bibliotecas e/ou axencias de lectura.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

Certificacións da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, referido a entidades locais.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada está incompleta ou presenta erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e enténdense rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Comisión de avaliación

As solicitudes presentadas serán avaliadas por unha comisión de avaliación do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia, coa seguinte composición:

– O/a titular da Secretaría Xeral de Cultura ou persoal da Subdirección Xeral de Bibliotecas en quen delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

– O/a titular do Servizo do Sistema de Bibliotecas (vogal).

– 2 bibliotecarias/os en representación das bibliotecas públicas xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (vogais).

– 2 bibliotecarias/os en representación das bibliotecas públicas municipais (vogais) de concellos que non presentasen candidaturas ao premio.

– 1 representante dunha asociación profesional de bibliotecarios/as (vogal).

– 1 funcionaria/o da Subdirección Xeral de Bibliotecas, que actuará como secretaria/o da comisión, con voz e sen voto.

Os membros da comisión serán designados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura e publicarase no prazo máximo de 20 días desde a publicación desta orde na páxina da web da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (https://rbgalicia.xunta.gal).

A proposta de proxecto ou boa práctica premiado corresponderá ao órgano instrutor, logo do informe da comisión de avaliación do premio que valorará os proxectos presentados segundo as bases do premio.

Artigo 16. Criterios de valoración dos proxectos ou boas prácticas

Para a selección dos proxectos e boas prácticas teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

1. Carácter innovador ou orixinalidade, adaptación á contorna e implicación da comunidade no deseño e desenvolvemento do proxecto ou boa práctica (10 puntos).

Valorarase globalmente a orixinalidade, creatividade, pertinencia, carácter innovador e pioneiro do proxecto e boa práctica, entendendo por innovadores aqueles proxectos que non realizasen con anterioridade ou que incorporen elementos orixinais que integren elementos característicos da contorna en que se sitúa a biblioteca e/ou axencia de lectura pública municipal e capacidade para implicar a comunidade á cal serve na elaboración do proxecto (por exemplo, a creación dun espazo maker relacionado coa actividade económica da localidade, promocionar a cooperación interxeracional para a adquisición de competencias dixitais ou informacionais etc.).

• Creatividade e orixinalidade (5 puntos).

• Adaptación á contorna (2,5 puntos).

• Participación da comunidade no deseño e desenvolvemento do proxecto ou boa práctica (2,5 puntos).

2. Alcance e relevancia para diferentes tipoloxías e colectivos das persoas usuarias (5 puntos).

Valorarase a súa utilidade para diferentes colectivos de persoas usuarias:

• Persoas con diversidade funcional.

• Necesidades especiais.

• Colectivos en risco de exclusión social.

• Adultos e terceira idade.

• Infantís e xuvenís.

Asignarase un punto por cada unha das tipoloxías e colectivos destinatarios do proxecto, podendo sumar as diferentes tipoloxías ata o máximo de 5 puntos.

3. Medidas empregadas para darlle publicidade ao proxecto ou boa práctica e aos resultados obtidos (3 puntos).

• Dentro da biblioteca (carteis, folletos informativos, vídeos, etc.) (1 punto).

• Fóra da biblioteca (redes sociais, blogs, anuncios en prensa, radio, televisión, etc.) (2 puntos).

4. Participación no proxecto ou boa práctica doutros sectores e/ou institucións (5 puntos).

• Participación de asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro (de veciños, comerciantes, deportivas, etc.).

• Participación de asociacións e institucións culturais (museos, bibliotecas, arquivos, de persoeiros ilustres, etnográficas, etc.).

• Participación doutras entidades administrativas (local, supramunicipal, provincial, autonómica, estatal e europea).

• Participación de centros educativos e de formación (colexios, institutos, centros de formación profesional, universidades, academias, etc.).

• Participación do sector empresarial.

Asignarase un punto pola participación no proxecto de cada un destes sectores ou institucións, podendo sumar as diferentes categorías ata o máximo de 5 puntos.

5. Dificultade técnica e/ou tecnolóxica (5 puntos).

• Emprego de tecnoloxía audiovisual e sonora (vídeos, stop motion, animación, recursos musicais, sonoros, radio e TV, etc.).

• Emprego de tecnoloxía informática (3d, deseño gráfico, realidade aumentada, etc.).

• Emprego das redes sociais (twitter, youtube, facebook, instagram, etc).

• Creación dun recurso web, blog, etc.

• Outros.

Asignarase un punto cada categoría podendo sumar as diferentes categorías ata o máximo de 5 puntos.

6. Posibilidade de réplicas do proxecto ou boa práctica (5 puntos).

• Posibilidade da realización de diferentes edicións dentro da mesma biblioteca (2,5 puntos).

• Posibilidade de trasladar o proxecto ou boa práctica a outras bibliotecas (2,5 puntos).

7. Beneficios e resultados obtidos (impacto, indicadores empregados para a avaliación) (5 puntos).

• Impacto socioeconómico para a contorna (2,5 puntos).

• Impacto no servizo bibliotecario (aumento do número de visitas, aumento do número de préstamos, aumento do número de socios, etc.) (2,5 puntos).

8. Repercusión en medios de comunicación (prensa, radio e televisión) e redes sociais (twitter, facebook, instagram, youtube, etc.) (5 puntos).

• Repercusión en medios de comunicación locais (0,5 puntos).

• Repercusión en medios de comunicación provinciais (0,75 puntos).

• Repercusión en medios de comunicación autonómicos (1 puntos).

• Repercusión en medios de comunicación estatais (1,25 puntos).

• Repercusión en redes sociais (1,5 puntos).

Valoraranse o número de impactos en cada unha das epígrafes.

9. Agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios (2 puntos).

Artigo 17. Resolución

1. Á vista da deliberación da comisión de avaliación e o seu informe, en que se concretará a solicitude para o outorgamento do premio, a Secretaría Xeral de Cultura, como órgano xestor, fará a proposta de resolución que elevará á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución da Secretaría Xeral de Cultura, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución coa candidatura gañadora publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas de Galicia (http://rbgalicia.xunta.gal) e na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal). Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

4. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo cando venza o prazo máximo sen que se teña notificado a resolución expresa.

5. Publicada a resolución definitiva polo órgano competente, a entidade beneficiaria dispoñerá dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

Artigo 18. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 19. Xustificación e pagamento

O premio outorgado por estas bases será aboado dentro do exercicio 2018, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade da biblioteca e/ou axencia de lectura municipal gañadora. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a beneficiaria e o importe da axuda concedida. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https:// www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Facultade para resolver

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2018.

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file